Buscar neste blog

xoves, 30 de xuño de 2016

O Café Bar O Comercio acolle este sábado a comida de fin de temporada do Armenteira C.F.

O Armenteira C.F. celebra este sábado 2 de xullo a súa tradicional comida de fin de temporada. O escenario será o salón do Café Bar O Comercio, lugar habitual das celebracións do clube da parroquia. De feito, alí tivo lugar o xantar de Nadal no que a entidade verdinegra conseguiu reunir a máis de cen comensais. Para esta ocasión convidan a todas aquelas personas interesadas a que se anoten, estean ou non ligadas ao clube. O menú estará formado por tortilla, empanadas e entremeses de entrantes, churrasco, xamón asado e patacas fritidas de prato principal, xeados e doces variados de postre, viño, auga e refrescos de bebida, ademais de café, licores e unha pequena barra libre. O prezo por persoa fixouse en 15€ para as persoas adultas. A celebración preséntase moi animada, xa que contará coa actuación dun grupo musical e instalaranse hinchables con photocall para os nenos e nenas na praza situada fronte a este establecemento. Para financiar os gastos que supón este banquete puxeron á venda uns talonarios de rifas, que agasallarán con 250€ en combustible ao posuidor do boleto cuxas tres últimas cifras coincidan co número premio do sorteo da Lotería Nacional do próximo xoves 7 de xuño. Animan a aquelas persoas que aínda non adquirisen o seu boleto a que o fagan, e para elo só teñen que poñerse en contacto cos xogadores ou xogadoras que se encargaron de distribuílos, cos membros da Xunta Directiva ou acudir ao propio Café Bar O Comercio. E tamén recordan a quen queira anotarse para esta comida a que o faga a través dos números de teléfono 677225487 ou 678647709 ou ben dirixíndose persoalmente aos membros da Xunta Directiva.





O Mosteiro prepárase para a III Festa Labrega

.O Mosteiro volverá a ser escenario este domingo dunha nova edición da Feira Labrega. Será a terceira edición e volverá a vestir de época o praza de España, rememorando os tempos da antiga Feira Nova de O Mosteiro. O evento, organizado pola Asociación Xuvenil Cabemeis, conta coa colaboración de numerosos veciños e veciñas, que nos últimos días se están afanando en ultimas os detalles finais para convertir o entorno nun ambiente que recorde o esplendor daquela feira aló polo século XIX, que estaba por aquel entón entre as máis importantes de Galicia. Os tempos cambiaron moito e as bases económicas e sociais das xentes do concello de Meis e da contorna tamén o fixeron, pero no recordo de moitos aínda pervive un evento que convertía a O Mosteiro na referencia comercial dunha ampla área de influencia. Son moitas as iniciativas deste tipo que se están a levar a cabo e, de feito, entre os proxectos da entidade asociativa que está en proceso de creación en A Armenteira está organizar un evento deste tipo na parroquia.


domingo, 26 de xuño de 2016

Elevada abstención na mesa electoral de A Armenteira

As eleccións xerais para elixir os representantes nas dúas cámaras lexislativas que compoñen as Cortes do Estado español, o Congreso dos Deputados e o Senado, caracterizáronse, ao igual que ocorreu no resto do territorio, pola elevada abstención. O sorpasso que pronosticaban a maioría das enquisas tampouco se deixou ver por A Armenteira. Ben é certo que, a tenor dos resultados que se producen eleccións tras eleccións, non era nin moito menos agardado. A candidatura do Partido Popular volveu conseguir unha arrolladora vitoria, acadando o 63% dos votos, unha porcentaxe similar á que acadou nos comicios do pasado decembro. A abstención dominante, 70 votantes menos ca nas anteriores eleccións, non modificou de forma substancial o reparto da porcentaxe de votos entre as distintas candidaturas que recibiron o apoio dos veciños e veciñas da parroquia, que para esta ocasión agardan que os partidos políticos con representación parlamentaria logren un acordo que evite volver por terceira vez ás urnas.



sábado, 25 de xuño de 2016

Armenteira prepárase para unhas novas eleccións xerais

A falta de acordo entre agrupacións que conseguiron representación parlamentarias nas eleccións do pasado mes de decembro, que obrigou a convocar uns novos comicios para este domingo 26 de xuño, tamén ten as súas repercusións en A Armenteira. Nos últimos días os operarios municipais estiveron acondicionando os distintos colexios electorais que se establecerán ao longo do concello de Meis e, entre eles, o que se vai situar, como ven sendo habitual, no Local Social ou Casa de Cultura de Vilar. A utilización deste local como albergue de peregrinos e a non finalización das obras na parte inferior do edificio supón unha dificultade para colocar alí a mesa para as urnas e o biombo para as papeletas dos partidos políticos. Para adecentar aínda máis o entorno deste local, o grupo de veciños e veciñas que se encargou de organizar a celebración da multitudinaria festa de San Xoán a pasada noite do 23 ao 24 de xuño, procedeu a limpar o lixo que quedou acumulado polo campo da festa situado ao pé da Casa de Cultura despois desa longa e intensa de festa. A mesa electoral para elixir aos representantes nas dúas cámaras lexislativas, o Congreso dos Deputados e o Senado, permanecerá aberta dende as nove da mañá ata as oito da tarde, hora á que se pecharán as urnas e se comezarán a dar os primeiros resultados duns comicios que resultan transcentais para o futuro de España.


