Buscar neste blog

luns, 30 de abril de 2018

Gondes, As Pereiras e Cabeza de Boi viven os seus días máis festivos co San Xosé Obreiro

Como é tradición dende fai unhas décadas maio comeza con festa en A Armenteira. Gondes, As Pereiras, Cabeza de Boi ou As Congostras, os lugares na zona noroeste da parroquia, celebran unha festividade que ten o seu epicentro na capela que se atopa ao pé da estrada que conduce ao mosteiro cisterciense e no campo da festa que se atopa nas proximidades. O programa de festas comezará coa verbena amenizada polas orquestras Trébol e Charleston Big Band, dúas das formacións musicais máis recoñecidas e que contan con máis seguidores en toda Galicia. O martes 1 de maio, o día grande, iniciarase cun pasarrúas e virá seguido por unha misa cantada a partires das 13:00 horas. A novidade este ano estará na comida popular que reunirá no campo da festa ás xentes do lugar e todas aquelas persoas que queiran unirse ao acto. É unha orixinal iniciativa que a comisión que preside Álvaro Martínez decidiu pór marcha este ano, e que lembra ás que ten levado a cabo anos atrás tanto no recinto da festa como lo local social de A Cachada. Veciños e veciñas e amantes da festa en xeral reuniranse en torno a unha mesa para disfrutar dun menú a base de callos e porco á brasa, acompañados de pan, viño, auga e café. Por un módico prezo de 20 euros os asistentes poderán degustar estes saborosos pratos e compartir unha tarde de contos, anécdotas e unha serie de concursos que contarán cuns substanciosos premios. O programa festivo pecharase coa verbena que correrá a cargo do popular Dúo Arena. Baixo a gran carpa que cubrirá o campo da festa a comisión agarda reunir a centos de persoas arredor da música, os bailes, as copas ou os pinchos que nunca faltan nunha das celebracións máis populares e que se vive con máis fervor en A Armenteira.




domingo, 22 de abril de 2018

Vitoria sen clemencia da E.D. Arousa S.D. ante o Armenteira C.F. xuvenil en A Pelada

FICHA TÉCNICA
E.D. AROUSA S.D. - ARMENTEIRA C.F. - 3 - 0
ARMENTEIRA C.F.: Marin; Gabriel, Diego Berreco, André, Bufi; Jona Cris Cores; Roberto Trigo, Mathias, Dimitar; e Alberto
GOLES: 1-0. Minuto 11. Enrique Martínez. 1-1. Minuto 24. Alberto Fernández. 2-1. Minuto 36. Enrique Martínez. 3-1. Minuto 75. Enrique Martínez. 4-1. Minuto 77. Michael Ramírez. 5-1. Minuto 78. Francisco Ramos. 6-1. Minuto 79. Enrique Martínez. 7-1. Minuto 83. Michael Ramírez
ÁRBITRO: Fariña Biasi. Mostrou cartón amarelo a Cris Cores por parte do Armenteira C.F.
INCIDENCIAS: Partido da vixésimo sétima xornada da Segunda autonómica xuvenil, grupo 9, disputado no campo de A Pelada, en Faxilde, en Vilagarcía de Arousa, ante uns trinta espectadores, nunha soleada e bastante calorosa e sobre un terreo de xogo en condicións aceptables para a práctica do fútbol.

