Buscar neste blog

venres, 30 de setembro de 2016

Soho Cambados e Armenteira Veteranos poñen en xogo o liderato en O Leixo

O liderato do grupo 1 da Segunda Autonómica de Veteranos da zona de Pontevedra ponse en xogo na tarde deste sábado no encontro que, a partires das 18:45, disputarán o Soho Cambados e o conxunto local do Armenteira Veteranos. Ámbolos dous conxuntos contan os tres partidos de liga xogados por vitorias e sitúanse no máis alto da táboa, con dous puntos de vantaxe sobre o Bar Santiaguiño, terceiro clasificado. As tarefas de vendima, que xa se aproximan á finalizar, volverán a deixar mella no cadro que capitanea José Luis Galiñanes, que non poderá contar unha semana máis con todos os seus efectivos. A esixencia do rival, que conta con xogadores de gran nivel, formados na súa maioría na canteira do C. Xuventude Cambados, co que chegaron a competir en categorías de ámbito autonómico e provincial, fai que os locais non baixen a garda para tratar de continuar co alto nivel competitivo mostrado ata o momento, que os mantén invictos nos partidos disputados dende o inicio da pretemporada. O excelente estado de forma da parella atacante composta por Jorge Castro e Manueliño é un dos máis firmes avais para lograr o cuarto triunfo consecuentivo e situarse no liderato en solitario.


Umia C.F. e Armenteira C.F. mídense nun intenso duelo de rivalidade en O Leixo

O campo de O Leixo vivirá este sábado, a partires das 17 horas, un intenso duelo de rivalidade entre os equipos de categoría infantil do Umia C.F. e o Armenteira C.F. As obrigas laborais do técnico local, Valentín Estévez "Tilín", obrigaron a trasladar o encontro á tarde do sábado, aínda que previsiblemente este cambio non afecte á asistencia de público ás bancadas do campo do lugar de O Busto, que se prevé numerosa, dada a proximidade e a rivalidade lóxica entre dous conxuntos de dous clubes de localidades tan estreitamente ligadas como son Barrantes e A Armenteira. "Tilín" non poderá volver contar nin con Xoán nin con Anabel, que aínda se atopan recuperándose das súas respectivas lesións, polo que se terá que recompoñer de novo a liña defensiva, como xa tivo que facer a pasada fin de semana no primeiro partido de liga ante o Céltiga F.C. As boas sensacións deixadas polo conxunto verdinegro neste primeiro envite, no que lograron un empate a tres goles, con dous tantos do incisivo dianteiro Piñeiro, fan que as esperanzas da afección se manteñan á alza e permitan soñar cun triunfo ante un rival que parte entre os favoritos para ocupar os postos altos da táboa, como quedou demostrado a pasada fin de semana, cando os de Barrantes venceron ao Catoira S.D. por nove goles a cero.


A U.D. San Miguel de Deiro visita ao equipo benxamín do Armenteira C.F.

O equipo benxamín do Armenteira C.F. recibe este sábado a partires das 12 horas, no campo de O Leixo, á U.D. San Miguel de Deiro. O cadro que dirixen Luis e Alba Barral afronta a última proba antes do inicio dunha temporada que se prevé que dea comezo na fin de semana do 8 e 9 de outubro. A falta de experiencia e a xuventude do conxunto, que conta no seu plantel con catro xogadores de categoría prebenxamín, tratará de ser suplida pola ilusión e as gañas de aprender dun grupo de rapaces e rapazas que día a día van dando mostras da súa progresión. No encontro da pasada fin de semana, disputado no campo de As Lampáns ante a S.D. Amanecer, o equipo benxamín caiu derrotado por sete goles a un nun partido no que o resultado é anecdótico, e no que a aceptable actuación destes nenos e nenas, con detalles entre os que destaca o gol anotado por Brais Charlín ao culminar unha xogada de contragolpe, permite ver con esperanza o inicio da competición de liga.


domingo, 25 de setembro de 2016

Feijóo tamén logra unha ampla maioría en A Armenteira

Os resultados das eleccións autonómicas celebradas este domingo 25 de setembro tamén depararon un resultado favorable para a candidatura encabezada por Alberto Núñez Feijóo. A marca Feijóo, que tanto se afanou en promocionar a dirección da campaña electoral do Partido Popular, relegando incluso a un segundo plano as siglas da propia formación política tivo un amplo respaldo entre os votantes que se achegaron ata a mesa electoral instalada na Casa de Cultura da parroquia. A listaxe encabezada polo político de Os Peares recibiu 283 papeletas, fronte ás 54 que decidiron apostar pola candidatura Partido dos Socialistas de Galicia. No terceiro posto en número de apoio situouse En Marea, mentres que as listaxes do Bloque Nacionalista Galego e a de Ciudadanos recibiron ámbalas dúas catorce votos. A xornada desenvolveuse con absoluta normalidade, coa única salvedade de que os membros da mesa electoral e os electores que ata alí se desprazaron tiveron que compartir unha vez máis o exercicio do voto co descanso dos peregrinos que albergan unhas instalacións nas que conviven os usos veciñais co aloxamento dos numerosos camiñantes que percorren a Variante Espiritual do Camiño Portugués a Santiago de Compostela.