venres, 24 de xuño de 2016

Exitosa e multitudinaria celebración de San Xoán en A Armenteira

A celebración da noite de San Xoán en A Armenteira resultou un éxito de público e participación. , Un grupo de veciños e veciñas, dirixidos por Cristina Gallo decidiron darlle un novo pulo a esta festa e convertilo dun punto de encontro e diversión para as xentes da parroquia e dos diversos lugares da contorna. A intensa entrega e implicación de Cristina, coa axuda dun activo grupo de colaboradores e colaboradoras, tras días de intenso traballo e planificación, conseguiu organizar un evento que xa se convertiu nun referente festivo nunha data na que as fogueiras e as sardiñadas se extenden por practicamente todos os recunchos de Galicia. Sardiñas, churrasco, criollos, pementos, empanada, tortilla, canapés, unha completa variedade de bebidas e uns deliciosos postres formaron un menú do que disfrutaron as máis de 400 persoas que se achegaron ao campo da festa. A animación correu a cargo do grupo pontevedrés Veteris Bodas, que mantivo o ritmo e o ambiente ata a saída do sol. O traballo en equipo e a colaboración dos veciños e veciñas, que ben a título persoal ou ben en representación das principais entidades representativas de A Armenteira deixan ver o espírito de unidade que se está a vivir a parroquia nos últimos tempos. Entre os asistentes tamén se atopaban os peregrinos que se aloxan no albergue situado na pranta superior da Casa de Cultura, que foron convidados e non quixeron perderse esta extraordinaria festa.





domingo, 19 de xuño de 2016

Veteris Bodas únese ao San Xoán de A Armenteira

A comisión organizadora que, co motivo da festa de San Xoán, se celebrará en A Armenteira na noite do 23 ao 24 de xuño ven de confirmar a actuación do grupo pontevedrés Veteris Bodas. O popular animador de festas e todo tipo de eventos actuará no campo da festa a partires das 22 horas unha coidada selección musical que amenizará o variado repertorio de actividades que terá lugar en torno á fogueira e á tradicional sardiñada. Sardiñas, churrasco, empanada, tortilla, croquetas, canapés, son algúns dos deliciosos manxares que poderán disfrutar todos aqueles veciños e veciñas de A Armenteira, pero tamén todas aquelas persoas dos distintos lugares da contorna que desexen achegarse ata este fantástico lugar para disfrutar da celebración. E todo elo polo módico prezo de dous euros para os maiores de dez anos e dun euro para os menores desa idade. Ademais dende a organización afirman que teñen preparadas algunhas sorpresas que darán a coñecer nas próximas horas. Xunto ás xa coñecidas actividades para nenos e unha animada barra con copas a só 2 50 euros, nos próximos días desvelarán algunha outra que contribuirá a facer que A Armenteira viva dun xeito especial a noite máis máxica do ano.




sábado, 18 de xuño de 2016

O Armenteira C.F. convoca a reunión de fin de temporada

O Armenteira C.F. celebrará o próximo mércores 22 de xuño, a partires das 20:30 horas, a súa reunión de fin de temporada. Os socios, socias, pais, nais e demais afeccionados e afeccionadas están citados nas dependencias do campo de O Leixo para tratar asuntos como o balance xeral a nivel deportivo e administrativo da temporada que remata, a presentación do proxecto para a temporada 2016/2017, a entrega de documentación para a inscrición de novos xogadores ou a recollida da equipación deportiva (pantalóns e camisetas) que os xogadores e xogadores viñeron utilizando nos partidos. Ademais aproveitarán a ocasión para seguir entregando os talonarios de rifas que servirán para recaudar o diñeiro necesario para a comida de final de temporada vai ter lugar o sábado 2 de xullo no salón do Café Bar O Comerio. A Xunta Directiva quere resaltar a importancia dos asuntos a tratar polo que agarda que asistencia sexa masiva. Entre os proxectos estrela que se vai a presentar aos asistentes será a creación dun equipo de categoría xuvenil para a próxima campaña, así como algúns cambios no funcionamento interno da entidade.


Armenteira prepárase para o seu festival de jazz

O Armenteira Jazz, o evento de carácter internacional que celebrará a súa primeira edición os días 23 e 24 do vindeiro mes de xullo deu a coñecer o seu programa. Na primeira xornada, o día 23,  terá lugar a actuación de Rosolino Marinello Quartet, a partires das 22 horas, mentres que o día 24 actuarán Chivinjazz Street Band, a partires das 12:30 horas, e SPJ Workshop, a partires das 22 horas. Dende a Asociación Terras Altas do Salnés, organizadora do evento, convidan a todas aquelas personas interesadas a que acudan ao arredores do Mosteiro de Armenteira, e disfruten da música e do ambiente das noites de verán nun entorno tan inmellorable como este para a celebración dun acto deste tipo.


mércores, 15 de xuño de 2016

Presentado o programa de actividades da noite de San Xoán en A Armenteira

A comisión organizadora da celebración que, co motivo da noite de San Xoán, terá lugar en A Armenteira o próximo xoves 23 de xuño deu a coñecer este mércores o programa de actividades. No cartel que presentaron e que comezaron a colocar polos distintos lugares da parroquia figura un completo programa, no que non faltará a tradicional fogueira e a sardiñada, e na que os asistentes tamén poderán disfrutar de churrasco, empanadas, aperitivos, cervexas, postres, viño e música, e todo elo ao módico prezo de dous euros para as persoas maiores de dez anos e de un euro para os menores desa idade. A maiores, as xentes con máis gañas de festa terán á súa disposición copas a tan só 2,50 euros. Ademais, segundo sinalan dende a organización, haberá sorpresas entre as que se inclúen actividades para os nenos e nenas, e outras que se revelarán nos próximos días. Con esta celebración, de gran arraigo e tradición na parroquia, pretenden poñer de manifesto o espírito de unidade que se está a vivir en A Armenteira nos últimos tempos, e que agardan que se vexa reforzado despois da celebración dun evento como este. A colaboración económica de numerosas casas comerciais así como a participación activa e desinteresada das principais entidades representativas da parroquia permitirá que aqueles veciños e veciños da contorna que o desexen poidan disfrutar en común dunha noite tan máxica como a de San Xoán no que a diversión e o bo ambiente están máis ca garantidos. Dende a comisión organizadora recordan a aquelas persoas interesadas en asistir que é preciso que se anoten e, para elo, poden poñerse en contacto cos seus representantes a través do número de teléfono 66025871. A data límite de anotación é o martes 21 de xuño.


