Buscar neste blog

sábado, 31 de outubro de 2015

O Armenteira Veteranos consigue a cuarta vitoria da temporada ante o Santomé

O Armenteira Veteranos venceu por dous goles a un ao Santomé na novena xornada de liga da temporada 2015/2016. O cadro verdinegro foi claro dominador do encontro, e os marinenses non inquietaron en demasiadas ocasións a meta defendida, unha vez máis, por Joserra. Os goles de Rafa e Víctor puxeron cunha vantaxe holgada aos locais, pero a expulsión de Manueliño a falta de trinta minutos para o final, e unha pena máxina transformada polo Santomé no minuto noventa fixeron que o nerviosismo cundise entre os xogadores verdinegros na recta final do encontro. Con este triunfo o Armenteira Veteranos consolídase na zona media da táboa, á espera de visitar na próxima xornada ao A Diario Multitienda, o equipo vilagarciano que ocupa a terceira posición.


venres, 30 de outubro de 2015

O Armenteira Veteranos, a retomar a senda do triunfo ante o Santomé

O Armenteira Veteranos agarda reencontrarse coa vitoria no encontro que este sábado, a partires das 17 horas, vai disputar ante o Santomé. O cadro marinense atópase na décimoterceira posición na táboa cun punto menos que o conxunto local, e está demostrando nas últimas xornadas ser un equipo con gran seguridade defensiva, o que, sumado ás dificultades de definición en ataque do grupo que capitanea José Luís Galiñanes, pode dar como resultado un encontro equilibrado e con poucos goles.


Difíciles rivais para os equipos de fútbol base do Armenteira C.F.

A sexta xornada de liga da temporada 2015/2016 preséntase con rivais compricados para os equipos de fútbol base do Armenteira C.F., que agardan poder dar de novo alegrías aos seus afeccionados.

O primeiro en poñerse en marcha será o encontro que o equipo alevín dispute a partires das 10 horas no campo de Baltar de Arriba ante o Xuventú Sanxenxo. O equipo amarelo ocupa a segunda posición na táboa, con doce puntos, fronte á sexta que ocupan a formación que dirixe Jonathan Crespo, con nove puntos no casilleiro, co que, de lograr a vitoria nesta xornada, igualarían a puntuación do seu contricante. Para este partido o conxunto verdinegro conta con baixas sensibles, e algúns dos xogadores normalmente titulares acuden con problemas físicos. Con todo, teñen a esperanza de seguir coa coa marcha que están levando nesta campaña.

O segundo conxunto do Armenteira C.F. en comezar o seu encontro será a formación de categoría cadete. O grupo que adestra Marcial Prado recibe a partires das 11:30 ao C.D. Ribadumia. O cadro aurinegro está a realizar un gran inicio de temporada e ocupa a terceira posición na táboa, polo que será un rival de máxima esixencia para o conxunto local, o cal parece comezar a remontar o seu mal arranque e tratará de responder ás expectativas que o potencial do grupo e calidade de moitos dos seus xogadores fan que se teñan postas neles.

A continuación será o turno do equipo de categoría benxamín. O conxunto que comanda o cambadés Valentín Estévez segue progresando lentamente na súa labor de formación dun grupo de xogadores e xogadoras con escasa experiencia e coas dificultades de acoplamento lóxicas nun conxunto no que practicamente todos os seus efectivos non xogaran nunca xuntos. Nesta ocasión o cadro verdinegro visita o campo de As Cachizas, para enfrontarse a a partires das 12:15 horas ao Unión Dena C.F., un rival que está un posto por enriba deles na clasificación e que tamén conta con cero puntos no seu casilleiro. O técnico verdinegro parece que vai poder contar con todo o seu plantel, incluídas as fichaxes realizadas nas últimas semanas.

O domingo a partires das 11:30 horas, no campo de O Pombal, en Cambados, disputará o seu encontro o equipo de categoría infantil. O bloque que dirixe Martín Casais recibe á S.D. Noalla, un equipo que se sitúa na duodécima posición no cadro clasificatorio e que, de seguro, será un rival compricado para os rapaces do clube verdinegro. As boas sensacións que están mostrando nas últimas xornadas agardan ser refrendadas no partido deste domingo, para dar unha satisfacción ao nutrido grupo de afeccionados que normalmente acuden a velos ao campo de O Pombal.

martes, 27 de outubro de 2015

A ANPA do CEIP de Armenteira denuncia o estado de abandono ao que está sometido o colexio

A ANPA do CEIP de Armenteira leva denunciando nas últimas semanas o estado de abandono no que se atopa o colexio desta parroquia. Entre as numerosas deficiencias ás que fan mención están que unha parte do aleiro do tellado está rota e son frecuentes as caídas de pedazos de tellas, o que obriga a ter valada unha zona que percorre a parte posterior do centro e evitar así que os nenos e nenas poidan resultar danados; que o falso teito do interior presunta numerosas roturas; que algúns baños están atascados e non poden ser utilizados; que non dispoñen de gasóleo para calefacción ou que precisan material informático, debido a que o roubo de varios aparatos deixounos con graves carencias deste tipo de medios. Asimesmo, denuncian que non poden utilizar con normalidade a local social de A Armenteira, xa que esta instalación pública está a ser utilizada como albergue de peregrinos, co que se restrinxe o seu uso para as reunións dos veciños da parroquia, feito que consideran de enorme gravidade. Por iso apelan a que as administracións competentes tomen cartas no asunto e se poñan mans á obra para solucionar estes problemas. A reunión que os representantes da ANPA tiveron esta semana co alcalde de Meis pareceu resultar infructuosa, polo que aseguran que seguirán coas medidas de presión, e para elo din contar co apoio dos veciños e doutras organizacións representativas da parroquia, que tamén se sinten agraviadas polo trato que se lles está a dar dende o Concello, como son o caso da Comisión de Festas "O Noso" ou o Armenteira Club de Fútbol, que ameazan con levar a cabo mobilizacións conxuntas se non se atenden as súas demandas.



domingo, 25 de outubro de 2015

Cara e cruz para os equipos de fútbol base do Armenteira C.F. na quinta xornada de liga

A quintta xornada de liga da temporada 2015/2016 trouxo unha fortuna desigual para os equipos de fútbol base do Armenteira C.F. A cara foi para os equipos alevín e cadete, mentres que a cruz foi para os equipos benxamín e infantil.

O equipo alevín disputaba na xornada do sábado o agardado derbi municipal, fronte ao C.D. Mosteiro. Foi un encontro plácido para os discípulos de Jonathan Crespo, que axiña xe puxeron cunha cómoda vantaxe no marcador, feito que foi aproveitado polo técnico valgués para facer probaturas e dar minutos aos xogador@s que menos participaron no que levamos de temporada. O resultado final foi dez goles a cero, con tantos de Manu Meixús e Zubo, ambos por partida triple, e de Xoán, Junior, Íñigo e Hugo. Para Junior e Hugo era un partido especial, xa que nas anteriores temporadas vestiron a elástica do outro conxunto con equipos de categorías base do concello de Meis. Con este triunfo o cadro verdinegro sitúase no sexto posto da clasificación, posto que esperan mellorar na visita que na vindeira fin de semana realizarán ao campo dun duro rival, o Xuventú Sanxenxo, que se atopa tamén na pugna por ocupar os postos altos da táboa.

Pola súa parte, o cadro benxamín recibía ao Vilalonga F.C. Os rapaces e rapazas que comanda Valentín Estévez seguen mostrando unha lixeira progresión en aspectos tácticos e técnicos, que o verdadeiro obxectivo co que partiu este grupo, aínda que a nivel de resultados a fortuna non está a acompañalos e o encontro acabou cunha abultada derrota por cero goles a vinte. Na xornada da próxima fin de semana os nen@s da formación verdinegra visitarán a localidade veciña de Dena para medirse ao Unión Dena.

O conxunto cadete desprazouse nesta xornada ao campo de As Cachizas, onde o recibía o Unión Dena. Os xogadores que dirixe Marcial Prado parece que comezan a cumprir coas expectativas e venceron con comodidade ao seu contricante por un gol a seis. Alberto e Villa, ambos en dúas ocasións, e Mathias e o meañés Roberto foron os autores dos tantos. Na vindeira semana terán unha dura proba, xa que reciben a visita do C.D. Ribadumia, un equipo que ocupa o terceiro posto na táboa e que, a priori, parece ser un dos favoritos a loitar polo ascenso.