sábado, 24 de setembro de 2016

O campo Municipal de Loxo recibe a primeira visita do Armenteira C.F. feminino

O equipo feminino do Armenteira C.F. desprázase este domingo ata o Concello de Touro para disputar a partires das 18 horas o segundo partido de temporada da Segunda Autonómica Feminina, grupo 2. As rapazas que adestra Marcial Prado buscarán seguir dando mostras da progresión que día a día están mostrando. As numerosas baixas e o potencial do rival da pasada xornada, o Victoria F.C. "B", impediron ter un resultado favorable no histórico debut ligueiro en O Leixo. Para esta ocasión o técnico de San Salvador poderá contar con Alessandra, Nerea e coa recentemente incorporada Jessi, pero, pola contra, deberá facer fronte á ausencia da gardamallas Uxía, que se une a Alba, Aida e Diana, que continúan co seu proceso de recuperación. O rival, o Touro S.D., caiu derrotado por dous goles a cero ante a S.D. Villestro na primeira xornada, pero de seguro que será un duro opoñente para un cadro verdinegro ao que aínda lle custa superar as dificultades derivadas do escaso tempo de preparación e da inexperiencia no mundo do fútbol de gran parte das compoñentes do plantel. Para este histórico e trascendental acontemento para o Armenteira C.F. a Xunta Directiva e a coordinadora deste equipo decidiron organizar unha expedición que partirá ás 15 horas dos arredores do mosteiro que fará posible que un número importante de afeccionados e afeccionadas poidan acompañar e animar a este grupo de xogadoras.


S.D. Amanecer e Armenteira C.F. citan aos seus equipos alevín e benxamín en As Lampáns

O campo de As Lampáns, na parroquia grovense de San Vicente, vivirá un duelo por partida doble entre a S.D. Amanecer e o Armenteira C.F. Trátanse duns partidos amigables que acordaron as coordinacións deportivas de ámbalas dúas entidades, e que decidiron organizar de cara a continuar coa preparación para unha temporada que dará comezo o 9 de outubro. Os primeiros en saltar ao terreo de xogo serán os conxuntos alevíns, a partires das 11 horas. Os rapaces e rapazas que esta temporada adestra Luis Barral, un clásico dos banquillos da comarca que este ano se uniu ao proxecto do Armenteira C.F., tratarán de seguir coa racha positiva que os mantén invictos esta temporada. O técnico de Barrantes poderá ter á súa disposición a totalidade do plantel que co que leva traballando no último mes, e que na pasada fin de semana se impuxo con claridade ao C. Xuventude Cambados, ao que venceu por cinco goles a un en O Leixo, con tantos de Javi, Adri, Manu Meixús e Íñigo en dúas ocasións. Ao finalizar este encontro, sobre as 12 horas, chegará o turno do cadro benxamín. Os nenos e nenas que tamén dirixe Luis Barral buscarán seguir co seu proceso de formación e asimilando conceptos futbolísticos que, para moitos deles, recén iniciados no mundo do balompé, resultan novidosos. Con catro xogadores de categoría prebenxamín, este grupo de xóvenes e inexpertos futbolistas benxamíns de seguro que farán disfrutar a todas aquelas persoas que na mañá do domingo se despracen ata a península de O Grove para presenciar a súa actuación.


O Céltiga F.C. recibe ao equipo infantil do Armenteira C.F. no primeiro partido de liga

O campo de A Bouza, en A Illa de Arousa, será este domingo a partires das 10 horas o escenario do estreno en liga para a temporada 2016/2016 do equipo infantil do Armenteira C.F. O cadro adestrado por Valentín Estévez "Tilín", que tan boas sensación deu durante a pretemporada, mídese  a un rival que parte con aspiracións de ocupar os postos altos da táboa. A vitoria da pasada fin de semana por cero goles a dous ante a S.D. Pontearnelas, con tantos de Piñeiro e Jose Otero, que se suma ao triunfo no Torneo Triangular Divina Pastora 2016, son unha clara mostra da melloría experimentada polos nenos e nenas que dirixe Tilín. O bo traballo realizado polo técnico cambadés estase a reflectir sobre o terreo de xogo e coloca a este equipo en condicións de competir con calquera rival co que se vaia atopando durante o campionato. A seguridade defensiva nunha zaga liderada pola solvencia de Sebas e a garra de Migui, o poderío de Álex Ruel no mediocampo, a sutileza de Carlos Pérez, a velocidade por banda de Jose Otero, a contundencia de Piñeiro en ataque e, sobre todo a orde táctica e o espírito de traballo colectivo fan que as esperanzas que a afección verdinegra ten postas neste conxunto vaian en aumento día a día. A baixa de última hora de Xoán, que se prevé que sexa prolongada, supón un importante contratempo e obrigará a Tilín a reestruturar unha liña defensiva na que tampouco poderá contar con Anabel.


