Buscar neste blog

domingo, 30 de outubro de 2016

Primeira vitoria da temporada para o equipo infantil do Armenteira C.F.

O equipo infantil do Armenteira C.F. conseguiu impoñerse por cinco goles a un no partido que na mañá deste domingo o mediu ao C. Vilagarcía S.D. O cadro verdinegro presentou un once de partida con Sergio baixo paus, Migui, Xoán, Sebas e Andrei en defensa, con Santi e Álex Ruel na zona central do medio campo, con Mosteiro e Jose Otero polos costados, con Carlos Pérez na media punta e con Piñeiro como único dianteiro. Tras o susto inicial do gol de Samuel Blanco para o conxunto visitante, os futbolistas que adestra Valentín Estévez "Tilín" seguiron mantendo o control do xogo e buscando con insistencia a meta contraria. Froito deste traballo chegaron os goles. Os balóns en profundidade buscando aos atacantes verdinegros foron letais para os vilagarcianos. Piñeiro con dous potentes disparos e Jose Otero cruzando sutilmente o balón ante a saída de Rubén Vázquez, daban a volta ao marcador antes de finalizar os primeiros corenta e cinco minutos. No segundo período o dominio dos locais foi aínda maior e de novo Jose Otero, que completaría un hat-trick, lograba dous goles máis para unha escadra á que as adversidades deste inicio de liga privaran de estrear o seu casilleiro de vitorias. Pouco tempo terán estes rapaces e rapazas para dixerir a euforia deste resultado positivo, xa que este mércores deberán disputar o partido aprazado correspondente á quinta xornada ante a S.D. Pontearnelas, un equipo que se sitúa na décimo terceira praza, xusto por abaixo da escadra de O Leixo, e á que lograron vencer por cero goles a dous no encontro que os enfrontou na presente pretemporada.


A S.D. Pontearnelas lévase os tres puntos no mellor partido no que vai de temporada do equipo feminino do Armenteira C.F.

O equipo feminino do Armenteira C.F. afrontaba na tarde deste domingo, no campo de O Leixo, un dos duelos de rivalidade comarcal que debe disputar no presente campionato de liga. O rival era a S.D. Pontearnelas, un clube que decidiu apostar polo fútbol feminino fai xa unhas temporadas, e que conta cunha escadra potente e experimentada, situada na zona media alta da táboa no grupo 2 da Segunda División Feminina. Polas filas da entidade vermella pasaron Nerea Baños e Ángeles, dúas das xogadoras enroladas no novo proxecto do Armenteira C.F., polo que para estas rapazas era aínda unha cita máis especial. Nunha tarde soleada e cunha temperatura máis propia do mes de agosto, as bancadas de O Leixo poboáronse de veciños e veciñas da parroquia de A Armenteira e de distintos lugares da comarca para disfrutar dun espectáculo como é o do fútbol feminino, que ano a ano vai medrando en expectación. A vaga de lesións que están afectando ao cadro verdinegro dende o inicio de temporada fixo que o cadro técnico local só puidese dispoñer de catorce xogadoras para afrontar este importante partido. As locais presentaron un once inicial con Uxía na portería, con Fátima, Diana, María e Laura na liña defensiva, con Naomi, Raquel e Ana Martínez na zona de creación e con Ángeles, Ana Lorenzo e Mar na punta de ataque. Os desaxustes defensivos e a falta de contundencia nos minutos iniciais axiña puxeron en vantaxe á S.D. Pontearnelas, que se foron ao descanso co partido practicamente sentenciado. Cero goles a oito eran unha renda suficiente para unha segunda metade na que o corpo de adestradores que dirixe Marcial Prado decidiu facer algunhas variacións tácticas que deron resultado e reactivaron o equipo, moito máis sólido a partires de entón e que chegou a rondar a meta contraria en varias ocasións, pero a falta de fortuna impediu que o balón rematase no fondo das mallas vermellas. Non se movería o marcador neste segundo período, un feito a valorar na lenta pero continua progresión que está a levar a cabo este grupo de xóvenes futbolistas. Entre elas, unha das máis satisfeitas ao rematar o encontro era María, que por motivos de estudo apenas pode adestrar e xogar coas súas compañeiras, e que puido disputar os noventa minutos e disfrutar do deporte que apaixona a esta moza vilagarciana. A próxima fin de semana as rapazas do Armenteira C.F. deberá desprazarse ata as terras do Barbanza onde se medirá, no campo de As Vilas, en Rianxo, ao C.D. Unión, unha escadra que tampouco conseguiu puntuar no que vai de liga.


