Buscar neste blog

mércores, 27 de febreiro de 2019

Fin de semana redonda para os equipos de fútbol de A Armenteira

A xornada da pasada fin de semana resultou practicamente redonda para os equipos de fútbol de A Armenteira. Aínda que ben é certo que esta temporada a parroquia conta con menos equipos en competición, fai tempo que non se daban uns resultados tan favorables. As dificultades ás que tradicionalmente teñen que facer fronte estes conxuntos, como a precariedade das instalacións, o descenso demográfico, a falta de apoios institucionais ou a competencia desleal doutros clubes, provocan que a súa política deportiva acabe primando a participación e a formación e a aprendizaxe a través do deporte cá competitividade. Por elo, e dadas as circunstancias, os resultados que acadaron tanto os equipos do Armenteira C.F. como o Armenteira Veteranos son dignos de mención.

O primeiro en entrar en competición foi o equipo sénior feminino, que afrontaba a primeira xornada da segunda fase da Liga Feminina de fútbol-7, e que non puido comezar con mellor pé. As rapazas que adestra Marcial Prado venceron por dous goles a un ao C.D. Arcade F.F., nun encontro equilibrado nos primeiros trinta minutos, pero no que as mozas do cadro verdinegro remataron por impoñer a súa superioridade nas dúas áreas na segunda metade. Dúas transicións rápidas, culminadas por Paula e por Sara Torres serviron para dar a vitoria ao clube de O Leixo. De nada valeu o tanto anotado polas de Arcade a través dun balón bombeado dende longa distancia xa case sobre a bocina final. A clasificación, por anecdótica que pareza, ao tratarse da primeira xornada, deixa ás de A Armenteira nunha estimable segunda posición.

Ese mesmo día, o sábado, 23 de febreiro, e nese mesmo escenario, o campo de O Leixo, pero en horario de tarde, o Armenteira Veteranos conseguía un meritorio empate ante o C.D. Portas Veteranos. Tratouse dun partido relativamente igualado, sen excesivas ocasións claras de gol, no que o xogo se desenvolveu principalmente na zona de medio campo. O fútbol de elaboración dos de Portas, sabiamente dirixido por Suso Conles, adestrador no seu día do equipo sénior masculino do Armenteira C.F. e do que se garda unha grata lembranza na entidade verdinegra, non foi suficiente para superar aos locais, que disfrutaron das mellores ocasións, nas que Javi, improvisado dianteiro centro nas últimas xornadas, e sobre todo Marcial, foron os grandes protagonistas.

Xa no domingo, 24 de febreiro, a cita correspondeulle ao equipo infantil. O conxunto que adestran Fran Filgueira "Pacheco" e Jorge Gómez é o que maiores expectativas está levantando esta temporada. Tras un inicio compricado os rapaces e rapazas do equipo verdinegro souberon repoñerse e lograron manter unha continua progresión que fai que, segundo algunhas quinielas, figuren entre os máximos favoritos a alzarse co título de campión do grupo 62 da Segunda autonómica infantil. En virtude do acordo subscrito para esta campaña co C.D. Mosteiro, nesta ocasión o partido tivo lugar no campo Municipal de Meis, e alí o Armenteira C.F. non volveu defraudar. Despois dun inicio titubeante, no que o rival, a S.D. Monteporreiro, igualou o tanto inicial de Manu Meixús, o equipo verdinegro foi marcando distancias, e sen pasar excesivos apuros, acabaría vencendo por sete tantos a dous, tras un plácido segundo período no que ademais deixaron destellos de bo fútbol en forma de triangulacións, desmarques ou internadas polos costados. Dos sete goles catro foron anotados por Manu Meixús, dous por Íñigo e un por Irene Pesqueira, que estreaba o seu casilleiro anotador por esta campaña. Os catro triunfos acadados nas catro xornadas disputadas manteñen á escadra verdinegra no segundo posto, en dura pugna co Barro C.F. que, cun partido máis de competición, supera aos de O Leixo por un só punto.

A próxima fin de semana será de descanso para os equipos de fútbol de A Armenteira. A Real Federación Galega de Fútbol decidiu reservar estas datas para a celebración das festas do Entroido e non haberá liga nestas categorías. A competición voltará na fin de semana do 9 e 10 de marzo, na que tanto o equipo sénior feminino como o equipo infantil terán que realizar longos desprazamentos, a Caldelas de Tui e a Cangas do Morrazo, respectivamente, mentres que o Armenteira Veteranos vivirá en O Mosteiro o derbi municipal ante o C.D. Mosteiro-Cafetería Impacto.









domingo, 17 de febreiro de 2019

O Armenteira C.F. feminino coñece xa o calendario da segunda fase da liga de fútbol-7

A Real Federación Galega de Fútbol deu a coñecer ao longo desta fin de semana o calendario da segunda fase da liga feminna de fútbol-7 no que participa o Armenteira C.F. Será unha competición formada por oito equipos, aqueles que lograron unha puntuación menor na primeira parte da liga, mentres que os outros oito equipos disputarán, os que finalizaron máis arriba nesta fase, disputarán outra liguiña. Haberá unha única volta, polo que os conxuntos participantes xogarán unicamente sete xornadas. O inicio está fixado para a próxima fin de semana, que no caso do Armenteira C.F. corresponderalle recibir, previsiblemente o domingo, no campo de O Leixo, ao C.D. Arcade F.F. A tenor dos resultados na primeira fase entre os máximos favoritos a alzarse co título están o C. Mamis Arnelas-Ribadumia, o Porriño Industrial F.C. ou o San Roque Casablanca C.F., que curiosamente visitou este domingo o campo de A Armenteira, onde venceu ao cadro local por cero goles a dous. Para as rapazas que dirixe Marcial Prado será unha oportunidade de reivindicarse fronte a equipos cun nivel parello ao seu, de ir mellorando certos aspectos do xogo e de afinar a preparación para a COPA ARMENTEIRA, o torneo feminino de fútbol-7, que este ano celebrará a terceira edición e que está previsto que teña lugar ao final da presente temporada.


venres, 15 de febreiro de 2019

O obradoiro de trampeo de velutina abre o programa formativo da asociación veciñal

A Asociación de Veciños e Veciñas de A Armenteira inicia este venres, 15 de decembro o seu programa formativo correspondente ao ano 2017 co curso que leva por título Stop Vespa Asiática, un obradoiro de trampeo de vespa velutina que se desenvolverá a partires das 20.30 horas na Casa de Cultura da parroquia. Segundo sinalan dende a sociedade veciñal "a época na que se aproxima a primavera é o momento máis idóneo para a colocación de novas trampas para a captura de raíñas de vespa velutina", polo cal entenden que esta data é a oportuna para levar a cabo esta actividade que permita loitar contra unha praga que se está extendendo a un ritmo acelerado por Galicia e boa parte de España. Como tamén indican "é nesta época cando as raíñas saen na procura de alimento, azucre principalmente, para logo comezar a elaborar os seus niños". Por este motivo convidan a todos os veciños e veciñas e a todas aquelas persoas interesadas neste tema e concienciadas co medio ambiente e a defensa dos nosos cultivos tradicionais a que asistan a este acto que será de acceso libre e totalmente gratuíto. O único requisito que terán que levar é ir provistos de botellas de plástico, as cales se utilizarán para a confección dos distintos tipos de trampas. Con este curso iniciase un programa que continuará nas próximas semanas cun obradoiro de compostaxe e posiblemente con outro relacionado coas propiedades mediciñais das prantas, aínda que o punto forte do calendario anual da asociación volverá ser a festividade do San Xoán, na noite do 23 ao 24 de xuño.





domingo, 10 de febreiro de 2019

Cuarta vitoria consecutiva do Armenteira C.F. infantil tras superar ao C.D. Moaña "B" en O Leixo

ARMENTEIRA C.F. -  C.D. MOAÑA "B"- 4 - 1
ARMENTEIRA C.F. Sergio; Víctor, Álex, Fran, Carlos; Javi, Íñigo; Mateo, Irene Varela, Ramón; e Manu Meixús. Tamén xogaron Andrés, Júnior e Irene Pesqueira.
GOLES:1-0. Minuto 47. Manu Meixús. 1-1. Minuto 51. Adrián Curra. 2-1. Minuto 62. Íñigo. 3-1. Minuto 69. Manu Meixús. 4-1. Minuto 69. Mateo.
ÁRBITRO: Otero Somoza. Non mostrou cartóns a ningún dos dous equipos.
INCIDENCIAS: Partido da terceira xornada da Segunda autonómica infantil. Grupo 62, disputado no campo de O Leixo, en Armenteira, ante uns setenta espectadores, nunha tarde fresca e chuviosa por momentos, e sobre un terreo de xogo cunha superficie irregular e con surcos na area das zonas laterais.

CRÓNICA
O equipo infantil do Armenteira C.F. segue intratable nas últimas xornadas. Catro vitorias consecutivas son as que acumula o conxunto que adestran Fran Filgueira "Pacheco" e Jorge Gómez: dúas nos dous últimos partidos da primeira fase, ante o Unión Dena C.F. e ante a A.D. Arousa "B", e outras dúas nos dous encontros da segunda fase que leva disputado, de novo ante A.D. Arousa "B" e ante o C.D. Moaña "B". A deste sábado era unha cita que infundía bastante respecto ao cadro local, dado o nome e as cifras do rival na parte inicial da competición. Só a chegada do autobús dos de O Morrazo ás instalacións de Leixo poñian en evidencia o potencial do clube moañés. En liñas xerais o encontro foi de lixeira superioridade para o equipo verde e negro, ao que non acompañou o acerto que habitualmente exhibe nos metros finais. Na primeira metade o equilibrio foi a nota dominante, con escasas ocasións por ambos os dous bandos, aínda que o Armenteira C.F., co vento en contra, dispuxo das de maior claridade. Nin Manu Meixús, protagonista da maioría delas, nin tampouco Íñigo tiveron fortuna á hora de definir ante o meta Pablo Illán. Nada máis comezar o segundo período a xustiza recompensou aos de A Armenteira C.F. e Manu Meixús, tras desembarazarse de varios defensores e deixar no chan ao gardamallas, adiantaba aos locais ante o xúbilo da súa afección. Pouco durou a alegría na parroquia verdinegra e unha perda de balón no inicio dunha xogada dende a liña defensiva permitiu que o C.D. Moaña "B" rematase anotando coa portería baldeira. Casou un notable desconcerto este tanto entre os locais, que por uns minutos perderon o control do xogo e chegaron a temer que os tres puntos se puidesen escapar de O Leixo. Pero tras desbaratar algunha acción de perigo visitante, fóronse ao ataque e froito disto Íñigo enviaba unha cabezada ao fondo da rede ante a oposición do meta moañés. A tranquilidade viría cando Manu Meixús volvía sorprender á defensa adversaria para colocar o tres a un, e sobre todo cando Mateo empalmaba unha semivolea para acadar o cuarto e definitivo tanto para o Armenteira C.F. Con este resultado o equipo que adestran Fran Filgueira "Pacheco" e Jorge Gómez sitúase na terceira posición, con seis puntos, á espera da visita que realizará a próxima fin de semana ata Pontevedra para medirse nas instalacións de A Xunqueira á A.J. Lérez "C", que ocupa o sétimo posto, tamén con seis puntos.



domingo, 3 de febreiro de 2019

Un Armenteira C.F. feminino moi minguado cae ante o C. Mamis Arnelas en A Senra

 FICHA TÉCNICA
C. MAMIS ARNELAS-RIBADUMIA - ARMENTEIRA C.F. - 3 - 1
ARMENTEIRA C.F.:Anabel; Rocío, Lara; Fátima, Sara Rey, Bea; e Nerea.
GOLES: 1-0. Minuto 20. Antía Moreira. 2-0. Minuto 33. Antía Moreira. 2-1. Minuto 57. Lara, de penalti. 3-1. Minuto 51. Silvia Piñeiro.
ÁRBITRO: Pastoriza Ogando. Non mostrou cartóns a ningún dos dous equipos.
INCIDENCIAS: Partido da décimo quinta xornada da Liga Femina de fútbol-7. Grupo único, que se disputou no campo de A Senra-2, en Ribadumia, ante uns trinta espectadores, nunha mañá soleada, pero fresca, nunhas instalacións amplas e cómodas e sobre un terreo de xogo nunhas condicións idóneas para a práctica do fútbol.

CRÓNICA
O equipo feminino do Armenteira C.F. non puido co C. Mamis Arnelas-Ribadumia no partido que disputou na mañá deste domingo no campo de A Senra-2. Era un duelo especial para as mozas que dirixe Marcial Prado, pois trátase do único encontro de rivalidade que afrontará esta temporada, á espera da segunda fase, que comezará en menos dun mes, e no que con toda seguridade se volverán ver as caras estes dous conxuntos. Non se presentaba a escadra verdinegra nas mellores condicións. Ás ausencias por problemas físicos de Sara Torres, Vanessa e Banesa, uníanse as de Patricia e Paula, neste caso a última hora. Con só sete xogadoras, as xustas para xogar o partido, e sen ningún recambio no banquillo, o Armenteira C.F. saltou ao terreo de xogo esperanzado con traer algo positivo de Ribadumia. Asumiu o dominio do esférico dende os primeiros minutos o cadro local, que trataba de combinar, aínda que non era quen de chegar con perigo ás proximidades da meta defendida por Anabel. Non sería  ata o minuto 20 cando Antía Moreira conectaba un potente disparo dende o borde da área que acabou que acabou colándose no fondo da rede das de A Armenteira. Intentaron reaccionar as visitantes, a base de garra e loita, aínda que abusando das conducións de balón. No segundo período, de novo outro disparo dende a frontal sorprendía a Fátima, que relevaba a Anabel como gardamallas verdinegra. Axiña respondeu o Armenteira C.F. e Lara abandonou o centro da defensa para internarse na área local, onde era derrubada por unha defensora. A propia Lara asumiría a responsabilidade de efectuar o lanzamento da pena máxima. Coa perna esquerda a futbolista de Nantes non fallaría dende o punto fatídico. A partir de entón o partido viviu uns minutos de emoción, nos que o equipo verde e negro se viu con opcións de acadar como mínimo un punto en Ribadumia. Pero o soño das de O Leixo rematou cando Silvia Piñeiro batía a Fátima para poñer practicamente a sentenza no marcador. As mellores ocasións do Armenteira C.F. neste minutos finais estiveron en lanzamentos de falta, pero nin Sara Rey nin Anabel estiveron demasiado afortunadas. Con este resultado o conxunto verdinegro continúa na décimo sétima posición. A próxima fin de semana será de descanso para as rapazas que adestra Marcial Prado, que volverán á competición o sábado, 16 de febreiro, ou o domingo, día 17, cando reciban no campo de O Leixo ao San Roque Casablanca, no último encontro desta primeira fase da liga.