Os Raposos caen nas garras dun Armenteira Veteranos que vence e se coloca líder

O Armenteira Veteranos logrou unha clara e importante vitoria por un gol a catro na súa visita ao campo de A Lanzada onde se mediu na tarde deste sábado ao equipo de Os Raposos. Os visitantes, que se presentaron no campo de Noalla con numerosas e importantes baixas iniciaron o partido con só once xogadores. Joserra na portería, unha defensa formada por Jorge Dávila, Marcos, Óscar e Portas, unha liña de mediocampo con Marcial, Rafa, Jorge Castro e Joseíño, e unha dianteira con Galiñanes e Manueliño, formaron o once de partida dun conxunto ao que se uniría Cacabelos no transcurso da primeira metade. O dominio apabullante dos de O Leixo durante os primeiros corenta e cinco minutos, apoiados da dirección favorable do vento e na súa maior capacidade física e técnica, deixaron practicamente sentenciado o encontro. Manueliño e Jorge Castro, ámbolos dous por partida doble, poñían unha vantaxe de cero goles a catro que facía case imposible a remontada de Os Raposos. As numerosas ocasións desperdiciadas polos dianteiros verdinegros puido deixar un marcador cunha goleada de escándalo. Na segunda metade, co vento en contra, co desgaste físico lóxico fronte a un rival con máis recambios e no medio da intensa chuvia que caiu sobre A Lanzada nos últimos minutos, os de A Armenteira cederon o dominio por momentos aos locais, que nunha das súas escasas aproximacións á meta defendida por Joserra lograron o gol da honra. Este triunfo sitúa ao Armenteira Veteranos no primeiro posto  do grupo 1 da Segunda Autónomica de Veteranos. As tres vitorias nos tres partidos de liga disputados aúpano a un liderato histórico, que poñerá en xogo a próxima fin de semana no campo de O Leixo ante un dos conxuntos máis potentes da categoría, o Soho Cambados, terceiro clasificado con seis puntos.


venres, 23 de setembro de 2016

Os Raposos agardan ao Armenteira Veteranos na segunda xornada de liga

A segunda xornada de liga do grupo 1 da Segunda Galicia de Veteranos depara un interesante duelo entre Os Raposos e o Armenteira C.F. A cita terá lugar no campo de A Lanzada, en Noalla, este sábado 24 de setembro a partires das 19 horas. O equipo de O Leixo acude a este encontro coa moral a tope despois de vencer nas dúas primeiras xornadas e tras unha pretemporada na que se mantivo invicto. O terceiro posto na clasificación dos de A Armenteira, fronte ao oitavo dos locais, pode darlle a priori o papel de favoritos aos primeiros, aínda que con tan só dous partidos disputados esta situación na táboa non deixa de ser anecdótica. As  previsibles baixas por mor das tarefas de vendima volverán a lastrar a un cadro verdinegro que ademais conta cun plantel máis curto esta campaña.


xoves, 22 de setembro de 2016

O Armenteira C.F. organiza unha expedición para acompañar ao equipo feminino a Touro

A organización da expedición que vai acompañar ao equipo feminino do Armenteira C.F. no que será o seu segundo partido de liga ante o Touro S.D. e que se disputará o próximo domingo a partires das 18 horas está xa en marcha. A Xunta Directiva e a coordinadora deste equipo levan días preparando unha viaxe para a cal porán a disposición dos todos os afeccionados e afeccionadas que desexen acudir ata esta localidade da contorna de Santiago de Compostela un autobús, facilitando así un desprazamento que se prevé masivo. Recordan que aínda quedan prazas libres e que aquelas persoas que queiran anotarse poden facelo a través do número de teléfono 634788186 ou dirixíndose ás intalacións do clube. Para elo só terán que abonar a cantidade de cinco euros para compensar os gastos da viaxe. A grande expectación que está levantando este equipo, que no seu debut ligueiro da pasada fin de semana ante o Victoria F.C. "B" congregou a unha numerosa afección en O Leixo, fai que dende a Xunta Directiva se realice un chamamento para que o apoio a estas rapazas se manteña á alza para tratar de lograr un resultado positivo na visita ao campo Municipal de Loxo.


sábado, 17 de setembro de 2016

Armenteira C.F. e Victoria F.C. "B" abren o telón do fútbol feminino en O Leixo

O campo de O Leixo vivirá este domingo 18 de setembro, a partires das 18:30, o primeiro partido de competición oficial de categoría sénior feminina. O cadro local do Armenteira C.F. recibe a visita do conxunto santiagués do Victoria F.C. "B". As rapazas que adestra Marcial Prado, que levan apenas un mes de duro traballo, agardan facer fronte á inexperiencia e ao nerviosismo lóxico deste debut coas gañas, a ilusión e o incondicional apoio da numerosa afección que se achegará ata as intalacións deportivas situadas no lugar de O Busto. Os problemas físicos de moitas das xogadoras provocan que o corpo técnico local vexa moi mermado un plantel que conta na actualidade con 18 licenzas, pero para esta cita apenas poderá dispoñer de trece ou catorce futbolistas, algunha delas aínda en proceso de recuperación. Con todo, O Leixo vestirase de gala para contemplar o inicio dunha competición que se augura apaixoante e a presentación da nova equipación que a empresa porriñesa Trezze deseñou para o Armenteira C.F. Féminas.


