Buscar neste blog

sábado, 30 de setembro de 2017

O Armenteira Veteranos cede tres puntos nos últimos vinte minutos

O Armenteira Veteranos caiu derrotado por un gol a dous no partido disputado na tarde deste sábado ante o Albariño Veteranos no campo de O Leixo. Foi unha derrota cruel, pois o cadro verdinegro viu como o conxunto cambadés lle remontaba nos últimos vinte minutos ata facerse coa vitoria. O equipo que dirixe José Luis Galiñanes presentou un once inicial con Joserra baixo paus, Jorge Dávila, Óscar  Muniz, Óscar Barreiro e Moncho en defensa, Portas como medio de contención, Manolo, Carlos, Jorge Castro e Richi na liña medular, e o propio Galiñanes como xogador máis adiantado. O primeiro período caracterizouse polo equilibrio. Ámbolos dous conxunto amosábanse ben plantados sobre a superficie de terra de O Leixo. A orde táctica e a presión dos locais contrarrestaba a maior posesión do balón do Albariño Veteranos. Tras o descanso, unha acción xurdida dun saque de banda remataría nos pés de Jorge Castro, que enganchou un disparo dentro da área que impacto nun defensa rival para despistar ao meta José González e adiantar ao de A Armenteira. Cando parecía que os tres puntos se ían quedar na casa, a sinalización dunha falta ao borde da área local, moi discutida polos verdinegros, cambiaría o rumbo do encontro. O maxistral lanzamento de Sergio Estonllo colocaba a igualada no marcador e supoñía un duro revés para o ánimo dos futbolistas do Armenteira Veteranos que, con todo, trataron de reaccionar e buscaban a meta contraria, con Jorge Castro case sempre como referencia. Pero un problema de entendemento entre o porteiro e a defensa despois dun balón colgado ao segundo pau polo Albariño Veteranos era cabeceado de novo por Sergio Estonllo ao fondo da rede. Xa non houbo tempo para que unha escadra verdinegra fisicamente esgotada puidese recuperar polo menos un punto. Con esta derrota por un tanto a dous os de O Leixo sitúanse na undécima posición, con unicamente dous puntos. As esperanzas de lograr o primeiro triunfo da temporada deposítanas no encontro do próximo sábado, no que se medirán a S.C.D. Terras de Curro no campo Municipal de Zacande.


Cómodo triunfo do equipo xuvenil do Armenteira C.F. en Dena

O equipo xuvenil do Armenteira C.F. conseguiu un cómodo triunfo por dous goles a catro no partido disputado na mañá deste domingo no campo de As Cachizas ante o equipo local do Unión Dena C.F. O cadro adestrado por Valentín Estévez "Tilín" presentou un once inicial con Roberto Torres na portería, Gabriel, Sergio Nogueira, Javi e Rafa en defensa, Cristian Cores, Jona, Mathias e Cristian Abal no mediocampo, Hilias na mediapunta e Alberto en ataque. Sen claras ocasión no inicio o Armenteira C.F. foi pouco a pouco facéndose co control do xogo. A posesión pertencía aos verdinegros que non conseguían traducir o seu dominio en oportunidades claras de gol. Sería no minuto 42 cando Cristian Abal culminaba na área unha internada pola banda esquerda e batía con sutileza a Miguel Outón. Non houbo tempo para celebracións para os de Tilín e, ao fío do descanso, un contragolpe do Unión Dena C.F. no que os visitantes relaxaron a presión daba co coiro nos pés de Eloy Gómez para poñer a igualada. No segundo período a tónica continuou sendo a mesma. O dominio seguía correspondendo ao Armenteira C.F., pero, neste caso, con máis acerto ante a meta contraria. E iso veu da man de Cristian Abal, un veloz e habiloso extremo que, primeiro rematando na área pequena unha xogada persoal, o logo cabeceando ante a saída do meta rival, anotaría dous tantos máis para completar o seu particular hat-trick e pór terra de por medio para o seu equipo. Con todo, a alegría non sería absoluta para o futbolista de Vilariño, xa que o golpe recibido do meta Miguel Outón no seu intento de evitar o gol causaríalle un forte golpe no nariz que o obrigaría a abandonar o terreo de xogo minutos despois. A sentenza definitiva correría a cargo de Alberto, que colocaría unha elegante vaselina no fondo das mallas dos de As Cachizas. Nos minutos finais a nota curiosa foi o debut como xogadores de campo de Marin e David Piñeiro, habituais gardametas, e que, ante a falta de efectivos, tiveron que exercer de improvisados dianteiros. Tamén tivo a súa oportunidade Rubén, que se estreaba coa camisola vermella esta temporada en partido oficial. A baixada de ritmo do Armenteira C.F. permitiu que José Sanmartín puidese acurtar distancias para a escadra local cando o encontro chegaba á súa fin. Con esta vitoria o conxunto xuvenil que representa o proxecto común de Umia C.F. e Armenteira C.F. para a temporada 2017/2018 sitúase na cuarta posición con catro puntos, á espera do partido que no que se medirá ao C.D. Bamio a próxima fin de semana no campo de A Bouza, en Barrantes.


