Buscar neste blog

venres, 30 de decembro de 2016

Un ano cheo de contrastes

O ano que agora remata foi un ano cheo de contrastes para A Armenteira. Como en todos os anos houbo bos e malos momentos, noticias tristes e outras máis agradables, pero haberá algún acontemecemento dos ocorridos no 2016 que quedará para sempre na memoria das xentes da parroquia.

A nivel político será un ano marcado pola presenza habitual de Mariano Rajoy, que desta vez se deixou ver tanto como presidente en funcións como logo xa investido como xefe do Goberno. O político pontevedrés non perdeu a ocasión, en canto a súa axenda llo permitiu, de desprazarse ata estas terras para percorrer a Ruta da Auga e da Pedra e almorzar ou xantar nos locais de hostalería dos arredores do mosteiro cisterciense. Foi ademais un ano moi intenso en canto a eleccións, xa que os veciños e veciñas foron convocados ata en dúas ocasións para depositar o seu voto, nas eleccións xerais de xuño e nas autonómicas de setembro. As reformas dos teitos da capela de San Antonio e do C.E.I.P. de Armenteira, que os colectivos veciñais califican como insuficientes e que neceitan ser prolongadas, foron dúas das principais actuacións emprendidas polas administracións públicas no noso territorio. Pero se algo mobilizou á veciñanza este ano foi a cuestión da Casa de Cultura. A ocupación das instalación por parte do albergue de peregrinos e a privación da súa utilización para usos veciñais provocou unha enérxica protesta por parte das xentes e unha unidade como fai anos que non se recordaba.

A nivel económico foi un ano de cambios e continuidades. A Comunidade de Montes Veciñais de Man Común Chan da Fonte pasou por un turbulento proceso electoral que levou a un cambio da xunta rectora, presidida a partires de abril por Serafín Melón. Este mesmo personaxe tamén foi protagonista ao asumir a xerencia do Café Bar O´Comercio, un dos locais máis emblemáticos da parroquia. Tamén foi un ano no que A Armenteira se consolidou coma un dos principais referentes turísticos na comarca e no que se afianzaron novas iniciativas empresariais que tratan de aproveitar os recursos propios, como é o caso de proxectos tan interesantes como A Horta de San Ero.

A nivel social foi un ano no que as asociacións veciñais cobraron especial protagonismo. Por un lado os problemas internos da A.V.R.C. Valdedeus que a sumiron nunha profunda crise e división interna e por outro o nacemento dun proxecto de creación dunha nova asociación que aínda segue agardando pola finalización dos trámites administrativos.

A nivel cultural e festivo foi un ano no que a profusión e a variedade das actividades levaron a que algún xornal definise a A Armenteira como o "rincón de moda". O mal tempo obrigou a suspender a Festa da Xuventude que dende fai uns anos se viña celebrando o domingo de Pascua, mentres que o resto das actividades do panorama festivo puideron desenvolverse con relativa normalidade. Xurdiron novidades no elenco festivo, entre as que cabe resaltar a multitudinaria celebración do San Xoán, que congregou a centos de persoas en torno á fogueira alumeou o campo da festa. Éxitosa tamén foi a primeira edición do Armenteira Jazz, que encheu de música e bo ambiente o entorno do mosteiro. A I Marathon de Xogos Populares uniuse asimesmo este ano ao cartel festivo da parroquia e serviu de divertimento para os nenos e nenas da parroquia durante as festas de San Ero e a Divina Pastora.

A nivel relixioso foi un ano no que os oficios se desenvolveron con normalidade. A eleveda asistencia aos actos litúrxicos, que concitan xentes de diversos lugares da contorna, e a demanda de celebración de vodas no mosteiro apretaron a axenda do párroco Don Ramón Fernández e do seu equipo de colaboradores, especialmente na temporada de verán, na que seguiron batendo récords na realización de eventos nupciais.

A nivel deportivo foi un ano no que os clubes e as actividades por eles auspiciadas continuaron progresando. O Armenteira C.F., que sufriu unha remodelación da Xunta Directiva, coa asunción da presidencia por parte de Martín Casais, continuou consolidándose coma unha das entidades deportivas de referencia a nivel comarcal. A aposta pola continuidade de Marcial Prado e de Valentín Estévez " Tilín", a sonada fichaxe de Luis Barral, creación dun equipo feminino federado, o primeiro da historia do Concello de Meis, a organización de tres torneos de verán e a presenza nos distintos actos organizados pola Federación Galega de Fútbol e outras administración serven para reforzar a posición do clube de O Leixo. Pola súa banda o Armenteira Veteranos, despois dunha exitosa campaña no grupo 4A decidiu dar o paso e inscribirse na nova competición posta en marcha pola Federación, na que mantén unha máis que aceptable traxectoria. O clube ciclista Armenteira e Punto pola súa parte volveu ser un ano máis un dos emblemas desta modalidade deportiva na contorna, á que está contribuíndo a promocionar e fai que o número de adeptos se estea incrementando notablemente nos últimos tempos. No lado negativo cabe salientar os problemas económicos que afectan á Fundación Monte Castrove, xestora do campo de golf, que xerou unha polémica entre os comuneiros e traballadores e a xerencia das instalacións.