Triunfo contundente do equipo benxamín do C.D. Ribadumia en A Senra

O equipo benxamín do C.D. Ribadumia venceu de forma clara e contundente ao Armenteira C.F. no partido que disputaron na mañá deste domingo no campo de A Senra-2. O conxunto aurinegro impuxo a súa superioridade e maior experiencia fronte aos rapaces e rapazas que dirixiu Alba Barral. Os dous tantos nos intres iniciais decantaron xa dende o primeiro momento o encontro para os locais. O gol de Brais Charlín, culminando unha bonita xogada individual pola banda esquerda serviu para dar algo de emoción aos primeiro minutos, pero, enseguida se encargou o C.D. Ribadumia de deixar clara a diferenza que a día de hoxe existe entre estas dúas escadras. O marcador final de once goles a cero é un dos moitos indicativos a ter en conta por parte da entidade de O Leixo de cara ao proceso de formación que están desenvolvendo con este grupo de nenos e nenas, pero non é nin moito menos o máis relevante. A próxima fin de semana a formación verdinegra recibirá a visita no campo de O Leixo do C.D. Mosteiro, un equipo que ocupa a sétima posición con cero puntos, polo que se prevé un derbi intenso e igualado sobre o céspede artificial do campo Municipal de Zacande.


sábado, 29 de outubro de 2016

Duelo de rivalidade con sabor verdinegro

Moitos eran os alicientes que envolvían o partido que disputaron na tarde deste sábado o Armenteira C.F. e Boa Vila-Umia C.F. A proximidade entre as dúas localidades, que converte a Barrantes no núcleo urbano de referencia para os veciños e veciñas de A Armenteira, o atractivo turístico, cultural e relixioso da parroquia do concello de Meis, que fai que moitas persoas da vila do tinto se despracen ata as proximidades do mosteiro cisterciense para disfrutar dun paseo a través da Ruta da Auga e da Pedra, dos concurridos oficios relixiosos que se celebran na igrexa monacal ou das copas e das tapas que ofrecen os locais de hostelería. A todos estes alicientes hai que sumar os vínculos que unen aos xogadores dun e doutro equipo. No plantel do Armenteira C.F. militan varios xogadores que durante a súa carreira futbolística defenderon as cores do cadro vermello. Ademais son varios os lazos familiares e de amizade entre os compoñentes de ámbolos dous conxuntos. A todo isto hai que engadir que o delegado do Armenteira Veteranos é ao mesmo tempo vicepresidente do Umia C.F., clube no que integrou nas últimas temporadas o histórico equipo de veteranos do Boa Vila. Con este panorama prevíase un intenso duelo de rivalidade nun campo de O Leixo que, a pesares da agradable temperatura, rexistrou unha escasa afluencia de público. Tras uns minutos de tanteo o Armenteira Veteranos foi impoñendo o seu xogo directo e a súa maior pegada. Apoiados na notable actuación de Pellejo baixo os paus, na calidade no manexo do balón de Cacabelos na liña medular, na entrega continua de Manueliño en ataque e, sobre todo, no excelente traballo e sacrificio colectivo, os de O Leixo quixeron marcar a pauta do encontro dende o inicio. Os tres goles a cero que figuraban no marcador ao descanso, os tres obra dun Manueliño que partido a partido segue mostrando o seu excelente estado de forma, facían pensar que sería un triunfo plácido para os verdinegros. Pero pouca confianza é pouca ante un conxunto que conta nas súas filas con xogadores da talla de Nando, Vidal, Amando ou Martín Barral. Dúas galopadas de Vidal, que acabaron no fondo das mallas defendidas por Pellejo, apretaban o marcador e facían cundir o nerviosismo en O Leixo. Unha fermosa xogada colectiva, que rematou cunha perfecta definición de Javi, volvía a marcar distancias para os locais, pero, un disparo dende media distancia de Martín Barral, que sorprendeu cun efecto extrano ao gardamallas, deu emoción aos últimos minutos dun encontro, no que nin sequera a expulsión do capitán do Boa Vila, Amancio, tras as súas reiteradas protestas, evitou que o Armenteira Veteranos se librase dalgún ca outro susto. Este triunfo detén a traxectoria descendente do cadro verdinegro nas últimas xornadas e sitúao na sexta posición, con trece puntos. Na próxima xornada os de A Armenteira deberán desprazarse ata o campo de As Lombas para enfrontarse ao Fonte da Garza-Catoira Veteranos, décimo quinto clasificado con unicamente tres puntos.