S.D. Chispa e Armenteira C.F. poñen fin á liga benxamín cun intenso partido en Monte Redondo

O campo de Monte Redondo, na parroquia vilanovesa de Corón, acolleu este mércores o último encontro da Segunda Autonómica Benxamín, Grupo 63, no duelo que mediu ao conxunto local da S.D. Chispa e ao Armenteira C.F. O cadro que dirixen Valentín Estévez e José Ramón Dacosta estaba dando mostras dunha notable progresión nas últimas xornadas, tal e como se puxo de manifesto no IV Torneo de Fútbol Base C.J. Cambados. Os de Corón trataron de impoñer dende o inicio a súa maior experiencia e potencial, aínda que non o tiveron nada fácil. Un tanto de Andrés Fernández colocou a emoción no marcador e durante bastantes minutos mantívose certo equilibrio no dominio do xogo, pero, finalmente, a diferenza de entre ambas escadras quedou plasmada no oito a dous co que rematou o partido. Con esta derrota finaliza unha temporada que foi sobre todo ilusionante para un grupo de rapaces e rapazas que, na maior parte dos casos, se iniciaron no mundo do fútbol da man do Armenteira C.F., e dun cadro técnico que tanto empeño puxo en formalos e guialos neste apaixoante deporte. Valentín Estévez, José Ramón Dacosta e Víctor Saborido encárgaronse desta dura pero gratificante labor cunha xeración de futbolistas que deixa asegurado o futuro da entidade verde e negra.


martes, 14 de xuño de 2016

O equipo benxamín do Armenteira C.F. pon fin á temporada en Corón

O equipo benxamín do Armenteira C.F. disputa este mércores, a partires das 20 horas, no campo de Monte Redondo, en Corón, a unha longa temporada na que os éxitos deportivos non se mediron en resultados, senón no descubrimento no mundo do fútbol e na aprendizaxe de moitos dos seus conceptos que resultaban novidosos para a maior parte dos compoñentes deste plantel. O rival en liza será a S.D. Chispa, décimo sexto clasificado, con quince puntos, que volverá a ser un duro opoñente ante o que estes futbolistas do clube verdinegro tratarán de volver a disfrutar da práctica do seu deporte favorito. O cadro técnico local, composto por Valentín Estévez e José Ramón Dacosta, non poderá contar nin con Álex Grigorio nin con Brais Charlín, dúas importantes ausencias que procurarán suplir co entusiasmo e a forza que deu ao conxunto a boa actuación no torneo no que participaron en Cambados a pasada fin de semana. O partido de Corón será o peche para un proxecto que, segundo indican fontes do clube de O Leixo, foi moi ilusionante e permitiu incorporar xogadores e xogadoras que terán un papel determinante no futuro do Armenteira C.F.


domingo, 12 de xuño de 2016

Fin de temporada sen fortuna para os equipos infantil e cadete do Armenteira C.F.

A temporada 2015/2016 puxo este domingo o seu peche para os equipos infantil e cadete do Armenteira C.F. Ámbolos dous conxuntos disputaron a última xornada de liga e poderán agora descansar despois dunha longa campaña.

O equipo infantil tiña unha durísima cita ante o San Martín C.F. no campo Municipal de Vilaxoán. O cadro que dirixiu o cambadés Valentín Estévez, que se fixo cargo dos adestramentos nas últimas semanas, era o convidado de pedra do conxunto local, que de vencer, aseguraría o primeiro posto e a praza que da lugar ao ascenso directo á Primeira Autonómica Infantil. Tras uns primeiros minutos de tanteo, nos que o conxunto verdinegro mantivo a compostura e se mostrou ordenado e colocado no campo, o toque e a velocidade dos de Vilaxoán impuxeron a súa lei. O esforzo da defensa, na que os mancados Álex Ruel e Xoán, xunto con Sebas e Juan, trataban de deter as acometidas rivais cara a meta defendida por Santi, non era suficiente para parar o potencial ofensivo do San Martín C.F. Entre o festival de goles dos locais, que se viu correspondido por un excelente ambiente nas bancadas, Piñeiro logrou, cunha magnífica bolea ante a saída do porteiro, o único tanto do Armenteira C.F. Cando o colexiado Carballal Pérez decidiu con sensatez decretar a fin do partido, os de Vilaxoán puideron celebrar cunha gran festa o seu ascenso de categoría, mentres que os de O Pombal recibían un merecido aplauso do público asistente despois dunha temporada longa e chea de adversidades.

Pola súa contra, o equipo cadete desprazábase ata o campo de O Terrón para enfrontarse á E.F.B. Vilanova. O cadro que dirixen Marcial Prado e Víctor Saborido aspiraba a culminar a súa aceptable temporada con tres puntos máis ante un conxunto que o superaba na clasificación pero ao que vencera no partido da primeira volta. Tras os tantos de Mathias e Alberto, as esperanzas de traer un triunfo de O Terrón parecían confirmarse, pero os de O Leixo non contaban coa reacción da E.F.B. Vilanova. E esta foi firme e contundente, e nunha segunda parte memorable, os branquiazuis conseguir voltear o marcador e acabaron facéndose cunha vitoria por cinco goles a dous. A pesares da derrota, o cadro técnico do Armenteira C.F. fai un balance positivo da campaña realizada, xa que, aínda que o potencial da escadra podía permitirlle situarse na loita polos primeiros postos, os continuos reveses que a foron afectando dende o inicio da temporada condenaron aos de Marcial Prado unha honrosa sétima praza con corenta e un puntos.






Cambados e Dena acolleron un sábado de torneos para os equipos benxamín e alevín do Armenteira C.F.

As localidades de Cambados e de Dena acolleron este sábado a participación dos equipos benxamín e alevín do Armenteira C.F. Como ven sendo habitual temporada tras temporada a entidade verdinegra non perde a oportunidade de brindarlles aos seus xogadores e xogadores a posibilidade de disfrutar de eventos deste tipo.

O equipo benxamín disputou no campo de O Pombal, en Cambados, o IV Torneo de Fútbol Base C.J. Cambados. O cadro que dirixen Valentín Estévez e José Ramón Dacosta foi encadrada no grupo A, xunto coa E.F.B. Vilanova, o Chapela C.F. e o C. Xuventude Cambados "A". Os rapaces e rapazas do clube verdinegro exhibiron sobre o estadio cambadés a progresión que levan experimentando semana a semana, ante o orgullo da afección e do corpo técnico que tanto empeño está a poñer na súa formación, deron unha imaxe máis que aceptable, destacando o empate colleitado no partido da fase de consolación ante o C. Xuventude Cambados "B", no que a fortuna non os acompañou nos lanzamentos dende o punto de penalti, Estas boas sensación agardan ser confirmadas no partido que disputarán este mércores a partires das 19 horas no campo de Monte Redondo, en Corón, que servirá de peche a unha temporada para o recordo para este grupo de futbolistas.

