Buscar neste blog

sábado, 25 de novembro de 2023

O Armenteira Veteranos logra deter a mala xeira de resultados cun empate ante o C.D. Mosteiro

  FICHA TÉCNICA

ARMENTEIRA VETERANOS - C.D. MOSTEIRO-A BARBERÍA DE DIEGO- 2 - 2


ARMENTEIRA VETERANOS: Sirra; Jorge Dávila, Carlos Castro, Carlos Muñiz, Óscar Barreiro; Martín, Javi, José Pérez, Junior; Bambán e Jorge Castro. Tamén xogaron Marcial, Óscar Muñiz, Suso e Moncho.

GOLES: 1-0. Minuto 8. Jorge Castro. 1-1. Minuto 10. Antonio Collazo. 1-2. Minuto 29. Adrián Novelle. 2-2. Minuto 55. Carlos Castro. 

ÁRBITRO: Torres Castro. Mostrou cartón amarelo a Adrián Novelle por parte do C.D. Mosteiro-A Barbería de Diego e cartón vermello directo a Jesus Bouzón tamén por parte do C.D. Mosteiro-A Barbería de Diego.

INCIDENCIAS: Partido da oitava xornada do grupo 2 da Terceira Galicia de Veteranos da delegación de Pontevedra disputado no campo de O Leixo, ante uns quince espectadores, nunha fresca, pero despexada, e sobre un terreo de xogo cunha superficie de terra algo dura e irregular, pero aceptable para a práctica do fútbol.

  CRÓNICA

O Armenteira Veteranos logrou por fin deter a mala xeira de resultados das últimas xornadas. Tras vencer nas dúas primeiras xornadas, e cadro verde e negro levaba encadeadas cinco derrotas nos últimos cinco encontros de liga. Foron derrotas de distinto tipo, unhas en partidos máis igualados e competidos e outras excesivamente abultadas, pero todas elas contribuiron a minar a moral dun equipo que ten un dos principais sustentos no ánimo e na motivación dos seus xogadores. A ausencia de Jorge Castro ao longo do último mes resultou letal para un Armenteira Veteranos que basea boa parte da sùa estratexia ofensiva nas manobras do atacante de Vilar. E foi precisamente no momento no que regresou Jorge Castro no que os verdinegros lograron encauzar en certa maneira ese rumbo tan negativo. Cos tantos dos irmans Castro, Jorge e Carlos, os de Armenteira lograron igualar un partido con dúas partes ben diferenciadas: a primeira con claro dominio visitante e a segunda con maior dominio por parte dos locais.

Nada máis empezar o encontro, os visitantes deixaron claro cal ía ser o seu plantexamento. As combinacións e o control da zona do mediocampo, xunto cos envíos en profundidade cara aos extremos foron a estratexia a seguir polos de O Mosteiro. Pese a que a posesion correspondia aos visitantes, nun golpe franco desde o borde da área, Jorge Castro, colocaba o coiro no segundo pau, longo do alcalce de Eugenio Fernández, que unha vez máis volveu a exercer de gardamallas de circunstancias do C.D. Mosteiro. O gol, que podería axudar a que os de A Armenteira conseguirse asentarse mellor sobre o terreo de xogo e que puidesen librarse do dominio visitante, non tivo o efecto desexado polos locais. O conxunto da capital do municipio seguiu combinando e buscando as costas da zona lateral da defensa verdinegra, principal debilidade do Armenteira Veteranos este sábado. Os balóns filtrados desde o mediocentro e a velocidade e profundidade dos homes de banda do C.D. Mosteiro poñían continuamente a proba o sistema defensivo local. Nunha desas accións, Adrian Novelle chegou á liña de fondo e, desde o costado esquerdo, colocou unha asistencia cara o interior da área, onde se presentou Antonio Collazo para remachar ao fondo da rede. Co marcador igualado, os visitantes continuaron co dominio do xogo, e os avisos cara a portería defendida por Sirra repetíanse cada pouco tempo. De novo nunha xogada forxada na banda esquerda do ataque do C.D. Mosteiro-A Barbería de Diego, Adrián Novelle, despois de recibir de costas e xirarse, conectou cos seus compañeiro e iniciou unha carreira cara a portería que os defensores locais non foron quen de parar. Man a man con Sirra Adrián Novella non perdoaba e poñía aos seus en vantaxe. Intentou reaccionar o Armenteira Veteranos, impulsado fundamentalmente polo empuxe de Javi e José Pérez na liña medular e pola insistencia de Martín e Marcial polas bandas, pero a seguridade do entramado defensivo dos de O Mosteiro impedían que estas acometidas ofensivas atopasen a Jorge Castro e tivesen a fin agardada.

