Buscar neste blog

martes, 27 de decembro de 2022

As forzas de seguridade interveñen unha plantación de marihuana nas inmediacións do campo de O Leixo

 

Unha operación dirixida polos axentes do grupo 2 da UDYCO da Policía Nacional de Pontevedra, en colaboración coa Guardia Civil, permitiu intervir unha plantación con miles de plantas de marihuana nas inmediacións do campo de O Leixo, en Armenteira. A escasos metros das instalacións deportivas localizábase unha plantación que ocupaba unha extensión de terreo que superaba os 2.000 metros cadrados, onde medraban máis de 3.000 plantas de cannabis. No entorno, ademais dun semilleiro para as plantas, oculto entre as árbores e a biomasa que existe na zona, instalábase un pequeño campamento, con varias tendas de campaña, nas que se refuxiaban as persoas responsables da plantación, e nas que tamén se albergaba material de traballo, como palas, picos, arados e outros útiles de labranza, abonos químicos, produtos de xardiñeiría, xunto cunha balsa de auga á que se conectaban varias mangueiras que formaban o sistema de rego que surtía a toda a plantación. Debido ao elevado número de plantas decomisadas as autoridades xudiciais e a Policía Nacional víronse na obriga de solicitar a presenza de varias furgonetas de aluguer e dun camión de mudanzas para trasladar a mercadoría a dependencias policiais. O balbordo formado a causa da presenza dos axentes das forzas de seguridade e das furgonetas levantou unha enorme expectación entre os veciños e veciñas do lugar de O Busto, próximo ao terreo no que se cultivaban estes exemplares de substancia estupefaciente.

Aínda que non trascendeu a identidade de ningunha das persoas que puideron resultar detidas, fontes ben informadas afirman que se trataría de individuos que merodean pola zona con relativa frecuencia. Numerosos rumores relacionaban este alixo con membros do plantel do Armenteira Club de Fútbol ou do Armenteira Veteranos, cos que contactaron os diversos medios de comunicación nada máis coñecerse a noticia. Ningún dos representantes destas entidades quixo facer declaracións, alegando que xa declararían ante os xulgados pertinentes no momento no que fosen citados. Tampouco a Comunidade de Montes de Man Común Chan da Fonte, propietaria dos terreos, quixo realizar ningún tipo de declaración, desmarcándose de calquera responsabilidade relacionada con plantación decomisada. Con todo, outras fontes afirman que o cultivo de cannabis era custodiado por persoas alleas ás entidades citadas anteriormente, que non serían orixinarias da parroquia de A Armenteira nin da contorna, pero que decidiron establecer alí a súa base de operacións, dados os antecedentes relacionados co tráfico de estupefacientes dese entorno e aproveitando a constante presenza de néboa nese enclave, que lles permitiría ocultar con máis facilidade as súas actividades e actuar cunha maior discreción.

Pese a que inicialmente se especulaba con que os futbolistas tanto do Armenteira Club de Fútbol ou do Armenteira Veteranos, puidesen figurar, non tanto como responsables da plantación, senón como vendedores ou consumidores, o que explicaría os comentarios, a súa actitude desenfada ou algunhas das derrotas dos últimos partidos, fontes moi achegadas a estas entidades afirmaron que o bo humor, o carácter festeiro e divertido, xunto coas carencias futbolísticas técnicas e tácticas que poderían explicar os resultados desfavorables obtidos recentemente, nada teñen que ver co contacto co cannabis, senón que máis ben se ben á natureza propia destas xentes e aos chupitos cos que adoitan acompañar o café que se toman despois da comida anterior a cada partido.

Alarmados polo movemento producido nos arredores do campo de O Leixo, algún veciños e veciñas axiña fixeron acto de presenza no lugar dos actos. En privado, e sen querer desvelar a súa identidade, algún destes veciños aceptou atender aos medios de comunicación. Asegurando coñecer en profundidade á xente dos equipos de fútbol que utilizan de forma asidua estas instalación declarou que “son xente divertida, con bo humor, que calquera que non trate moito con ela podería dicir que anda na droga, ou incluso que poida consumila, pero, como di o outro, iso é cousa deles. Eu non digo nin unha cousa nin a outra, a ver se me entendes, pero vese que a maioría son xente con cartos e que leva boa vida, que aparentan ser felices, pero diso non digo nada, que aquí todos nos coñecemos e todo se sabe”. E para finalizar afirmou “eu veño normalmente a ver os partidos, e non sei se é culpa dos chupitos que toman co café antes dos partidos, se é culpa da marihuana ou se é culpa de non sei que, pero ultimamente resulta difícil velos ganar un partido”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario