Buscar neste blog

martes, 7 de setembro de 2021

Na Casiña da Moura

Na actualidade na parroquia da A Armenteira habitan algo máis de 700 persoas, pero os seus antepasados e antepasadas máis antigas remóntanse á época do Neolítico, que en Galicia se desenvolveu entre o 5000 e o 3000 a.C. É posible que nesa época habitasen estas terras unhas decenas de persoas, que a pesar de ser un número reducido deixaron unha pegada que permaneceu imborrable ao longo dos séculos. Os primeiros indicios de poboamento desta zona atopámolos na ladeira sur do monte Castrove, nos arredores da cima, nuns terreos que pertencen á Comunidade de Montes de Man Común Chan da Fonte. Na beira da estrada que conduce desde o lugar de O Busto cara o de A Escusa, nunha área popularmente coñecida como o “viveiro”, atopamos a necrópole da Pedra do Lagarto. Trátase dun conxunto funerario construído en tempos do Neolítico, formado por varias mámoas ou túmulos, algúns deles nun deficiente estado de conservación e noutros casos posiblemente destruídos ou aínda por atopar. Coas pedras extraídas das canteiras próximas, sempre abondosas neste tipo de recursos, como observamos coa construción do mosteiro cisterciense de A Armenteira ou das casas labregas tradicionais que vemos espalladas polas aldeas da parroquia, elaboráronse unha serie de tumbas prehistóricas que, xunto cos petróglifos do Outeiro do Cribo ou os dos Outeiro do Tronco, constitúen un interesante complexo rupestre. De entre os elementos que se poden observar hoxe en día que, desgraciadamente xa non son moitos, chama especialmente a atención a mámoa coñecida como a “Casiña da Moura” que, xunto coa de Chan da Gorita, situada na parroquia de Bordóns, no municipio de Sanxenxo, quizais sexa a máis grande das que se localizan na comarca de O Salnés. Aínda que o seu estado de conservación non é óptimo, poden apreciarse, sempre que a maleza o permita, seis ou sete ortóstatos ou bloques de pedra colocados de forma vertical, que compoñían a cámara funeraria e o corredor, que está orientado cara ao leste. Con todo, esta construción aparece seccionada ou partida pola metade, faltándolle varias pezas, probablemente a causa dos espolios que sufriu. A catalogación deste monumento é relativamente recente, xa que concretamente o 8 de abril de 2011 foi incorporado ao Rexistro de Bens de Interese Cultural, estando inventariado no catálogo da Xunta de Galicia coa referencia GA 36028014, co nome de Mámoa nº1 da Fonte do Lagarto. Era este un tipo de construcións formadas por un túmulo de terras e pedra e por un dolmen ou anta interior. A idea construtiva fundamental era clara, a defensa, protección e illamento do espazo interior mediante o túmulo exterior, para o cal empregaban unha capa de terra e pedras de dimensións non moi grandes, de entre 10 e 30 metros de diámetro, de forma circular e aparentando crear un pequeno montiño. No seu interior acubillaban os sepulcros nos que se realizaban os enterramentos. As mámoas forman parte da denominada cultura megalítica ou megalitismo, un fenómeno cultural que se desenvolveu durante o terceiro milenio a.C., e que tivo unha particular difusión nas zonas costeiras do Occidente europeo. O denominador común da cultura megalítica foi a construción de enormes monumentos de pedra, de carácter fundamentalmente funerario, e que poden ser de diferentes tipos: círculos líticos ou crómlechs, menhires, aos que en Galicia se denominan “pedras fitas” e sepulcros, que sen dúbida son os que máis abundan, e que reciben diversas denominacións: mámoas, modias, medorras... Son miles as mámoas que se atoparon en Galicia, e seguramente existan moitas máis que, ou ben foron destruídas polas actividades humanas ou ben estean aínda por atopar. Isto indícanos que existía un poboamento denso e disperso, que se extendía de xeito relativamente uniforme por todo o noroeste peninsular. Foi a época do Neolítico unha etapa de cambios trascendentais para a historia da humanidade, de feito, hai quen a considera como unha auténtica revolución. O nacemento da agricultura e da domesticación de animais, así como da cerámica, marcaron un cambio radical na evolución humana. O clima fíxose máis cálido e húmido, o que favoreceu o crecemento da vexetación. Entre as especies arbóreas