sábado, 23 de setembro de 2017

C.D. Mosteiro-Cafetería Impacto e Armenteira Veteranos repártense os puntos no Municipal de Meis

C.D. Mosteiro-Cafetería Impacto e Armenteira Veteranos repartíronse os puntos no partido correspondente á terceira xornada da Segunda Galicia Veteranos, Grupo 1, que se disputou na tarde deste sábado nun renovado campo Municipal de Meis. Sobre a alfombra de céspede artificial recentemente instalada nas instalacións deportivas da capital do concello de Meis estes dous conxuntos libraron un novo duelo de rivalidade que non estivo exento de polémica. O cadro de A Armenteira presentou un once inicial con Joserra en portería, Jorge Dávila, Óscar Muñiz, Óscar Barreiro e Portas en defensa. Richi. Carlos, Martín e Rafa no mediocampo, e Galiñanes e Jorge Castro na dianteira. Comezaron os locais tomando a iniciativa, baseados nunha maior fluidez na circulación do balón e buscando unha e outra vez a Ricardo Fernández, un futbolista de enorme calidade e, sen dúbida, o seu gran referente sobre o terreo de xogo. As caídas á banda esquerda do ex-futbolista do Pontevedra C.F. na Segunda División B do fútbol español e actual adestrador do Zacande F.C. foron un continuo pesadelo para a zaga verdinegra. A intensa marcaxe a as faltas coas que trataban de deter os avances deste talentoso zurdo provocaban as protestas dos locais ante as que sucumbía un colexiado excesivamente endeble ante a presión dos xogadores. Pouco a pouco foi atopando o Armenteira Veteranos o camiño da portería contraria. A forza e a loita de Jorge Castro en ataque abría ocos na defensa rival. Sería o propio Jorge Castro o encargado de inaugurar o marcador ao converter unha pena máxima sinalada por Otero Martínez tras unha man no interior da área dun defensor local. No segundo período, un e outro equipo, abonados á inspiración nos metros finais de Ricardo Fernández e Jorge Castro buscaban a meta contraria a medida que as forzas ían abandonando a estes experimentados futbolistas. E sería dos pés de Ricardo de onde nacería a igualada para o C.D. Mosteiro-Cafetería Impacto. Un balón colgado polo mediapunta de Zacande era recollido por Jose Enríquez na área pequena para superar a Jose Outón e situar o empate a un co que rematarían os noventa minutos. Pouca historia tería o resto do encontro no que o máis salientable foi a expulsión de Joseíño cando se dispoñía a entrar no terreo de xogo para substituír a un compañeiro. As protestas polo trato desigual co que o colexiado estaba sancionado a reiteración de faltas do equipo local tiveron como resposta un dobre cartón amarelo que enviou á ducha antes de tempo ao extremo de Valboa. Con este resultado o Armenteira Veteranos finaliza a xornada na décima posición con dous puntos, á espera de recibir o próximo sábado no campo de O Leixo ao Albariño Veteranos, segundo clasificado con nove puntos.