No segundo período a situación cambiou. O Armenteira Veteranos armouse mellor en defensa e a partir de aí, tratou de tomar o control do xogo. Aínda que os locais seguiron esforzándose por manter a posesión e por desenvolver o seu fútbol máis combinativo, a escadra local sentíase relativamente cómodo no campo. O Armenteira Veteranos comezaba a ver posible a posibilidade de empatar ou incluso de remontar, pero había un problema. Eran capaces de dominar, eran capacer de presentarse nas proximidades da meta defendida por Eugenio Fernández, pero novamente, como pasaba nos partidos anteriores, faltaba pegada. Non lograban enviar o coiro entre os tres paus. A puntería dos locais parecía cambiar, cando, nunha aproximación á área adversaria, despois dunha accion a balón parado, o coiro caía nos pés de Carlos Castro, e o central, incorporado nese lance ao ataque, enganchaba de  tesoiras unha volea que acabou no fondo da rede rival. Con todo, houbo unha xogada que resultou determinante neste segundo período. Nunha internada de Marcial polo carril esquerdo, na que o balón chegou a pés de Jorge Castro dentro da área, o colexiado Torres Castro, para sorpresa dos presentes, decidiu deter o xogo para mostrar cartón vermello directo a Jesús Bouzón, defensor do C.D. Mosteiro. Foi un comentario despectivo cara o árbitro o que motivo esta decisión tan repentina e inesperada. Cun futbolista máis sobre o terreo de xogo, o Armenteira Veteranos acentou o seu dominio, pero as ocasións máis claras das que dispuxo, principalmente con Jorge Castro como protagonista, non tiveron o acerto esperado. Parecía pasar factura ao dianteiro de Vilar o mes de inactividade. A pesar da inferioridade numérica o C.D. Mosteiro non se resistía a buscar a vitoria e en ocasions deixábase ver cerca da porteria de Sirra, aínda que a ocasión de maior claridade produciuse no último instante do partido, xusto antes de que o colexiado asubiase o final. Tras unha acción con varios despexes por parte dos defensores visitantes, un centro desde a banda esquerda remataba cun testarazo de José Pérez que impactaba no pau longueiro e íase por enriba da portería.

Co punto sumado este sábado, o Armenteira Veteranos queda na undécima posicion, con sete puntos. Na próxima xornada, o conxunto verde e negro deberá visitar ao Dorrón C.F. Veteranos, duodécimo clasificado, cun punto menos que os de A Armenteira. Será unha nova edición dun duelo de rivalidade entre dous clubes veciños pertencentes a dúas parroquias colindantes, na que o Armenteira Veteranos tratará de confimar as mellores sensacións exhibidas no partidos desta fin de semana.



sábado, 11 de novembro de 2023

Un Armenteira Veteranos falto de pegada cae en Zacande ante un Godos C.F. Veteranos máis contundente nas áreas

 FICHA TÉCNICA

ARMENTEIRA VETERANOS - GODOS C.F. VETERANOS- 0 - 2


ARMENTEIRA VETERANOS: Marcos; Moncho, Fernando, Carlos Castro, Óscar Barreiro; Óscar Muñiz, Carlos Muñiz, José Pérez, Marcial; Bambán e Rubén. Tamén xogaron Javi, Jorge Dávila, Richi, Galiñanes e Suso.

GOLES: 0-1. Minuto 10. Manuel Portas. 0-2. Minuto 48. Álvaro Abalo. 

ÁRBITRO: Caeiro Abalo. Mostrou cartón amarelo a Álvaro Abalo por parte do Godos C.F. Veteranos e a Fernando por parte do Armenteira Veteranos.

INCIDENCIAS: Partido da sexta xornada do grupo 2 da Terceira Galicia de Veteranos da delegación de Pontevedra disputado no campo Municipal de Zacande, ante uns vinte espectadores, nunha tarde cuberta e chuviosa, e sobre un terreo de xogo cun superficie de céspede artificial nunhas condicións aceptables para a práctica do fútbol.