Finalmente, en canto a sucesos foi un ano marcado polos incendios forestais que volveron asolar os montes da parroquia, incidindo con máis frecuencia nos lugares de Cabeza de Boi e As Pereiras. O conflito entre as xentes do lugar de Valboa e os propietarios dos cabalos que pastan nos montes en estado semisalvaxe, causados polos ataques dos animais ás colleitas, mereceu incluso a atención dos medios televisivos a nivel autonómico. Pero se algo marcou neste ámbito a A Armenteira neste 2017 foron os actos luctuosos. De todos eles o que máis conmocionou á veciñanza foi o falecemento nun tráxico accidente de tráfico de Javier Martínez Ucha "Chicho", un mozo moi coñecido e implicado nas entidades e actividades sociais e deportivas.



















martes, 27 de decembro de 2016

O primeiro paso dun ambicioso proxecto

A saída ao mercado dos calendarios para o ano 2017 do Armenteira C.F. supoñe o primeiro paso dun ambicioso proxecto que a Xunta Directiva da entidade de O Leixo ten en mente. Como asegura o presidente do clube, Martín Casais: "Este proxecto ponnos á altura dos principais clubes da comarca. Os calendarios mostran ás claras o que realmente somos e o que a xente quere ver en nós. Entendo que pode haber a quen non lle poidan gustar ou quen se senta sorprendido con eles, pero cando un se lanza ao merchandising ten que facelo con todas as consecuencias". A base destes calendarios son as fotografías dos compoñentes do plantel de xogadores e xogadoras así como dos membros da Xunta Directiva e do corpo técnico, que mostran ante a cámara uns encantos que, como se pode observar, van moito máis aló do futbolístico. Ante ao éxito que auguran a esta publicación o Armenteira C.F. vai anunciar proximamente a comercialización doutros artigos que seguirán a mesma liña. "É o que a xente quere de nós, entón, por que non darllo? Creo sinceramente que valemos para estas cousas, e entón non debemos renunciar a elo", indicou o dirixente verdinegro.


Acto de reconciliación do presidente con A Armenteira

A decepción que supuxo  en A Armenteira o cambio de plans de Mariano Rajoy, que provocou o lóxico descontento e as queixas por parte de boa parte da veciñanza, fixo reaccionar ao equipo de asesores do presidente do Goberno, que decidiu dar un xiro aos plans previstos para despedir 2016 e dar a benvida ao novo ano. Tal e como sinalan fontes próximas ao líder conservador a súa presenza está confirmada a partires da xornada deste mércores, na que non só volverá deixarse ver xunto ao seu inseparable compañeiro José Benito Suárez Costa realizando a pé a Ruta da Auga e da Pedra, senón que, segundo aseguran, buscará reconciliarse coa parroquia cun pincho que terá lugar no Café Bar O´Comercio ao que convidan a todos os veciños e veciñas. O único requisito para acudir será acreditarse previamente ante o servizo de seguridade que acompaña ao presidente. Como non podería ser doutra maneira os gastos do convite correrán a cargo do xefe do Goberno, que desta forma tratará de agasallar a unhas xentes que o acolleron cos brazos abertos e ás que promete que non volverá decepcionar.


luns, 26 de decembro de 2016

A Gala do Fútbol Feminino contará coa presenza do Armenteira C.F.

A Gala do Fútbol Feminino, que se celebrará o venres 30 de decembro no Auditorio Municipal de Ribadumia, contará coa presenza dunha representación do Armenteira C.F. O clube verdinegro recibiu unha invitación a nome David Castro, alcalde do concello veciño, para asistir a un evento que organiza a Revista do Fútbol Feminino galego en colaboración coa institución municipal de Ribadumia. Na mesma procederase á entrega de galardóns ás xogadoras, adestradoras, adestradores e clubes que máis destacaron a nivel futbolístico en Galicia durante o ano 2016. A Xunta Directiva do clube de O Leixo acudirá co seu presidente Martín Casais á cabeza, acompañada de membros do corpo técnico e do plantel de futbolistas, en especial do equipo feminino posto en marcha na presente temporada e que compite no grupo 2 da Liga Galega-Segunda División Feminina.


Rajoy cambia de plans para despedir o ano

O presidente do Goberno Mariano Rajoy parece que finalmente non despedirá o ano nin dará a benvida ao 2017 en A Armenteira como lle viña rumoreando nos últimos días. O político pontevedrés é un habitual da nosa parroquia, á que acude cada vez que se despraza a Galicia para gozar duns días de descanso. Os paseos pola Ruta de Auga e da Pedra e os almorzos e os banquetes nos locais de hostalaría dos arredores do mosteiro cisterciense son xa unha rutina habitual para o xefe do Goberno de España. Aínda que desta vez parece que diversos motivos obrigaron a un cambio de plans. A idea inicial consistía no aloxamento do político pontevedrés na Pousada, que abriría as súas instalacións para albergar ao presidente e ás aproximadamente cincuenta persoas que ían asistir a unha cea que tamén contaría con importantes personalidades. Este acto serviría de apertura simbólica para un establecemento ao que os problemas legais e administrativos están impedindo que se poña en funcionamento de maneira definitiva. Pero, segundo fontes ben informadas, dende Moncloa decidiron dar un cambio de rumbo na axenda do presidente, descartando ademais outros destinos da comarca como Sanxenxo ou A Toxa, para decantarse finalmente por pasar este breve período de descanso en terras da provincia de Ourense.