Finalmente, o equipo infantil visitaba nesta xornada o campo de As Lampáns, en San Vicente de O Grove, para medirse á S.D. Amanecer. O cadro que dirixe Martín Casais segue a dar mostras da súa progresión a progresión táctica. Nesta ocasión caíron derrotados por catro goles a un, nun encontro no que o adestrador visitante volveu a dispoñer unha defensa de cinco xogadores, con Santi baixo os paus, e no que os rapaces do conxunto verdinegro chegaron con perigo á área rival en varias ocasións. O gol foi obra de Diego, despois dunha xogada na que foi obxecto de penalti por parte dun xogador rival. Na xornada da próxima fin de semana o equipo infantil recibirá a visita da S.D. Noalla no seu feudo do campo de O Pombal, e agardan poder ter a oportunidade de estrear o seu casilleiro de puntos.




sábado, 24 de outubro de 2015

Derrota pola mínima do Armenteira Veteranos ante o Cobres-Carpintería Boubeta

O Armenteira C.F. sufriu na tarde deste sábado, no campo de O Cabalo, en Santa Cristina de Cobres (Vilaboa), unha derrota por un gol a cero. Foi unha derrota que resultou especialmente dolorosa para a formación que capitanea José Luis Galiñanes, xa que o conxunto verdinegro realizou un bo partido, e o gol local produciuse a dez minutos para o final, despois dunha controvertida decisión arbitral. O Armenteira Veteranos, que contaba con algunha baixa significativa, deu unha boa imaxe neste encontro, ante un rival que demostrou ter un bo dominio do balón, pero no que os visitantes se mostraron ben plantados no campo e dispuxeron de ocasións para poder traer algún resultado positivo da súa visita a terras de O Morrazo. Na próxima xornada agardan recuperar o terreo perdido coas derrotas das dúas últimas xornadas cun triunfo ante o cadro marinense do Santomé.


Os equipos alevín e benxamín do Armenteira C.F. rinden homenaxe a Xaquín Charlín "Chon"


Os equipos alevín e benxamín do Armenteira C.F. tamén quixeron sumarse, antes dos seus partidos da mañá do sábado, á onda de homenaxes que está recibindo Xaquín Charlín "Chon". "Chon", que faleceu esta semana despois dunha grave enfermidade, foi unhas das figuras públicas máis coñecidas na vila de Cambados e na comarca de O Salnés. Funcionario xudicial, moi implicado nas actividades culturais da vila do albariño, especialmente grazas á súa labor á fronte da comparsa Unha Grande Chea, desenvolveu ademais unha importante labor como sindicalista na CIGA e tamén viviu un breve período como concelleiro do BNG no concello de Cambados, posto do que tivo que dimitir tras unha publicación relacionada coa vicepresidenta do Goberno Soraya Saénz de Santamaría. Foi un home que estivo moi vinculado ao deporte, participando nas tarefas directivas de clubes como o C. Xuventude Cambados, o Xuven de Baloncesto ou o Clube Atletismo Cambados. Pero a súa relación co Armenteira C.F. viña da estreita amizade que mantiña con Valentín Estévez, técnico do conxunto benxamín da entidade verdinegra, e do apoio que sempre prestou ás demandas de mellora das instalacións deportivas para o Armenteira C.F., ás que axudou a dar repercusión coas publicacións do seu blog A ti meu Cambados. A esta homenaxe uniuse o equipo benxamín do Vilalonga F.C., co seu adestrador á fronte, o tamén cambadés e veciño de Triana, coma "Chon", Johan González.


venres, 23 de outubro de 2015

O Cobres-Carpintería Boubeta, próxima proba para o Armenteira Veteranos

O Armenteira Veteranos visita nesta fin de semana as terras do concello de Vilaboa, onde a partires das 18 horas se medirá, no campo de O Cabalo, en Santa Cristina de Cobres, ao Cobres-Carpintería Boubeta. Ambas escadras contan con dez puntos no casilleiro, aínda que a diferenza de goles fai que os de O Morrazo ocupen a décima posición, fronte á undécima dos meisinos. Os xogadores verdinegros acuden a este encontro con gañas de sacarse o mal sabor de boca da derrota da fin de semana pasada ante o Castrelo C.F.


Partidos de rivalidade para os equipos de fútbol base do Armenteira C.F. nesta fin de semana

Esta fin de semana vai deparar partidos intensos e de gran rivalidade, en algún dos casos, para os equipos de fútbol base do Armenteira C.F.

Por enriba de todos, o encontro que se presume máis intenso, é o que enfronta ao conxunto alevín co C.D. Mosteiro o sábado a partires das 11 horas. A formación que dirixe Jonathan Crespo, que conta coa sensible baixa de Migui, ocupa o séptimo posto na clasificación, con seis puntos, e recibe a un equipo veciño que se atopa na undécima posición cun único punto. O derby do municipio de Meis será un partido especial para algún dos membros do plantel verdinegro, que nos últimos anos vestiron a elástica do que mañá será o seu rival. Unha das principais preocupacións do corpo técnico do Armenteira C.F. é o estado do terreo de xogo do campo de fútbol de O Leixo, xa que a previsión de chuvias fai prever que as condicións para a práctica do fútbol non sexan nada favorables.

A continuación, no mesmo escenario, e tamén coa arbitraxe de Martínez Castro, enfrontarase o equipo benxamín e o Vilalonga F.C a partires das 12 horas. O bo traballo que está realizando con este grupo de rapaces o corpo técnico que dirixe Valentín Estévez parece que comeza a verse no terreo de xogo, aínda que para esta ocasión o míster cambadés tampouco poderá contar con todos os seus efectivos, posto que á segura baixa de Andrés na zaga parece que vai sumárselle algunha outra. A pesares do claro favoritismo do conxunto vilalongués,que ocupa o duodécimo posto na táboa, os rapaces e rapazas do equipo verdinegro están dispostos a pelexar pola vitoria.

Tamén na xornada matinal do sábado será a quenda do equipo cadete. O bloque ao mando de Marcial Prado disputará no campo de As Cachizas, na localidade veciña de Dena, o seu encontro ante o Unión Dena C,F. a partires das 12 horas.  Dase a curiosidade de que ambos conxuntos comparten a undécima posición empatados a puntos e coa golaveraxe igualada. O equipo verdinegro está realizando un inicio de temporada decepcionante tendo en conta o potencial co que conta, pero agardan poder remontar a situación e respostar ás expectativas que a Xunta Directiva e a afección ten postas neles.

Na xornada do domingo, o conxunto infantil, desprazarase a San Vicente de O Grove, onde, a partires das 11:30 horas vai medirse á S.D. Amanecer. A escadra que dirixe Martín Casais, que a medida que avanza a temporada vai mostrando mellores sensacións, agarda seguir coa súa progresión e intentará sacar un resultado positivo da súa visita a terras mecas.

Nesta xornada, os distintos equipos do Armenteira C.F. rendirán unha sentida homenaxe a Xaquín "Chon" Charlín, o sindicalista e activista social e cultural cambadés falecido esta semana, amigo persoal do técnico Valentín Estévez, sempre mostrou o seu apoio ás demandas de mellora das instalacións deportivas do clube verdinegro. Dende o seu blog A ti meu Cambados fixo chegar estas reivindicacións aos seus numerosos seguidores, polo que dende a familia do Armenteira C.F. queren agradecerlle todo o seu esforzo,


domingo, 18 de outubro de 2015

Dúas derrotas, balance da xornada da fin de semana para os equipos de fútbol base do Armenteira C.F.

A xornada desta fin de semana non trouxo demasiada fortuna en canto a resultados para os equipos de fútbol base do Armenteira C.F. A pesares de que só dous dos seus equipos disputaban os seus encontros, ningún deles conseguiu sumar puntos no seu casilleiro.

O primeiro en disputar o seu encontro foi conxunto alevín, que se desprazou ata Vilanova de Arousa para xogar contra o E.F.B. Vilanova. Tras un mal comezo, no que os vilanoveses se situaron cunha vantaxe de dous goles, o equipo de Jonathan Crespo conseguiu reaccionar na segunda metade e logrou igualar o marcador a tres goles, cos tantos acadados por Zubo, en dúas ocasións, e Adri, e incluso dispuxeron de oportunidades para sentenciar o partido. Pero, un gol nun golpe franco a falta dun minuto para o final, decantou a balanza do lado do cadro local e supuxo unha cruel derrota para os rapaces do conxunto verdinegro. Na vindeira xornada o equipo alevín do Armenteira C.F. agarda resarcirse das derrotas das dúas últimas xornada no derbi do municipio de Meis fronte ao C.D. Mosteiro.