Unha primeira metade repleta de erros condena ao equipo alevín do Armenteira C.F.

O equipo alevín sufriu unha contundente derrota por un gol a seis no partido que o mediu na mañá deste sábado á E.D. Poio. Baixo unha intensa calor, impropia das datas de outono nas que nos atopamos, o encontro estivo marcado dende o inicio pola tardanza en comparecer nas instalacións de O Leixo do colexiado encargado de dirixir o encontro, o que provocou que se tivese que comezar con trinta minutos de retraso. Quizais por este motivo ou quizais por tratarse dunha mañá de especial desatino para os rapaces e rapazas que adestran Luis e Alba Barral unha serie de erros encadenados foron determinantes para que o conxunto poiense se fose ao descanso co partido sentenciado. Primeiro foi unha falta de entendemento entre a defensa e o porteiro, que deu lugar a unha cesión que transformaron os visitantes. Logo un saque de falta dende a liña de córner que acabou na frontal da área, pillando ao equipo descolocado, e que tamén foi aproveitado polos de Poio, logo dous balóns altos que non chegaron a alcanzar os porteiros verdinegros... Erro tras erro, infortunio tras infortunio, levaron ao cadro amarelo cun resultado de cero a catro ao descanso. O intento de reacción do Armenteira C.F. na segunda metade baseouse máis na intensidade que na claridade do fútbol, abusando en exceso de balóns longos sen dirección definida que a duras penas atopaban a unha dianteira que pasou bastante inadvertida por O Leixo, a tono co resto do equipo. Este esforzo só atopou premio cando Íñigo conseguiu cabecear ao fondo das mallas da E.D. Poio un saque de curruncho perfectamente executado por Manu Meixús. Esta derrota, a terceira no que levamos de liga, mantén á escadra verdinegra na zona media baixa da clasificación do grupo 64 da Segunda autonómica benxamín, situación que agarda revertir no encontro que disputará a próxima xornada ante o C. Xuventude Cambados, ao que xa logrou vencer no partido que no que se cruzaron esta pretemporada durante o Trofeo Triangular San Ero 2016.


domingo, 23 de outubro de 2016

O C.D. Conxo fai valer a súa superioridade en A Merced

O C.D. Conxo demostrou a súa superioridade e venceu con claridade por once goles a cero ao equipo feminino do Armenteira C.F. no partido que disputaron na tarde deste domingo no campo de A Merced. O cadro técnico verdinegro decidiu apostar por un once inicial composto por Uxía baixo paus, Fátima, Alessandra, Diana e Laura na liña defensiva, Naomi, Nerea Baños e Ana Martínez na zona medular e por Ana Lorenzo, Nerea Porta e Mar na dianteira. Agardando a oportunidade dende o banquillo só se atopaba Raquel, nun cadro moi afectado polas numerosas baixas nas últimas xornadas. As xóvenes futbolistas do conxunto da parroquia santiaguesa asumiron dende o primeiro minuto o dominio do balón. Pases ao primeiro toque, controis orientados, triangulacións ou balóns en profundidade buscando a velocidade das súas xogadoras de banda foron parte do repertorio futbolístico que o cadro local exhibiu sobre o céspede artificial do campo de Conxo. Pouco puideron facer ante isto as rapazas que dirixiron Marcial Prado e Iván Borrageiros. Quizais o máis positivo para as de A Armenteira foi a reacción da segunda metade, na que por veces lograron sacudirse o dominio das locais, buscando a súa mellor arma ofensiva, a punta de velocidade de Mar. O próximo domingo as féminas do Armenteira C.F. volverán a disputar un novo duelo de rivalidade comarcal, neste caso ante a S.D. Pontearnelas, que ocupa a sétima posición con nove puntos e que ven de caír derrotada por un gol a cero ante o C. Xuventude Cambados.


Partido competido en O Leixo con vitoria final do equipo benxamín do Barro C.F.