Deslucida vitoria que mantén ao Armenteira Veteranos na parte alta da táboa

O Armenteira Veteranos conseguiu impoñerse este sábado por dous goles a cero ao Interrías Villalonga no partido correspondente á segunda xornada da Segunda Autonómica de Veteranos, Grupo 1, da zona de Pontevedra. O encontro comezou con contratempos para o cadro verdinegros. As ausencias de varios dos seus xogadores, a causa principalmente do inicio das tarefas de vendima, en especial nalgunhas demarcacións, como na portería, condicionaron en gran medida as alineacións. Nos locais primeiro foi Marcos o que se dispuxo a colocar as luvas, para pasar logo o relevo a Javi, que principiou o partido baixo os paus, ata que finalmente, co encontro xa en transcurso, o habitual gardamenta Joserra chegou e e tomou a responsabilidsde de defender as redes de O Leixo. O ritmo lento, as constantes imprecións e o recurso continuo ao xogo directo parecían contaxiar a ámbolos dous conxuntos. Os de Vilalonga apenas inquedaban a área dos de A Armenteira, que tampouco conseguían aproximarse con claridade á meta defendia por Norman. Na segunda metade, José Luis Galiñanes decidiu cambiar o seu tradicional catro-catro-dous e realizar unha aposta ofensiva. Con tres defensas, con Martín como medio de enganche, catro centrocampistas e dous dianteiros, o Armenteira Veteranos adiantou as súas liñas na procura dunha vitoria que parecía resistírselle. A falta de acerto de dianteiros normalmente tan efectivos Manueliño e Jorge Castro desesperaba unha e outra vez aos locais. Non foi ata que, nun balón colgado que o meta visitante non conseguiu chapar, e que caiu nos pés de Jorge Castro, como os verdinegros se puxeron por diante no marcador. Esta vantaxe no marcador, aínda que mínima, permitiu que o Armenteira Veteranos vivise con tranquilidade os últimos minutos dun encontro no que o Interrías Villalonga apenas era incapaz de saír do seu terreo de xogo. Houbo tempo incluso para que de novo Jorge Castro culminase unha bonita xogada colectiva e fixase o resultado final de dous goles a cero. O triunfo deste sábado sitúa á escadra verdinegra na terceira posición, igualada a seis puntos cos outros dous equipos que lideran a clasificación, o Bar Santiaguiño e o Soho Cambados. Na próxima fin de semana o Armenteira Veteranos debe rendir visita ao campo de A Lanzada para medirse a Os Raposos, un conxunto que se atopa no oitavo posto con tres puntos.



venres, 16 de setembro de 2016

Armenteira Veteranos e Interrías Villalonga cítanse na segunda xornada de liga

Armenteira Veteranos e Interrías Villalonga citaranse este sábado, a partires das 19 horas, no campo de O Leixo na disputa da segunda xornada de liga da Segunda Autonónica, Grupo 1, da zona de Pontevedra. A competición auspiciada pola Federación Galega de Fútbol, ao que decidiu unirse a escadra verdinegra, arrincou de forma favorable para os homes que capitanea José Luis Galiñanes que a pasada fin de semana venceron con claridade a A. Uzal Seguros. Para esta xornada o conxunto de A Armenteira verase previsiblemente mermado debido ao inicio das tarefas de vendima, que o privará da presenza dalgún dos seus xogadores máis importantes. Con todo, os locais agardan lograr un resultado favorable para manterse na zona privilexiada da táboa, e alegrar a unha ilusionada afección que contempla con orgullo como o seu equipo se encontra invicto nos partidos xogados dende o inicio da pretemporada e se sitúa nun máis que meritorio segundo posto.


Fin de semana de amigables para os equipos infantil e alevín do Armenteira C.F.

Esta fin de semana será unha fin de semana de partidos amigables para os equipos infantil e alevín do Armenteira C.F. Os rivais serán a S.D. Pontearnelas e o C. Xuventude Cambados respectivamente.

O campo de As Chans será o escenario no que se midan o sábado a partires das 17 horas o conxunto local da S.D. Pontearnelas e o Armenteira C.F. O cadro infantil de O Leixo, adestrado esta temporada por Valentín Estévez "Tilín", acude ao terreo de xogo vilanovés eufórico tras a boa actuación o pasado sábado no Torneo Triangular Divina Pastora, do que resultou vencedor. O técnico de Santo Tomé conta en principio coa totalidade do plantel co que vén traballando nas últimas semanas de cara a unha competición que comezará previsiblemente a primeira semana de outubro. A presenza de Piñeiro é a única dúbida que ten polo momento un "Tilín" que afronta esperanzado este novo test de pretemporada ante un equipo dunha das canteiras máis prolíficas de O Salnés nos últimos anos. O debut de Carlos Pérez dotará ao conxunto infantil de máis alternativas na liña do mediocampo, unha das máis completas e versátiles da escadra verde e negra.

Pola súa contra o equipo alevín recibe o domingo no campo de O Leixo, a partires das 12 horas, ao C. Xuventude Cambados, na que será a reedición dun dos derbis máis clásicos do panorama do fútbol base local nos últimos tempos. Os bos partidos que disputaron a pasada temporada os conxuntos alevíns da modalidade de fútbol-8 de ámbalas dúas entidades, nos que a igualdade e a emoción foron a nota predominante, aínda están no recordo das persoas que tiveron a sorte de contemplalos. Nesta nova temporada, á espera de darse a coñecer o calendario definitivo, é posible que C. Xuventude Cambados e Armenteira C.F. volvan cruzarse as caras. Como preludio a estes enfrontamentos, este domingo a escadra verdinegra, que dirixe esta temporada Luis Barral, un clásico dos banquillos da comarca, parte coa ilusión de acadar un resultado positivo que confirme as expectativas que rodean a este grupo de xogadores e xogadoras. As excelentes sensacións mostradas no Torneo Triangular San Ero 2016, único intre no que a afección de O Leixo puido observar as evolucións deste equipo, agardan ser repetidas de novo ante un rival de gran esixencia e que de seguro porá en moitos apuros á formación de A Armenteira.



sábado, 10 de setembro de 2016

O Armenteira C.F. feminino da mostras da súa progresión no Trofeo Divina Pastora 2016

O equipo feminino do Armenteira C.F. segue progresando a pasos axigantados. Clara mostra delo foi o encontro que disputou este sábado ante o C. Xuventude Cambados, na disputa no Trofeo Divina Pastora 2016. As rapazas que dirixen Marcial Prado, Iván Borrageiros e Junior Tirado axiña se atoparon en desvantaxe. O gol inicial das cambadesas foi rapidamente respostado polo cadro verdinegro, aproveitando Ana Martínez un barullo na área visitante para poñer a igualada no marcador. As continuas alternativas dun partido na que ambos conxuntos se aproximaban con frecuencia á meta rival acabou poñendo a balanza do lado do C. Xuventude Cambados, unha escadra máis experimentada e rodada, con xogadoras que levan anos competindo defendendo as cores de distintos equipos da comarca. O final do encontro acabou debuxando, no medio da intensa néboa, un resultado final de un gol a seis, que non deixa de ser unha mera anécdota para un grupo de rapazas que pouco a pouco a pouco van evolucionando e van corrixindo os erros lóxicos nun conxunto recén formado. A seguridade na portería de Uxía, a fortaleza defensiva de Alessandra e Patri, a intensidade de Karla no lateral esquerdo, a incombustible presenza de Naomi e Aida na zona de creación e a verticalidade de Ana Martínez e Mar na zona de ataque, son algúns dos aspectos a salientar dun equipo en franca progresión e que a próxima fin de semana iniciará a competición de liga no campo de O Leixo ante o Victoria F.C. "B".



Inicio de liga con vitoria para o Armenteira Veteranos

Con só once xogadores, fronte a un rival que presentou un plantel máis amplo e vencendo ao cansanzo e aos numerosos inconvenientes cos que o Armenteira Veteranos compareceu no campo de  A Ran, en Cuntis. Así de heroica foi a vitoria acadada polos verdinegros ante o A. Uzal Seguros, unha vitora por dous goles a catro que os sitúa de forma momentánea na segunda posición da táboa. Con Joserra na portería, Moncho no lateral dereito, con Portas e Martín de improvisado central, con Richi no lateral esquerdo, cun mediocampo con Rafa e Cacabelos dirixindo as operacións, e con Marcial e Galiñanes polos costados, e co poderoso dúo atacante formado por Jorge Castro e Manueliño, foi como se presentaron os de O Leixo en Cuntis. Rapidamente se fixeron co control da situación, e tres goles de bela factura de Galiñanes, Manueliño e Jorge Castro xa os situaban cunha vantaxe de un gol a tres. Na segunda metade a fatiga e as acometidas dos locais non impediron que os de A Armenteira se levasen finalmente un triunfo por dous goles a catro. O cuarto tanto foi obra dun Marcial que segue nun espléndido estado de forma e que, ao igual que os seus compañeiros, se atopa nun período de gracia que tamén se mostrou nos partidos de pretemporada, e que mantén ao conxunto que capitanea José Luis Galiñanes invicto. Na próxima xornada o Armenteira Veteranos recibe no remozado campo de O Leixo ao Interrías Vilallonga, unha escadra que ven de ser derrotada por un gol a tres ante o Catoira Veteranos.


Triunfo do equipo infantil do Armenteira C.F. no Torneo Triangular Divina Pastora 2016

O equipo infantil do Armenteira C.F. conseguiu impoñerse no Torneo Triangular Divina Pastora 2016 despois dunha dura pugna co C.D. Ribadumia. No primeiro encontro do torneo o conxunto aurinegro foi o claro dominador ante un A.D. Arousa F-7 que, duras penas conseguía defendense ante un rival que se mostraba claramente superior. Os de A Senra conseguiron levarse finalmente un merecido triunfo por tres goles a cero. No segundo dos partidos foi o Armenteira C.F. o que levou o control fronte aos de Vilagarcía. O dominio logrou ser en ocasións apabullante e o marcador final de seis goles a cero é un fiel reflexo desta situación. O festival ofensivo de Piñeiro, autor de catro goles, ao que se uniu o xogador de categoría alevín Adri, e ao que hai que sumar un desafortunado tanto en propia meta do Arousa F-7 completaron o repertorio goleador do partido. No último encontro, que se presentaba como unha gran final entre o C.D. Ribadumia e o Armenteira C.F., a igualdade foi a nota dominante, con alternativas por parte de ambos bandos, cunha maior posesión dos visitantes e con ocasións máis claras para os pupilos de Valentín Estévez "Tilín". O empate a catro puntos que se deu ao final entre C.D. Ribadumia e o Armenteira C.F. obrigou a recurrir ao seguinte punto que establecían as normas do torneo, a diferenza de goles, que, neste caso, era de seis goles para os locais e de tres para os visitantes, co que o triunfo acabou recalando en O Leixo. A música, os pinchos, o sorteo dunha cesta con produtos agrarios e o excelente ambiente que se viviu no Torneo Triangular Divina Pastora 2016 serviron para amenizar unha xornada que a Xunta Directiva do Armenteira C.F., organizadora do evento, calificou como un rotundo éxito.






venres, 9 de setembro de 2016

O Armenteira Veteranos inicia a liga en Cuntis

O campo de A Ran, en Cuntis, será o escenario este sábado a partires das 17 horas do primeiro partido de liga para o Armenteira Veteranos ante o A. Uzal Seguros. Moitas son as novidades que presenta a competición na que se inscribiu o cadro verdinegro. Entre elas destaca principalmente a organización da liga, que pasou a ser responsabilidade da Federación Galega de Fútbol. A institución que preside Rafael Louzán decidiu asumir a xestión do fútbol veterano, e con elo elo pretende darlle un maior rigor e unha maior profesionalidade ao campionato. Para o Armenteira Veteranos será un importante reto, xa que foi encadrado na Segunda Autonñomica, no grupo 1, da zona de Pontevedra, xunto a rivais próximos a nivel xeográfico pero que se caracterizan polo seu potencial a nivel deportivo. Para o encontro deste sábado a formación que capitanea José Luis Galiñanes acude cun plantel bastante mermado. As datas festivas que vive a parroquia de A Armenteira non permitirán contar con algunha das súas pezas clave, aínda que os resultados favorables dos partidos amigables que disputou durante esta pretemporada fan que a súa modesta pero fiel afección albergue moitas esperanzas en que poida acadar un resultado positivo.


O Leixo vive un sábado de trofeos

O campo de O Leixo vivirá este sábado 10 de setembro unha xornada de reparto de trofeos. Pola mañá será a partires das 11 horas durante o Torneo Triangular Divina Pastora 2016 de categoría infantil, no que participarán o C.D. Ribadumia, o A.D. Arousa F-7 e o conxunto antitrión, o Armenteira C.F., e pola tarde co Torneo Divina Pastora de categoría sénior feminina que disputarán o Armenteira C.F. e o C. Xuventude Cambados a partires das 20 horas. A organización quere convertir estes torneos nun evento festivo no que se conxuguen a música, os pinchos, o bo ambiente que soe reinar neste campo e o deporte, aproveitando ademais as datas festivas que disfruta a parroquia de A Armenteira. Para completar aínda máis o programa sortearanse dúas fabulosas cestas con produtos agrarios procedentes dos terreos de cultivos de A Horta de San Ero, un negocio local nacido recentemente pero que xa acadou un gran prestixio e unha gran aceptación no mercado. Os sorteos terán lugar tanto no partido da mañá como no da tarde, e os gañadores tamén recibirán dentro do lote unhas botellas de viño da bodega Viña Roel. Dende a organización convidan a todos os veciños e veciñas, así como a todas aquelas persoas da contorna a que acudan a O Leixo a gozar deste magnífico espectáculo.


xoves, 8 de setembro de 2016

Un gol para a historia

Mar Otero pertence a unha extensa saga de futbolistas, todos eles vinculados ao Armenteira Club de Fútbol: o seu irmán Jose, actualmente no equipo infantil, cumpre a súa quinta temporada no clube; o máis novo da familia, o seu outro irmán Dani, aínda prebenxamín, forma parte do equipo benxamín; e a súa curmá Naomi é unha das integrantes do recén creado equipo feminino. Pero hai algo polo que Mar quedará para sempre no recordo deste clube. O pasado domingo, no Torneo Feminino Fútbol-11. Fundación S.C.D. Salcedo, despois de sufrir un esvaecemento que asustou ao numeroso público que se congregaba nas bancadas do campo de O Casal, e que a obrigou a retirarse do terreo de xogo durante uns minutos, Mar, que ata ese momento viña ocupando con éxito a zona lateral da defensa, foi situada polo cadro técnico que dirixe Marcial Prado na punta de ataque. A raza, o pundonor, a valentía e a velocidade, características que comparte co seu irmán Jose, convertiron a esta xoven xogadora na principal arma ofensiva, nun pesadelo continuo para as defensoras da S.C.D. Pontecaldelas. Nunha das súas galopadas, aproveitou un balón en longo, controlouno, acomodouno e colocouno a un lado da gardamallas rival. Este gol, que para moitas persoas non é máis ca unha anécdota, é para outras tantas un gol para a historia, por ser o primeiro que anota este conxunto de mozas futbolistas e que, por elo, debe quedar no recordo das xentes que formaron parte ou tiveron a sorte de presenciar ese gran e interesante proxecto que para esta temporada decidiu acometer a Xunta Directiva do Armenteira Club de Fútbol: a creación dun equipo de fútbol feminino.


