Buscar neste blog

xoves, 8 de xuño de 2023

A Armenteira ultima a configuración do equipo co que participará no III Interparroquial do Concello de Meis

A menos dun mes para a celebración do III Torneo Interparroquial do Concello de Meis o equipo que representará á parroquia de A Armenteira ultima a súa configuración. Como en anos anteriores, o Armenteira C.F. está sendo o encargado de reunir ao grupo de xogadores naturais, residentes ou con vínculos moi estreitos coa parroquia. Na primeira edición, que tivo lugar no 2019, o equipo co que acudirán a esta competición resultara moi escaso en número de efectivos, o que dificultou as súas posibilidades de avanzar no torneo. No pasado ano, no que o Interparroquial volveu disputarse tras dous anos de parón obrigado a causa da pandemia da COVID-19, o Armenteira C.F. xa conseguiu xuntar un plantel amplo, situación que agardan repetir na presente edición. De feito, na listaxe provisional, na que falta por confirmar a asistencia dalgún dos futbolistas, figuran máis de vinte xogadores. Será un plantel variado, tanto en idade como nos lugares de procedencia, pois haberá representación de practicamente todos os lugares da parroquia, con xogadores que se moven nunha franxa de idade que vai desde os 17 anos dos máis novos aos corenta e cinco dos máis veteranos. Como se indicou desde a organización, que como en anteriores edicións corre a cargo do C.D. Mosteiro, os equipos participantes deben facilitar a composición do plantel co que participarán como moi tarde ao longo desta fin de semana, o que fai que os encargados de cada conxunto apuren estes días os últimos detalles da convocatoria. No caso da formación representativa de A Armenteira tratarán de formar un conxunto competitivo e equilibrado en todas as liñas que poida competir con dignidade nunha competición que nas dúas ocasións que se disputou contou co mesmo equipo gañador, a escadra que acudiu en representación da parroquia de San Lourenzo de Nogueira. A cita, será o sábado, 1 de xullo, no campo Municipal José Betanzos "Pepe" de O Mosteiro.