Buscar neste blog

domingo, 31 de decembro de 2017

Un ano marcado pola seca e polos fenónemos meteorolóxicos adversos

Finalmente, no referente aos sucesos o ano 2018 tamén deixou pegada en A Armenteira. O paso do temporal Kurt, que causou importantes estragos especialmentes nos lugares de A Lomba e Cabeza de Boi, e que mantivo sen suministro eléctrico á parte da parroquia durante varios días foi o primeira manifestación duns elementos naturais que estiveron particularmente hostís durante o ano. A seca, cos prexuízos que provoca para as actividades agrícolas, unha das bases da econonomía da parroquia, e que de proseguir ameaza o abastecemento de auga da parroquia foi unha determinante e presente durante todo este ano. Só a ansiada presenza de chuvias pode aliviar este problema que pode traer graves consecuencias. A seca e os elementos meteorolóxicos adversos, en conxunción do denominado terrorismo incendio, produciron os incendios. Tremendamente dramática foi a noite do 15 de outubro, cando o lume, avivado por un forte forte, devoraba os arredores, os galpóns e cercaba os fogares nos lugares de Fofán, Castiñeira, Gondes, As Pereiras e Cabeza de Boi. A rexeneración dos montes xa está en marcha mentres os colectivos veciñais e os grupos de protección do medio ambiente demanda un cambio nas políticas forestais e de prevención dunha lacra que cada pouco tempo aparece para atemorizar ás unhas xentes para as que o patrimonio forestal é un medio entre o que vivir e do que poder vivir.

En canto aos sucesos foi tamén significativo e ocupou espazos dos medios de comunicación a espectacular operación contra o tráfico de drogas que desarticulou unha organización adicada ao tráfico de estupefaccientes que agochaba que ocultaba os alixos nunha luxosa contrución situada no lugar de O Busto.

Un ano de eventos e éxitos deportivos

No ámbito deportivo o ano 2018 non foi menos intenso. O Armenteira C.F. continuou coa súa progresión, medrando en número de licenzas e participando nas principais competicións a nivel provincial e autonómico. Destacaron os éxitos deportivos acadados polo equipo alevín durante a temporada 2016/2017, co subcampionato de liga na segunda fase da Segunda autonómica alevín, ou co campionato na fase de consolación no Torneo C.D. Ribadumia, dous logros históricos e tremendamente meritorios para un clube tan humilde e modesto como o Armenteira C.F. O clube de O Leixo consolidou tamén a súa aposta polo fútbol feminino, co segundo proxecto do equipo sénior feminino, reforzado e cunha mellora e un salto de calidade cada vez máis notable, como se está demostrando no inicio da temporada 2017/2018. A creación dun equipo xuvenil, froito dun acordo cunha entidade veciña, o Umia C.F., é outro dos desafío que afronta o clube que preside Martín Casais, que na actualidade con cinco equipos participando nas competicións organizadas pola Real Federación Galega de Fútbol. Nestas competicións tamén particicipou o Armenteira Veteranos, que segue mantendo o tipo na Segunda Galicia de Veteranos, cunha das mellores xeracións de futbolistas que deu a parroquia e coa figura de Jorge Castro como goleador e gran referencia do equipo. 

En canto a eventos deportivos o Armenteira C.F. seguiu promocionando o deporte con torneos como os celebrados durante as festas de verán, o Trofeo San Ero e o Trofeo Divina Pastora, pero sobresaiu sobre todo a I COPA ARMENTEIRA. Torneo Concello de Meis, unha competición de categoría sénior feminina, na modalidade de fútbol-7, que acadou un notable éxito de organización e de público e que nesta primeira edición tivo como gañador á S.D. Noalla. Emotiva foi a celebración do I Memorial Chicho, un acto a través do cal o Armenteira Veteranos lembrou a Javier Martínez "Chicho", falecido en novembro de 2016, e ao que os seus compañeiros de equipo e todas as persoas que o coñecían xamais esquecerán.

Noutras disciplinas deportivas a actividade tampouco cesou. O campo de golf Monte Castrove sufriu un relevo na súa xerencia, o que supuxo un impulso e unha revitalización da entidade, como se demostrou coa realización de varios torneos e co achegamento deste deporte aos colexios de Galicia. No mundo do ciclismo Armenteiraepunto non deixou de rodar polas estradas da comarca, ou incluso doutras partes de Galicia ou España. As xestas de Monso Villanueva serviron para captar aínda máis adeptos a esta modalidade que cada día ten máis éxito. Éxito tamén ten as actividades organizadas polo TECOR Armenteira, tanto nos montes da parroquias como nas batidas que teñen lugar en outras zonas. O paixón por este deporte e o bo ambiente sempre reinan este grupo de cazadores, que non dubidan en demostralo cando colgan a escopeta ao lombo ou cando sentan nunha mesa para compartir experiencias.



Un ano máis para a devoción e o compromiso a través da fe

A nivel relixioso o 2018 foi un ano no que A Armenteira se consolidou como a capital espiritual de O Salnés. A asistencia aos oficios relixiosos continou sendo numerosa, especialmente durante as principais celebracións sacramentais e durante a Semana Santa, na que as misas e procesións na honra da Virxe das Cabezas e da Virxe dos Dolores, congregaron a cantidade de devotos que buscar remedio aos seus males ou simplemente profesar a súa fe, nun lugar que non perde tampouco o nivel de atracción neste ámbito. As vodas volveron encher de glamour e elegancia a igrexa e o entorno do mosteiro cisterciense, sobre todo nas datas de verán, na que axenda nupcial do párroco Don Ramón Fernández é unha das máis apretadas de Galicia.


Un ano para a lembranza e a recuperación da cultura

No ámbito da cultura e a educación o 2017 foi un ano no que A Armenteira deu tamén que falar. A figura de Leopoldo Nóvoa, o pintor elixiu a nosa parroquia como residencia e como lugar de creación dunha obra pictórica recoñecida e que este ano foi obxecto de varias exposicións. En Ourense ou en Vigo lembraron a este home ao que A Armenteira, as institucións e os colectivos da parroquia deben unha homenaxe por situar o nome da parroquia nun lugar privilexiado no mundo da arte e da cultura. Foi importante ademais neste campo a labor desempeñada polo C.E.I.P. de Armenteira. A promoción e a recuperación da cultura popular centraron unha parte do traballo dun equipo docente que realiza unha labor encomiable na formación das xentes máis novas da parroquia e que se esforza en manter un nivel de matriculación que alonxe a ameaza de peche que, de non mudar a tendencia, podería ser efectiva en non moitos anos. As tarefas da esfollada ou a rehabilitación das xaneiras ou cantares de reis, cos que percorreron os recunchos da parroquia, son dous dos mellores exemplos da dedicación e empeño que se pon dende o que é o colexio de todos e co que todos os veciños e veciñas se deben sentir identificados.