  CRÓNICA

O Armenteira Veteranos continúa coa súa mala xeira de xogo e resultados. Tampouco o traslado do partido ao campo Municipal de Zacande serviu para cambiar a deriva negativa do cadro verdinegro nas últimas xornadas. A disputa dunha xornada da Liga Atlántica de Billarda, correspondente á Conferencia Rías Baixas, no campo de O Leixo, obrigou a variar o escenario do partido. Aínda que finalmente as malas condicións meteorolóxicas impediron que o torneo de billarda se celebrase en O Leixo, mudando este escenario por un espazo a resgardo das choivas como o Pavillón Municipal de O Mosteiro, o encontro da Terceira Galicia de Veteranos, que desde o pasado luns estaba fixado en Zacande, desenvolveuse no lugar que estaba previsto. O deste sábado foi un duelo no que o cadro que a priori partía como favorito, dada a súa situación na táboa clasificatoria, impuxo a súa lei. Moito máis contundente e efectivo nas dúas áreas, o Godos C.F. Veteranos levouse os tres puntos nun partido equilibrado en canto a xogo, pero con superioridade visitante en canto a contundencia e efectividade en ambas as dúas áreas.

Comezou o encontro cun Armenteira Veteranos dubitativo, ao que, como acostuma ocorrer nas últimas xornadas, lle custa entrar nos partidos. O Godos C.F. facíase coa posesión do esférico e os de A Armenteira mostraban fisuras e unha debilidade na presión e na liña defensiva que facilitaban as primeiras ocasións por parte dos caldenses. Nunha desas aproximacións, un centro de Manuel Portas desde o costado dereito, acabaría colándose dentro das mallas defendidas nesta xornada por Marcos, sen que o intento de despexe de Moncho puidese evitalo. Co resultado en contra, o Armenteira Veteranos buscou a reacción. Comandados por José Pérez na zona de mediocentros, os verdinegros foron pouco a pouco equilibrando o dominio do xogo. Con todo, os locais non eran quen de achegarse con perigo á área visitante. A dificultade para combinar e trazar xogadas en ataque e a practicamente nula profundidade por banda, limitaban as accións ofensivas dos verdinegros a balóns longos en busca dun Rubén rodeado dunha maraña de defensores ou a regates e conducións que acababan empotándrose co entramado defensivo dos de Godos. Tampouco estivo afortunado o Armenteira Veteranos nas escasas xogadas a balón parado das que dispuxo.

No segundo período, no que a copiosa choiva que caera nos primeiros corenta e cinco minutos se detivo, a situación non variou en exceso. Partia o Armenteira Veteranos coa intención de pelexar pola remontada, pero os seus obxectivos axiña se truncaron. Un centro coa perna dereita do lateral esquerdo do conxunto visitante, era cabeceado ao fondo da rede verdinegra, por Álvaro Abalo, principal referencia en ataque do Godos C.F. Veteranos que, pese a estar lastrado por unhas molestias físicas, foi a principal ameaza para a zaga local ao longo dos noventa minutos. Con dous goles de desvantaxe, os de A Armenteira non cesaron no seu intento. Comezaba a mostrar certa endebleza defensiva o Godos C.F. Veteranos, que sufría nos balóns colgados á área polos de  A Armenteira, pero a falta de contundencia e de pegada dos verdinegros, que case non eran quen de enviar o balón entre os tres paus da meta visitante, anulaban o éxito das acometidas ofensivas. Javi, Carlos Muñiz ou Galiñanes tiveron nos seus pés o coiro dentro da área visitante, sen lograr artellar disparos que puxesen a proba ao gardamallas José Ferro. Incluso puido ampliar vantaxe a escadra visitante ao aproveitar os ocos que deixaba un Armenteira Veteranos que notaba desgaste físico, pero o desacerto dos atacantes rivais e as atinadas intervencións do cancerbeiro Marcos fixeron que o resultado non se alterase.

Con esta derrota, o Armenteira Veteranos baixa ata a oitava posición, con seis puntos. Na próxima xornada, o equipo verdinegro deberá visitar ao Noalla Veteranos Portaredonda, décimo terceiro clasificado con tan só un punto. Previsiblemente de novo coa ausencia de Jorge Castro, a gran referencia ofensiva dos verdinegros, o cadro de A Armenteira tratará de retomar no campo de A Lanzada o bo rumbo co que inicio a temporada.