luns, 19 de decembro de 2016

Un banquete cheo de impresións

O banquete que este domingo celebrou o Armenteira C.F. no salón de Café Bar O Comercio deixou unha variada gama de impresións entre o máis do centenar de persoas que asistiron ao evento. Un dos primeiros en valorar o acto foi o presidente da entidade, Martín Casais que salientou o éxito acadado: "Dende o meu punto de vista o banquete deste ano foi un éxito. Quizais haxa aspectos que puideron saír mellor, pero, en xeral, creo a xente marchou contenta". Ademais o dirixente verdinegro destacou a presenza na comida dalgúns dos representantes das principais asociacións locais: "Estamos esforzándonnos en implicar á parroquia e á contorna no noso proxecto. Poderiamos considerar o banquete como un modesto desfile de autoridades a nivel local. Por exemplo, puidemos contar coa presenza do presidente da Comisión de Festas O`Noso", en referencia a Marcos Serén, que tamén acudiu como pai dun dos xogadores. "Serafín Melón, presidente da Comunidade de Montes de Man Común Chan da Fonte, tampouco quixo perderse o acto e compartiu mesa con nós", resaltando o compromiso permanente do actual xerente do Café Bar O´Comercio e anterior presidente do clube. "Incluso Carlos estivo representando á A.N.P.A. do C.E.I.P. Enrique Barreiro Piñeiro, de Vilariño, no que cursan estudos varios dos compoñentes do noso plantel", mencionando a Carlos Piñeiro, un dos directivos do clube. "E para máis inri, tivemos o privilexio de contar con Don Ramón entre os comensais", suliñando a asistencia ao evento de Don Ramón Fernández, cura párroco de A Armenteira. Outro dos asistentes que quixo deixar constancia das súas impresións foi Alessandra Magariños, unha das capitanas do equipo feminino, que chegou a tomar o micrófono para dirixir unhas palabras ao público: "Somos coñecedoras do enorme esforzo que fai a Xunta Directiva con nós, e non quería perder a oportunidade de agradecerllo". "Ademais quixemos darlle unha sorpresa a Iván e varias das xogadoras acudimos á misa vestidas co uniforme do equipo", facendo referencia ao agasallo que estas rapazas lle fixeron a Iván Borragueiros, que comparte a súa faceta de directivo e membro do corpo técnico do equipo feminino coa de monaguillo da parroquia. Víctor Saborido foi outra das persoas que quixo deixar constancia das súas impresións: "Levo xa varios anos asistindo ás comidas do Armenteira C.F. e penso que ano a ano nos imos superando. Comecei vindo como pai e adestrador e co tempo funme implicando cada vez máis", afirmou o tamén directivo da entidade. "Un acto coma este conleva moito traballo, e hai que ter en conta que nós tampouco estamos acostumados a moitas destas tarefas, pero tratamos de facelo o mellor posible. De feito, ata chegamos a recibir felicitacións polo saboroso que estaba o menú. En concreto, houbo varias persoas que me pararon para loubar os mexillóns". Finalmente, Lino Domínguez, non quixo quedarse atrás e deu a súa opinión sobre o acto: "Eu fun dos que me apuntei a última hora. Atopeime con algúns dos directivos e cando me convidaron, nin o pensei. Sei do enorme traballo que levan e non dubidei en botarlle unha man cando se puxeron a recoller". Ensalzou asimesmo o bo ambiente que se viviu: "Pasámolo xenial. A comida estivo deliciosa, non faltou bebida e divertímonos ata cansarnos. Pero tampouco estivemos libres de sustos. Mesmo eu fun vítima dun percance que, afortunadamente, non tivo maiores consecuencias", indicou o afeccionado do clube e veciño de O Busto.











sábado, 17 de decembro de 2016

Luis Barral aniquila ao Armenteira Veteranos en A Senra

Luis Barral foi sen dúbida o gran protagonista do duelo de rivalidade que mediu na tarde deste sábado no campo de A Senra-2 ao Bar Santiaguiño e ao Armenteira Veteranos. A proximidade entre as localidades que representan cada un dos clubes, os lazos de amizade que unen aos moitos dos xogadores ou a condición de clientes do establecemento de hostalería que patrocina ao conxunto de Ribadumia dalgúns dos compoñentes do cadro verdinegro eran alicientes suficientes para convertir a esta cita nun partido especial. Pero quizais por enriba de todos eles estaba a presenza no conxunto local de Luis Barral, que esta temporada asumiu a responsabilidade de dirixir os equipos de fútbol-8 da entidade de O Leixo, que fixo que a expectación que levantou o encontro fose tal que un número imporante de seguidores do Armenteira C.F. se desprazase ata as modernas instalacións de A Senra para presenciar o encontro. A formación que capitanea José Luis Galiñanes formou cun once inicial con Joserra na portería, Moncho, Portas, Marcos e Richi na liña defensiva, Martín, Rafa e Cacabelos na zona de medios, e Galiñanes, Marcial e Manueliño en ataque. Dende o inicio o Bar Santiaguiño apropiouse do dominio do xogo e xa aos catro minutos tomaba vantaxe. Unha internada por banda dereita de Suso Álvarez facía chegar a pelota aos pés de Luis Barral que, favorecido por un extrano efecto na traxectoria da pelota, poñía o balón no fondo das redes defendidas por Joserra. Nunha xogada similar, de novo Suso Álvarez internábase pola banda dereita, para que, ante unha desaxustada defensa do Armenteira Veteranos, Santi Buceta lograse o segundo tanto. A partires de entón a escadra azulada admistrou con comodidade a súa renda baseándose na calidade individual de boa parte dos seus homes. Con todo o cadro visitante non perdeu a compostura e apoiados na garra e na motivación que supoñía un partido destas características dispuxo dalgunha ocasión que ben puido acabar en gol, pero nin Galiñanes, nin Manueliño, nin Marcial tiveron o acerto de anteriores citas. Xa na recta final unha combinación na que de novo participaba Luis Barral daría lugar ao terceiro gol. De todos xeitos, as noticias non serían do todo favorables para o dianteiro de Barrantes, posto que nesta xogada  resultaría lesionado no seu xeonllo dereito, o que o obrigaría a abandonar o terreo de xogo. O resultado final de tres goles a cero non muda a clasificación de ningún dos dous conxuntos. O Bar Santiaguiño mantense no liderato con trinta e catro puntos e Armenteira Veteranos na novena posición con vinte. O parón da competición permitirá que os xogadores teñan un breve e merecido descanso ata o 7 de xaneiro, cando o Armenteira Veteranos teña que recibir no seu feudo á S.C.D. Terras de Curro, que ocupa o décimo terceiro posto con nove puntos.