CRÓNICA
O equipo xuvenil do Armenteira C.F. sufriu unha dura derrota por sete goles a un ante a E.D. Arousa S.D. no partido disputado na mañá deste domingo no campo de A Pelada. Foi nun encontro no que o cadro que dende fai dúas semanas dirixe Martín Casais se presentaba moi mermado, cunha convocatoria que ao final se viu reducida a trece efectivos, e nalgúns dos casos con serios problemas físicos, que os obrigaron a retirarse do terreo de xogo. Como era de agardar foi a escadra local a que tomou a iniciativa dende o primeiro minuto. Iniciando o xogo dende a zona de centrais o conxunto local buscaba continuamente a rapidez dos seus extremos mediante envíos en diagonal. Resulta chamativo esta aposta polas transicións rápidas por banda, en lugar de construír e combinar dende a liña de mediocentros, tendo en conta que se trata dunha das escolas de formación de futbolistas máis renomeadas da comarca. O fútbol de toque que defende o seu coordinador deportivo, o controvertido Luis Treviño, pareceu dar paso a unha aposta pola efectividade que proporciona a capacidade de desborde por banda dos veloces xogadores que ocupaban os extremos. Agazapado baixo o seu esquema de 4-2-3-1 e afanado en conservar a orde defensiva o Armenteira C.F. sufría sobre todo a causa dano que producían as incursións dos vilagarciáns polo costado dereito. E foi de aí de onde xurdiu o primeiro gol, ao culminar Enrique Martínez na área pequena unha magnífica asistencia dende a banda dereita. Pero unha carreira de Alberto pola zona dereita do ataque verdinegro era finalizada polo propio dianteiro de Vilariño para poñer a igualada. Seguiu atacando a E.D. Arousa S.D., ante o cal os visitantes respondían con orde e certa contundencia defensiva, coa enorme seguridade que ofrece Diego Berreco e coas acertadas intervención de Marin. Esta insistencia tería a súa recompensa e Enrique Martínez lograría o dous a un antes de ires ao descanso. Foi resistindo o Armenteira C.F. ata que o cansanzo e o esgotamento producido pola intensa calor da mañá deste domingo comezaron a facer mella, feito que non dubidou en ser aproveitado pola conxunto local, necesitado de mellorar as cifras de súa golaveraxe para aumentar as súas opcións na dura pugna que mantén con E.F.B. Vilanova e Vilalonga F.C. por acadar o ascenso de categoría. Ata tres tantos máis conseguiría o equipo vilagarcián, que rapidamente recollía o coiro cada vez que chegaba ao fondo das mallas de Marin ao tempo que consultaban ao banquillo respecto dos goles que restaban para conquerir o obxectivo. Mentres a E.D. Arousa S.D. se mantiña insaciable por acadar unha contundente vitoria os futbolistas do Armenteira C.F. tiñan que conformarse con manterse en pé. Fatigados pola longa temporada e pola acumulación de partidos durante a fin de semana, pois máis da metade do equipo viña de disputar o sábado un partido co Umia C.F. no campo de As Corticeiras, en Caldas de Reis, Jona, Alberto ou Mathias, que xa arrastraban molestias, foron incapaces de rematar o encontro, e os que resistiron tiveron que facelo ao límite das súas forzas. Este resultado deixa á E.D. Arousa S.D. na segunda posición, provisionalmente en postos de ascenso, e ao Armenteira C.F. na décima posición, con vinteoito puntos. Quedan dúas xornadas para que a liga chegue á súa fin. Para a escadra verde e negra a próxima fin de semana deparará un duelo directo ante o Barro C.F. que só con conta con dous puntos máis que os de A Armenteira, e que de superalo poderían escalar un chanzo na clasificación ata situarse na novena praza.




sábado, 21 de abril de 2018

Gran traballo defensivo do Armenteira C.F. alevín en A Xunqueira ante o A.J. Lérez "B"

FICHA TÉCNICA
A.J. LÉREZ "B"- ARMENTEIRA C.F. - 3 - 2
ARMENTEIRA C.F.: Sergio Matilde; Álex Grigorio, Andrés, Sara Otero; Brais Santamaría, Estela, Mateo; e Aldara. Tamén xogaron Ainhoa e Ramón.
GOLES: 0-1. Minuto 31. Brais Santamaría. 1-1. Minuto 32. Pablo Pazos. 3-0. Minuto 40. Pablo Pazos. 2-2 . Minuto 49. Ainhoa.
ÁRBITRO: Rey Fontenla. Non mostrou cartón amarelo a ningún dos dous equipos.
INCIDENCIAS: Partido da vixésimo terceira xornada da Terceira alevín, Grupo 61, disputado na tarde deste sábado no campo de A Xunqueira 1-Fútbol-8, en Pontevedra, nunha tarde soleada e cunha temperatura agradable ante uns cincuenta espectadores e sobre un terreo de xogo en condicións aceptables para a práctica do fútbol.