Un ano no que a festa non volveu parar

A nivel festivo o 2018 volveu ser un ano intenso. Abriu o panorama de festexos o San Antonio, coas súas tradicionais poxas. Na Semana Semana A Armenteira convertiuse un ano máis no centro de reunión para devotos e festeiros. O bo tempo e o atractivo que representa cada vez máis a Ruta da Pedra e da Auga achegaron a multitude de persoas, que puideron disfrutar da variedade de eventos e actividades e do extenso programa de oficios relixiosos. Xa en maio, o San Xosé Obreiro vestiu de festa os lugares de Gondes, As Pereiras e Cabeza de Boi, nunha celebración que mantén a pesares das dificultades que coas que se atopan este tipo de eventos para seguir sobrevivindo nestes tempos. As festas do verán tiveron que lidiar este ano co inicio temperán das tarefas da vendima, que restaron afluencia, especialmente no caso da celebración na honra da Divina Pastora. Para rematar o ano Silván e o seu San Nicolao tomaron o relevo nesta prolongada quenda de festexos. De novo os devotos e os fieis á música e á diversión desafiaron o frío de decembro e acudiron a este lugar a cabalo entre as parroquias de A Armenteira e San Salvador de Meis. En canto a outro tipo de eventos, o Armenteira Jazz trouxo a mediados de agosto a afeccionados e afeccionadas a este estilo musical e a xentes desexosas de disfrutar das melodías musicais nun entorno tan privilexiado como o entorno do mosteiro cisterciense. E foi ademais o ano no que o San Xoán volveu eclosionar. A segtunda edición deste festezo organizado pola Asociciación de Veciños e Veciñas de A Armenteira, quizais non tan multitudinaria ca a primeira, pero cunha organización máis rigorosa, fixo da nosa parroquia un dos principais centros neurálxicos da festa na que se considera a noite máis máxica do ano.



A emerxencia do movemento social

A nivel social no ano 2017 púxose en marcha oficialmente a Asociación de Veciños e Veciñas de A Armenteira. Coa presentación ante a veciñanza e superados os trámites administrativos a entidade comezou a exercer a súa función de representante das xentes da parroquia ante as administracións públicas e de dinamizadora a nivel social e cultural na parroquia. Canalizou parte das demandas veciñais, logrando darlle solución, e está en desenvolvemento o seu programa de cursos e charlas. O curso de pilates, o de baile, ou as charlas e obradoiros sobre a vespa velutina, a lectura da factura eléctrica, a horta ecolóxica ou a elaboración de xabón permitiron e permiten que veciños e veciñas poidan xuntarse, divertirse e descubrir e coñecer aspectos que son de gran interese. Pero, sen dúbida, o seu gran logro foi a celebración por segundo ano consecutivo da noite do San Xoán, aínda que este evento xa corresponde ao ámbito festivo.





O ano da consolidación das iniciativas emprendedoras

No que á economía se refire o 2017 foi un ano caracterizado pola relativa estabilidade na C.M.V.M.C. Chan da Fonte. As propostas da xunta rectora presidida por Serafín Melón lograron un amplo respaldo nas Asembleas. Asimesmo levouse a cabo a curta libre de acacias e continuáronse coas xestións para equilibrar as contas e os trámites para acceder a axudas para poñer en valor os recursos cos que conta esta entidade. Un novo relevo na xerencia do Café Bar O Comercio foi outro dos temas deste ámbito que acaparou as conversas dos veciños, ao igual que a celebración do 25 aniversario da creación de Marta Martínez Peluquería y Estética, un negocio que un dos grandes referentes do seu sector sector na comarca. Consolidáronse algunhas das iniciativas máis innovadoras das que existen na parroquia. Made in Fofán, un negocio que explora nas posibidades no agroturismo, seguiu converténdose nun referente no aproveitamento dos recursos da zona e atraendo a atención dos medios de comunicación polas súas orixinais e chamativas ideas. Mónica Novas, a xerente deste establecemento, xunto con María Carramal, outra emprendedora e veciña da parroquia, decidiron asumir un papel relevante no tecido asociativo e empresarial a nivel municipal, formando parte da directiva da asociación de comerciantes que se creou este ano no concello de Meis. 



Un ano de polémicas e reivindicacións satisfeitas

O 2017 foi un ano cargado de acontecementos a nivel político para a parroquia de A Armenteira. Volveu estar marcado polas aparicións na parroquia do presidente do Goberno Mariano Rajoy, que, aínda que de maneira máis esporádica que en anos anterios, deixouse ver nas camiñatas habituais pola Ruta da Pedra e da Auga, finalizando co tradicional almorzo no entorno do mosteiro cisterciense. Neste ámbito tiveron tamén importancia o remate das obras do albergue de peregrinos, na pranta baixa da Casa de Cultura, e o amaño dun perigoso barranco nunha curva de entrada ao lugar de Silván ou do asfalto da curva do lugar de A Lomba, nas proximidades da autovía do Salnés, dúas demandas veciñais que supoñían un serio perigo para a seguridade viaria. A polémica en torno á licenza de concesión do bar situado na Ruta da Pedra e da Auga, con acusacións nos plenos municipais e denuncias xudiciais, que afectaron incluso ao grupo de goberno do Partido Popular e ao propio alcalde José Luis Pérez Estévez, foi outro dos temas máis candentes durante o ano. Polémica tampouco faltou coa reordenación do tráfico no entorno do mosteiro cisterciense. A esixencia de veciños e visitantes de establecer unhas novas normas de circulación e estacionamento na zona foi atendida pola Deputación Provincial de Pontevedra, aínda que as decisións adoptadas non acabaron de convencer a todos, especialmente a prohibición de estacionamento na praza de Vilar, a que se localiza entre os dous locais de hostalaría. Este lugar e este entorno foron ademais obxecto de queixas debido ao descoido e á falta de atención e limpeza por parte das autoridades políticas, que chegou a ser especialmente grave nos meses de verán, presisamente cando a afluencia de visitantes era maior. A petición de sinaturas para traer unha ITV móbil para vehículos agrícolas por parte de Daniel Otero ou o amaño do parque infantil que se atopa nas proximidades do colexio público foron outras noticias deste ámbito que ocuparon as conversas das xentes durante 2017.



mércores, 27 de decembro de 2017

O Armenteira C.F. anuncia o salto á competición dun equipo sénior para a próxima temporada