Triunfo claro para a S.D. Amanecer en As Lampáns

A S.D. Amanecer logrou unha clara vitoria ante o equipo benxamín do Armenteira C.F. no partido correspondente á terceira xornada da Segunda fase da categoría benxamín. O conxunto meco mostrouse en todo momento máis organizado e máis efectivo cós rapaces que adestran Luis e Alba Barral, que viron como o seu cadro tiña moitas dificultades para aproximarse á meta contraria. Fíxoo principalmente mediante xogadas individuais de Brais Charlín, que quizais mereceron rematar polo menos en gol nalgunha ocasión, mentres que a portería que defenderon Sara Otero na primeira metade e Ramón na segunda contemplaba como ata once veces o balón acadaba a tocar as redes. Este resultado de once goles a cero é unha mera anécdota para un grupo de nenos e nenas para o cal o principal obxectivo é a formación, e que agora poderá disfrutar dun pequeno descanso ata que a competición se reanude co encontro que o medirá no campo de O Leixo ao C.D. Mosteiro, ao que xa venceu no duelo que os enfrontou na primeira fase.


mércores, 14 de decembro de 2016

O Armenteira C.F. estará presente na Asemblea Xeral da Federación

O Armenteira C.F. respondeu de forma afirmativa á convocatoria da Federación Galega de Fútbol para a Asemblea Xeral que se vai celebrar este xoves 15 de decembro no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia, en Santiago de Compostela. Unha delegación do clube, co presidente Martín Casais á cabeza, desprazarase ata a capital da comunidade autónoma, onde a partires das 20 horas terá lugar o acto, no que se tratarán, entre outros aspectos, a aprobación do orzamento de gastos e ingresos do ano 2017 e creación dunha fundación abandeirada pola propia entidade federativa. Asimesmo a institución que preside o ribadumiense Rafael Louzán procederá á entrega entre os clubes asistentes dun lote de balón do modelo oficial elixido para as competicións que organiza. O Armenteira C.F. vén sendo habitual neste tipo de citas nos últimos tempos. Durante a pasada temporada acudiu ás distintas xuntanzas ás que foi convocado pola Federación. En palabras do seu máximo responsable, Martín Casais "a asistencia a este tipo de eventos é moi importante para calquera clube, en especial para o noso. Estes actos contribúen a reforzar a nosa imaxe de cara o exterior e permítennos coñecer de primeira man as propostas da Federación e as sensibilidades doutros clubes, xa que no discurrir da competición non sempre temos a ocasión de tratar certos temas. Ademais, para unha entidade como a nosa, con tantas necesidades de mellora e tantas demandas pendentes, a presenza nun foro como este é unha excelente oportunidade para a voz do Armenteira C.F. se escoite xunto á dos principais clubes de Galicia", finalizou remarcando o mandatario verdinegro.


luns, 12 de decembro de 2016

O Armenteira C.F. convoca a toda a súa familia para o 18 de decembro

O Armenteira C.F. volve convocar a toda a gran familia que forma parte do clube para o tradicional banquete de Nadal que vén celebrando ano tras ano. O escenario deste evento será de novo o salón do Café Bar O´Comercio, onde o domingo 18 de decembro a partires das 14 horas se reunirá o plantel de xogadores dos catro equipos dos que dispón, xunto co cadro de adestradores, pais, nais, directivos e demais simpatizantes da entidade de O Leixo. Para financiar os gastos deste festexo fai unhas semanas que se puxeron á venda uns boletos mediante os cales se sortearán tres grandes lotes de productos navideños que se están expostos neste mesmo establecemento. Ademais para fomentar a implicación dos xogadores e xogadoras a Xunta Directiva premiará a aquel que máis rifas venda. O premio para este particular gañador ou gañadora será un agasallo por valor da cantidade que recade coa venda de rifas. Os futbolistas terán a oportunidade de acudir de forma gratuíta, mentres que o público xeral terá que abonar unha cantidade de 15 euros, que se reducirán a 10 a partires do primeiro acompañante. Os menores de 14 anos unicamente deberán pagar 5 euros. O prazo de incrición estará aberto ata o próximo xoves 15 de decembro, período ata o cal todas as persoas interesadas poden anotarse a través das distintas formas de comunicación que o clube pon á súa disposición.


domingo, 11 de decembro de 2016

As baixas e a falta de clemencia da S.D. Villestro condenan a unha abultada derrota ao equipo feminino do Armenteira C.F.