O Barro C.F. levouse finalmente a vitoria por cero goles a catro no partido que disputou na mañá deste domingo ante o equipo benxamín do Armenteira C.F. Nun partido disputado e competido, con alternativas por ambos bandos o conxunto branco logrou impoñer a súa maior experiencia e o desequilibrio nos metros finais. Foi, sen dúbida, o mellor encontro no que levamos de temporada para os nenos e nenas que dirixen Luis e Alba Barral. Ordenados en defensa e combativos no mediocampo e na dianteira, os futbolistas da formación verdinegra conseguiron facerse co control do balón e que o xogo se mantivese durante bastantes minutos no campo contrario. A boa actuación de Ainoha no seu retorno á portería, a colocación de Saray e Ramón na liña de centrais, a loita de Óscar e Lucas unidos ao liderazgo de Sara Otero na zona media, o talento de Brais Charlín na mediapunta e a mobilidade de Uxía en ataque, xunto á aportación de Darío e Marcos nos minutos que saltaron ao campo, foron os principais argumentos dunha escadra en formación que día a día está dando mostras dos seus notables progresos. A próxima fin de semana o equipo benxamín do Armenteira C.F. deberá desprazarse ata o campo de A Senra para enfrontarse a un potente rival, o C.D. Ribadumia, cuarto clasificado con seis puntos.


sábado, 22 de outubro de 2016

Ricardo marca as diferenzas no derbi municipal de veteranos

Ricardo Fernández Mascato conta cun currículum futbolístico a altura de poucos xogadores das ligas locais de veteranos. Entre a nómina de clubes nas que militou destacan as dúas temporadas nas que vestiu a elástica do Pontevedra C.F. na Segunda División B. Máis recentemente moitos o recordarán como un dos principais impulsores do crecemento do equipo sénior do C.D. Ribadumia, ao que levou, compaxinando o posto de xogador e de adestrador ata a Rexional Preferente. Dende fai anos asentado no concello de Meis agora defende as cores do Cafetería Impacto-Mosteiro, ao tempo que adestra ao Zacande F.C. da Segunda Autonómica. No encontro que disputaron na tarde deste sábado o seu conxunto e o Armenteira Veteranos no campo Municipal de Zacande a súa intervención resultou máis ca decisiva. Tras uns primeiros minutos nos que o cadro de A Armenteira tratou de asumir o dominio do xogo, nunha das primeiras acometidas do Cafetería Impacto-Mosteiro, un balón centrado dende a banda dereita acabou nas botas de Ricardo, cun toque sutil da súa perna esquerda, o mandou lonxe do alcance das luvas do meta Joserra. A partires de entón a escadra local foi facéndose dona do partido, aínda que non chegaba a dispoñer de ocasións claras de gol. Na segunda metade o Armenteira Veteranos tratou de reaccionar pero nin Galiñanes, nin Jorge Castro, nin Marcial conseguiron acertar coas mallas da formación azul marina. Pero sen dúbida a ocasión máis clara da que gozaron os visitantes foi tras un penalti cometido polo ex-xogador verdinegro Adonis sobre Jorge Castro, e que este enviou por enriba do longueiro. A obrigada retirada do terreo de xogo do central Marcos tras recibir un golpe nunha cella e a lesión de Joserra, que deu a oportunidade baixo os paus a Pellejo, trastocaron a un Armenteira Veteranos que trataba de reaccionar con máis corazón que cabeza. A sentencia definitiva para o cadro da capital do concello de Meis chegaría de novo das botas de Ricardo, nesta ocasión dende o punto de penalti. Con esta derrota o Armenteira Veteranos continúa o seu descenso na táboa clasificatoria, traxectoria que agarda rectificar no partido que o próximo sábado o medirá ao Umia C.F.-Boa Vila, no que será un novo duelo de rivalidade para os futbolistas que capitanea José Luis Galiñanes.



