Cando se fala de fútbol na comarca de O Salnés á mente de calquera persoa que siga medianamente este deporte veñen varios nomes. Son nomes de xente valorada e recoñecida pola súa traxectoria e pola paixón e a forma na que vive o balompé. Hai nomes máis ou menos ilustres, con maior ou menor palmarés ou incluso con máis ou menos admiradores, pero que sen dúbida deixaron fonda pegada nos terreos de xogo da contorna. Entre eles debería figurar un nome estreitamente vinculado á nosa parroquia por razóns familiares, pois aquí é onde están as súas orixes e é onde reside boa parte da súa estirpe e, dende fai un ano, tamén vinculado por razóns deportivas. Ese nome non é outro que Luis Barral, responsable dos equipos de fútbol-8 do Armenteira C.F. durante a temporada que vén de rematar. Luis é o que se di un home de fútbol. Cumpre á perfección todos os requisitos para consideralo unha verdadeira institución do balompé na nosa comarca. Comenzou a dar patadas ao balón no seu Barrantes natal. O Umia C.F. foi a súa primeira casa. Logo pasaría ao C.D. Ribadumia e, tras voltar de novo á vila do tinto, viviría os seus tempos máis gloriosos no C.D. Mosteiro. A golpe de talonario o carismático presidente Carballo levouse a Lucho, como tamén é coñecido, xunto a boa parte dunha das mellores xeracións de futbolistas saídas de A Bouza para ascender ao conxunto da capital de Meis á Terceira División. Cinco temporadas pasaría na máxima categoría do fútbol galego para probar sorte despois en Preferente nas filas do C. Juventud Cambados. Céltiga F.C., C.D. Ribadumia ou C. Vilagarcía S.D. formarían parte do camiño percorrido por Luis antes de recalar no Zacande F.C. No clube de San Vicente de Nogueira, recentemente ascendido á Primeira Autonómica, compaxinou a función de xogador co cargo de adestrador e convertiría a aquel grupo de amigos que puxera a andar un equipo poucos anos atrás nunha escadra máis seria e competitiva, sentando as bases dos éxitos dos que hoxe disfruta o clube branquiazul. Nas catro temporadas que estivo alí a progresión foi notable. Chegou incluso a disputar a promoción de ascenso á Primeira Autonómica. Tras colgar as botas a súa sapiencia de anos e anos de fútbol foina transmitindo por varios banquillos da comarca ata que, no verán de 2016, a Xunta Directiva do Armenteira C.F. decidiu apostar por el. Aquel personaxe de tan ampla e exitosa traxectoria, aquel adestrador de tanto caché acabaría por aceptar e uniríase a un proxecto dunha entidade, quizais a máis modesta e humilde das que militou, pero na non faltan ambicións e gañas de medrar. Na compaña da súa filla Alba, que a inicios da temporada se incorporaría como axudante e encargada do equipo benxamín, Luis Barral guiou ao conxunto de categoría alevín cara unha campaña histórica. Unha impresionante colección de triunfos, unha enorme bagaxe de goles e un subcampionato de liga que, a pouco que acompañase a fortuna, ben puido ser algo máis, constitúen o seu legado. Aínda que, por enriba de todo, o que queda despois dun ano de partidos, de adestramentos, de ilusións, de desencantos, de festas e festas na cantina, é o cariño e o aprezo que por el senten pais, nais, afección e, principalmente, xogadores e xogadoras. Quen o coñece sabe que Luis é un home que non sente especial predilección por unhas cores concretas. Entende as rivalidades á súa maneira. Entre Real Madrid C.F. e F.C. Barcelona el elixiría o fútbol e, a nivel local, entre Umia C.F. e C.D. Ribadumia, protagonistas dunha das rivalidades máis tradicionais e bonitas da comarca, el quizais non sabería cal elixir, ou quizais elixiría aos dous. De feito a nivel familiar xa ten o corazón dividido. A súa filla milita no equipo feminino do clube de Barrantes mentres que o seu fillo pertenceu esta temporada ao equipo infantil de A Senra. O seu non é o forofismo, o seu é o fútbol con palabras maiores, e esas palabras vainas seguir escribindo sobre a superficie de area de O Leixo. O compromiso co Armenteira C.F. por unha campaña máis permitirá que a experiencia, a sabedoría e a valía de Luis Barral volvan estar ao servizo dun clube que non quere deixar de soñar e que con xente coma el aspira a que aqueles soños cos que naceu aló por 1995 se acaben facendo realidade.
Ningún comentario:
Publicar un comentario