A S.D. Villestro non tivo clemencia dun equipo feminino do Armenteira C.F. que, lastrado polas numerosas ausencias, compareceu nun campo de A Barrosa con só once futbolistas en condicións físicas para xogar e que durante boa parte do encontro estivo con dez ou incluso nove xogadoras sobre o céspede artificial desta parroquia do concello de Santiago de Compostela. No encontro, que se disputou na tarde deste domingo, o cadro técnico que forman Marcial Prado, Junior Tirado e Iván Borrageiros presentou un once inicial composto por Karla na portería, Fátima, Alessandra, Diana e Laura na liña defensiva, Azahara, Naomi e Raquel na liña de medios, Nerea Porta e Ana Lorenzo nos costados e Mar como única dianteira. Tras uns primeiros minutos nos que as verdinegras mantiveron a compostura, con certo rigor táctico e intensidade na presión, a S.D. Villestro comezou o seu recital de goles. A medida que o cansanzo ía facendo mella nunhas xogadoras visitantes que corrían dun lado a outro detrás dun balón que non se despegaba das botas das santiaguesas os goles ían bicando unha e outra vez as redes defendidas por Karla, que a pesares de ser unha das máis acertadas do seu equipo, tivo que ver como ata dezaséis goles entraban na súa portería. Os bos fundamentos tácticos e técnicos do conxunto local, formado por xogadoras dunha extraordinaria xuventude, facían sentir impotente ao Armenteira C.F. Os problemas físicos de Azahara que regresaba ao equipo despois de ter superado unha lesión de varios meses, obrigaron a abandonar o campo á centrocampista carrilexa. Tamén Alessandra e Mar tiveron que pasar varios minutos fóra do terreo de xogo, mentres que as locais trataban de que ningunha das súas xogadoras se fose para a casa sen anotar nunha situación tan favorable para elo. O resultado de dezaséis goles a cero, que pode sobrepasar os límites da sempre reprochable humillación aos conxuntos rivais que tantas veces se vén denunciando, mantén ás de Marcial Prado nunha duodécima posición que ocuparán ata o próximo 7 de xaneiro, cando se reanude a competición tras unhas merecidas vacacións de Nadal nas que tratarán de repoñer forzas e aumentar os ánimos ante unha segunda volta de liga na que agardan continuar coa progresión que levan experimentando dende que aló por agosto se dedicise poñer en marcha este interesante e arriscado proxecto.


Ángel Fernández deixa sen esperanzas ao equipo infantil do Armenteira C.F.

A acertada actuación de Ángel Fernández, dianteiro centro do equipo infantil da S.D. Amanecer, resultou decisiva para que a escadra grovense se acabase levando os tres puntos na visita que rendiu na mañá do pasado sábado ao campo de O Leixo. O ariete meco, un xogador corpulento pero tamén veloz e dotado dunhas aceptables condicións técnicas foi un pesadelo para a defensa dun cadro verdinegro que formou con Sergio baixo paus, Xoán, Sebas, Santi e Kevin en defensa, Mosteiro, Carlos Pérez, Álex Ruel e Jose Otero na liña medular, Hugo na mediapunta e Piñeiro como xogador máis adiantado. A primeira metade foi de alternativas para os dous conxuntos. Os locais, que gozaron de máis ocasións có rival, tropezaban unha e outra vez coa seriedade defensiva da zaga dos de San Vicente e coa súa falta de puntería. A escasos minutos para que o colexiado Padierna Quinteiro indicase a fin do primeiro período os grovenses tomaban vantaxe no marcador. Pese a que o cadro que dirixe Valentín Estévez "Tilín" tratou de reaccionar e chegou a dispoñer de ocasións tan claras como un remate de cabeza de Jose Otero tras un chut de Álex Ruel ou un disparo que se lle foi desviado a Hugo cando se atopaba só fronte ao meta Jairo Lis, os visitantes foron apuntalando o seu triunfo xogando as súas opcións á mellor carta, Ángel Fernández, que se acabou levando un hat-trick como recordo do seu paseo por O Leixo. Esta vitoria por cero goles a tres mantén á S.D. Amanecer no segundo posto e deixa aos de Tilín na décima posición con dezaséis puntos. A próxima fin de semana a formación verdinegra volverá probar sorte na visita que debe realizar ao campo de As Lombas para enfrontarse ao Catoira S.D., décimo quinto clasificado con tres puntos.


Remontada imposible para o equipo benxamín do Armenteira C.F.

