Buscar neste blog

sábado, 22 de outubro de 2022

As outras cousas do fútbol: en O Leixo hai pouca cobertura

 AS OUTRAS COUSAS DO FÚTBOL: EN O LEIXO HAI POUCA COBERTURA

Que en O Leixo e en algún outro lugar de A Armenteira hai escasa cobertura para a telefonía móbil é algo ben sabido. Hoxe en día para elaborar as actas e enviar os datos dos partidos é preciso dispoñer dunha boa conexión á rede internet. De non ser así, a situación complícase. É o que lle ocorreu ao colexiado Leirós Brea que, loitando co deficiente nivel de conexión do seu dispositivo electrónico, non era quen de cargar as alineacións no programa informático da Real Federación Galega de Fútbol, obrigando aos futbolistas a realizar uns exercicios de quentamento máis extensos do que se acostuma nas ligas de veteranos. Finalmente, cando deu cargado as alineacións, e tras subsanar algún erro nos onces iniciais achacable ás adversidades tecnolóxicas, puido dar inicio a un encontro no que o propio colexiado compartiu protagonismo con Jorge Castro, de novo destacado na faceta goleadora, ou con Fernando, a nova incorporación do Armenteira Veteranos, que volveu estar excelso nas tareas defensivas.



O Armenteira Veteranos supera ao Noalla V. Portaredonda nun partido no que sentenciou no primeiro período

 FICHA TÉCNICA

ARMENTEIRA VETERANOS - NOALLA V. PORTAREDONDA - 4 - 2

ARMENTEIRA VETERANOS: Sirra; Jorge Dávila, Fernando, Carlos Castro, Moncho; Rubén, Carlos Muñiz, Javi, Junior; Jorge Castro e Suso. Tamén xogaron Óscar Barreiro, Richi, Víctor, Marcial e Galiñanes.

GOLES: 1-0. Minuto 12. Jorge Castro. 2-0. Minuto 15. Javi.  3-0. Minuto 29. Jorge Castro. 4-0. Minuto 43. Marcial. 4-1. Minuto 63. Lino Lima. 4-2. Minuto 89. Lino Lima. 

ÁRBITRO: Leirós Brea. Mostrou cartóns amarelos a Moncho, Carlos Castro e Junior por parte do Armenteira Veteranos e a Sergio Padín, Lino Lima e a Diego Visconti, neste caso por partida dobre, por parte do Noalla V. Portaredonda.

INCIDENCIAS: Partido da cuarta xornada do grupo 2 da Terceira Galicia de Veteranos, da delegación de Pontevedra disputado no campo de O Leixo, en A Armenteira, ante uns quince espectadores, nunha fresca e nublada, e sobre un terreo de xogo de terra algo enlolado e esvaradizo debido ás intensas choivas caídas nas horas anteriores ao partido.

  CRÓNICA

O Armenteira Veteranos logrou o que é o seu segundo triunfo da temporada tras superar ao Noalla V. Portaredonda no partido disputado na tarde deste sábado, 22 de outubro, no campo de O Leixo. O conxunto verdinegro partía coa necesidade de atoparse de novo coa vitoria, despois da derrota sufrida a pasada fin de semana en Baltar de Arriba ante o Newport Cats F.C. Naquela ocasión os de A Armenteira acudían con numerosas e importantes baixas e cun equipo inicial de circunstancias, pero na xornada deste sábado o Armenteira Veteranos contaba co plantel ao completo, a excepción de Martín, ao que un compromiso de última hora privouno de estar xunto aos seus compañeiros en O Leixo. Foi unha vitoria xusta e merecida, nun partido no que a calidade futbolística non brillou, e no que a tensión, as protestas e o xogo sucio foron cobrando importancia a medida que transcurrían os minutos. Con todo, os locais lograron un valioso botín no primeiro período, no que acadaron catro tantos, o que lles permitiu afrontar con relativa confianza o resto do partido.