CRÓNICA
O equipo alevín do Armenteira C.F. deu unha digna imaxe no partido que disputou na tarde deste sábado ante o A.J. Lérez "B", líder do grupo 61 da Terceira autonómica alevín, pero que se viu en serias dificultades para superar ao cadro que adestran Luis e Alba Barral, que finalmente acabou derrotado por tres goles a dous. Foi nun encontro dominado polos locais e no que o equipo verdinegro defendeu con orde e intensidade fronte á velocidade e a calidade no xogo que trataba de impoñer o conxunto pontevedrés. Os primeiros minutos foron de asedio da A.J. Lérez "B". A rapidez no corte dos xogadores e xogadoras que dirixiu Alba Barral e a excepcional actuación de Sergio Matilde na portería, xunto coa falta de acerto da escadra azul marina mantiveron o partido igualado ata que, xa no segundo período,  Brais Santamaría finalizou un contragolpe batendo a Bruno Vázquez-Lescaille para adiantar aos de A Armenteira. Continuou atacando o conxunto da cidade do Lérez ata que Pablo Pazos colocaba a igualada, e, pouco despois, poñía por diante ao seu equipo. Diego Rivas, o potente dianteiro da escadra pontevedra, en posible fóra de xogo, sería o autor do tres a un. Cando o encontro remataba Ainhoa, mediante un toque sutil, anotaba o segundo tanto do Armenteira C.F. Un resultado apretado e unha xusta vitoria dun A.J. Lérez "B" que non deixou de intentalo e aproximarse ás inmediacións da área defendida por Sergio Matilde, pero tal e como sinalaba o técnico local ao rematar o encontro. o equipo verdinegro vendeu cara a derrota e fixo un gran traballo defensivo. A liña liderada por Andrés Fernández, na que tamén destacaron Álex Grigorio e Sara Otero, foi quizais a máis acertada dentro dunha actuación xeral máis ca aceptable. Mención aparte merece Sergio Matilde, que partido a partido se está mostrando como un dos mellores gardamallas da categoría. A nota negativa foi o golpe recibido nun xeonllo por Sara Otero tras un choque cun adversario, que a obrigaron a retirarse do terreo de xogo durante uns minutos e que rematou o partido con molestias na zona afectada. A capacidade de resistencia da futbolista de Vilariño de seguro que non lle impedirán estar a próxima fin de semana no encontro que medirá no campo de O Leixo ao seu equipo co A.C.D. A Seca, que ocupa o quinto posto, con corenta e tres puntos, catorce máis ca o Armenteira C.F.