O equipo alevín desprazou ata Dena, onde no campo de As Cachizas disputou o III Torneo Solidario de Fútbol-8 Barileza. O conxunto que adestra Jonathan Crespo foi encadrado no grupo A, no cal tivo que medirse ao Unión Dena C.F., á A.D. Arousa F-7 e á A.C.D. Ancora D`Ouro "B". No primeiro encontro, ante o equipo anfitrión, os de A Armenteira saíron faltos de intensidade, o que foi aproveitado polo Unión Dena C.F. para anotar dous goles nos primeiros minutos. Os intentos de reacción do cadro verdinegro, que dispuxo de varias ocasións para apretar o marcador, foron infrutuosos, e o partido remataría coa vitoria por dous goles a cero para os locais. No segundo encontro, o rival en liza era a A.D. Arousa F-7, unha escadra de sobra coñecida polos de O Leixo debido aos numerosos enfrontamentos que os mediron nas últimas datas. Ademais, nas filas do conxunto de Vilagarcía figuraba Rubén García, que formou parte esta temporada do plantel do Armenteira C.F. O dominio do xogo estivo en todo momento nos pés dos xogadores e xogadoras que dirixe Jonathan Crespo, que conseguiron con dificultades superar a falta de acerto nos metros finais que os estaba condenando nos últimos partidos. E así Zubo, resolvendo na área unha xogada colectiva, e Manu Meixús culminando unha acción individual puxeron en clara vantaxe aos de A Armenteira. No último minuto, o A.D. Arousa F-7 maquillaba o marcador transformando un lanzamento de falta dende longa distancia. Xa pola tarde, no encontro final da fase de grupo, o Armenteira C.F. deu a súa mellor imaxe neste torneo. Con dinamismo e velocidade no xogo, tomou o control da situación, e froito dese dominio, Adri, rematando de cabeza na área pequena un bonito centro de Zubo, colocou por diante ao seu equipo. Pero de novo o desacerto en ataque e a lentitude e falta de contundencia en defensa acabaron condenando aos de Jonathan Crespo a unha derrota inmerecida. Estes resultados e a non existencia de fase de consolación neste torneo de Dena obrigaron aos rapaces e rapazas do equipo alevín do Armenteira C.F. a facer as maletas, nas que puideron incluír unha medalla que a organización lles entregou e que supuxo o xusto premio ao seu esforzo sobre o terreo de xogo.


sábado, 11 de xuño de 2016

Cruel desenlace de liga para o Armenteira Veteranos en O Casal

O Armenteira Veteranos viviu un cruel desenlace de liga no encontro que disputou este sábado no campo de O Casal, en Salcedo, ante o Rayovedra. No partido que servía de peche á temporada 2015/2016 do grupo 4A da liga de veteranos da zona de Pontevedra, o cadro verdinegro presentouse no campo desta parroquia do concello de Pontevedra con só dez xogadores sobre o terreno de xogo. A pesares desta inferioridade numérica os de O Leixo chegaron a colocarse cunha vantaxe de cero a tres no marcador, cos tantos anotados polo dianteiro Manueliño e do medio Martín Casais, despois dun extraordinario lanzamento de falta. Pero o desgaste físico ante un rival que dispoñía de recambios no banquillo, no medio dunha intensa calor, fixo que o rival fose recurtando distanzas, e ao descanso os de O Leixo xa só superaban ao Rayovedra por dous goles a tres. Na segunda metade o Armenteira Veteranos adiantou liñas e fíxose co dominio dun partido que se xogou durante a maior parte do tempo na metade que defendían os pontevedreses. Pero de novo unha indecisión defensiva permitiu igualar que o Rayovedra igualase o marcador e, tras unha xogada polémica na que os de A Armenteira reclamaron penalti sobre Manueliño, o cadro local aproveitou a falta de contundencia defensiva do seu contrincante para enviar un balón en longo ao seu atacante sobre o costado esquerdo que, ante a desesperada saída de Joserra, colocou unha perfecta volea no fondo das mallas dun Armenteira Veteranos que se resignaba ante a súa mala fortuna. O resultado final de catro goles a tres, quizais inxusto para o merecemento de ámbolos dous conxuntos, fixo que as esperanzas de acadar a quinta posición se esfumasen para a escadra verde e negra, aínda que o sexto posto que ocupou finalmente non deixa de ser un xusto premio a unha campaña máis que aceptable. Para a próxima temporada agárdanse cambios no sistema de competición, xa que Federación Galega de Fútbol está promovendo un campionato de liga ao que parece que se está sumando un número importante de clubes, mentres que outros teñen a intención de permanecer na competición que seguirá organizando a Asociación Cultural de Futbolistas Veteranos. No caso do Armenteira Veteranos a decisión aínda non está tomada, pero, en calquera caso, si podemos asegurar que esta parroquia do concello de Meis estará representada nunha destas ligas.


venres, 10 de xuño de 2016

A celebración de San Xoán en A Armenteira vai tomando forma

A comisión veciñal encargada este ano da organización da tradicional festa de San Xoán está ultimando os detalles da tradicional festa que terá lugar A Armenteira na noite do 23 ao 24 de xullo. Nos próximos días colocaranse uns carteis pola parroquia para informar aos veciños e veciñas dos distintos actos que se realizarán en torno á fogueira e a típica sardiñada que se ubicarán no campo da festa, nas inmediacións do colexio e a Casa de Cultura. Non faltarán o churrasco, os refrescos, as cervexas, o viño, os postres e os aperitivos para os máis cativos, amenizado pola música e o bo ambiente festivo que soe caracterizar estes eventos, todo elo ao módico prezo de dous euros para as persoas maiores de dez anos, e de un euro para as menores desa idade.. A organización decidiu poñer estes prezos económicos para facilitar a participar dun maior número de veciños e veciñas. Aqueles que sexan máis amantes da festa terán á súa disposición copas a 2.50 euros. A aportación de moitas casas comerciais, aos que a organización mostra o seu agradecemento, está facendo posible que esta celebración poida saír adiante e que haxa xa un elevado número de veciños e veciñas que se están sumando a unha festa que tamén en A Armenteira ten un gran arraigo.