Esaxerada derrota do equipo alevín do Armenteira C.F. en As Lampáns

O equipo alevín do Armenteira C.F. caiu derrotado no partido que disputou na mañá deste sábado no campo de As Lampáns ante a S.D. Amanecer. A pesares de que o conxunto local tivo o dominio do encontro e dispuxo de máis ocasións o resultado final de catro goles a cero resulta esaxerado tendo en conta o visto sobre o terreo de xogo. Na primeira metade os rapaces e rapazas que adestran Luis e Alba Barral mantivéronse agazapados no seu campo, tratando de manter a orde táctica e buscando armar algún contragolpe para inquedar ao rival. A agresividade en defensa de Adri ou Fran, os intentos de Íñigo de distribuír xogo no mediocampo, o desborde e a velocidade de Manu Meixús e Javi nas bandas e a loita de Brais Santamaría en ataque apenas permitiron que o cadro verdinegro se aproximara á área dos de San Vicente en tres ou catro ocasións neste primeiro período. No segundo tempo a tónica continuou sendo a mesma, pero un desaxuste defensivo foi aproveitado por Gabriel Esteban para batir a Sergio Matilde. Pouco despois Mateo Arosa poñía o dous a cero materializando un penalti que non tivo opcións de alcanzar o meta cambadés do Armenteira C.F., ao igual que ocurriu cun lanzamento de falta convertido por Iker Cruces. Co partido xa sentenciado Fran Silva lograba o catro a cero final tras batir a Gonzalo, que disfrutaba dos seus primeiros minutos baixo os paus da escadra de O Leixo. A formación verdinegra dispuxo dalgunha ocasión nesta segunda metade para maquillar o resultado, sendo a máis clara a que tivo nos seus pés Sara Rey despois dunha xogada individual e asistencia de Manu Meixús. Esta derrota deixa ao equipo que dirixe Luis Barral con tres puntos, á espera de recibir a próxima semana a visita da E.D. Poio, que conta cun punto máis na clasificación, no que será unha reedición despois de varias temporadas do derbi de O Castrove.


xoves, 20 de outubro de 2016

O Armenteira C.F. segue preparando a expedición a Conxo do equipo feminino

O Armenteira C.F. está ultimando nestes días a expedición que levará ata a parroquia de Conxo, no concello de Santiago de Compostela, ao seu equipo feminino. A Xunta Directiva e a coordinación deste equipo de rapazas prepara os detalles para un desprazamento que permitirá a todas aquelas persoas que o desexen viaxar e disfrutar dun espectáculo deportivo como o que ofrecerán este domingo no campo de A Merced a partires das 16 horas o C.D. Conxo e o Armenteira C.F. Para facilitar o traslado ata a capital de Galicia dun maior número de afeccionados e afeccionadas establecéronse uns prezos populares de 5 euros para os adultos e de  2 euros para os menores de 16 anos, incluindo todo elo a viaxe e o acceso ao partido. A expedición partirá dos arredores do colexio de A Armenteira ás 14 horas e dende a Xunta Directiva recordan que aínda quedan prazas por cubrir, e que aínda é posible anotarse, podendo facelo a través do número de teléfono 634788186 ou dos distintos medios que o clube pon á disposición.



luns, 17 de outubro de 2016

Valoración positiva dos resultados dos equipos infantil e alevín do Armenteira C.F.

Os técnicos dos equipos infantil e alevín do Armenteira C.F. valoraron positivamente os resultados acadados nos encontros que disputaron na mañá deste domingo ante o Vilalonga F.C. e E.F. Sport 2017 S.D. respectivamente.

O adestrador do equipo infantil, Valentín Estévez "Tilín" mostrouse relativamente satisfeito co que supón o terceiro empate da temporada. Pero laiouse da oportunidade perdida para acadar o primeiro triunfo. A vantaxe da que dispuxo o seu conxunto de dous goles a cero primeiro e de catro a dous despois non puido ser aproveitada para conseguir facerse cos tres puntos. Os últimos minutos dos partidos están sendo determinantes para esta formación verdinegra, que está vendo como nestes primeiros partidos se lle están escapando os puntos nos intres finais. O técnico cambadés quixo resaltar a capacidade ofensiva que están exhibindo os seus xogadores. Piñeiro por partida dobre, Álex Ruel, que neste partido actuou de dianteiro e Jose Otero foron os autores dos tantos. O aprazamento do partido da próxima fin de semana ante a S.D. Pontearnelas permitirá aos de "Tilín" repoñer forzas de cara a unha temporada que se agarda moi competida e intensa.