domingo, 4 de setembro de 2016

Aceptable actuación do equipo feminino do Armenteira C.F. en Salcedo

O equipo feminino do Armenteira C.F. continúa coa súa progresión de cara a unha temporada que comezará en apenas dúas semanas. Ese notable avance volveu mostrarse no Torneo Feminino Fútbol-11. Fundación S.C.D. Salcedo, que se disputou este domingo no campo de O Casal. As rapazas que dirixen Marcial Prado e Iván Borrageiros tiveron que medirse no primeiro dos partidos á S.C.D. Salcedo. As locais apoderáronse dende o primeiro momento do dominio do balón ante un Armenteira C.F. que trataba de defenderse e buscaba con balóns longos a presenza dunha Ana Martínez  moi soa en ataque. As continuas aproximacións á meta defendida por Karla acabaron dando o seu froito para a S.C.D. Salcedo, que lograría introducir o balón no fondo das mallas ata en catro ocasións. No segundo encontro, as rapazas do cadro verdinegro amosaron unha clara melloría e conseguiron que o balón estivese en campo contrario durante boa parte do tempo. A lesión de Karla deu a oportunidade na portería á sempre activa Aless, que estivo moi acertada durante os minutos que exerceu como gardameta. O criterio na liña de creación de Naomi, que contou coa axuda neste partido Ana Martínez, permitiron reter unha posesión do balón que aínda se lle resiste ás de Marcial Prado. Pero sen dúbida a protagonista deste encontro foi Mar, primeiro polo susto que deu á numerosa e animada afección que se congregaba nas bancadas cando sufriu un esvaecemento e logo ao resolver de forma maxistral unha xogada na que recibiu un balón en profundidade. O gol de Mar, que quedará para o recordo como o primeiro da historia do equipo feminino do Armenteira C.F., é un dos moitos aspectos que fai que as esperanzas que os seguidores e seguidoras teñen depositadas neste grupo de mozas vai aumentando día a día.


Armenteira celebrou a I Marathon de Xogos Populares

A parroquia de A Armenteira viviu este sábado a I Marathon de Xogos Populares. A nova asociación veciñal que se atopa en constitución decidiu poñer en práctica este evento con diversas actividades para nenos e nenas e para adultos. Dende media mañá instalouse un hinchable na praza do mosteiro de Armenteira e, xa pola tarde, comezarou unha sesión de xogos populares. O xogo da mazá, o do ovo e a culler, a carreira de sacos, a pita cega con portería de fútbol ou o tiro de corda foron algunhas das actividades das que puideron disfrutar as numerosas persoas que se congregaron nas inmediacións desta praza. Pola noite o hinchable trasladouse ao campo da festa e a rapazada puido seguir pasando ao grande mentres a orquestra Xacobeo e o grupo M5 poñían o ritmo musical. O sorteo dun porquiño e a entrega do trofeo de campión do Torneo Triangular San Ero 2016 mantiveron a atención dos festeiros e festeiras ata altas horas da madrugada.







O equipo alevín do Armenteira C.F. proclámase campión do Torneo Triangular San Ero 2016

O equipo alevín do Armenteira C.F. logrou este sábado proclamarse campión do Torneo Triangular San Ero 2016. Os rapaces e rapazas que adestra Luis Barral tiveron que agardar ao resultado do partido entre o Vilalonga F.C. e o A.D. Arousa F-7 para coñecer o seu rival no segundo encontro do torneo. A vitoria dos de Sanxenxo por dous goles a un fixo que o cadro verdinegro tivese que medirse entón neste segundo partido aos vilagarciáns e no terceiro, a hipotética final, ao Vilalonga F.C. Fronte á A.D. Arousa F-7, os nenos e nenas que dirixe Luis Barral levaron dende o primeiro momento o control do xogo e esa superioridade culminouse nos tantos de Manu Meixús e Brais Santamaría, que conformaron o dous a cero final. A cita final, ante o Vilalonga F.C., presentou a mesma tónica ca o encontro anterior, aínda que o dominio dos locais non acababa de plasmarse no marcador. O gol de Javi ao culminar unha xogada desenvolvida pola banda dereita do Armenteira C.F., serviu para abrir o camiño aos que anotarían Íñigo e Adri, que puxeron o tres a cero final. Esta notable actuación deu o título de merecido campión á formación de O Leixo. O abundante público que se congregou no campo puido presenciar, nun ambiente amenizado pola música e os pinchos que non cesaban de saír da cantina, como Martín Casais, presidente do Armenteira C.F., Rubén Serén, representante da Comisión de Festas O Noso, e Cristina Gallo, unha das principais promotoras da nova asociación veciñal, entregaban os trofeos aos tres equipos que participaron neste torneo. A próxima fin de semana será o turno da competición de categoría infantil e o domingo da de categoría sénior feminina.






venres, 2 de setembro de 2016

Un partido amigable e un torneo agardan esta fin de semana aos equipos de fútbol base do Armenteira C.F.