Peche de temporada para o Armenteira Veteranos en O Casal

O campo de O Casal, na parroquia pontevedresa de Salcedo, acollerá o que será o último partido da temporada para o Armenteira Veteranos. O cadro que capitanea José Luis Galiñanes buscará poñer fin a esta exitosa campaña cun triunfo ante un Rayovedra, décimo cuarto clasificado con trinta e cinco puntos, que puxo en serias dificultades aos verdinegros no encontro que disputaron fai dúas semanas no campo de O Leixo e que rematou con empate a dous goles. A formación verdinegra que se sitúa nunha cómoda sexta praza, con sesenta e catro puntos, confía en lograr unha vitoria que lle permita ascender ata o quinto posto, xa que o Castrelo C.F., o equipo que ocupa esa posición, terá a obrigada xornada de descanso esta fin de semana.



Xornada de torneos e despedida de temporada para os equipos de fútbol base do Armenteira C.F.

Os equipos de fútbol base do Armenteira C.F. volver ter esta fin de semana unha xornada intensa, que será de participación en torneos para os equipos benxamín e alevín, e liga, a última desta temporada, para os equipos infantil e cadete.

O equipo benxamín afronta o seu primeiro torneo de fin de campaña. Será o que no IV Torneo de Fútbol Base C.J. Cambados, no que a maioría dos rapaces e rapazas que dirixen Valentín Estévez e José Ramón Dacosta vivirán a súa primeira experiencia nun evento deste tipo. A aceptable imaxe que este conxunto deu no encontro correspondente á trixésimo segunda xornada que disputou o pasado xoves no campo de Berdón, no que a pesares de caír derrotado por once goles a cero, volver dar mostras de progresión e de notables avances en todos aspectos do fútbol, supoñen unha satisfacción e un merecido premio para o bo traballo que o cadro técnico está a levar a cabo con este grupo de futbolistas. No torneo cambadés os de O Leixo deberán medirse na fase de grupos á E.F.B. Vilanova, a partires das 11 horas, ao Chapela C.F, a partires das 13 horas, e ao C. Xuventude Cambados, a partires das 16:30 horas. No caso de ocupar un dos dous primeiros postos do grupo os de Valentín Estévez entrarían na loita polo título de campión, mentres que de situarse no terceiro ou cuarto posto deberían disputar as eliminatorias de consolación. Para esta cita o técnico cambadés non poderá contar con Ainoha nin con Brais Charlín, dúas importantes baixas para un bloque que comeza a dar mostras de relativa solidez.

O equipo alevín disputará, pola súa parte, o III Torneo Solidario de Fútbol-8 Barileza, que terá lugar no campo de As Cachizas, en Dena. A escadra que dirixe o valgués Jonathan Crespo figura no grupo A, o grupo verde, e deberá enfrontarse na primeira fase ao Unión Dena C.F., a partires das 11 horas, ao A.D. Arousa F-7, a partires das 13 horas, e ao conxunto marinense do Santomé-Ancora D´Ouro "B" F.S., a partires das 15 horas. De clasificarse nunha das dúas primeiras prazas do grupo o conxunto verdinegro accedería ás eliminatorias polo título e, no caso de non acadar esas posición, quedaría definitivamente apeado do torneo. As preocupacións do adestrador local céntranse principalmente na mala racha de resultados que están afectando ao seu equipo nas últimas xornadas. A falta de puntería e a debilidade defensiva están condenando a un conxunto que viña realizando una excelente campaña, como se mostrou a pasada fin de semana no II Torneo C.D. Ribadumia, ou este xoves no encontro de volta da promoción de ascenso á Primeira Autonómica Alevín na modalidade de Fútbol-8. Neste último partido, no que o Armenteira C.F. caiu derrotado no campo de O Leixo por cero goles a tres ante a A.X.D. Verdugo, os locais desperdiaron numerosas ocasións, e concederon algunha que outra facilidade na zona defensiva, da que sacaron proveito os de Ponte Sampaio. Con resultado de cero a dous ao descanso a remontada parecía posible, pero o nerviosismo e a ansiedade por anotar do cadro verde e negro xogoulle unha mala pasada, e todo isto, unido, a un polémico gol, no que a enfervorizada afección local reclamou como falta ao meta Sergio, fixou un abultado cero a tres, que non reflectiu o que se viu realmente sobre a terra do campo do lugar de O Busto. No torneo de Dena os rapaces e rapazas do clube de A Armenteira tratarán de darlle a volta á mala fortuna dos últimos partidos, e procurarán superar as dificultades que poden significar as previsibles ausencias dalgúns xogadores importantes na estrutura do equipo.

O equipo infantil afronta o domingo a partires das 12 horas, no campo Municipal de Vilaxóan, a súa última cita ligueira da temporada. Será a estrea no banco deste conxunto de Valentín Estévez, que nas últimas semanas asumiu a dirección dos adestramentos deste conxunto, e que buscará darlle un xiro aos resultados desfavorables que levan afectando a esta escadra dende o inicio da temporada. A ocasión non parece a máis propicia, xa que o rival, o San Martín C.F., ocupa a primeira posición, con noventa puntos. O cadro vermello contaba ata a pasada xornada todos os seus encontros por vitorias, pero a derrota ante o C. Vilagarcía S.D. puxo en perigo esa praza, a única que da acceso ao ascenso directo de categoría, ao situarse os de Berdón a só dous puntos dos de Vilaxoán. Polo tanto a cita desta fin de semana preséntase como decisiva para dilucidar cal será o conxunto que se proclame campión do grupo 8 da Segunda Autonómica Infantil, feito polo cal a Federación Galega de Fútbol estableceu un horario unificado para os partidos no que os postos de ascenso ou promoción estean en xogo. Para esta ocasión tan especial na que o Armenteira C.F. ten o privilexio de participar, o técnico cambadés poderá debutar contando coa práctica totalidade dos seus xogadores, agás o sancionado Jose Otero, unha baixa máis que notable á que tentarán facer fronte en base ao traballo e ao compromiso colectivo.