Reparto de puntos entre Domaio F.C. e Armenteira C.F. infantil en A Granxa

FICHA TÉCNICA
DOMAIO F.C. - ARMENTEIRA C.F. - 2 - 2
ARMENTEIRA C.F.: Sergio Casal; Fran, Xoán, Adri, Javi Abal; Carlos, Hugo, Íñigo; Manu Meixús, Migui e Mosteiro. Tamén xogou Anabel.
GOLES: 0-1. Minuto 5. Migui. 1-1. Minuto 15. Yerai Vázquez. 2-1. Minuto 39. Manuel Corrales. 2-2 . Minuto 66. Migui.
ÁRBITRO: Cubela Fernández. Non mostrou cartón amarelo a ningún dos dous equipos.
INCIDENCIAS: Partido da duodécima xornada da segunda fase da Segunda autonómica infantil. Grupo 62A, disputado no campo de A Granxa, en Domaio, ante uns corenta espectadores, nunha mañá soleada e primaveral e sobre un terreo de xogo en condicións aceptables para a práctica do fútbol.
CRÓNICA
O equipo infantil do Armenteira C.F. acadou un empate a dous goles nun intenso e emocionante partido disputado na mañá deste sábado no campo de A Granxa. Foi un empate que por un lado pode considerarse xusto, pero polo outro rematou sabendo a pouco ao cadro verdinegro, sobre tendo en conta como se desenvolveron os últimos minutos. O inicio foi fulgurante, con ritmo frenético, un partido de ida e volta na que os atacantes de ámbolos dous conxuntos se presentaban ante a meta rival sen tempo a tomar aire. Nunha desas aproximacións adiantaríase o Armenteira C.F. Unha combinación entre Mosteiro e Migui era finalizada por este dentro da área pequena. Co paso dos minutos o ritmo do xogo foi descendendo e o Domaio F.C. foi facéndose co control. Só a escasa puntería dos locais e as afortunadas intervencións de Sergio baixo paus impediu que puidesen deixar sentenciado o partido na primeira metade. Tras o descanso a situación cambiou. O equipo que adestra Luis Barral foi pouco a pouco impoñendo a súa superioridade baseada na maior calidade de algún dos seus xogadores e na súa superioridade física. A dirección de Carlos na zona de creación e as continuas entradas polo costado esquerdo de Migui foron as principais armas verdinegras. Abusando do fútbol directo e dos balóns elevados o partido pasou a xogarse como o Armenteira C.F. quixo. As dificultades de Íñigo para disputar os balóns, a causa da forte dor nunha man, e a falta de rodaxe de Mosteiro, que regresa dunha longa lesión, restaron posibilidades aos visitantes para poder traerse os tres puntos das terras de O Morrazo. As claras ocasións que tiveron Carlos, Hugo e sobre Migui, que tras unha gran xogada individual envioua o longueiro unha vaselina no último suspiro do encontro, deixaron con mal sabor de boca a unha afección que se desprazou ata a parroquia moañesa coa ilusión de que os rapaces do clube verde e negro retomasen a senda da vitoria tras a decepcionante derrota da pasada semana ante o C. Xuventú Sanxenxo no campo de O Leixo. Con este resultado a escadra que dirixe Luis Barral sitúase na novena praza, con trece puntos, a espera de recibir a próxima fin de semana ao C. Juventud Cambados "B", cuarto clasificado, con vintetrés puntos, na que será a última xornada desta segunda fase da liga.


venres, 20 de abril de 2018

Os equipos de fútbol base do Armenteira C.F. xa coñecen os primeiros rivais na Copa Deputación

A delegación de Pontevedra da Real Federación Galega de Fútbol deu a coñecer este venres o cadro da edición de 2018 da Copa Deputación de Pontevedra nas categorías de fútbol base, agás no caso da categoría prebenxamín. O Armenteira C.F. participará este ano con todos os seus equipos, dende a categoría benxamín ata a xuvenil. A xulgar polo resultado do sorteo a sorte foi dispar. Os menos afortunados foron a priori o equipo xuvenil e o benxamín. O cadro xuvenil incorporarase ao torneo na segunda rolda, a disputar sobre o 16 de maio, e o seu rival será o vencedor da eliminatoria entre a S.D. Puentearnelas e o Vilalonga F.C. dous conxuntos cos que compite no grupo 9 da Segunda autonómica xuvenil e que destacan polo seu potencial. De feito, os verdinegros saíron derrotados nos enfrontamentos que os mediron na presente temporada tanto aos de Vilanova de Arousa como aos de Sanxenxo. Máis fortuna pareceu ter o equipo infantil, que tamén comezará a competición na segunda rolda, que se disputará igualmente sobre o 16 de maio, e que terá como adversario ao vencedor da eliminatoria entre o C.D. Soutomaior e o Barro C.F., dous conxuntos encadrados no grupo 63 da Segunda autonómica infantil, un grupo formado polos equipos que acadaron menor puntuación na primeira fase da liga. Cabe lembrar que a escadra infantil do Armenteira C.F. figura no grupo 62, configurado por equipos que acadaron un nivel de puntuación medio nesta fase da liga. Incerto preséntase o panorama para o equipo alevín. O cadro que dirixen Luis e Alba Barral iniciará o torneo na primeira rolda, a disputar aproximadamente sobre o 19 de maio, pero aínda descoñece o seu rival. Este aparece denominado no cadro como Reserva 2, calificativo que usa a Federación para referirse a aqueles clubes que por erro, descoito ou calquera outro motivo non se inscribiron na Copa dentro do prazo estipulado. De non contar finalmente con rival ou de superar esta rolda o cadro alevín do Armenteira C.F. enfrontaríase na seguinte ao Atlético Arousana, ao que xa venceu con comodidade nas dúas ocasións nas que se mediron esta temporada. Finalmente, o equipo benxamín terá un duro contricante na primeira rolda, que previsiblemente se celebrará sobre o 28 de abril. Será o C. Juventud Cambados "B", ao que xa se enfrontou o cadro que adestra Jonathan Crespo na primeira fase da liga, sendo daquela claramente derrotado polos cambadeses no campo de O Pombal.  En principio todos os equipos do Armenteira C.F. iniciarán a Copa Deputación como locais, un feito que pode representar unha vantaxe, tanto a nivel deportivo, xa que a adaptación ao terreo de xogo de O Leixo sempre resulta difícil para os conxuntos que o visitan, como a nivel económico, xa que permitirá aumentar os ingresos das arcas do clube coa recadación da cantina durante estes encontros. A Copa Deputación de Pontevedra ten especial significación para o clube de O Leixo, posto que foi nesta competición na que viviu algún dos seus episodios máis gloriosos, como ocurriu aló pola temporada 1998/1999, cando aquel equipo cadete que adestraba e presidía Julio Serén acadou o subcampionato tras medirse nunha épica final ao C.D. Moaña. Entre os compoñentes daquel plantel de futbolistas figuraba Martín Casais, actual presidente da entidade, que como capitán recolleu un trofeo que se garda con celo nas vitrinas do clube como lembranza dun dos maiores éxitos logrados por unha xeración de rapaces que escribiu algunha das páxinas máis brillantes da historia do Armenteira C.F.