Contundente vitoria do equipo infantil do Armenteira C.F. no primeiro partido de liga

O equipo infantil do Armenteira C.F. conseguiu unha contundente vitoria por oito goles a cero no que era o seu primeiro partido da liga 2017/2018. Foi no campo de O Leixo ante a C.D. Portas nun encontro no que Luis Barral presentou un once inicial formado por Sergio Casal en portería, Migui, Xoán, Adri e Fran en defensa, Íñigo, Hugo e Carlos na liña de medios, Manu Meixús e Junior polos costados, e Mosteiro en ataque. Axiña se puxo de manifesto a comodidade coa que os rapaces e rapazas que locen a camisola verdinegra solventaron o encontro. Un balón en profundidade foi aproveitado por Mosteiro, convertido esta campaña nun atacante potente e rompedor, para bater David Angueira. Unha incursión ata a área pequena de Manu Meixús serviría para por o dous a cero coa colaboración dun defensa visitante. A partires de entón o dominio do Armenteira C.F. continuou sendo aplastante sen que os futbolistas do conxunto das terras do Umia conseguirán inquedar practicamente en ningunha ocasión á meta defendida por Sergio Casal no primeiro período e por Jose Domínguez no segundo. Mosteiro por partida dobre, Manu Meixús, Adri de penalti, Íñigo, Carlos, Fran de lanzamento de falta e Migui serían os goleadores dun triunfo que supón un inicio de liga máis ca ilusionante para esta xeración de futbolistas na que tantas esperanzas ten postas a parroquia do Armenteira C.F. esta temporada. A próxima fin de semana, os nenos e nenas que dirixe Luis Barral deberán desprazarse ata o campo de A Bouza, en A Illa de Arousa, para medirse a un esixente rival, o Céltiga F.C., que vén de vencer por un gol a cinco ao Vilalonga F.C. nesta primeira xornada.


domingo, 17 de setembro de 2017

Monte da Mina vive o primeiro triunfo da temporada do equipo feminino do Armenteira C.F.

O campo de Monte da Mina, no barrio de Castrelos, en Vigo, foi o escenario da primeira vitoria do equipo feminino do Armenteira C.F. no que vai de temporada. Foi un triunfo por un gol a dous nun encontro disputado na tarde deste domingo ante a E.D.V.M. Pereiró C.F., na primeira ocasión que este conxunto, que vive o seu segundo ano de historia, visitaba a cidade olívica. O cadro que dirixen Marcial Prado e Junior Tirado presentou un once inicial con Ángeles baixo paus, Laura, Alessandra, Naomi e Fátima en defensa, Sofía, Diana e Iria no mediocampo, Paula e Yara polos costados e Ana Martínez como futbolista máis adiantada. Rapidamente tomaron vantaxe as verdinegras. Sofía, unha xogadora cunha calidade e un talento por enriba da maioría das que militan nos equipos deste grupo, culminaba unha acción individual e batía maxistralmente a Elisabeth Fernández. A superioridade visitante sería refrendada por Ana Martínez ao finalizar un contragolpe. Puideron sentenzar as de A Armenteira, pero nin Sofía, nin Yara, nin Ana Martínez, nin tampouco Paula tiveron fortunas nas claras ocasións das que dispuxeron. En cambio, nunha das escasas aproximacións das viguesas, unha falta de entendemento en defensa deixaría o coiro nos pés de Lucía Atanes, que recurtaría distancias. Na segunda metade, o Armenteira C.F. xa sen Iria nin Ángeles, que se viron obrigadas a retirarse do terreo de xogo con sendas lesións, disfrutou de novo de varias oportunidades para ampliar a súa bagaxe. A falta de acerto e o desgaste físico das visitantes, que foron perdendo a orde táctica a medida que as forzas as ían abandonando, deron emocións a uns minutos finais nos que a E.D.V.M. Pereiró C.F. buscaba achegarse á meta defendida por Karla. Algún lanzamento de media distancia e unha cabezada das locais levaron o nerviosismo á afección verdinegra que nun número importante se trasladou ata Vigo. Pero as rapazas que dirixe Marcial Prado demostraron que tamén saber sufrir e souberon sacar adiante un partido e lograr un traballado e merecido triunfo que coloca os tres primeiros puntos no seu casilleiro cando se levan disputado tres xornadas de liga. O próximo domingo o equipo feminino do Armenteira C.F. recibirá no campo de O Leixo, á S.D. Chispa, unha escadra caracterizada pola calidade e a exquisitez técnica das súas xogadoras, e que se sitúa xa na cuarta posición con seis puntos.