Para finalizar, o equipo cadete, disputará o domingo a partires das 12 horas ante a E.F.B. Vilanova o partido de despedida da liga 2015/2016. Foi sen dúbida unha temporada difícil e con moitas adversidades para o conxunto que dirixen Marcial Prado e Víctor Saborido, pero a forza do grupo soubo salvar os obstáculos que foron apareceron no camiño e finalizar nunha aceptable sétima posición, que non vai variar, independentemente do resultado que acaden esta fin de semana. O cadro vilanovés ocupa a quinta praza con corenta e oito puntos, sete máis ca os de O Leixo, pero xa caiu derrotado en A Armenteira no partido da primeira volta, polo que os xogadores verdinegros agardan repetir ese éxito e rematar con bo sabor de boca a temporada. O cadro técnico que encabeza Marcial Prado contará en principio con todos os seus efectivos para disfrutar da que será a última cita futbolística na categoría cadete para moitos dos compoñentes do conxunto, á espera de que se concrete o proxecto de equipo xuventil que o Armenteira C.F. ten pensado levar a cabo na próxima campaña.














mércores, 8 de xuño de 2016

Xoves de fútbol para os equipos benxamín e alevín do Armenteira C.F.

Os equipos benxamín e alevín do Armenteira C.F. vivirán este xoves 9 de xuño unha xornada de fútbol. No caso do conxunto benxamín será o partido de liga ante o C. Vilagarcía S.D. correndente á trixésimo segunda xornada que fora aprazada no seu día e no caso do conxunto alevín será o partido da segunda eliminatoria da promoción de ascenso ante A.X.D. Verdugo.

O cadro benxamín desprazarase ata o campo de Berdón onde, como xa citamos, a partires das 19 horas se debe medir ao C. Vilagarcía S.D., nun encontro que vai ser arbitrado por Santorum Rey. Trátase dun duro test para os rapaces e rapazas que adestran Valentín Estévez e José Ramón Dacosta, pois a escadra vilagarciana sexta posición con sesenta e tres puntos, aínda que a ilusión deste grupo de futbolistas é tan grande que procurarán aproveitar para dar o máximo rendemento na penúltima ocasión que van disputar partido de liga nesta temporada. Para esta cita o cadro técnico poderá contar co presenza de Álex Grigorio e Brais Santamaría, dúas ausencias notables no partido que a pasada fin de semana disputaron en O Leixo ante o Meaño F.C.

Pola súa contra, o equipo alevín recibe no campo de O Leixo a partires das 20 horas á A.X.D. Verdugo. O partido contará coa arbitraxe de Oliveira Dios, e corresponde á segunda eliminatoria da fase de promoción de ascenso, na que o cadro verdinegro conta coa vantaxe do partido de volta, no que logrou vencer en Ponte Sampaio por un gol a dous. As dificultades que o adestrador local, Jonathan Crespo, tivo esta semana para dispoñer de boa parte dos seus xogadores e xogadoras para preparar esta cita, poderían supoñer un problema para os de A Armenteira, pero o técnico de Valga tratará de motivar ao seu plantel para acadar un resultado favorable que sirva de colofón á excelente campaña que realizaron. Será asimesmo a despedida por esta temporada do campo de O Leixo como escenario dun partido de liga, polo que dende a Xunta Directiva do Armenteira C.F. convidan a todos aqueles afeccionados e afeccionadas a que acudan a presenciar o encontro e celebrar o peche da temporada neste campo situado no lugar de O Busto.



domingo, 5 de xuño de 2016

Escasa fortuna para o equipo alevín do Armenteira C.F. no II Torneo C.D. Ribadumia

O equipo alevín do Armenteira C.F. no tivo demasiada fortuna na participación no II Torneo C.D. Ribadumia que se disputou este sábado nas instalacións deportivas de A Senra. O cadro dirixido por Jonathan Crespo acusou a falta de acerto a nivel ofensivo e non foi quen de convertir en gol as numerosas ocasións das que dispuxo. Asimesmo pagou moi caros os erros defensivos, e acabou eliminado de forma prematura, lonxe duns obxectivos que a tenor do potencial e do xogo despregado, debería ter sido máis ambiciosos. No primeiro partido da fase de grupo o conxunto verdinegro levou o dominio do encontro ante un A.D. Arousa F-7 que non tivo nin un só achegamento á portería defendia por Sergio, pero o desacerto en ataque fixo que o resultado acabase sendo de cero a cero. No segundo encontro, ante o claro favorito do grupo, a E.F.B. Moañesa, os de A Armenteira non puideron facer nada ante a calidade e o ritmo dos de O Morrazo, que venceron por cinco goles a cero. As esperanzas estaban postas no terceiro encontro, ante o S.D. Valiño-Cabo de Cruz. O Armenteira C.F. levou de novo o dominio do xogo, dispoñendo de claras ocasións, pero de novo volveu acusar a falta de puntería, e os de Boiro introduciron o balón no fondo das mallas na única ocasión que se aproximaron á meta defendida por Sergio. Nin sequera na fase de consolación, na que lles correspondeu medirse coa U.S.D. de O Grove a sorte estivo do seu lado. Tras un tanto inicial de Íñigo, rematando coa cara un saque de curruncho, e despois de contar con algunha ocasións máis para sentenciar o partido nos pés de Mosteiro ou de Zubo, os da Península Meca igualaron o marcador mediante un potente lanzamento de falta dende loga distancia. E cando parecía que irremediablemente o partido se dirixía a unha quenda de penalties un desaxuste defensivo dos de O Leixo permitiu á U.S.D. de O Grove levarse a vitoria cun gol no que a fortuna xogou ao seu favor. A desesperación e os lamentos dos compoñentes do plantel alevín do Armenteira C.F. era evidente, pero dende o cadro técnico tratarán de manter a motivación do conxunto de cara ao encontro da promoción de ascenso que terá lugar este xoves a partires das 20 horas no campo de O Leixo ante a A.X.D. Verdugo e ao torneo no que van participar a próxima fin de semana no campo de As Cachizas, en Dena.