O equipo sénior do Armenteira C.F. que sairá á competición na temporada 2018/2019 comeza a dar os primeiros pasos. Tras a preceptiva inscrición no rexistro da Real Federación Galega de Fútbol, que se fixo oficial estes días, o clube verdinegro, prepara xa o deseño dun plantel que, a pesares da modestia e a humildade que sempre caractizan á entidade, partirá con importantes ambicións. Un acordo coa Federación outorgará ao Armenteira C.F. a condición de clube federativo, o que lle permitirá disfrutar dunha serie de vantaxes e privilexios respecto doutros clubes, entre os cales estará o apoio administrativo, político pero tamén económico da institución que preside o ribadumiense Rafael Louzán e que permitirá que as instalacións que utiliza habitualmente o Armenteira C.F. sufran unha mellora substancial durante os próximos anos. Ao apoio institucional súmase o de varias e destacadas casas comerciais que se encargarán de facer unha notable aportación económica para impulsar este novo proxecto  Entre esas empresas estarán algunhas das que xa veñen colaborando coa entidade nos últimos anos, como é o caso dun dos máis coñecidos negocios de ocio nocturno que existe no concello de Meis e que se postula como o principal patrocinador do equipo. Con estas cuantiosas aportacións a Xunta Directiva que encabeza Martín Casais ten decidido realizar un forte investimento no plantel de xogadores. A loita polo ascenso de categoría será xa  o obxectivo na primeira temporada, e, para elo, os futbolistas contarán cunha asignación económica mensual que sirva para motivalos e para atraer a aqueles máis cotizados no mercado futbolístico local. Como sinala un dirixente da entidade “o proxecto do equipo sénior será a culminación a duros anos de traballo no fútbol base. A creación dun equipo sénior feminino na temporada 2016/2017, dun equipo xuvenil na temporada 2017/2018, non eran máis que os pasos previos á volta á competición dun equipo sénior do Armenteira C.F. nove anos despois. A próxima temporada volveremos ver a camisola verdinegra polos campos da Terceira Galicia, pero as nosas miras están postas en que nun horizonte non moi lonxano poidamos estar competindo na Terceira División”. Son varios os nomes que soan para formar parte do plantel. A intención dos dirixentes do clube é contar con algúns dos compoñentes do actual equipo xuvenil, para potenciar desta maneira o traballo de canteira, aínda que tamén se fala dalgún futbolista que milita no Armenteira Veteranos ou dalgunha fichaxe de renome que esta temporada está competindo en categorías dun nivel superior ao da Terceira Galicia. O nome do inquilino do banquillo segue sendo unha incógnita. Jonathan Crespo, un home da casa, ligado dende fai varias temporadas ao clube figura en moitas quinielas. O mesmo ocorre con Valentín Estévez "Tilín", actual responsable do equipo xuvenil, ao que ao mesmo tempo parece reservarse o papel de capitán e enlace entre a dirección deportiva, o corpo técnico e o plantel de xogadores, na que sería a última etapa como futbolista do de San Tomé antes de colgar definitivamente as botas. "Dende que comezaron a saír os primeiros rumores e despois cando a prensa se encargou de difundir a noticia é normal que xurdisen as especulacións. Agora que o anuncio é oficial temos que tantear o mercado, ter contactos formais e planificar seriamente o proxecto. Tendo en conta as condicións coas que partimos resultará difícil que se poidan resistir ás ofertas que o Armenteira C.F. lles vaia realizar" afirmou o dirixente da entidade.


Gogós, streapers e showgirls para recibir o ano en A Armenteira

Este ano A Armenteira recibirá o ano dunha forma especial. Por iniciativa de  varios colectivos veciñais un gran espectáculo musical, cun forte compoñente erótico-festivo, inundará os arredores do famoso mosteiro cisterciense na noite o 1 de xaneiro a partires da unha da madrugada. Á pasarela situada na denominada Praza de Vilar, entre os locais de hostalaría que existen na zona, subirán gogós, streapers ou showgirles para facer as delicias das numerosas persoas que se agardan que asistan a dar a benvida ao 2018 dunha maneira tan chamativa, aínda que de seguro non estará exenta de polémica. Segundo sinalan dende as asociacións veciñais, as comisións de festas, as comunidades de montes ou os clubes deportivos que están detrás da organización do evento o que se pretende é que a xente, sexan veciños ou non, poidan gozar dun espectáculo que moi poucas veces se pode contemplan en lugares coma este. Ante a polémica que posiblemente se suscite os organizadores optaron por manter o segredo e mesmo ocultarllo aos outros membros das asociacións ás que pertencen, agardando a que chegase o momento do anuncio oficial. A entrada será totalmente gratuíta e sen límite de idade, aínda que se colocarán uns petos á entrada do recinto e se pasará unha bandexa ao final de cada actuación para financiar o custo dunhas actuacións que, como é de imaxinar, teñen un alto montante económico. O colofón a tan animada cerimonia virá da man dun gran  streap-tease e dunha impresionante tirada de foguetes para goce daqueles festeiros que manteñan o ritmo no corpo á primeira hora da mañá, ao que seguirá unha caravana que percorrerá a parroquia paseando aos artistas e a aquelas persoas que se unan e que rematará co regreso ao recinto festivo coincindo co inicio dos oficios relixiosos que terán lugar para recibir ao novo ano.


luns, 25 de decembro de 2017

Unha xuntanza cun aire innovador

A xuntanza deste ano do Armenteira C.F. destacou sobre todo polo seu aire innovador. Innovador pero respectuoso cunha tradición que se remonta aos inicios da andadura do clube, cando Julio Serén e o mítico Barreiras estaban á fronte dun ilusionado grupo de rapaces da parroquia e dos arredores. Entre as innovacións que decidiu poñer en práctica a Xunta Directiva que encabeza Martín Casais estivo a ubicación do acto: as instalacións do campo de O Leixo. Como sinala o propio Martín Casais "dispoñemos dun espazo amplo e moi axeitado para estas actividades no campo de O Leixo. Como xa se demostrou coa celebración da I COPA ARMENTEIRA se o bo tempo acompaña estas instalacións reúnen as condicións idóneas para eventos tanto deportivos como sociais. Temos o problema da falta de medios, aínda que o suplimos con moito traballo e imaxinación. Pouco a pouco imos collendo experiencia na realización deste tipo de actos, e considero, sen lugar a dúbidas, que nesta ocasión, ao igual ca nas anteriores, o solventamos con éxito". Outro representante da Xunta Directiva, Jorge Dávila, fixo mención a outra das novidades deste ano, o novo formato da sesión fotográfica oficial. "Este ano decidimos fusionar a sesión que fotografías oficiais coa xuntanza de Nadal. Son xa dúas tradicións moi arraigadas na historia do noso clube, e o feito de celebrarlas conxuntamente permítennos unificar esforzos, reducir gastos e darlle un impulso tanto a un como ao outro evento. Este ano tivemos de novo o placer de contar coa colaboración de Zainat Fotografía, o que lle da un carácter máis profesional a este apartado. O que foi unha mágoa é que non todos puidesen asistir", laiándose da ausencia dalgún dos compoñentes do plantel de xogadores e de Valentín Estévez "Tilín", adestrador do equipo xuvenil, que non puido acudir por un problema de índole familiar. Ademais quixo facer referencia ao lugar escollido para a realización das instantáneas. "Escollemos área traseira das bancadas, a carón da zona de aparcamento, para aproveitar a magnífica panorámica coa ría de Arousa ao fondo, unhas vistas e un marco do que poucos poden presumir". Tino Melón, outro representante da Xunta Directiva detívose noutro dos aspectos máis relevantes deste tipo de xuntanzas. "Sempre prestamos moita atención ao apartado gastronómico. Neste caso apostamos por un picoteo con produtos da terra. Houbo mexillóns, callos, paella, tortilla, canapés e doces e aperitivos. A xulgar polos comentarios dos asistentes eu creo que a xente marchou contenta e con bo sabor de boca". Jonathan Crespo, adestrador do equipo benxamín, e responsable técnico de trazar as liñas de formación no fútbol base da entidade fixo fincapé no aspecto deportivo. "Foi unha oportunidade para que os nosos xogadores e xogadoras se xuntasen e compartisen uns momentos en común, algo que non sempre é fácil, porque aínda que militan no mesmo clube non sempre se da a ocasión para que coincidan. Ademais puideron lucir a equipación oficial, como se dun partido se tratase, e disputar unha pachanga na que benxamíns, alevíns, infantís, xuvenís ou xogadoras do equipo feminino participaron". Por último, Miro Guzmán, afeccionado fiel e un dos principais patrocinadores cos que conta o clube, resaltou o carácter familiar e o ambiente que se viviu no acto. "É moi importante realizar este tipo de actos. Ver como os xogadores e xogadoras dos distintos equipos e as xentes do Armenteira C.F. se xuntan nunha ocasión deste tipo faime sentir moi orgulloso de pertencer a esta entidade. Antes de estar aquí estiven noutros clubes e podo asegurar que o ambiente, a forma de ver o fútbol e, sobre todo, o trato que se da no Armenteira C.F. é especial e único".

