Cinco minutos de infortunio condenan ao Armenteira Veteranos ante o Romai-Viveiros Outón

O Armenteira Veteranos caiu derrotado por un gol a catro na tarde deste sábado no partido que disputou no campo de O Leixo ante o Romai-Viveiros Outón, un dos equipos con maior potencial e que se atopa entre os máximos favoritos a ocupar os postos altos da táboa. Foi nun encontro que se decidiu no inicio da segunda metade, en cinco minutos fatídicos para o cadro verdinegro. O conxunto local presentou un once inicial con Joserra en portería, Jorge Dávila, Carlos, Óscar e Portas en defensa, Marcial, Martín, Rafa e Joseíño na liña de medios, e Galiñanes e Jorge Castro en ataque. Tras unha saída fulgurante dos de Romai, o Armenteira Veteranos foi sacudíndose do dominio do rival e sentíndose pouco a pouco máis cómodo sobre a superficie de area de O Leixo. Nunha das aproximacións dos verde e negros Martín Casais sería obxecto dun penalti que sería transformado por Jorge Castro. Pouco duraría a alegría para a escadra local, xa que outra pena máxima, neste caso a favor dos do concello de Portas, era convertida en gol por Quique Villadamigo. Coa igualada ao descanso todo facía presumir un encontro equilibrado, pero, na reanudación, cinco minutos de infortunio acabaría condenando ao Armenteira Veteranos. Quique Villadamigo en dúas ocasións e Felipe Lafuente, en tantos de factura similar, porían a sentenza e restarían emoción aos minutos restantes. A fortaleza física e o maior ritmo de xogo do equipo visitante serviría para superar a un conxunto verdinegro que se plantaba en O Leixo coas importantes ausencias de Javi e Manueliño, sancionados con un e seis partidos respectivamente tras o partido disputado o pasado sábado en Godos. O próximo sábado o Armenteira Veteranos vivirá unha das citas máis agardadas da temporada, o derbi municipal na categoría de veteranos que o enfrontará no recentemente remozado campo Municipal de Meis ante o C.D. Mosteiro-Cafetería Impacto.


domingo, 10 de setembro de 2017

A Armenteira pecha unhas festas de verán condicionadas pola vendima

A Armenteira pechou esta fin de semana as súas tradicionais festas de verán. Foron dúas semanas festivas, que tiveron como días fortes o sábado 2 de setembro, coa celebración na honra de San Ero, e o sábado día 9 de setembro, coa celebración na honra da Divina Pastora. Os actos relixiosos, as sesión vermouth na praza de entrada ao adro e especialmente as verbenas, nas que este ano actuaron Estrellamar e Canela o sábado 2 e Trova e Arena o sábado 9 forman parte do programa de festas que preparou, ao igual que leva facendo durante os últimos anos, a Comisión de Festas O´Noso. Pero nesta ocasión houbo un condicionante de gran trascendencia. O adianto das tarefas de vendima, nunha comarca na que o sector vitivinícola ten tanta importancia como na de O Salnés, restou afluencia e obrigou a modificar parte do programa, especialmente no caso do sábado 9 de setembro. Celebrouse a primeira sesión pero non foi posible realizar a segunda da Marathon de Xogos Populares, na que a rapazada, aínda que tamén os adultos puideron disfrutar dunhas amenas e animadas actividades organizadas por segundo ano consecutivo a Asociación de Veciños e Veciñas de A Armenteira. Con todo, tanto dende os colectivos organizadores como entre a veciñanza en xeral faise unha valoración positiva duns festexos que un ano máis congregaron a un importante número de persoas que non quixeron faltar á cita cos oficios relixiosos, coas verbenas musicais, coa sesión vermouth e coas comidas familiares de tanto arraigo nas datas festivas que teñen lugar na parroquia.