O equipo infantil tiña unha dura proba ante o Atlético Cuntis, unha das escadras máis potentes do grupo e que aspira a lograr o ascenso. O adestrador local, Martín Casais, plantexou un partido cun cambio de esquema, no que primaba a seguridade defensiva, dispoñendo unha liña de cinco defensas que, xunto co debut de Santi na portaría e de Mori como xogador de campo, se sumaban á lista de novidades que o Armenteira C.F. infantil presentaba no campo do O Pombal. Estes cambios fixeron que o equipo verdinegro dese unha imaxe de maior aplomo no campo e seguridade defensiva, pero, a falta de contundencia no corte e a descoordinación nas tarefas de contención, condenadon aos rapaces do conxunto local a unha clara derrota por cero goles a quince. Na vindeira xornada, os pupilos de Martín Casais teñen que visitar o campo de As Lampáns, para enfrontarse á S.D. Amanecer, e teñen a esperanza de que as boas sensacións deste último encontro se consoliden, aínda que dende o corpo técnico e o grupo de xogadores son conscientes de que os seus avances non deben ser medidos principalmente en resultados.

O Castrelo C.F. lévase os tres puntos na súa visita ao campo de O Leixo

O Castrelo C.F. conseguiu vencer na xornada do pasado sábado ao Armenteira Veteranos no partido da séptima tirada de liga no grupo 4A da liga de veteranos da zona de Pontevedra. O equipo cambadés mostrouse máis efectivo e acabou superando aos locais por dous goles a tres, nun mal encontro por parte do conxunto verdinegro, que se mostrou impreciso nos pases, pouco incisivo en ataque e que pagou caros os despistes en defensa. O bonito gol de Javi, de volea tras un sombreiro a un rival, e o de Martín dende o punto de penalti, na recta final do partido, foron insuficientes para os xogadores locais, que agora descenden ao undécimo posto na táboa. Na vindeira xornada o equipo do Armenteira Veteranos agarda dar unha mellor imaxe na súa visita a Vilaboa para enfrontarse ao Cobres- Carpintería Boubeta.

venres, 16 de outubro de 2015

Alevíns e infantís, protagonistas da xornada de liga desta fin de semana dos equipos de fútbol base do Armenteira C.F.

O descanso obrigado do equipo de categoría cadete, por mor da retirada do equipo da S.D. Amanecer, rival que lle correspondía nesta xornada, e o aprazamento para o vindeiro xoves do partido do equipo benxamín fronte á S.D. Noalla, fará que unicamente dous dos conxuntos de fútbol base do Armenteira C.F. comparezan nesta fin de semana.

O primeiro en facelo será a formación de dirixe Jonathan Crespo. O equipo alevín visita o campo de O Terrón, onde o sábado a partires das 10 horas se enfronta á E.F.B. Vilanova. O enfrontamento entre estas dúas escadras estase a convertir nun clásico das categorías de fútbol base da comarca, e estes encontros soen estar caracterizados polo equilibrio e a emoción. Nesta ocasión o cadro verdinegro acude a terras arousanas situado na clasificación por enriba do seu contricante, ocupando a quinta posición fronte á duodécima que ocupan os vilanoveses, pero dende o cadro técnico insisten en que vai ser un encontro difícil no que non cabe ningún tipo de confianza.

O domingo será a quenda do equipo infantil. Os rapaces que comanda Martín Casais reciben a partires das 11.30 no campo de O Pombal, en Cambados, a un rival esixente, o Atlético Cuntis. O clube termal ocupa a quinta praza na táboa, pero, a pesares do favoritismo co que aparentemente parten os visitantes, os rapaces do clube verdinegro agardan poder prantar cara e seguir progresando na súa labor de adaptación e compenetración. O adestrador local mantense esperanzando en poder contar con todos os seus efectivos, xa que as molestias de última hora dalgúns dos seus efectivos fan perigar a súa participación no encontro.

O Castrelo C.F., díficil reto para o Armenteira Veteranos na séptima xornada de liga

O Armenteira Veteranos recibe na xornada deste sábado a partires das 17 horas ao Castrelo C.F., un equipo que ocupa a séptima posición na táboa, dous puntos por enriba do conxunto verdinegro, e que acude ao campo de O Leixo pletórico despois de ter vencido por un gol a cero na anterior xornada ao ata entón líder, o Peña Rácing. O bloque capitaneado por José Luís Galiñanes quere seguir mantendo a liña ascendente das últimas xornadas, aínda que para elo deberá superar a un rival ao que xa venceu na pretemporada, pero que de seguro poñerá en moitos apuros aos xogadores verdinegros.

domingo, 11 de outubro de 2015

Resultados desfavorables para os equipos de fútbol base do Armenteira C.F. na terceira xornada de liga

A terceira xornada de liga da temporada 2015/2016 non trouxo demasiada fortuna en canto a resultados para os equipos de fútbol base do Armenteira C.F., dándose ademais a circunstancia de que non consiguiron anotar ningún tanto.