Unha vitoira e unha derrota para os equipos de fútbol base do Armenteira C.F. na xornada de liga desta fin de semana

Os equipos cadete e benxamín do Armenteira C.F., os únicos que disputaron xornada de liga nesta fin de semana, a trixésimo terceira no que vai de liga, lograron dous resultados contrastados, pois mentres o conxunto cadete conseguía vencer ao C. Xuventú Sanxenxo, o equipo benxamín caía claramente derrotado ante o Meaño F.C.

O equipo benxamín recibía no campo de O Leixo ao Meaño F.C., o líder do grupo 63 da Segunda Autonómica Benxamín, Grupo 63, que se atopa en dura pugna co Céltiga F.C. por facerse co campionato de liga e acceder á única praza que da a posibilidade de ascender directamente de categoría. O cadro que adestran Valentín Estévez e José Ramón Dacosta contaba coas sensibles baixas de Brais Charlín e Brais Santamaría, polo que a cita se presentaba aínda máis compricada. A formación meañesa imprimiu unha alta intensidade ao encontro dende o inicio, e os goles entraban un tras outro na meta que defenderon Sergio Matilde na primeira metade e Sara Otero na segunda, ao ritmo que marcaban os gritos do adestrador visitante dende a banda. Esta clara diferenza de nivel quedou reflectida no resultado final de cero a dezaséis goles co que rematou o partido. O equipo verdinegro ten que afrontar aínda dúas xornadas antes de finalizar a liga. A primeira cita será este xoves a partires das 19 horas no campo de Berdón ante o C. Vilagarcía S.D., nun partido aprazado corresponde á trixésimo segunda xornada, e a seguinte será a próxima fin de semana no campo de Monte Redondo, en Corón, ante a S.D. Chispa.

A continuación, tamén no campo de O Leixo, era o turno para o equipo cadete. O cadro que dirixen Marcial Prado e Víctor Saborido afrontaba un duelo de rivalidade no que a vitoria se antollaba necesaria de cara a asegurar a sétima praza na clasificación final. O favoritismo co que partían os locais só se evidenciou nos primeiros minutos, nun iniciou fulgurante dos verdinegros, que dispuxeron de claras ocasións nos pés de xogadores como Alberto, Villa e Roberto, pero que non foron quen de materializar. A partires de entón o dominio equilibrouse, e os de A Armenteira non daban conseguido impoñer o seu maior potencial ante un C. Xuventú Sanxenxo que agardaba agazapado e que lanzaba algún tímido contragolpe que puxo o susto no corpo aos escasos afeccionados que acudiron ata O Leixo. Non foi ata o minuto 55 cando o Armenteira C.F. logrou derrubar a muralla amarela, e foi por mediación de Carlos Soto, que aproveitou no borde da área un rexeitamento tras un saque de córner e, mediante un potente zapatazo, o colocou no fondo das mallas defendidas por Manuel Radío. Dende ese momento a balanza do partido xa se puxo do lado dos locais, e Mathias cunha cabezada de novo tras un saque de curruncho, e o xogador de categoría infantil Piñeiro, recollendo unha pelota que o porteiro visitante saiu a despexar fóra da área, nada máis acceder ao campo, anotaban os tantos que conformarían o tres a cero co que finalizarían os noventa minutos. Esta vitoria coloca aos de Marcial Prado no sexto posto con corenta e un puntos, posición que será definitiva, dado que aínda que só dous puntos os separan do Moraña C.F., a este conxunto xa lle foron outorgados os tres puntos do partido que debería xogar a próxima fin de semana ante un C.D. Bamio que decidiu renunciar a competir na última xornada. Con todo, os de O Leixo, intentarán rematar a temporada con bo sabor de boca cunha vitoria no campo de O Terrón ante a E.F.B. Vilanova, quinto clasificado con corenta o oito puntos.









Esmagadora vitoria do Armenteira Veteranos ante o Peña Rácing

O Armenteira Veteranos conseguiu na tarde deste sábado, no campo de O Leixo, unha esmagadora vitoria ante o Peña Rácing por sete goles a cero. O cadro verdinegro impuxo dende o iniciou a súa clara superioridade e venceu sen grandes complicacións á escadra de Vilaboa. De novo cabe salientar o festival ofensivo do dúo atacante formado por Jorge Castro e Manueliño, autores de tres goles cada un deles, mentres que o outro tanto foi obra de Rafa. O centrocampista de A Escusa volveu dar mostra da súa calidade e foi autor dun deses goles de bela factura ao que nos ten acostumados. Con este triunfo o Armenteira Veteranos sitúase no sexto posto con sesenta e catro puntos. De vencer na próxima xornada, a última desta longa temporada, o conxunto verde e negro ascendería á quinta posición, xa que o Castrelo C.F., que ocupa actualmente esa praza, deberá cumprir coa obrigada xornada de descanso.


venres, 3 de xuño de 2016

O II Torneo C.D. Ribadumia agarda ao equipo alevín do Armenteira C.F.

O equipo alevín do Armenteira C.F. acude este sábado, en horario de mañá e tarde, ao II Torneo C.D. Ribadumia, que se celebrará nas remodeladas instalacións deportivas de A Senra. O cadro dirixido polo valgués Jonathan Crespo foi encadrado no grupo A, xunto a escadras de tanto potencial como a E.F.B. Moañesa, a S.D. Valiño-Cabo de Cruz, o Umia C.F. e a A.D. Arousa F-7. Será ante este último conxunto fronte ao que o conxunto verdinegro iniciará a competición a partires das 9:30 horas. A continuación, a partires das 10:50 horas, medirarase ao equipo que conta co cartel de favorito a alzarse con primeiro posto do grupo, a E.F.B. Moañesa. Ás 12:50 os de O Leixo vivirán un duelo de rivalidade ante o Umia C.F. e, xa pola tarde, a partires das 15:20 horas terán cita co S.D. Valiño-Cabo de Cruz. O sistema de competición establece que os dous primeiros clasificados de cada grupo xogará a fase de campións, mentres que os terceiros e cuartos terán acceso a unha fase de consolación. Os rapaces e rapazas que dirixe Jonathan Crespo tratarán de finalizar con éxito o primeiro torneo de fin de temporada, que ao mesmo tempo lles servirá de preparación para o partido da segunda eliminatoria da fase de ascenso que disputarán o próximo xoves 9 de xuño en O Leixo ante a A.X.D. Verdugo.