Desde o inicio o Armenteira Veteranos tratou de impoñer a súa superioridade. Coa liña da defensa situada á altura do mediocampo, o cadro verdinegro trataba de apretar coa presión e de atopar o máis rápido posible a meta do Noalla V. Portaredonda. As primeiras ocasións foron para os locais, aínda que o conxunto de Noalla, mediante algunha acción de contragolpe, tamén comezaba a deixarse ver polas proximidades da área defendida por Sirra. Sería nun saque de curruncho, no que Jorge Castro recibe en curto e, tras buscar o vértice esquerdo da área e perfilarse para o disparo, coloca o balón con sutileza polo lado esquerdo da meta do gardamallas Raúl Vera. O gol serviu de impulso a un Armenteira Veteranos que se sentía máis dono do xogo. Apenas uns minutos despois, unha acción de novo polo costado esquerdo do ataque local, remata co coiro nos pés de Javi, tras recibir unha asistencia co calcaño de Suso, e o fino mediocampista do Armenteira Veteranos remachaba con enerxía o balón cara o fondo da portería rival. O desquicie dos visitantes ía a máis, e un erro na saída da xogada do cancerbeiro de Noalla, que entrega a pelota a Jorge Castro no borde da área, permitiu que o atacante e máximo goleador dos verdinegros enviase con precisión un lanzamento que situaría o tres a cero no marcador. Con esta vantaxe, os locais pareceron entrar nuns momentos de relaxación, o que trataron de aproveitar os futbolistas do Noalla V. Portaredonda, que se empezaban a deixarse ver con máis frecuencia polas proximidades da área verdinegra. Pero, ao fío do descanso, unha xogada individual de Marcial pola banda esquerda do ataque verdinegro, na que se desfixo de varios rivais, rematou cun disparo que se colaba pola escadra esquerda da meta de Raúl Vera. Foi, sen lugar a dúbidas o tanto de máis bela factura dos que se lograron na tarde deste sábado en O Leixo e servía para deixar practicamente sentenciado o encontro a falta de corenta e cinco minutos para o final.

No segundo período, co vento en contra e coa relativa comodidade que daba a vantaxe no marcador, o Armenteira Veteranos cedeu un pouco no dominio que mantivera nos primeiros corenta e cinco minutos. Ao tempo, o encontro, que non se caracterizaba pola dureza nin polo xogo sucio, foi caendo nunha espiral de discusións, piques e desafíos entre os xogadores que foron eclipsando o xa de por si modesto espectáculo futbolístico que ofrecían ambos os dous conxunto. A actitude do colexiado Leirós Brea, respondendo como é habitual en el ao seu perfil de fiel observador do reglamento, afanándose en repetir as normas unha e outra vez en reacción ás protestas dos futbolistas, contribuía á que o debate se fose impoñendo ao fútbol, e a que os xogadores estivesen máis pendentes dos roces e das rencillas que de tocar o balón e crear xogadas. Recurtaría distancias o Noalla V. Portarredonda nunha acción na que a zaga local mostrou certa pasividade e na que Lino Lima, recollía un rexeitamento do pau longueiro da meta de Sirra para conseguir o primeiro gol visitante. Para parar o desconcerto táctico que padecía o Armenteira Veteranos, os locais decidiron situar un futbolista máis na zona de mediocentros. A entrada de Carlos Muñiz no terreo de xogo permitiu que os verdinegros recuperasen o dominio e que tivesen algunha ocasión para aumentar a súa bagaxe. Xa nos últimos minutos, coa tensión do encontro en aumento, Lino Lima, tras unha xogada do seu equipo pola banda esquerda, empalmaba un disparo desde fóra da área, que sorprendía a un Sirra que non tivo tempo a reaccionar para deter un balón que non levaba excesiva potencia. Era un epílogo a un encontro ao que Leirós Brea decidía poñer fin inmediatamente despois, aínda que o debate e a discusión continuaba de camiño aos vestiarios, tendo como protagonistas a algúns futbolistas e ao propio colexiado. 