O equipo alevín, que partía con moitas esperanzas nesta xornada, acabou sendo derrotado na mañá do sábado ante o Meaño F.C., nun encontro marcado pola chuvia e o mal estado do terreo de xogo do campo de O Leixo e no que os pupilos de Jonathan Pérez dispuxeron de ocasións para levarse o triunfo, pero o desacerto ante a portaría rival e os despistes defensivos condenaron a este equipo a sufrir a primeira derrota da temporada. De todos xeitos, seguen manténdose na quinta praza da clasificación e a próxima xornada agardan esquecer esta derrota cunha vitoria na súa visita ao feudo do E.F.B. Vilanova.

O equipo infantil tampouco conseguiu puntuar nesta xornada. Visita o campo de Berdón, en Vilagarcía de Arousa, onde o recibía o A.D. Arousa Fútbol-7. O equipo vilagarciano conseguiu impoñer a súa experiencia e o seu maior acoplamento e mostrouse contundente nos últimos metros, infrinxindo unha derrota por nove goles a cero ao conxunto de Martín Casais. A pesares de que os resultados non están a acompañar a este grupo de xogadores no que levamos de temporada o corpo técnico destaca os avances que se lograron a nivel táctico tendo en conta que se trata dun conxunto en proceso de formación e que leva pouco tempo traballando en conxunto.

O que tampouco logrou a vitoria foi o equipo cadete. Os rapaces que comanda Marcial Prado caíron derrotados no Municipal de Vilaxoán ante o San Martín C.F. A falta de acerto en ataque e a calidade do xogador local Martín Pintos, autos dos dous goles, provocaron que o equipo verdinegro fose derrotado por dous goles a cero. A retirada da competición da S.D. Amanecer obrigará ao conxunto cadete na próxima xornada, polo que o cadro de adestradores aproveitará esta situación para facer os axustes necesarios nun bloque aínda falto de efectivos e cunha nivel de rodaxe inferior á maioría dos rivais.

Finalmente, o conxunto do Armenteira C.F. que acadou un resultado máis desafortunado foi o equipo benxamín. A debilidade deste grupos de nenos quedou en evidencia ante o Portonovo S.D., un rival moi superior, que non tivo piedade e venceu por cero goles a vintecinco á escadra que dirixe Valentín Estévez. A labor formativa que está levando a cabo este corpo técnico non se está traducindo nos resultados, pero, á espera de reforzos, o grupo continúa traballando e intentando manter a moral alta, valorando os pequenos progresos aos que, pouco a pouco, se vai chegando.


sábado, 10 de outubro de 2015

O Armenteira Veteranos consigue en Barro a súa terceira vitoria da temporada

O Armenteira Veteranos logrou na tarde deste sábado a súa terceira vitoria da temporada no grupo 4A da liga da zona de Pontevedra, na que milita. Foi unha traballada vitoria por cero goles a un ante un Carballo da Portela que se mostrou como un aguerrido rival e que puxo en moitos apuros ao conxunto visitante que, despois de varias temporadas, volvía a lucir a súas tradicionais cores verdes e negras. O gol de Marcial ao inicio do segundo período xunto coa gran actuación do meta Joserra serviron para que o equipo meisino sume xa dez puntos no seu casilleiro e se sitúe na zona media-alta da táboa.


venres, 9 de outubro de 2015

O Armenteira Veteranos visita ao Carballo da Portela, último clasificado da liga

O Armenteira Veteranos visita este sábado a partires das 16 horas o campo de Chan dos Santos, na localidade veciña de Barro, para enfrontarse ao Carballo da Portela, un conxunto que ocupa transitoriamente o último lugar na clasificación, pero que se presenta como un rival compricado para o grupo que capitanea José Luís Galiñanes, que agarda conseguir novos puntos no seu casilleiro para considarse na zona media. O equipo meisino estreará nesta xornada a súa nova equipación, que supón unha volta ás orixes, xa que o verde e o negro volven a ser as cores de referencia.