O equipo benxamín do Armenteira C.F. non puido puntuar na súa visita a Vilagarcía de Arousa, onde na mañá deste sábado se mediu no campo de Berdón á A.D. Arousa F-7. Os nenos e nenas que dirixen Luis e Alba Barral foron vítimas dun partido embarullado, no que ámbolos dous conxuntos lles faltou claridade e dinamismo no xogo. Os locais aproveitaron a súa maior experiencia e baseándose nunha relativa orde táctica puxeron vantaxe de por medio que, a pesares de que na segunda metade os goles de Brais Charlín intentaron remotar, a fazaña acabou sendo imposible. O extremo de Silván, que tampouco tivo o seu día máis afortunado, primeiro mediante un lanzamento directo de falta, e logo interceptando unha saída de balón do cadro local, conseguiu dous novos tantos para engadir ao seu modesto pero meritorio botín de goles que vén reunindo no qu se leva de temporada. O cinco a dous co que rematou o encontro mantén á escadra verdinegra na oitava posición á espera de enfrontarse a próxima fin de semana, no campo de As Lampáns, en San Vicente de O Grove, á S.D. Amanecer, primeira clasificada e que conta por vitorias os dous partidos desta segunda fase que ten disputados.


martes, 6 de decembro de 2016

Fotografía oficial con sabor a pinchos

O Armenteira C.F. realizou este martes 6 de decembro as fotografías oficiais dos seus equipos para a temporada 2016/2017. E foron unhas fotografías oficiais con sabor a pinchos. A pinchos de chourizo, xamón, queixo, mexillóns, xoubiñas ou aperitivos variados que gratuitamente e de forma abondosa se repartían polas mesas dispostas no exterior da cantina. E todo elo acompañado do ritmo dos éxitos musicais do momento que non deixaban de soar a través da megafonía. Así foi o acto que a Xunta Directiva do clube verdinegro organizou, como vén facendo durante os últimos anos, convertindo a este evento nunha tradición. Nesta ocasión había importantes novidades. O acordo co estudo fotográfico Zainat Fotografía fixo que fose un profesional o que dirixise a sesión, que dará como resultado unha reportaxe fotográfica que vai permitir un incremento das posibilidades de explotación da imaxe da entidade. Cinco foron equipos que luciron ante as cámaras. Sen dúbida, o principal foco de atracción foi o equipo de categoría biberón. Este proxecto de iniciación á práctica deportiva, que estará baixo a dirección de Jonathan Crespo e Eva López, é unha das iniciativas máis novidosas para esta temporada. Os equipos de categorías de fútbol-8, adestrados polo tándem formado por Luis e Alba Barral, e o equipo de categoría infantil tamén compareceron ante os flashes. O cadro que prepara Valentín Estévez "Tilín" está sendo unha das revelacións da temporada. Gran expectación causou asimesmo o conxunto de categoría sénior feminino. As rapazas que adestran Marcial Prado, Junior Tirado e Iván Borrageiros son unha das apostas máis ambiciosas das últimas campañas do clube de O Leixo. Non faltaron á cita os compoñentes da Xunta Directiva. O grupo que de forma tan laboriosa está levando o timón da entidade deixou durante uns intres as múltiples tarefas nas que estaba ocupado, e, sen perder ollo para que todo seguise funcionando con normalidade, uníronse á extensa galería de retratados. O colofón ao acto púxoo a fotografía grupal na que xogadores e xogadoras, adestradores e directivos figuraron xuntos mentres os móbiles competían coa cámara do profesional para lograr as mellores instantáneas. En todo momento o recordo a "Chicho" estivo presente. O ex-vicepresidente e xogador durante as últimas temporadas do Armenteira Veteranos falecía fai unha semana e a súa memoria quedará para sempre en O Leixo a través do cadro no que se enmarca a camiseta que el soía lucir, que tamén tivo o seu espazo na sesión fotográfica. A impresíon de que o Armenteira C.F. é un clube en crecemento estaba na boca de case todos os asitentes, que lamentaban en cambio o escaso apoio que recibe por parte das distintas administracións. E como exemplo máis significativo repetían unha e outra vez a necesidade de melloras nas instalacións do campo de O Leixo.











luns, 5 de decembro de 2016

Silván volve honrar a San Nicolao o 6 e 7 de decembro

O lugar de Silván, a cabalo entre as parroquias de San Salvador de Meis e Armenteira, volve honrar estes días a San Nicolao de Bari. Será o martes 6 e o mércores 7 de decembro, cando se poña en práctica o programa de festas no que a comisión organizadora leva traballando durante os últimos meses. Os actos comezarán cunha alborada a cargo da Banda Escola Municipal de Meis, que na mañá do día 6 percorrerá boa parte dos recunchos das dúas parroquias nas que se celebra esta festividade. A continuación terán lugar as misas solemnes con horario de 10, 12 e 13 horas, que irán seguidas dunha sesión vermouth. Xa pola noite haberá unha verbena amenizada polas orquestras Ritmo Joven e La Noche. O programa festivo prolongarase ata o día 7, no que a partires das 12.30 horas se oficiará unha misa solemne, tras a que se realizarán as tradicionais poxas dos distintos produtos agrarios que os fieis ofrecen ao santo.  Galos, galiñas, pernís, lacóns, ovos ou calquera outro produto saído das hortas e as granxas sairán a subasta. Pola noite o telón das festas pecharase coa actuación das orquestras D´Moda e Azar. As festas de Silván xa se converteron nun clásico do panorama festivo do inverno na comarca, e son numerosas as persoas que, aproveitando ademais o carácter non laborable dos días nos que se soen celebrar, acoden ata este lugar situado en plena ladeira do Castrove para disfrutar tanto dos oficios relixiosos como da variada oferta musical que ano tras ano ofrece a organización.