sábado, 23 de decembro de 2017

O Armenteira C.F. prevé reunir a máis dun centenar de persoas na súa xuntanza de Nadal

O Armenteira C.F. prevé reunir a máis dun centenar de persoas na xuntanza de Nadal que celebra este domingo 24 de decembro nas instalacións do campo de O Leixo. O acto, que se desenvolverá a partires das 11:00 horas constará de varias partes, entre as que destacan a realización da sesión fotográfica oficial para a temporada 2017/2018, unha serie de partidiños entre representantes do corpo técnico, da Xunta Directiva e do plantel de xogadores e xogadoras e un picoteo no que non faltarán as coñecidas delicias gastronómicas que en forma de pinchos e aperitivos se soen servir nun campo de O Leixo ao que a maior parte dos afeccionados e afeccionadas ao fútbol comezan a valorar non só como un escenario deportivo senón tamén como un templo do bon comer. Por segundo ano consecutivo Zainat Fotografía encargarase de dirixir a sesión fotográfica, pola que desfilarán os máis de oitenta xogadores e xogadoras cos que conta a entidade de O Leixo. O equipo benxamín, o equipo alevín, o equipo infantil, o equipo xuvenil, o equipo sénior feminino, a Xunta Directiva e unha fotografía conxunta posarán ante a camára deste profesional da fotografía. E todo ela estará amenizado por unha ambientación musical a ritmo de panxoliñas e dos éxitos do momento. Por este motivo dende a Xunta Directiva convidan a todas aquelas personas vinculadas dunha ou doutra maneira co Armenteira C.F. a asistir a unha xuntanza coa que pretenden conservar unha tradición que se remonta aos inicios da andadura do clube. Entre os asistentes prevese que estean representantes das principais organizacións sociais da parroquia, dos partidos políticos e das institucións do concello de Meis e do Umia C.F., clube co que a entidade que preside Martín Casais estableceu un importante acordo de colaboración na presente campaña.


Triunfo do Armenteira C.F. xuvenil para romper case dous meses de mala racha

FICHA TÉCNICA
ARMENTEIRA C.F. - MORAÑA C.F. - 4 - 1
ARMENTEIRA C.F.: Marin; Gabriel, André, Fari, Diego Berreco, Valo; Dimitar, Jona, Mathias, Adrián Castro; Alberto. Tamén xogaron Sergio García, Hilias, Roberto Torres e David Piñeiro.
GOLES: 1-0. Minuto 3. Mathias. 2-0- Minuto 9. Adrián Castro. 3-0. Minuto 20. Dimitar. 4-0. Minuto 75. Alberto. 4-1. Minuto 87. Marcos Vega.
ÁRBITRO: Santiago Blanco. Mostrou cartóns amarelos a Mathias por parte do Armenteira C.F. e a Marcos Vega por parte do Moraña C.F.
INCENDENCIAS: Partido da décimo cuarta xornada da Segunda Xuvenil, Grupo 9, disputado no campo de A Bouza, en Barrantes, ante preto de corenta espectadores, nunha tarde fresca e soleada e sobre un céspede artificial en óptimas condicións.

CRÓNICA
O equipo xuvenil do Armenteira C.F. volveu atoparse co triunfo no partido disputado na tarde deste sábado ante o Moraña C.F. Poucos lembraban a última vitoria, que databa do 29 de outubro, e fora tras un memorable encontro en Pombal ante o C. Juventud Cambados "B". Dende entón o cadro que adestra Valentín Estévez "Tilín" encadeou unha racha negativa na que só conseguiu puntuar ante o Meaño F.C. nun intenso e polémico partido que rematou con empate a tres goles. No caso deste sábado tratouse dunha vitoria cómoda, sustentada na efectivade ante a portería contraria non primeiros minutos e na superioridade que mostrou o conxunto verdinegro á hora de resolver nunha e noutra área. O encargado de inaugurar o marcador sería Mathias, ao conectar unha espléndida cabezada dentro da área rival. Escasos minutos despois un disparo raso de Adrián Castro dende o borde da área colaríase á esquerda do meta visitante José Senín. O propio Adrián protagonizaría o terceiro tanto, ao realizar unha xogada individual polo costado esquerdo e e dar unha magnífica asistencia a Dimitar, que só tivo que empurrar o balón ao fondo das mallas morañesas. No segundo período a situación case non variou. O Armenteira C.F. era superior, pero seguía movéndose no medio dunha relativa desorde e abusaba excesivamente do fútbol directo e dos balóns aéreos. A calidade de Mathias na zona de creación e a omnipresenza de Adrián Castro, bullicioso e loitador como de costume, guiaban a un conxunto verdinegro que apenas pasaba apuros ante un rival que trataba de combinar e xogar o coiro con criterio, pero ao que non lle quedaba máis remedio que irse resignando a medida que transcurrían os minutos. Poucos apuros pasaría a meta que nesa parte do encontro defenderon de forma sucesiva Marin e Roberto Torres. Un contragolpe que rematou cun balón en profundidade cara a Alberto, e no que o atacante de Vilariño non fallou no man a man ante o gardamallas adversario poría o catro a cero. Coa relaxación que permitía a vantaxe no electrónico de A Bouza o Moraña C.F. aproveitou para poñer a proba o sistema defensivo do cadro que dirixe Valentín Estévez "Tilín". Un lanzamento dende o borde da área de Marcos Vega sorprendía a Roberto Torres e colábase pegado ao pau esquerda da súa portería para outorgar o gol da honra aos das terras altas do Umia. Con este triunfo o Armenteira C.F. sitúase na décima posición con dezasete puntos. A próxima cita será xa no 2018, o 13 ou 14 de xaneiro ante no campo de O Revel ante un dos equipos máis potentes do grupo, o Vilalonga F.C., quinto clasificado con vintecatro puntos.