sábado, 9 de setembro de 2017

O Armenteira Veteranos saca un empate en Godos nun partido no que rematou con nove xogadores

O Armenteira Veteranos sacou un valioso empate no que era o seu primeiro partido da liga 2017/2018. Foi no campo de Godos, un dos poucos campos da contorna, xunto co de O Leixo, que aínda conta cunha superficie de terra. O clube verdinegro presentou unha formación inicial con Joserra baixo paus, Jorge Dávila, Portas, Carlos e Richi en defensa, Marcial, Javi, Jorge Castro e Rafa na liña de medios, e Manueliño e Galiñanes en ataque. Custoulle aos de A Armenteira Veteranos adaptarse ás dimensións do terreo de xogo, cunha lonxitude escasa en relación coa anchura. O cadro local, o Godos C.F. Veteranos, aproveitaba o dominio destas circunstancias para enviar balóns longos en diagonal que a duras penas trataban de repeler os centrais e os laterais visitantes. Nunha desas xogadas Álvaro Abalo adiantaría aos locais. Unha indecisión entre o porteiro e a defensa deixaría o coiro nos pés de José Fresco para por os dous a cero para os de Caldas. Pero entón chegou o recital de Jorge Castro. O portentoso futbolista deVilar recurtaría distancias e ao fío do descanso fixaba a igualada no marcador. Na segunda metade o Armenteira Veteranos mostrouse moito máis asentado e tomou o mando do xogo. Pero, de novo Álvaro Abalo, sacaría proveito da endeblez defensiva que exhibiu na tarde deste sábado o conxunto verde e negro e, tras recibir na área, xirouse e bateu a Jose Outón, que exerceu de gardamallas neste segundo período. Non desistiu o Armenteira Veteranos e seguiu buscando a portería contraria. Coa loita constante de Manueliño e Jorge Castro como principal arma os de A Armenteira conseguiron o merecido agasallo ao seu traballo co terceiro tanto, acadado novamente por Jorge Castro. Cando parecía posible a remontada unha discutida decisión do colexiado  Padín Ordóñez, demasiado nervioso e inseguro dende o inicio, provocou as protestas dos visitantes. O resultado foi a expulsión tras doble cartón amarelo de Javi e Manueliño, que se uniron ao repertorio de cartolinas que recibiron os de O Leixo. Tamén Jorge Castro, Portas, Martín e Jorge Dávila foron amonestados. Os últimos minutos foron insignificantes. O Armenteira Veteranos resistiu sen problemas con dous homes menos e lograría un xusto resultado de empate a tres, que aínda puido ser mellor de non ser polos despistes defensivos que permitiron os goles dos de Godos. A próxima fin de semana o cadro verdinegro recibirá no campo de O Leixo ao Romai-Viveiros Outón, un dos principais favoritos a ocupar os postos altos da táboa e ao que non deron vencido nos dous encontros que disputaron a pasada temporada.


domingo, 3 de setembro de 2017

O I Memorial Chicho conclúe coa vitoria do Combinado de Armenteira

O combinado de Armenteira, un equipo formado fundamentalmente por xogadores desta parroquia e configurado exclusivamente para o I Memorial Chicho acabou levándose a vitoria nun torneo organizado en homenaxe de Javier Martínez Ucha "Chicho", un ex-futbolista das categorías de fútbol base e ex-vicepresidente do Armenteira C.F. e xogador do Armenteira C.F. falecido en accidente de tráfico pasado 28 de novembro. A competición iniciouse co enfrontamento entre o Combinado de Armenteira e o Armenteira Veteranos. Un despiste na marcaxe tras un libre indirecto que caería nos pés dun futbolista do Combinado decidiría un duelo caracterizado polo equilibrio e o intercambio de alternativas. No seguinte encontro o Armenteira Veteranos volvería caír derrotado, nesta ocasión ante o Meaño F.C. Veteranos. Despois de adiantarse no marcador cun tanto de Galiñanes os locais, acusando a falta de ritmo físico, foron cedendo terreo e permitiron que os meañeses remontasen e acabasen gañando por un gol a dous. O campión decidiríase no terceiro e último encontro, no que o Combinado de Armenteira superou con relativa solvencia ao Meaño F.C. Veteranos por dous tantos a cero. O evento pecharíase coa entrega de trofeos, co protagonismo esencial dos familiares de Chicho. De mans do malogrado futbolista do Armenteira Veteranos Rubén Serén e Junior Tirado recollerían unha copa á que lle da nome e lembra unha persoa á que case todos os que se vestiron de curto coñecían e valoraban e que tanto o Armenteira Veteranos como o Armenteira C.F. queren convertir nunha tradición entre os torneos de verán que se disputan na parroquia.


S.D. Pontearnelas e C.D. Ribadumia triunfan no Trofeo San Ero 2017

A S.D. Pontearnelas e o C.D. Ribadumia resultaron triunfadores nos torneos celebrados na tarde do pasado sábado no campo de O Leixo, en A Armenteira, e que congregaron a numerosos afeccionados e afeccionadas nas instalacións deportivas situadas no lugar de O Busto.

A xornada comezou co Trofeo San Ero 2017 de categoría benxamín, que se abriu co partido entre o Unión Dena C.F. e o Armenteira C.F. Nun encontro no que o dominio correspondeu durante a maior parte do tempo ao cadro local o gol de Brais Charlín parecía encarrilar a eliminatoria para a escadra que adestran Jonathan Crespo e Eva López. Pero un infortunio defensivo permitiu que o Unión Dena C.F. lograse a igualada e, na quenda de penaltis superase ao Armenteira C.F. Na outra eliminatoria a S.D. Pontearnelas disputaron un duelo moi equilibrado, de alto nivel competitivo, que se acabarían levando os vilanoveses nos lanzamentos dende os dez metros. Armenteira C.F. e Umia C.F. mediríanse a continuación na eliminatoria polo terceiro e cuarto posto, que sería para os de Barrantes, vencedores por catro tantos a cero. O mesmo resultado daríase na gran final, na que a S.D. Pontearnelas superou con comodidade ao Unión Dena C.F.

No Trofeo Triangular San Ero 2017 de categoría infantil o C.D. Ribadumia e o Unión Dena C.F. foron os encargados de inaugurar a competición. O conxunto aurinegro mostrou o gran potencial que posúe e venceu con claridade por catro goles a cero aos de Meaño, que tamén viron como o Armenteira C.F. os superaba sen demasiados apuros por sete tantos a cero. A tenor deste resultados o terceiro partido presentábase como a gran final. Baixo un sol de xustiza C.D. Ribadumia e Armenteira C.F. medíronse nun duelo no que os visitantes tomaron o control do esférico dende os primeiros minutos. O cadro que nesta ocasión dirixiu Jonathan Crespo resistiu con orde e intensidade defensiva ata que o cansanzo e velocidade coa que o equipo aurinegro movía o balón acabou por romper o seu entramado defensivo. Por cinco goles a cero acabaría gañando o conxunto de A Senra, que lle outorgaría de forma merecida o trofeo de campión.

Foi sen dúbida unha xornada intensa de fútbol en O Leixo. Unha elevada afluencia de público e un animado ambiente, amenizado pola alborada da festa na honra de San Ero que se celebraba na parroquia, e que se desprazou ata estas instalacións deportivas para levar o son das gaitas e o estruendo dos foguetes. O cumio das competicións puxérono a entrega de trofeos, que corresponderon a Vanessa Torreiro, Iván Borrageiros, Jorge Dávila e Miro Guzmán no caso do trofeo de categoría benxamín, e a Víctor Saborido, Tino Melón e Rubén Serén, representante da Comisión de Festas O´Noso, no caso do trofeo infantil.














venres, 1 de setembro de 2017

A vendima obriga a aprazar o partido entre o San Martín C.F. e o Armenteira C.F. de categoría xuvenil