venres, 13 de abril de 2018

Na terra do fútbol

O Leixo é na actualidade un dos poucos campos de terra que quedan na provincia e, xunto co de A Xunqueira, en Ponte Sampaio, quizais un dos dous que maior intensidade de uso rexistra fin de semana tras fin de semana. O equipos de categoría benxamín, alevín, infantil, sénior feminina, e, esporadicamente, o de categoría xuvenil do Armenteira C.F., así como o Armenteira Veteranos son os usuarios habituais dunhas instalacións deportivas nas que sempre se respira ambiente de fútbol. É un fútbol moderno, con megafonía, con merchandising, pero con aroma a fútbol de antes, daquel que se rexía polo atrevemento e as valentía que impoñían os míticos balóns Mikasa, tan duros como incombustibles, unha proba na que tantos e tantos aspirantes a futbolistas se quedaron no camiño. Con noltalxia moitos lembrarán como os prolegómenos dos partidos eran marcados polo ritmo que de forma monótoma e repetitiva emitía a máquina do cal. Liñas máis rectas, menos rectas, con ángulos, con curvas, con bifurcacións, establecían os límites do territorio no que o balón podía circular sen máis restriccións que as que recollía o regulamento. Todo iso, en certa medida segue ocorrendo no campo de O Leixo. Mentres as distintas administracións públicas cubriron de céspede artificial a práctica totalidade dos terreos de xogo da provincia, o campo de A Armenteira figura como unha nostálxica testemuña do pasado. Con resignación contemplan os xogadores e xogadoras, os membros do corpo técnico, a Xunta Directiva e a afección do Armenteira C.F. como esta modernización os ignora ao tempo que vai invadindo os campos da contorna. A dotación de céspede artificial no campo Mari Paz Vilas de Bamio ou no de A Pelada, en Faxilde ou a ampliación e renovación do campo da Área Recreativa de A Toxa, en Meaño son mostras máis ca evidentes do trato desigual que estas institucións dan a uns e a outros clubes. O desencanto foi en aumento cando fai uns días se soubo que o campo de O Cruceiro, en Dorrón, contará proximamente cunha superficie de céspede artificial. Na veciña parroquia do concello de Sanxenxo vén de desaparecer esta temporada un clube con case corenta anos de historia. O motivo que moitos mencionan non é outro que a negativa de moitos xogadores a seguir xogando en terra. Unicamente sobrevive alí un equipo de veteranos. En cambio, en A Armenteira o fútbol non só resistiu, senón que medrou ano tras ano. Case cen licenzas federativas ten o Armenteira C.F. e máis de vinte o Armenteira Veteranos. Durante sábados e domingos o balón non deixa de rodar. O mesmo ocorre no transcurso da semana cos adestramentos dos distintos equipos. Resulta incomprensible que cando algúen, que cando unha entidade promociona de forma totalmente altruísta o deporte e os hábitos de vida saudables entre a poboación máis nova e, á vista dos resultados, o vén facendo con relativo éxito, a resposta das administracións sexa o abandono e o esquecemento. O caso máis notorio será esta fin de semana. Ata catro partidos albergará O Leixo este sábado 14 de abril. O equipo infantil, o equipo alevín, o equipo benxamín e o Armenteira Veteranos saltarán á escea. Para a xornada do domingo será o turno do equipo xuvenil. Cinco partidos nun escenario que vivirá unha intensa xornada de fútbol entre a lama, os surcos e os cachotes de pedra dun terreo de xogo esquecido e que presentará como único aspecto renovado as portas e as ventás que esta semana foron instaladas na área de ampliación dos vestiarios.