venres, 22 de decembro de 2017

O Café Bar O´Comercio reúne á súa clientela para celebrar o Nadal

O Café Bar O´Comercio reuniu este venres 22 de decembro a boa parte da súa clientela habitual nunha cea de Nadal que contou coa presenza de máis de 50 comensais. A iniciativa partiu de Javier, que dende o pasado mes de xuño rexenta este establecemento, un dos máis emblemáticos e coñecidos da parroquia de A Armenteira e da contorna. Tras varios anos no mundo da hostalalaría este veciño de Saiar, en Caldas de Reis, decidiu tomar o relevo de Serafín Melón e porse á fronte deste negocio. A súa profesionalidade, así como a súa calidade humana e o seu carácter afable axiña calaron e se gañaron o aprezo da clientela. Como agasallo a esta fidelidade a xerencia do local organizou este ano un banquete que conseguiu xuntar en torno a unha mesa a todas aquelas persoas que acuden ao Café Bar O´Comercio con relativa frecuencia, pero que na maior parte dos casos e por diversos motivos non acaban coincidindo e compartindo os momentos dos cafés, das copas ou dos afamados pinchos que alí se serven. Deste xeito, a idea de Javi permitiu que os asistentes puidesen reunirse e poñer en común historias, anécdotas e risas e enconmendarse á sorte que non deparou o Sorteo Extraordinario de Nadal mercando os boletos da Lotería Nacional que o Armenteira Club de Fútbol pon á venda para a próxima cita coa fortuna, a do 6 de xaneiro de 2018, e que foron adquiridos cun éxito máis ca notable, esgotando practicamente as existencias das que dispoñían.


domingo, 17 de decembro de 2017

O Armenteira Veteranos atópase de novo a vitoria en A Estrada

FICHA TÉCNICA
A ESTRADA VETERANOS - ARMENTEIRA VETERANOS - 0 - 2
ARMENTEIRA VETERANOS: Jose Outón; Jorge Dávila, Óscar Muñiz, Óscar Barreiro, Portas; Marcial, Carlos, Joserra, Marcos; Manueliño e Jorge Castro. Tamén xogaron Martín e Joseíño.
GOLES: 0-1. Minuto 81. Jorge Castro, de penalti. 0-2. Minuto 89. Marcial
ÁRBITRO: Argibay Suárez. Mostrou cartóns amarelos a Javier Álvarez e Pablo Bernárdez por parte do A Estrada Veteranos e a Marcos e a Portas polo Armenteira Veteranos.
INCIDENCIAS: Partido da decimo cuarta xornada da Segunda Galicia de Veteranos, Grupo 2, disputado no campo Municipal Manuel Regueiro de A Estrada ante apenas cinco espectadores, nunha tarde fría e sobre un terreo de xogo cun céspede artificial excesivamente gastado.

CRÓNICA
O Armenteira Veteranos volveu este sábado a lograr un triunfo tras cinco xornadas sen facelo. Daquela fora ante a A.C.D. Monte Xesteiras. Uzal Seguros no campo de A Ran, en Cuntis. Desta volta foi ante o A Estrada Veteranos, nun campo que ten resonancias históricas para o fútbol de A Armenteira, xa que alí foi onde o equipo sénior feminino do Armenteira C.F. logrou a pasada temporada a primeira vitoria da súa curta existencia. En canto ao partido deste sábado, pouca historia tivo no que a fúbol se refire. O Armenteira Veteranos saiu frío, desconectado e con moitas dúbidas. Quizais a elo puido contribuír o horario do partido, as 16:00 horas, que apenas deu tempo a comer aos xogadores do clube verdinero que fixeron a súa chegada ás instalacións deportivas da terra de Tabeirós minutos antes de comezar o encontro. De feito, cando faltaban 15 minutos, só contaban coa presenza de dous compoñentes do equipo. A primeira metade caracterizouse polo pobre espectáculo futbolístico. Os locais trataban de elaborar, pero non eran quen de crear demasiado perigo ante a meta defendida por Jose Outón. Só os despistes defensivos dos de A Armenteira, principalmente á hora de tirar a liña do fora de xogo, deron algo de chance aos estradenses. Tampouco o Armenteira Veteranos se deixaba ver con frecuencia polas inmediacións da meta dos de A Estrada. Algunha acometida de Manueliño ou Jorge Castro e, sobre todo, un despexe dun defensor local que o porteiro evitou que se introducise pola escadra da súa propia portería foron as accións máis destacables dos visitantes nesta parte do partido. No segundo período o Armenteira Veteranos xa se moveu con máis comodidade. O xogo desenvolvíase principalmente na zona do campo defendida polos de A Estrada e as aparicións de Jorge Castro en ataque eran cada vez máis habituais. Pero non faltou algún susto, como nun balón perdido na zona dereita da defensa verdinegra, que deu lugar a un rápido contragolpe conducido con gran velocidade por Juan Rodríguez, que se atopou coa saída dun Jose Outón moi acertado nesta ocasión. Un erro do meta local Daniel Prieto, ao intentar xogar co pé un balón na zona esquerda do córner, permitiu que Jorge Castro recuperase o coiro e o cedese a Manueliño, que disparou, pero as mans dun defensor local impediron o gol. O penalti decretado polo colexiado foi transformado por Jorge Castro, permitiron que o seu equipo vivise con tranquilidade os minutos restantes. Aínda houbo tempo a que o Armenteira Veteranos mantense na undécima posición, con once puntos. A próxima cita será xa no 2018, o 13 de xaneiro ante o Sisán Veteranos, sétimo clasificado con 21 puntos.



















martes, 12 de decembro de 2017

A capital do xabón

Quen teña uns coñecementos básicos de química saberá que o xabón é un produto que se elabora a partires dunha reacción química entre hidróxido de sodio ou hidróxido de potasio e algún ácido graxo, que pode ser graxa de porco, aceite de coco, aceite de oliva ou ben glicerina. Utilizado xeralmente para hixiene persoal pero tamén para o lavado de determinados obxectos ou para decorar pódese atopar en forma de pastillas, po ou cremas. Pois este produto tan útil e necesario na vida diaria das persoas ten dende fai uns anos en A Armenteira un lugar de referencia en canto á súa produción. As monxas do famoso mosteiro cisterciense que existe na parroquia elaboran de forma artesanal varios tipos de xabóns que en pouco tempo acadaron un elevado prestixio e recoñecemento no mercado. As camelias, as castañas, os eucaliptos, o mel ou as prantas de xardín, case todas elas recollidas nos arredores da espléndida paraxe na que se sitúa o cenobio, serven de materia prima para a elaboración deste demandado produto. Nas instalacións da pequena fábrica recementemente construída nas dependencias do mosteiro a comunidade de relixiosas encárgase de realizar un traballo en equipo perfectamente organizado e no que a cada unha corresponde unha función. Unhas ocúpanse do deseño, outras da elaboración, outras do etiquetado, outras da montaxe das caixas... Toda unha serie de tarefas para que nada falte nun produto no que prima o carácter artesanal pero que non é alleo ás modernas técnicas de venda e mercadotecnia, xa que ademais de adquirilo na tenda que alberga o conxunto monacal tamén se promociona e é posible a compra a través de internet. Pois esa tradición que pouco a pouco se está impoñendo en A Armenteira, aproveitando os innumerables recursos que neste sentido ten a parroquia e o entorno pode converterse nunha vía de negocio e nunha alternativa de futuro para as xentes da zona. E por elo apostan dende a Asociación de Veciños e Veciñas de Armenteira, que este vernes 15 de decembro organiza un obradoiro de elaboración de xabón cosmético e xabón para a lavadora. A actividade, que se enmarca no programa formativo que a entidade está desenvolvendo durante o curso 2017/2018 celebrarase a partires das 19:00 horas na Casa de Cultura. Un experto na materia desprazarase ata este centro social para dirixir unha actividade eminentemente práctica e interactiva, á que convidan a participar aos veciños e veciñas e a todas as persoas interesadas nun tema que non só pode ter aplicación a nivel doméstico, senón que pode chegar a ser unha forma de vida e pode facer desta singular e artesanal mercadoría un produto emblemático e un dos principais referentes dunha parroquia á que xa podemos considerar como unha das capitais do xabón.


domingo, 10 de decembro de 2017

A E.D. Arousa S.D. lévase os tres puntos no medio do diluvio en A Bouza

A E.D. Arousa venceu por tres goles a cinco ao Armenteira C.F. no partido disputado na mañá deste domingo no campo de A Bouza, en Barrantes. Foi nun encontro no que o protagonismo principal correspondeu á borrasca Ana, que deixou un forte temporal de chuvia que condicionou o desenvolvemento dun partido no que o Armenteira C.F. mostrou unha clara melloría respecto das anteriores xornadas, pero no que non tivo o acerto nin a fortuna suficiente para lograr un resultado máis favorable. O técnico local Valentín Estévez "Tilín" presentou un once inicial con Marin baixo paus, unha liña de tres en defensa formada por Roberto Trigo, Diego Berreco e Jona, con Dimitri e Valo como carrileiros, André por diante da defensa, Mathias como organizador, Sergio García e Cristian Abal nos extremos e Alberto como dianteiro. E sería Alberto o que adiantaría aos locais aproveitándose dunha recuperación na saída do balón dos vilagarciáns que, a partires de entón buscaron con ímpetu a portería defendida por Marin, atopando o empate nunha xogada finalizada tras unha asistencia ao segundo pau que finalizaría Enrique Martínez. Volvería adiantar ao Armenteira C.F. Cristian Abal tras superar cun globo ao meta Fortes e enviar o balón co ombreiro ao fondo das mallas. Novamente Enrique Martínez poría a igualada e ao fío do descanso un balón en profundidade polo centro da defensa que os verdinegros non foron quen de curtar remataría co coiro nos pés de David Chan, tras un rexeitamento de Marin, e o futbolista arousán permitía que o seu equipo fose con vantaxe ao descanso. No segundo período o Armenteira C.F. volvería a poñer o equilibrio no electrónico de A Bouza tras un centro raso de Cristian Abal que finalizaría Alberto. Co partido cada vez máis aberto e co terreo de xogo invadido por amplas masas de auga a sorte e o acerto acabarían outorgando os tres puntos á E.D. Arousa. Nin unha clarísima ocasión de Cristian Abal tras unha excelente xogada individual do extremo de Vilariño pola banda esquerda, nin un lanzamento de falta que realizou este mesmo futbolista nin tampouco ningunha das demais ocasións dos locais remataron con éxito. En cambio si o fixo acción tras a que Cristian Laiño conseguiu o cuarto tanto, ante a desesperación dos futbolistas locais, que vían que a súa entrega e o tremendo esforzo que estaban realizando se quedaba inxustamente sen premio. O quinto tanto, obra tamén de Cristian Laíño, despois dunha xogada embarullada na que os defensores verdinegros non deron despexado un balón que se quedou paralizado entre a agua que cubría o céspede da meta defendida por Marin. Con este resultado a escadra que dirixe Valentín Estévez "Tilín" colócase na novena posición con catorce puntos, á espera de visitar o próximo sábado a partires das 19:30 horas ao Barro C.F. un conxunto que ocupa a décima plaza con trece puntos.








Aceptable imaxe do equipo infantil do Armenteira C.F. ante a S.D. Amanecer no campo Municipal de Zacande

O equipo infantil do Armenteira C.F. caiu derrotado por cero goles a tres no partido disputado na tarde deste sábado ante a S.D. Amanecer. Foi nun encontro que tivo que disputarse finalmente no campo Municipal de Zacande debido á intensa néboa que cubría o campo de O Leixo e a falta de suministro de auga nestas instalacións deportivas. As xestións da Xunta Directiva e o acordo co clube visitante permitiron que o partido se trasladase ata Zacande e a xornada se desenvolvese con normalidade para este equipo. No terreo deportivo foi o conxunto verdinegro deu unha aceptable imaxe, competindo en todo momento cun cadro que ocupa o liderato do grupo e dispoñendo incluso de ocasións para poder levarse polo menos un punto. O corpo técnico que forman Luis e Alba Barral presentou un once inicial con Sergio Casal en portería, Migui, Xoán, Adri e Fran en defensa, unha liña de tres na zona central do mediocampo composta por Carlos, Íñigo e Hugo, Manu Meixús polo costado dereito, Junior polo esquerdo e Mosteiro como futbolista máis avanzado. Mantivo o tipo o Armenteira C.F. nos primeiros minutos. A iniciativa correspondía aos de San Vicente de O Grove pero con orde e intensidade defensiva resistían os locais. Unha combinación en ataque culminada por Alejandro Cameselle adiantaría aos mecos no minuto 10. Pouco despois de novo Alejandro Cameselle nunha incursión pola banda esquerda lograba o segundo tanto para a S.D. Amanecer. Unha clara ocasión de Javi foi quizais a mellor oportunidade para os de A Armenteira neste primeiro período, pero o de Valboa non tivo fortuna ante a saída do gardamallas Jairo Lis. Tras a reanudación un penalti cometido polos visitantes e desperciado por Fran puido variar o desenlace do encontro. Con todo, o Armenteira C.F. seguiu insistindo e buscando a meta contraria, pero sen o acerto necesario. Un lanzamento de falta de Migui, outro de Íñigo e un saque rápido sen tempo a que a defensa da S.D. Amanecer se organizase, pero que nin Íñigo, nin Hugo nin Migui conseguiron enviar ao fondo da rede foron algunhas das ocasión das que disfrutou o conxunto que adestra Luis Barral. Non fallaría Hugo Dopico, que mediante un zapatazo colocaba o cero tres co que se chegaría ao minuto 80. Con este resultado o Armenteira C.F. continúa na sétima plaza con quince puntos, á espera do partido que o medirá a próxima fin de semana ao Umia C.F. no campo de A Bouza, en Barrantes. Os vermellos están situados na terceira posición con vintenove puntos e parten como favoritos nun derbi de rivalidade que este ano cobra un significado especial debido ao acordo de colaboración que esta temporada se estableceu entre estas dúas entidades.