As numerosas ausencias que o equipo xuvenil do Armenteira C.F. ía ter este sábado para o partido fronte ao San Martín C.F. que tiña previsto disputarse a partires das 19:00 horas no campo Municipal de Vilaxoán obrigou a que a Xunta Directiva da entidade verdinegra se vise obrigada a negociar co cadro local a suspensión deste encontro. O inicio das vendimas, na que boa parte dos xogadores e as súas familias están inmersos, deixaban ao conxunto que dirixe Valentín Estévez "Tilín" con apenas nove efectivos para unha cita de vital importancia na preparación dunha temporada na que o clube de O Leixo ten postas moitas esperanzas. O acordo establecido co Umia, do cal o equipo xuvenil do Armenteira C.F. exercerá de filial, é quizais a principal aposta do clube verdinegro para esta campaña. A calidade dos compoñentes do plantel, procedentes tanto das categorías de fútbol base do Umia C.F. como do Armenteira C.F., así como o excelente traballo do equipo técnico encabezado por Valentín Estévez "Tilín" e co que tamén colaboraron de forma decisiva Lucas Torres e Jorge "Jito" Quintana deu xa os seus froitos nos dous encontros de pretemporada disputados. Un empate a dous goles ante a S.C.D. Salcedo e un triunfo por dous tantos a seis ante a S.D. Chispa son a mellor mostra deste bo facer. Por desgraza para os afeccionados e afeccionadas este sábado non se poderá disfrutar do fútbol vistoso que estes rapaces soen ofrecer. Haberá que agardar ata a próxima fin de semana cando, se as vendimas o permiten, teña lugar o Trofeo Divina Pastora´2017 de categoría xuvenil, no que xa está confirmada a presenza da S.D. Pontearnelas e do Unión Dena C.F.




O Leixo vive este sábado un día intenso de fútbol

O campo de O Leixo vivirá este sábado un día intenso de fútbol coa disputa de tres torneos, dous deles en horario de mañá e outro en horario de tarde. A xornada comeza ás 9:40 horas co torneo San Ero´2017 de categoría benxamín. Unión Dena C.F. e Armenteira C.F. mediranse na primeira semifinal e Umia C.F. e S.D. Pontearnelas na segunda. Deste enfrontamentos sairán os equipos que a partires das 11:20 horas loitarán polo título na gran final. Será a primeira proba de pretemporada para o conxunto que esta temporada dirixirán Jonathan Crespo e Eva López e que conta con varias novidades respecto da pasada campaña pero mantén pezas importantes como Darío, Marcos, Óscar, Lucas Otero, Uxía ou Brais Charlín. A continuación disputarase o Torneo Triangular San Ero`2017 de categoría infantil. C.D. Ribadumia, Unión Dena C.F. e Armenteira C.F. pelexarán por un título que o pasado ano se levou o cadro anfitrión. O equipo que adestran Luis e Alba Barral, que por motivos profesionais non poderán estar en O Leixo, afronta o primeiro test de preparación de cara a unha temporada na que as expectativas son elevadas dada a amplitude, a variedade de recursos e a competitividade deste grupo de rapaces e rapazas. Xa pola tarde terá lugar o I Memorial Chicho, no que o Meaño F.C. Veteranos, un combinado de A Armenteira e o Armenteira Veteranos se medirán nunha competición que servirá de homenaxe a Javier Martínez Ucha "Chicho", ex-xogador dos equipos de fútbol base e ex-vicepresidente do Armenteira C.F. e xogador do Armenteira Veteranos, falecido o pasado 28 de novembro nun tráxico accidente de tráfico. A lembranza de Chicho estará presente nesta homenaxe que os seus compañeiros e amigos e a gran familia do Armenteira C.F. e o Armenteira Veteranos queren brindarlle a unha persoa moi querida e aprezada e que deixou unha ampla pegada en ámbalas dúas entidades. O partido estará acompañado dunha serie de actos no que o protagonismo principal o terán Chicho e a súa familia. Para finalizar a xornada, a entrega de trofeos aos equipos participantes realizase na verbena na honra de San Ero que se celebrará no campo da festa.