Buscar neste blog

martes, 28 de novembro de 2017

Un ano sen Chicho

Fai hoxe un ano un suceso conmocionaba á parroquia de A Armenteira. Aquel 28 de novembro de 2016, na estrada que conduce á Valboa un tráxico accidente de tráfico levábase por diante a vida de Javier Martínez Ucha, ao moitos coñecían como "Chicho". De nada serviu a mobilización das asistencias sanitarias. Incluso un helicóptero se desprazou ata o lugar do accidente. "Chicho" deixaba de vivir a escasos metros do súa casa. A consternación axiña se estendeu pola parroquia e polos arredores. Tratábase dunha persoa moi coñecida, de carácter aberto e afable, con gran capacidade para facer amigos e moi querido e aprezado por todas aquelas persoas que tiveron a sorte de compartir momentos con el. Ademais sempre tivo unha gran implicación na vida social de A Armenteira. O Armenteira Club de Fútbol, a Comisión de Festas "O Noso", a Comunidade de Montes Chan da Fonte ou o Armenteira Veteranos foron algúns dos colectivos polos que pasou e nos que deixou unha pegada que sen dúbida será imborrable. Na memoria de todos os que estiveron estará o día do seu enterro, un dos máis multitudinarios que se lembran na parroquia. Un silenzo sepulcral e unha inmensa pena invadiron o ambiente nun dos días máis tristes que se lembran en A Armenteira. Era a mostra do profundo respecto que a xente tiña por "Chicho". Un ano despois, a súa imaxe, a súa lembranza permanece na memoria dos veciños e veciñas e todos aqueles que o coñecían. Diversos actos de homenaxe se teñen realizado dende entón. O Armenteira Veteranos foi quizais a entidade máis activa neste sentido, dando sempre un papel protagonista á familia, á que aínda custa asimilar tan terrible perda. Pero a mellor homenaxe, a máis importante que lle pode rendir, é lembranza que, día tras día, e especialmente nunha data tan sinalada, teñen aquelas persoas, amigas ou coñecidas, para as que este ano non foi realmente un ano sen "Chicho", como tampouco o será ningún dos que virán, porque para esas persoas, para todos nós, "Chicho" xamais deixará de existir.


Ningún comentario:

Publicar un comentario