Os equipos de fútbol base do Armenteira C.F. teñen esta fin de semana unha xornada máis de rodaxe de cara a unha temporada que comezará en apenas tres semanas.

O equipo infantil desprázase ata o campo de O Revel para medirse ao conxunto local, o Vilalonga F.C., un esixente rival que a pasada campaña militou na Primeira Categoría Infantil. O técnico verdinegro, Valentín Estévez "Tilín", que se presentará en O Revel cun plantel moi escaso e sen algunha das pezas claves, tratará de seguir coas probaturas para ir afinando o ritmo de preparación dun conxunto no que a Xunta Directiva e a afección do clube de O Leixo teñen depositadas moitas esperanzas.

Pola súa contra, o equipo alevín participará no Torneo Triangular de Fútbol-8, San Ero´2016, que se vai disputar no campo de O Leixo e no que competirán tamén o Vilalonga F.C. e a A.D. Arousa F-7. O cadro que esta temporada adestra Luis Barral comezará a súa participación a partires das 12 horas ante o perdedor do partido que disputarán os outros dous conxuntos presentes no evento. A partires das 12:30 medirase ao vencedor dese primeiro partido. O técnico local, que contará coa baixa de Álex Grigorio, intentará poñer en práctica o traballo técnico e táctico que está levando a cabo con este grupo de xóvenes futbolistas cos que agadar acadar importantes éxitos na campaña que se aproxima. Este evento supón unha aposta da renovada Xunta Directiva do Armenteira C.F. pola recuperación dunha tradición que se remonta máis de vinte anos atrás cando, co motivo coas festas da parroquia, se disputaban torneos nos que participaban os nenos e nenas da parroquia, pero tamén equipos adultos, nos cales se repartían trofeos que eran entregados no palco pola noite durante a verbena musical.


xoves, 1 de setembro de 2016

Armenteira acolle este sábado a I Marathon de Xogos Populares

Os veciños e veciñas da Armenteira, reunidos en torno a nova asociación que se atopa en proceso de constitución, decidiron poñer en práctica este ano a I Marathon de Xogos Populares. O evento inclúese dentro do programa de festas de verán que se van celebrar na parroquia, e constará de varias actividades dirixidas tanto a nenos e nenas como a adultos. O sábado 3 de setembro, a partires das 13 horas, instalarase un hinchable na praza do mosteiro de Armenteira, que continuará nesta ubicación ata as 21 horas, onde pola tarde aquelas persoas que o desexen poderán anotarse de maneira gratuita nun amplo elenco de xogos populares. Pola noite, as actividades continuarán no campo da festa, ao que será trasladado o hinchable, compartindo espazo coa actuación da orquestra Xacobeo e o Grupo M5.  A organización estableceu uns prezos simbólicos para facilitar o uso do hinchable por parte da rapazada, que se estableceu en 5€, para a xornada completa, e en 2,5€ no caso da xornada reducida, é dicir, cando unicamente se acceda ao hinchable pola mañá, pola tarde ou pola noite. Estas actividades festivas volverán repetirse o sábado día 10.


O Armenteira C.F. pon en marcha o Torneo Triangular San Ero´2016 de categoría alevín

O Armenteira C.F. quere recuperar unha vella tradición, que se remonta aos anos nos aínda non fora fundada a entidade. Por aquel entón, co motivo das festas da parroquia, era frecuente que combinados de nenos de A Armenteira se enfrontasen a equipos de nenos doutras parroquias, ou que, no caso dos adultos, houbese partidos entre os veciños dos lugares situados ao sur do mosteiro cos situados ao sur, ou os típicos encontros entre solteiros e casados. Estes eventos volvéronse repetir de maneira esporádica despois da fundación do clube, pero agora a renovada Xunta Directiva do Armenteira C.F. pretende darlle un pulo e convertila nunha das citas máis relevantes do panorama futbolístico comarcal. Por elo, neste pretemporada decidiron organizar dous triangulares, de categoría alevín e infantil, e un partido entre o recén formado equipo feminino e o do C. Xuventude Cambados. Para iniciar esta serie de campionatos, este sábado, a partires das 11:30, disputarase o Torneo San Ero´2016 de categoría alevín, na modalidade de fútbol-8, na que ademais do clube anfitrión, participarán o Vilalonga F.C. e o A.D. Arousa F-7. O primeiro encontro terá lugar precisamente entre os dous conxuntos visitantes, tras o cal, o que resulte perdedor neste partido se medirá no segundo partido ao Armenteira C.F., mentres que o gañador o fará no terceiro partido. Será o estreno da escadra que para esta temporada dirixirá Luis Barral, un técnico de recoñecido prestixio a fútbol da contorna, e que esta temporada recalou na entidade de O Leixo. Ao rematar os encontros realizarase a entrega de trofeos para os tres equipos participantes. A Xunta Directiva amenizará o evento con música e pinchos que se distribuirán entre o numeroso público que se agarda que asista a disfrutar do ambiente da actuación destes xóvenes futbolistas.