Con esta vitoria o Armenteira Veteranos colócase como cuarto clasificado, con seis puntos. Na próxima xornada o cadro de O Leixo debería medirse ao Verducido Veteranos C.F. pero, a retirada da competición deste último equipo, obrigará a descansar aos verdinegros, antes de recibir, na xornada do 12 de novembro ao C.D. Mosteiro-Barbería Diego, nun novo derbi municipal que enfrontará a dous dos conxuntos chamados a loitar por ocupar as prazas máis altas da táboa.







sábado, 1 de outubro de 2022

As outras cousas do fútbol: crónicas dun regreso

 AS OUTRAS COUSAS DO FÚTBOL: CRÓNICAS DUN REGRESO

O fútbol e goles, paradas, patadas a un balón ou desmarques, pero o fútbol tamén son anécdotas, momentos de convivencia, de compañeirismo ou de lembranzas que fan aínda máis grande un deporte que desde fai anos se converteu nun fenómeno social e cultural en torno ao cal existe toda unha serie de ritos e costumes que só as persoas máis adeptas ao mundo do balompé entenden e aceptan. Para o Armenteira Veteranos a deste sábado era unha tarde de regreso ao fútbol tras catro meses sen tocar balón, ou polo menos de facelo xuntos. A principios de xuño remataba a aventura do equipo de O Leixo na fase de ascenso á Segunda Galicia de Veteranos e a principios de outubro comezaba a aventura na liga 2022/2023. Con varias e importantes baixas, e cunha soa novidade, a de Fernando, única fichaxe polo momento do Armenteira Veteranos para esta temporada, os verdinegros presentábase no campo de O Revel, en Vilalonga, ante un rival, que ao contrario que os de A Armenteira, abandonou a superficie de terra do campo de O Cruceiro, para vagar polos distintos campos de céspede artificial que existen no municipio de Sanxenxo. A escasos cinco minutos para o inicio do encontro, sobre o terreo de xogo, unicamente comparecían os futbolistas visitantes. Estiramentos, carreiras, toques de balón... mentres os máis rezagados calzaban as botas e vestíanse á presa porque o tempo apremiaba. Acantoados no seu vestuario, os futbolistas do Dorrón C.F. Veteranos, agargaban a cita. O pitido do colexiado para pasar revista antes de comezar o encontro reunía aos xogadores ás portas dos vestiarios. Un trámite, unha rutina habitual, das moitas que ten este deporte. O fútbol de veteranos regresaba para Dorrón e para A Armenteira. Do resto xa demos cumprida conta.



O Armenteira Veteranos inicia a liga 2022/2023 cun claro triunfo sobre o Dorrón C.F. Veteranos en O Revel

 FICHA TÉCNICA

DORRÓN C.F. VETERANOS - ARMENTEIRA VETERANOS - 3 - 7

ARMENTEIRA VETERANOS: Sirra; Jorge Dávila, Carlos Castro, Carlos Muñiz, Moncho; Rubén, Javi González, Martín, Marcial; Junior e Jorge Castro. Tamén xogaron Suso, Fernando e Galiñanes.

GOLES: 0-1. Minuto 19. Rubén. 0-2. Minuto 25. Suso.  0-3. Minuto 33. Jorge Castro. 1-3. Minuto 35. Rubén Da Costa, de penalti. 1-4. Minuto 40. Jorge Castro. 1-5. Minuto 55. Rubén. 2-5. Minuto 76. Daniel Guiance. 2-6. Minuto 82. Jorge Dávila. 3-6. Minuto 85. Juan José Varela. 3-7. Minuto 87. Jorge Castro.

ÁRBITRO: Martínez Martínez. Non mostrou cartóns aos xogadores de ambos os dous equipos.

INCIDENCIAS: Partido da primeira xornada do grupo 2 da Terceira Galicia de Veteranos, da delegación de Pontevedra disputado no campo de O Revel, en Vilalonga, ante uns dez espectadores, nunha soleada e bastante calorosa, e sobre un terreo de xogo de céspede artificial nunhas condicións idóneas para a práctica do fútbol.