O Armenteira C.F. alevín continúa a súa racha vitoriosa en Poio

O equipo alevín do Armenteira C.F. venceu por dous goles a tres no partido que disputou na mañá deste sábado no campo de A Reiboa ante a E.D. Poio "B". Foi nun encontro igualado por fases, pero no que o cadro que dirixen Luis e Alba Barral impuxo a súa superioridade física e a capacidade de desequilibrio dalgúns dos seus xogadores. O equipo verdinegro presentou un once inicial con Sergio Matilde en portería, Álex Grigorio, Andrés e Sara Otero en defensa, Brais Santamaría, Ainhoa e Mateo na liña de medios e Aldara na punta de ataque. Sería precisamente a dianteira de O Freixo a que adiantaría aos visitantes a recibir un balón en longo e superar ao Meta Adrián Vicente. A reacción dos de Poio veu co tanto de Iván González, tras unha acción na que se aproveitou da falta de contundencia defensiva do Armenteira C.F. No segundo período a tónica continuou sendo a mesma. O dominio e as ocasións correspondían principalmente aos de A Armenteira. Nos pés de Aldara estiveron as oportunidades máis claras, mentres que polos locais o máximo perigo estivo nunha volea que sobrepasou a Sergio Matilde e que sacou Álex Grigorio sobre a liña de gol. Unha xogada individual con perfecta finalización de Brais Santamaría e un disparo dende a frontal do propio futbolista de Sisán puxeron en franca vantaxe aos visitantes. O gol de Hayden Lee xusto antes do asubío final apretou un marcador que fai que o equipo alevín do Armenteira C.F. acade o triunfo consecutivo á espera de recibir a visita a próxima fin de semana da A.J. Lérez "B", que ocupa a segunda posición con vinteún puntos, fronte ao sétimo posto, con catorce puntos, da escadra que adestran Luis e Alba Barral.


xoves, 7 de decembro de 2017

O Armenteira C.F. confirma o 24 de decembro como data para a súa tradicional xuntanza de Nadal

A Xunta Directiva do Armenteira C.F. confirmou oficialmente o día 24 de decembro como data de celebración da súa tradicional xuntanza me Nadal. Este acto, que se ven celebrando durante os últimos anos, contará nesta ocasión con varias novidades. Entre elas estarán o horario, xa que se desenvolverá durante a mañá e o mediodía, e o escenario elixido, que con toda probabilidade serán as instalacións deportivas de O Leixo, que se acondicionarán especialmente para o evento. Ademais, este ano decidiron darlle un novo enfoque, fusionando a sesión das fotografías oficiais, que se realizaba durante os primeiros meses da temporada, e o banquete de Nadal. A intención da entidade que preside Martín Casais é manter o carácter familiar do evento, reunindo a todas aquelas persoas que dunha maneira ou outra están ligadas ao clube. Con xa 22 anos de historia e consolidado como un dos referentes no panorama futbolístico a nivel comarcal o Armenteira C.F. afánase en conservar as tradicións, como é o caso das xuntanzas de Nadal, ao tempo que reafirma a súa aposta por iniciativas novidadosas e atractivas de cara o público. O acto de presentación, os torneos de verán, as fotografías oficiais ou a xuntanza de Nadal, serán o precedente dunha serie de eventos que a Xunta Directiva ten previsto realizar ao longo desta temporada e que terán como colofón a celebración da COPA ARMENTEIRA, un torneo de categoría sénior feminina que tivo un gran éxito na súa primeira edición. E todo é posible grazas ao esforzo e ao traballo da Xunta Directiva e da ampla colaboración que sempre atopan entre os membros do clube, todos eles xa inmersos nos preparativos para unha Noiteboa que este 2017 vai ser máis verdinegra ca nunca.


martes, 5 de decembro de 2017

Silván volve vestirse de festa polo San Nicolau

O lugar de Silván celebra esta semana unhas festas que xa son toda unha tradición no concello de Meis e na comarca de O Salnés en xeral. Son as festas na honra de San Nicolau que o mércores 6 e o xoves 7 de decembro vestirán de gala este lugar en plena ladeira do Monte Castrove e que se divide en dúas partes, unha pertencente á parroquia de San Salvador de Meis e outra á de A Armenteira, separadas por un pequeno regato, afluente do río Armenteira, que ten a súa desembocadura entre os lugares de Couso e O Batán. Serán dous días de intensos festexos nos que a pequena capela que hai no lugar e o campo da festa que se sitúa nas proximidades congregará a centos de devotos e festeiros. Os actos comezarán a mañá do mércores día 6 co pasarrúas a cargo da Banda Escola Municipal de Meis e continuarán con misas solemnes dende as 10:00 ás 12:00 horas, seguida neste neste último caso dunha procesión polos arredores da capela. Xa pola noite haberá unha verbena coas orquestras Israel e Trobadores como protagonistas. O xoves día 7 os festexos continuarán cunha misa solemne a partires das 12:30 horas, tras a cal se efectuarán as tradicionais e singulares poxas. O peche a este programa festivo virá á noite coa verbena a cargo das orquestras Trébol e Garibaldi e un espectáculo aéreo acrobático por parte de Acrolúa de Madrid. Dende a Comisión de Festas convidan a participar nunhas festas que, a pesares da crise e de todas as dificultades que afrontan este tipo de eventos, pervive e ano tras ano renova a súa aposta pola devoción, a diversión e a convivencia entre as xentes da contorna.





domingo, 3 de decembro de 2017

Segunda vitoria consecutiva do Armenteira C.F. feminino tras superar con claridade ao Cultural Areas

O equipo feminino do Armenteira C.F. logrou este domingo a terceira vitoria da temporada, a segunda de forma consecutiva, despois de superar por tres goles a cero ao Cultural Areas no campo de O Leixo. Foi nunha xélida tarde nun encontro na que as rapazas que dirixen Marcial Prado e Junior Tirado se amosaron claramente superiores, manexando en todo momento o control do xogo, ante un rival que apenas inquedou a meta que nesta ocasión defendeu Belén. E foi tamén a primera vez na súa curta historia deste equipo na que remata un partido sen recibir un gol. O cadro técnico local presentou un once inicial con Belén baixo paus, Fátima, Patricia, Alessandra e Lara en defensa, Naomi, Diana e Sofía na liña de medios, Banesa e Paula polos costados e Ana Martínez como referencia en ataque. Dominando dende o inicio o gol chegaría axiña para o Armenteira C.F. Unha internada de Paula pola banda esquerda rematou coa balón do fondo das mallas das do val do Tea ao impactar o despexe dunha defensa nas pernas da extremo de Pontevedra e rebasar a saída da meta Iria Fernández. Case vinte minutos despois Sofía, tras recurtar e acomodar o corpo, colocaba o segundo tanto cun disparo dende a frontal. Coa tranquilidade do resultado e a comodidade da situación que se observaba sobre o terreo de xogo as rapazas do clube verdinegro aínda puideron aumentar a súa vantaxe. Pero isto non ocorrería ata o segundo período cando outra vez Paula aproveitaba un balón dentro da área rival para poñer o tres a cero. Houbo oportunidades para que as locais sumasen máis tantos, quizais a máis clara estivo nos pés de Rocío, pero a fortuna non estivo do lado da extremo de As Pereiras e o resultado xa non se movería. Con este triunfo o conxunto que adestra Marcial Prado ascende ata a décimo quinta posición, con nove puntos. O próximo domingo agarda unha nova cita para seguir progresando e acumulando puntos no casilleiro, e será ante a S.C.D. Pontecaldelas, undécima clasificada con dezaoito puntos.