Nova oportunidade de puntuar para os equipos de fútbol base do Armenteira C.F. na terceira xornada de liga

Os equipos de fútbol base do Armenteira C.F. teñen esta fin de semana unha nova oportunidade de dar un paso adiante e puntuar nas súas respectivas ligas. O primeiro en disfrutar desta posibilidade é o equipo alevín, que se enfronta na mañá do sábado, a partires das 11:30 horas, ao Meaño F.C. O equipo que dirixe Jonathan Crespo está realizando un excelente comezo de campaña e ocupa o terceiro posto na clasificación, pero con quere confiarse ante un rival que ocupa o décimoterceiro posto e que aínda non puntuou. As boas relacións existentes entre ambos clubes non serán impedimento para o enfrontamento sexa intenso e cheo de rivalidade.

O domingo pola mañá disputa o seu encontro o equipo infantil, que se despraza ao campo de Berdón, en Vilagarcía de Arousa, para enfrontarse a partires das 10 horas ao A.D. Arousa Fútbol-7. Será un partido emotivo para Martín Casais, que na pasada temporada dirixiu á escadra amarela, e que confía en que nesta ocasión as boas sensacións que pouco a pouco están a dar os seus pupilos se confirmen e poidan por fin acadar os primeiros puntos da temporada.

O que tamén se despraza a terras vilagarcianas é o conxunto cadete. Os rapaces que adestra Marcial Prado enfróntase ao San Martín C.F. Será a partires das 10 horas no campo Municipal de Vilaxoán. O equipo vermello ocupa o sexto posto na táboa con tres puntos e presúmese como un duro rival para o equipo verdinegro, que ocupa o noveno lugar cun único punto.

O último en comparecer será o equipo benxamín. O grupo que dirixe Valentín Estévez tivo que trasladar o seu partido ao domingo, cando a partires das 13 horas recibe no seu campo ao Portonovo S.D. un esixente rival, que sempre destacou polo potencial dos seus equipos de fútbol base e que, de seguro plantexará moitos problemas ao equipo de O Leixo. Os rapaces do clube verdinegro mantéñense firmes na súa ilusión e agardan que o bo traballo de formación que se está a levar a cabo quede reflectido no terreo de xogo.


domingo, 4 de outubro de 2015

Unha vitoria, un empate e dúas derrotas para os equipos de fútbol base do Armenteira C.F.

A segunda xornada de liga trouxo un balance desigual para os equipos de fútbol base do Armenteira C.F. O equipo benxamín, o primeiro en disputar o seu encontro, caiu derrotado por catorce goles a cero ante o Umia C.F., un resultado que reflicte a diferenza que a nivel de recursos e condicións existe hoxe en día entre estas dúas escadras. Sen embargo, o equipo que dirixe Valentín Estévez mantense firme no seu traballo e agarda que os resultados non tarden en chegar.

O que si conseguiu o seu obxectivo foi o equipo alevín. O conxunto que comanda Jonathan Pérez venceu con comodidade ao C. Xuventude Cambados, ao que superou por catro tantos a dous, con goles obra de Zubo, Íñigo, Hugo e Rubén, aínda que a relaxación do equipo nos últimos cinco minutos fixo que os cambadeses puidesen maquillar o resultado. Este triunfo afianza a este equipo na parte alta da clasificación, compartindo liderato co C. Xuventú Sanxenxo e co Portonovo S.D.

O equipo cadete volveu a deixar escapar os puntos nesta xornada. Neste caso foi cun empate a un goles ante o Atlético Cuntis, no que, tras adiantarse no primeiro período por mediación co capitán Mathias, veu como o conxunto termal igualaba o marcador na segunda metade. A escaseza do plantel que dirixe Marcial Prado fai que o cansanzo faga mella nos xogadores a medida que avanza o partido.