  CRÓNICA

O Armenteira Veteranos iniciou con bo pé a liga 2022/2023, e polo menos así o indica o resultado acadado na tarde deste sábado, 1 de outubro, no campo de O Revel. Tras catro meses de inactividade, os xogadores do cadro de O Leixo volvían calzar as botas para entrontarse a un rival de sobra coñecido. Curiosamente xa a temporada pasada Dorrón C.F. Veteranos e Armenteira Veteranos se viran as caras na primeira xornada, aínda que naquela ocasión o encontro tivera lugar en O Leixo. E como naquela ocasión a vitoria caeu do lado verdinegro.

O deste sábado foi un partido falto de ritmo, con moitas imprecisións, máis propio da pretemporada cá da competición oficial. Desde o inicio, o Armenteira Veteranos tratou de tomar o control do xogo. Co fútbol disputándose case exclusivamente na metade do campo que defendían os de Dorrón, a posesión, os balóns divididos e as ocasións daban como claro vencedor ao conxunto verde e negro. Pero faltaba o gol. As primeiras oportunidades chegaron nos pés de Jorge Castro, pero o dianteiro de Vilar, moi entonado a nivel físico, non tivo fortuna no remate. Ademais, o meta local, Javier González, comezaba a que sería unha das actuacións máis destacadas do partido. As acertadas intervencións do gardamallas local ao longo dos noventa minutos acabarían impedindo un triunfo máis abultado do Armenteira Veteranos. Con todo, se Jorge Castro non estivo afortunado nos primeiros remates, como futbolista de enormes recursos que é, decidiu converterse en asistente. Tras unha xogada individual do atacante verdinegro polo costado esquerdo cede o balón a Rubén, que no segundo pau non perdoa e coloca o cero a un. Sen tempo a que o rival reaccionase, de novo outra acción de Jorge Castro, na que asiste a Suso no punto de penalti, serviría para o que bulideiro dianteiro de Couso situase o cero a dous, No cero a tres Jorge Castro deixaría de lado a súa faceta de asistente para anotar o cero a tres mediante unha cabezada no segundo pau. Recortarían distancias os locais desde o punto de penalti, ao transformar Rubén Da Costa unha pena máxima cometida por Carlos Castro. Antes do descanso, unha falta no borde da área cometida sobre Jorge Castro, era executada e enviada ao fondo das mallas polo atacante dos de A Armenteira. Nada puido facer o gardamallas Javier González ante o potente disparo do "killer" visitante.

Tras a reanudación, a situación apenas variou. O cansanzo de ambos os dous conxunto provocou que se abriran máis espazos. Isto permitiu a posibilidade de que futbolistas veloces e incisivos como Rubén puidesen lucir mellor as súas cualidades. O extremo de Caroi encargaríase de colocar o un a cinco tras recibir en profundidade e plantarse diante do meta local. Daniel Guiance aproveitaría o relaxamento da zaga do Armenteira Veteranos, e despois de recoller o rexeitamento na área, poñía o dous a cinco. O intento de reacción do Dorrón C.F. Veteranos paralizouse cando, a escasos minutos do final, Jorge Dávila, tras recoller un balón na zona dereita do ataque, empalma un zapatazo que se acaba colando pola escadra esquerda da meta dos de Dorrón. O lateral de Couso, que non acostuma prodigarse en ataque en demasiadas ocasións, atopábase co gol despois de varias temporadas. Pero de novo a pasividade defensiva dos verdinegros permitiu que Juan José Varela superase a uns cantos defensores e só ante Sirra puxese o tres a seis. Non quedaría aínda así o resultado, e novamente Jorge Castro, a centro de Rubén, poñía a súa cabeza para bater a Javier González e situar o definitivo tres a sete.

Con esta vitoria, o Armenteira Veteranos sitúase na primeira posición da táboa, un posto que pode resultar anecdótico, dado que se leva disputado unicamente unha xornada de liga, pero que mostra que, pese ás importantes baixas que sufre esta temporada o conxunto de O Leixo, preséntase como un dos máis firmes candidatos a ocupar os postos nobres da clasificación. Corresponderalle descansar ao Armenteira Veteranos na próxima fin de semana, e non retomará a competición ata o 15 de outubro cando a escadra verdinegra visite o campo de Baltar de Arriba para medirse ao Newport Cats F.C.