Iván Borrageiros: "Soubemos competir con dignidade"

O membro do corpo técnico do equipo feminino do Armenteira C.F. e tamén directivo Iván Borrageiros, que xunto con Junior Tirado tivo que asumir a responsabilidade do dirixir o equipo ante a sanción do primeiro adestrador Marcial Prado, mostrábase satisfeito ao final do partido que mediu ao seu equipo co C.F. Rúa-Valdeorras. "Tiñamos moitas baixas, algunha delas de vital importancia". "Dende que comezamos a adestrar este verán vémonos afectados por unha auténtica praga de lesións". "Agás nos primeiros partidos de pretemporada non houbo ningunha convocatoria para a que non tivéramos ningunha xogadora lesionada". "Este domingo xa foi o colmo. Atópamonos con moitísimos problemas para xuntar once xogadoras. Xa tiñamos bastante coa lesión de Uxía, que nos obrigou a recompoñer a alineación para situar a Karla na portería e vemos agora como se lesiona Ana Martínez", resaltando o papel de referente no grupo que exerce a xogadora de Ribadumia, capitana e máxima goleadora do equipo. "Pese a todos estes problemas soubemos competir con dignidade" afirmou. "Eu son home de fe, e agardo que as lesións nos comecen a abandonar". "Eu sempre crin nas nosas posibilidades. As miñas expectativas quizais eran demasiado altas. Pensaba que podiamos acadar o sétimo ou o oitava posto. De feito, incluso cheguei a facer alguna aposta". Con todo, o técnico de San Amedio aínda confía en lograr algún triunfo máis. "A vitoria en A Estrada contribuiu a reforzar a moral do grupo". Móstrase orgulloso da actitude das xogadoras: "Os resultados non están acompañando pero seguimos mantendo a ilusión por seguir mellorando. Iso ten verdadeiro mérito". Ante a posibilidade de reforzar o equipo de cara a segunda volta da liga indicou: "Estamos á espera dalgunha incorporación de forma inmediata. E é posible que durante o parón de Nadal se incorporore algunha xogadora máis. Tanto Marcial, coma Junior coma eu consideramos que hai posicións que non están suficientemente ben cubertas". Aínda así, admite as dificultades ás que pode ter o clube para atopar xogadoras, pero reitera: "O estado do terreo de xogo, cun campo de terra, pode resultar pouco atractivo para que as rapazas que animen a vir xogar ao Armenteira C.F., pero, en cambio, contamos co aval do bo ambiente que sempre nos caracterizou. Somos coma unha gran familia na que todos participamos, colaboramos e damos a nosa opinión".

Tilín: "Non tivemos fortuna nos metros finais"

Valentín Estévez "Tilín", adestrador do equipo infantil do Armenteira C.F. laiábase da escasa fortuna que tivo o seu equipo no partido que disputou este sábado ante o Atlético Cuntis."Perdoamos demasiado" afirmaba o técnico cambadés. "Eles crearon catro ocasións claras e marcaron tres goles, en cambio nós tivemos máis oportunidades, pero faltounos puntería. Non tivemos fortuna nos metros finais". Con todo, o preparador de Santo Tomé amousouse orgulloso do traballo do seu equipo. "Fixemos un bo traballo. A pesares do resultado eu daríalle un aprobado ao equipo". As miras de "Tilín" están agora na próxima xornada, na que reciben a visita no campo de O Leixo da S.D. Amanecer, segundo clasificado con vinteoito puntos. "Vai ser un rival moi difícil, pero eu confío na capacidade dos meus xogadores". "Fronte ao Ribadumia a diferenza marcouna o estado do terreo de xogo", en referencia ao partido que os mediu ao líder, que estivo marcado pola intensa choiva que caiu aquel día, que fixo que o campo se convertese nun auténtico barrizal. En relación coa traxectoria do seu conxunto no que levamos de liga afirmaba "Estamos superando os obxectivos cos que partíamos a principios de temporada, pero creo que as nosas aspiracións teñen que estar en quedar entres os seis primeiros postos". Finalmente quixo facer referencia á súa situación no clube. "Esta é a miña terceira temporada no clube, e, como en todos os clubes considero que habería moitos aspectos nos que poderíamos mellorar, pero no tempo que levo noto que a progresión foi moi importante". "Asinei contrato aquí e vou cumprir a miña palabra", en resposta aos rumores que falan dalgunha oferta para cambiar de aires. "Esta temporada estou convencido de que podemos facer algo grande" rematou sinalizando o técnico cambadés.



sábado, 3 de decembro de 2016

Contundente triunfo do Armenteira Veteranos para homenaxear a "Chicho"

O Armenteira Veteranos conseguiu na tarde deste sábado, no campo de O Leixo, un contundente triunfo por oito goles a un ante o San Benitiño C.F. Veteranos-Joyería Groba. O partido estivo marcado polo permanente recordo á figura de Javier Martínez Ucha  "Chicho ", un xogador que militou durante as últimas temporadas no conxunto verdinegro e que falecía o pasado luns nun fatal accidente de tráfico. Nos prolegómenos do encontro os compoñentes do Armenteira Veteranos rendiron unha merecida homenaxe ao seu compañeiro nun acto que contou coa presenza de boa parte dos familiares do falecido, e que consistiu na entrega dun cadro coa súa camiseta, que foi inmortalizado nunha fotografía na que tamén quixeron figurar os pais e a irmá de  "Chicho". O equipo local formou con Joserra baixo paus, Portas, Marcos, Carlos e Richi na liña defensiva, Rafa, Javi, Cacabelos e Martín no mediocampo, e Jorge Castro e Galiñanes en ataque. As gañas por rendir tributo ao seu compañeiro fixeron que os locais saísen ao campo especialmente motivados. En apenas corenta minutos os de O Leixo xa deixaran practicamente sentenciado o encontro. Jorge Castro en dúas ocasións, Martín e o central Carlos, tras unha certeira cabezada  a un saque de córner, enviaban ao descanso á formación que capitanea José Luis Galiñanes coa vantaxe suficiente para afrontar sen demasiados sobresaltos os restantes corenta e cinco minutos. A elo contribuiu tamén a pena máxima que o colexiado encargado de dirixir a cita, o célebre Rey Fierro, decidiu sinalar a prol dos de Portas, pero que non subiu ao marcador, xa que o balón saiu rebotado tras impactar co poste da meta defendida por Joserra e voltou ás botas do lanzador, invalidando a acción. No segundo período a relaxación dos verdinegros deu máis opcións de atacar aos visitantes, que recurtarían distancias por mediación de Hicham Kourati, sacando proveito dun balón que se escapou das luvas de Joserra. Pero de novo dous goles de Jorge Castro e outros dous de Marcial, un deles dende o punto de penalti, deixarían clara a superioridade dos de A Armenteira, que con esta vitoria se sitúan na novena posición con vinte puntos. Na próxima xornada, que se disputará o sábado 17 de decembro, a escadra verde e negra visitará o campo de A Senra, en Ribadumia, para medirse ao Bar Santiaguiño, lider do grupo con trinta e un puntos, no que será un duelo de gran rivalidade. A presenza no cadro de Ribadumia de Luis Barral, adestrador dos equipos das categorías de fútbol-8 dos de O Leixo, contribuirá a dar morbo unha cita na que ademais se mide a capacidade goleadora de dous dos máximos artilleiros do grupo, Jorge Castro e o propio Luis Barral.










Tres puntos que se van para Salcedo no primeiro partido da segunda fase para o equipo benxamín do Armenteira C.F.

A S.C.D. Salcedo mostrouse máis efectiva có equipo benxamín do Armenteira C.F. no primeiro partido da segunda fase correspondente ao grupo 64A. O cadro da parroquia pontevedra exhibiu máis argumentos na mañá deste sábado sobre a superficie de terra do campo de O Leixo. Non estivo fino o conxunto que adestran Luis e Alba Barral. A falta de colocación e de contundencia en defensa condenaron aos locais ante unha escadra visitante que se apropiou do control do xogo e que basou os seus argumentos ofensivos na inspiración dos seus dous Mateos, Mateo Acuña e Mateo Piñón, autores de seis dos nove goles que os pontevedreses conseguiron en A Armenteira. Nin Sara Otero nin Óscar Lois, que durante a segunda metade tivo a oportunidade de debutar coma gardameta, puideron neutralizar os remates dos visitantes. Mágoa o penalti errado por Brais Charlín nos primeiros minutos, que de materializado, de seguro que daría algo máis de emoción ao partido. O cero a novo co que remataron os cincuenta minutos deixa ao equipo benxamín do Armenteira C.F. con cero puntos, cifra que agarda aumentar a próxima fin de semana no campo de Berdón ante a A.D. Arousa F-7-


Despedida da primeira fase con vitoria para o equipo alevín do Armenteira C.F.

O equipo alevín despediu este sábado, no campo de O Leixo, a primeira fase da competición do grupo 64 cunha vitoria ante o C. Xuventú Sanxenxo. O cadro técnico que dirixen Luis e Alba Barral puido contar nesta ocasión con todos os xogadores habituais. A recuperación de Íñigo dos seus problemas musculares e de Fran e Jose Domínguez dos seus procesos víricos permitiu que o cadro verdinegro afrontase o encontro nunhas condicións máis favorables có da pasada fin de semana. Con todo, o encontro non comezou ben para a formación local. Brais Lores aproveitaba unha falta de decisión defensiva para adiantar aos amarelos. Reaccionou axiña o Armenteira C.F., e Adri non perdoaba ante o meta Joel Estévez para igualar o marcador. Antes do descanso marcarían de novo os de Sanxenxo, e de novo Adri daría a réplica para manter a igualada no período de lecer. Na segunda metade os de O Leixo foron pouco a pouco impoñendo a súa superioridade, e Sara Rey, Adri e Íñigo rematando á vez có seu compañeiro Adri puxeron as bases para a terceira vitoria desta primeira fase para a escadra que adestra Luis Barral. O C. Xuventú Sanxenxo só conseguiría perforar a meta defendida nesta segunda metade por Sergio Matilde cun tanto logrado por Alejandro Rea. O resultado final de cinco goles a trece serviu para poñer xustiza ao observado sobre a area do campo situado no lugar de O Busto e deixa finalmente ao conxunto verde e negro na sétima posición con nove puntos, á espera de coñecer os compoñentes do grupo e o calendario da seguinte fase, que previsiblemente que se fará pública a inicios da próxima semana.