Finalmente, o último dos equipos do Armenteira C.F. en saír a escena, foi o conxunto de categoría infantil, que tamén sufriu unha severa derrota ante o Umia C.F., no segundo dos enfrontamentos que houbo esta xornada entre os equipos da parroquia meisina e os da vila do tinto. Foi nun partido disputado no campo de O Pombal, en Cambados, onde está a realizar os adestramentos e a disputar os seus partidos este conxunto, no que foi derrotado por cero goles a dezazéis. Á falta de rodaxe, acoplamento e experiencia dos xogadores de Martín Casais hai que engadir as baixas de importancia coas que contaba nesta fin de semana, pero estas adversidades non son motivo para que o corpo técnico e o grupo de xogadores deixe de crer na labor de formación que consideran a base do proxecto iniciado nesta categoría esta temporada.


sábado, 3 de outubro de 2015

Vitoria sufrida do Armenteira Veteranos ante o Centro Cultural Villalonga

O Armenteira Veteranos acadou na tarde do pasado sábado a segunda vitoria da temporada, e foi nun partido no que pasou por bastantes apuros ante un Centro Cultural Villalonga que vendeu cara a derrota e fixo que os celestes visen perigar por momentos o que foi o seu primeiro triunfo como locais nesta campaña. Os goles de Rafa e Galiñanes serven para que o equipo de O Leixo se sitúe no undécimo posto e comece a consolidarse da táboa. O próximo sábado, o equipo do Armenteira Veteranos rendirá visita á localidade veciña de Barro para enfrontarse ao Carballo da Portela, clube que ocupa o último posto na clasificación.

venres, 2 de outubro de 2015

Xornada esixente para os equipos de fútbol base do Armenteira C.F.

Os equipos de fútbol base do Armenteira C.F. teñen esta fin de semana unha xornada esixente, xa que lles toca enfrontarse a rivais que, a priori, van a plantexar moitas dificultades aos rapaces do clube verdinegro.

O primeiro equipo en iniciar a xornada será o equipo benxamín, que se despraza ata o campo de A Bouza, en Barrantes, para enfrontarse o sábado a partires das 10 horas ao Umia C.F., no que será un encontro de rivalidade, ante un equipo que caeu derrotado a pasada xornada por dous goles a cero ante o Meaño F.C. e que ocupa o undécimo posto na clasificación, pero que será un duro escollo para os pupilos de Valentín Estévez.

A continuación será a quenda do equipo alevín. O equipo que adestra Jonathan Crespo recibirá a partires das 11 horas, no campo de O Leixo, ao C. Xuventude Cambados, un duro rival que na pasada xornada venceu por catro goles a un ao Arosa S.C. e que ocupa o cuarto chanzo da clasificación, un por enriba do conxunto verdinegro, polo que se prevé un duelo intenso entre dúas escadras que aspiran a estar na parte alta da táboa.

Nada máis finalizar este encontro, no mesmo escenario, a partires das 12 horas, dará comezo o partido de categoría cadete entre o Armenteira C.F. e o Atlético Cuntis, un conxunto que ocupa o quinto lugar da clasificación tras vencer na primeira xornada por catro goles a un ao C.D. Bamio. Os xogadores que dirixe Marcial Prado intentarán quitarse o mal sabor de boca da primeira xornada, onde foron derrotados polo Moraña C.F. no último minuto, despois de ter unha vantaxe dous goles.

Finalmente, o domingo a partires das 12 horas sairá a escena o equipo infantil do Armenteira C.F. Será no campo de O Pombal, en Cambados, xa que, en virtude do acordo asinado entre o clube verdinegro e o C. Xuventude Cambados, o equipo desta categoría realizará os adestramentos e disputará os partidos como local na vila do albariño. O bloque que está ás ordes de Martín Casais recibe a  visita dun equipo veciño, o Umia C.F., que na pasada xornada perdeu por dous goles a tres ante o Vilagarcía S.D. e que ocupa o undécimo lugar na táboa clasificatoria. O equipo verdinegro agarda confirmar as boas sensacións que amosou por momentos no último encontro e agradar aos afeccionados que se desprazarán ata Cambados para darlles o seu apoio.


O Armenteira Veteranos recibe a visita do Centro Cultural Villalonga

A quinta xornada do grupo 4A da liga de veteranos da zona de Pontevedra depara para o Armenteira Veteranos a visita do Centro Cultural Villalonga, un equipo que se atopa no décimosexto posto da clasificación e que ven de caír derrotado por tres goles a catro ante o Peña Rácing. O conxunto celeste agarda sumar a segunda vitoria consecutiva nesta temporada para poder consolidarse na zona media da táboa, aínda que para elo deberá superar a un rival que de seguro ofrecerá moita resistencia. O encontro disputarase este sábado, no campo de O Leixo, a partires das 17 horas.