O Leixo volve a vivir un intenso sábado de fútbol

O campo de O Leixo volverá a vivir este sábado unha intensa xornada de fútbol. Os protagonistas serán os equipos benxamín e cadete do Armenteira C.F., que pola mañá disputarán os seus partidos correspondentes á trixésimo terceira xornada de liga, e xa pola tarde, será o turno do equipo do Armenteira Veteranos.

O equipo benxamín recibe a partires das 10:30 horas, coa arbitraxe de Piñeiro Docampo, ao líder do grupo, o potente Meaño F.C., que con oitenta e seis puntos mantense en dura pugna co Céltiga F.C. por proclamarse campión de liga e acadar a praza que da dereito ao ascenso á Primeira Categoría Benxamín. O cadro técnico formado por Valentín Estévez e José Ramón Dacosta contará coas baixas máis ca sensibles de Brais Santamaría e de Brais Charlín, pero os seus esforzos céntranse en manter a ilusión e en seguir aprendendo de citan tan esixentes como a deste sábado.

A continuación terá a súa oportunidade o equipo cadete. Os rapaces que adestran Marcial Prado e Víctor Saborido reciben a partires das 11:30 horas ao C. Xuventú Sanxenxo. O encontro, que será dirixido polo sempre estricto Leiros Brea, caracterizouse sempre pola rivalidade, debido ao coñecemento mutuo entre os compoñentes de ámbolos dous conxuntos, pero esta temporada cobrou unha dimensión especial. O cadro verdinegro parte en principio como favorito, xa que ocupa a sétima posición con trinta e oito puntos, mentres que o seu rival, sitúase no undécimo posto con vintetrés puntos, pero dada a igualdade que se está mostrando neste grupo calquera resultado é posible. De feito, o Armenteira C.F. caiu derrotado a pasada fin de semana en Burgáns ante o C. Xuventude Cambados, cando na xornada anterior lograra unha merecida vitoria fronte ao actual líder, o Vilalonga F.C. De lograr o triunfo os de O Leixo asegurarían o sétimo posto e poderían manter as remotas opcións de alcanzar a sexta posición.


Exitosa reapertura do Café Bar O Comercio

O Café Bar O Comercio, sen dúbida un dos locais máis emblemáticos do mundo de hostalaría na parroquia de A Armenteira, volveu abrir as súas portas este xoves. Apenas tres días despois dende que María Rodríguez e Diego Dadín decidiran deixar a xerencia a numerosa clientela deste establecemento pode voltar xa a disfrutar das copas, das tapas, dos bocatas ou do excelente ambiente que se soe respirar nun entorno tan privilexiado como no que se sitúa o Café Bar O Comercio. A nova xerencia quere manter o modelo que con tanto éxito levaron os anteriores responsables e tentará darlle aínda un maior pulo, potenciando servizos como a cociña, para que todas aquelas persoas que se acheguen ata alí poidan disfrutar dunhas xenerosas e deliciosas tapas e dunha variada carta de comidas. Na festa de reapertura non faltaron os habituais clientes, sempre fieis á súa cita, e de seguro que serán moitos máis os que se acheguen a partires desta fin de semana a gozar do estupendo servizo que sempre ofrece este establecemento situado no quilómetro cero de A Armenteira.


mércores, 1 de xuño de 2016

Bo partido do equipo infantil do Armenteira C.F. ante o Catoira S.D. en O Leixo

O equipo infantil disputou este mércores o seu primeiro e único partido desta temporada no campo de O Leixo. O conxunto que dirixen Martín Casais e Jonathan Crespo cambiou nesta ocasión o seu feudo habitual de O Pombal, en Cambados, polo campo de A Armenteira. A superficie de terra de O Leixo foi pisada por primeira vez por algúns dos xogadores do cadro infantil no encontro correspondente á vixésimo cuarta xornada que fora aprazado no seu día. O rival, o Catoira S.D., adiantouse no marcador no segundo minuto de partido. Foi por mediación do rianxeiro Daniel Vidal, o futbolista máis incisivo da escadra viquinga. Co resultado adverso o Armenteira C.F. tratou de manter o tipo e buscou con relativa insistencia a meta rival, pero a falta de claridade en ataque impediron que acadase a igualada. Na segunda metade o equipo verdinegro seguiu lanzando incursións cara a área viquinga, apoiado no bo traballo colectivo, no liderazgo no mediocentro de Jose Otero, no desequilibrio polo costado dereito dun inspirado Davide e na potencia na punta de ataque de Piñeiro. O esforzo dos locais tería o seu premio nun lanzamento de falta que Jose Otero colocou coa súa perna esquerda na escadra dereita dos de Catoira. Este gol reforzou a moral dos verdinegros, que comezaron a ter esperanzas de lograr a que sería a primeira vitoria da temporada. Pero de novo Daniel Vidal nun golpe franco que o meta Santi non foi quen de atallar poñía por diante aos franxivermellos. A pesares de que os de O Leixo dispuxeron dalgunha ocasión máis nos pés de xogadores como Álex Ruel, Piñeiro ou Álex González o marcador xa non se movería e os tres puntos acabarían voando do campo de A Armenteira. A desesperación dos futbolistas do cadro local contrastaba coa imaxe satisfactoria que se levou o numeroso público que acudiu ata O Leixo. A próxima fin de semana, o conxunto infantil do Armenteira C.F. terá a súa correspondente xornada de descanso, ao tratarse dun grupo con número impar de equipos, o que será aproveitado polo corpo técnico para planificar con maior tranquilidade o encontro da última xornada de liga ante o potente San Martín C.F. no campo Municipal de Vilaxoán.