sábado, 2 de decembro de 2017

Melloría de imaxe sen premio para o Armenteira C.F. xuvenil en Berdón

O equipo xuvenil do Armenteira C.F. caiu derrotado por tres goles a un no partido da Segunda autonómica xuvenil no seu grupo 9, disputado na tarde deste sábado no campo de Berdón, en Vilagarcía de Arousa, ante a A.D. Arousa F-7. Foi nun encontro con fases de dominio alterno, no que o cadro verdinegro desperdiciou claras ocasións de gol que foron determinantes no rumbo posterior do encontro, e no que os discípulos de Valentín Estévez "Tilín" melloraron a imaxe respecto dos últimos partidos de liga, aínda que non foi suficiente sequera para arrincar un punto das instalacións deportivas de Trabanca Badiña. O técnico cambadés do Armenteira C.F. presentou un once inicial con Marin en portería, Gabriel, Sergio Nogueira, Diego Berreco e Valo en defensa, Dimitar, Jona, Mathias e Cristian Abal no mediocampo, Hilias na mediapunta e Alberto como futbolista máis adiantado. Nos primeiros minutos foi o conxunto local o que buscou facerse coas rendas do xogo, pero non tardou moito o Armenteira C.F. en sacudirse ese dominio e comezar a rondar con perigo a meta defendida por Rubén Cochón. Unha gran asistencia de Alberto a Cris Abal deixaba a este nunha posición inmellorable para inaugurar o marcador, pero non foi o día do extremo de Vilariño. Pouco despois, nunha xogada similar, o dorsal 10 verdinegro volvía errar ante a meta vilagarciana. Un remate a reviravolta de Alberto era respostado cunha sobervia parada do gardamallas da A.D. Arousa F-7. En cambio, non fallaría o conxunto amarelo nunha rápida transición defensa-ataque nacida nunha perda de balón de Dimitar e habilmente conducida por Iker Iglesias polo costado esquerdo ata centrar ao segundo pau á cabeza de Yago Campos, que enviaba suavemente o balón ao interior da mallas defendidas por Marin. De novo sería Iker Iglesias, sen dúbida o futbolista máis desequilibrante dos locais, o que culminaría unha internada pola banda esquerda para situar o dous a cero no marcador. A piques de chegar ao descanso, a pasividade defensiva do Armenteira C.F. permitiría combinar na área aos visitantes e acadar o terceiro tanto por mediación de Fernando Brea. Tratou de impulsar unha reacción "Tilín" cun golpe de efecto na segunda metade. Colocou unha defensa con tres xogadores, Roberto Trigo e Jona nos lados e Diego Berreco no centro, e adiantou liñas na procura dunha remontada que, de producirse, sería épica. Con todo, o fútbol desenvolvíase na metade defendida polos de A Armenteira ata que, ben polo talento individual dos xogadores ou mediante algún balón longo, fixeron acto de presenza nas inmediacións da área adversaria. Este esforzo tería a súa recompensa tras un libre indirecto excelentemente colgado por Jona que caiu na cabeza dun Diego Berreco que cabeceou ao fondo da rede. A subida de moral deste tanto fixo que os verdinegros aumentasen a intensidade e fixeran pensar por uns momentos que a épica aínda era posible. Un disparo de Hilias dende a frontal, con escasa potencia, e que se foi pegado ao pau esquerdo, foi quizais a mellor oportunidade nesta fase do partido, pero xa nada fixo variar a situación, Con esta derrota o Armenteira C.F. continúa no oitavo posto con catorce puntos. A próxima fin de semana deberá recibir a visita no campo de A Bouza, en Barrantes, dun dos conxuntos que a priori contaba con maior potencial do grupo, a E.D. Arousa "B". As esperanzas dos verdinegros deposítanse na recuperación do baixón anímico provocado pola mala racha dos últimos partidos, e no regreso ao equipo do elevado cadro de lesionados, así como na posibilidade de poder contar cos futbolistas que soen acudir co Umia C.F., o equipo A, e que poderían ter unha aportación determinante na tarefa de atopar novamente o camiño da vitoria.













Novo triunfo do equipo alevín do Armenteira C.F. tras superar á A.D. Arousa F-7 en O Leixo

O equipo alevín do Armenteira C.F.venceu por tres goles a dous á A.D. Arousa F-7 no partido da Terceira autonómica alevín, grupo 61, que se disputou na mañá deste luns no campo de O Leixo. Foi nun encontro relativamente equilibrado, no que o cadro que dirixen Luis e Alba Barral non realizou un fútbol brillante, abusando do fútbol directo, pero no que acabou impoñendo a súa superioridade física na disputa dos balóns e a a capacidade de desequilibrio dalgúns dos seus xogadores. O corpo técnico presentou o cinco inicial habitual, con Sergio Matilde en portería, Álex Grigorio, Andrés e Sara Otero en defensa, Brais Santamaría, Ainoha e Mateo na liña de medios e Aldara en ataque. Tras uns primeiros minutos de tanteo, sen un dominador claro, axiña tomaría vantaxe o Armenteira C.F. Sería tras unha combinación entre Brais Santamaría e Aldara, na que esta, sen deixar botar o balón, cruzouno na área pequena para bater ao meta Iván Lucio. Dende entón o conxunto local fíxose co dominio do xogo, podende ampliar vantaxe de materilizar algunha das varias ocasión que tiveron nos seus pés Mateo, Brais Santamaría ou Aldara especialmente. Houbo que agardar ao segundo período  para que Mateo, nunha internada pola banda dereita, pelexase e recuperase un balón que el mesmo perdera, para rematar acadando o segundo tanto para o seu equipo. Con esta cómoda bagaxe o Armenteira C.F. entrou nun clima de relaxación que foi aproveitado polos vilgarciáns, que desperdiciaron algunha oportunidade de bastante claridade, pero que, pola contra, anotaron dous goles nos que a fortuna e o acerto estiveron do seu lado. Primeiro foi unha volea a modo de despexe de Raúl Fachado a que se colaría pola escadra da portería de Sergio Matilde, e despois unha saída do propio Sergio Matilde, na que palmeou o balón na área, deixándolle en bandexa a Iker Fresco para poñer a igualada. Cando parecía que o drama doutros partidos podía repetirse en forma de remontada despois de ter unha diferenza importante no marcador, volvería aparecer Mateo para rematar na área unha xogada colectiva e fixar o resultado final de tres goles a dous. Con esta vitoria a escadra que adestran Luis e Alba Barral mantense na oitava praza con once puntos, á espera da visita que a próxima fin de semana deberán realizar ao campo de A Reiboa para medirse ao conxunto local da E.D. Poio "B".