que predominaban estaban os carballos, as sobreiras, os ulmos, os freixos ou as abeleiras. Ao cultivar os alimentos e ao criar animais, a alimentación e as condicións de vida melloraron, co que se produciu un aumento da poboación. Os habitantes da Galicia desta época ocuparon preferentemente as zonas altas, por teres unha vexetación menos frondosa, e por seres a terra menos dura para traballala. A súa economía centrábase nunha agricultura dotada dunhas técnicas que foran chegando a estas terras procedentes do sur da Península Ibérica, que combinaban con actividades de pastoreo e gandaría. No caso dos habitantes do entorno da necrópole da Pedra do Lagarto, é posible que, co paso do tempo e o avance das técnicas agrarias, fosen abandonando pouco a pouco as zonas máis altas en torno ao cumio do monte Castrove para trasladarse a zonas máis baixas, cunha climatoloxía máis benigna, como evidencian os restos de castros dos que se ten constancia en zonas como San Martiño, Gondes ou Fofán. En xeral, a sociedade megalítica galega considérase que era moi relixiosa e relativamente igualitaria, como amosan os enterramentos colectivos e os enxovais uniformes dos sepulcros. Pouco teñen que ver as interpretacións históricas, de base científica, de como eran e como vivían as xentes do Neolítico que desenvolveron a cultura megalítica coas historias que se foron creando a través do folclore popular. Segundo este, foron os mouros os que erixiron e habitaron estes monumentos, ao igual que ocorría con calquera outra construción de carácter arqueolóxico. Todo o que consideraban grande e antigo, ben sexan castros, dolmes ou castelos, e de calquera época, prehistórica, romana ou medieval, era atribuído a esa especie de seres miticos. Hai historias que contan que algunha mámoa foi construída por unha moura xigante que cargaba as pedras sobre a súa cabeza, e que despois as ía colocando ata culminar a obra. Evidentemente, estas historias nada teñen que ver co rigor dos estudos arqueolóxicos ou coas interpretacións historiográficas, pero achegan unha curiosa visión vencellada coa cultura e o saber popular e coa antropoloxía cultural. A “Casiña da Moura” é sen lugar a dubidas, xunto co conxunto rupestre do Outeiro do Cribo, realizado xa nunha época posterior, na Idade de Bronce, en torno ao ano 1000 a.C., nos que ademais do famoso labirinto, podemos observar cérvidos, coviñas ou unha escea de monta, un dos máis elementos patrimoniais da antigüidade non só a nivel local na parroquia de A Armenteira e no municipio de Meis, senón tamén a nivel provincial e galego. Por este motivo, desde fai uns meses, o goberno municipal do Concello de Meis está levando a cabo un proxecto de rexistro, catalogación, protección, conservación e divulgación do patrimonio histórico-artístico. Ao frente do mesmo atópase o concelleiro responsable da área de Patrimonio, José Ramón Vidal Juviño, que xunto co resto do equipo de goberno estase implicando profundamente neste proxecto. A recente visita do arqueólogo da Deputación Provincial de Pontevedra, Rafael Rodríguez Martínez, que ademais da necrópole da Pedra do Lagarto visitou os petróglifos da zona do Outeiro do Tronco, enmárcase dentro deste proxecto no que a institución municipal trata de embarcar a outras administracións, unha colaboración que se fai moi necesaria para acometer unha serie de plans dunha trascendencia e dunha envergadura superior ás que se poderían acadar cos recursos e as competencias dun Concello. Para moitos veciños e veciñas a existencia da “Casiña da Moura”, así como doutras mámoas e elementos patrimoniais como petróglifos e castros que se localizan no territorio de A Armenteira son absolutamente descoñecidos, polo que é absolutamente urxente que se leven a cabo políticas e campañas que favorezan o seu coidado e conservación, e que as poñan en valor, tanto pola súa importancia na cultura e na historia local, como polo seu enorme potencial para o aproveitando cultural e turístico, tendo en conta ademais que se atopan no entorno dun espazo de enorme importancia medioambiental como é o monte Castrove, a escasa distancia do mosteiro cisterciense de A Armenteira e xusto á beira da ruta pola que discorre a Variante Espiritual do Camiño Portugués a Santiago de Compostela.