martes, 10 de abril de 2018

O Armenteira C.F. reforza a súa aposta polo equipo xuvenil de cara á fin de temporada

A marcha de Valentín Estévez "Tilín", que o martes da semana pasada presentou a súa dimisión como adestrador do equipo xuvenil do Armenteira C.F.. non impedirá que o proxecto de colaboración que Umia C.F. e Armenteira C.F. decidiron establecer a inicios de temporada poida seguir o seu rumbo. A Xunta Directiva do clube de O Leixo aproveitou estas circunstancias para reafirmarse na súa aposta por un plan no que ten postas moitas esperanzas, xa que significa o penúltimo paso dun trazado iniciado na categoría benxamín cun grupo de nenos e nenas comandados por Martín Casais, actual presidente do clube, e que agarda culminar coa creación dun equipo categoría sénior nun horizonte non moi lonxano. Os esforzos céntranse agora en finalizar da mellor maneira posible unha temporada á que lle restan só catro partidos de liga, aos que se lle unirán os da Copa Deputación de Pontevedra, competición que ten un especial significado para a entidade e na que ven de inscribir a todos os seus equipos. Xente da casa farase cargo dende este mércores do equipo e tratará de darlle un impulso que sirva para continuar a próxima temporada cun proxecto e cunha xeración de futbolistas que na maior parte dos casos naceron para o fútbol coa camisola verdinegra e con ela han protagonizar o retorno deste modesto e emblemático clube aos campos da Terceira Autonómica. A próxima cita, a primeira desta renovada etapa, será o próximo domingo a partires das 12.00 horas no campo de O Leixo fronte á A.D. Arousa F-7.




martes, 3 de abril de 2018

O Armenteira C.F. terá un papel protagonista este xoves no Land Rober Tunai Show

O Land Rober Tunai Show, o popular e exitoso programa da Televisión de Galicia que presenta o carismático Roberto Vilar, e que conta tamén con cómicos da talla de Xosé Antonio Touriñán e Eva Iglesias acollerá este xoves 5 de abril unha expedición do Armenteira C.F. Máis de medio centenar de persoas desprazaranse ata Montouto, no concello de Teo, onde se atopa o Plató 1000, lugar de gravación, nun autobús fletado pola organización do programa e que sairá das inmediacións do colexio de A Armenteira ás 17:30 horas e fará parada diante do campo de fútbol de A Bouza, en Barrantes, onde se unirá o resto da expedición. Son moitas as sorpresas que está preparando o equipo de guionistas e nalgunha delas terán un especial protagonismo os representantes do clube de O Leixo. As historias, as anécdotas, as fotos e o sentido do humor da xente do Armenteira C.F. chegarán aos fogares de toda Galicia e do resto do mundo este xoves a partires das 22:30 en rigoroso directo, os domingos na repetición que se emite a partires das 19:05 horas e en calquera momento a través de internet nun dos programas que conta con maior respaldo da audiencia dentro do panorama televisivo actual e no que o clube figura na listaxe de espera dende fai dous anos.