Pola súa contra, máis satisfeito co resultado se mostrou o técnico do equipo alevín. Luis Barral salientou o traballo dos seus xogadores e xogadoras, que se resarciron da abultada derrota sufrida no primeiro partido de liga ante o C.D. Ribadumia e lograron vencer con claridade á E.F. Sport 2017. As precipitacións e as imprecisións da primeira metade fixeron que se chegase ao descanso co resultado de unicamente un gol a cero para a escadra verdinegra, cun tanto na último suspiro deste período de Manu Meixús. Na segunda metade os futbolistas locais conseguiron romper o entramado defensivo do conxunto de Noalla e pouco a pouco foron marcando distancias no marcador. O encontro remataría cun cinco a cero para os de A Armenteira, con tantos de Jose Otero, Sara Rey, Íñigo e Adri, que se unían ao logrado por Manu Meixús nos primeiros vintecinco minutos. Na próxima xornada a formación que adestran Luis e Alba Barral deberá afrontar un difícil compromiso. Será no campo de As Lampáns ante a S.D. Amanecer, que se sitúa na quinta posición con catro puntos, e que vén de acadar un empate no difícil campo da Área Recreativa de A Toxa ante o Meaño F.C. un dos grandes favoritos para lograr o campionato do grupo. Na pretemporada o cadro da Península de O Grove xa venceu aos de O Leixo por catro goles a dous nun partido amigable.



Marcial Prado: "A falta de intensidade pasounos factura"

O adestrador do equipo feminino do Armenteira C.F., Marcial Prado, quixo mostrar o seu descontento tras a oportunidade perdida no encontro que o conxunto que el dirixe disputou este domingo no campo de O Leixo ante o C. Xuventude Cambados. "Con puntiño máis de actitude poderíamos competir de igual a igual" manifestou o técnico de San Salvador. "É certo que as baixas coas que contábamos nos condicionaron moito", afirmou referíndose as numerosas ausencias que mostrou o seu equipo, que só puido dispoñer de 12 xogadoras para este encontro. Con todo, o adestrador verdinegro mostrouse satisfeito con algúns aspectos da actuación das súas xogadoras. "Conseguimos aguantar 20 minutos co resultado de empate a cero". "Se tiveramos máis fortuna na oportunidade que tivo Mar, que nos poría por diante no marcador, o partido quizais acabaría sendo distinto". "A defensa estivo seria e ordenada" e "Uxía estivo bastante segura baixo os paus" foron outras das súas reflexións despois dun partido que deixa a escadra que dirixe na duodécima posición do grupo 2 da Segunda División Feminina. A próxima fin de semana o Armenteira C.F. feminino deberá desprazarse ata o campo de A Merced, onde deberá medirse, previsiblemente o domingo a partires 16 horas, ao C.D. Conxo, un equipo que ocupa a sexta posición con sete puntos.



sábado, 15 de outubro de 2016

Empate con sabor a derrota do Armenteira Veteranos ante o Sisán Veteranos

O empate a dous co que finalizou o partido que na tarde deste sábado disputaron en O Leixo o Armenteira Veteranos e o Sisán Veteranos deixa un sabor amargo para os locais. No medio dunha copiosa chuvia e nun terreo de xogo enlameado, nunhas condicións que dificilmente permitían a práctica do fútbol, o cadro verdinegro presentouse no coliseo de O Busto con Joserra na portería, cunha defensa formada por Moncho, Portas, Marcos e Richi, cun mediocampo con Martín e Jorge Castro levando o timón e con Rafa e Joseíño polos costados, e cunha punta de ataque con Galiñanes e Manueliño. A igualdade foi a tónica dominante nos primeiros intres de encontro. A dificultade coa que rodaba o balón e a superficie esvaradiza da superficie de terra de O Leixo impedían que ámbolos dous conxuntos despregasen a súa capacidade de xerar fútbol. Ao descanso chegouse co resultado inicial de cero a cero, pero na segunda metade Jorge Castro dispúxose a marcar diferenzas. Primeiro culminando na área unha xogada colectiva e logo a través dun lanzamento de falta o dianteiro de Vilar parecía encarrilar o partido para o Armenteira Veteranos. Pero un penalti cometido polo meta Joserra, que non puido evitar deslizarse sobre a lama e derrubar a un dianteiro visitante, e que transformou Javier Montenegro e, cando xa os xogadores verdinegros parecían saborear unha nova vitoria, no minuto 89, o Sisán Veteranos conseguiu arrincar un punto in extremis. Foi tras un lanzamento de falta, que os locais protestaron por ser executado varios metros máis adiante de onde foi cometida a infracción, e que colgaron ao segundo pau sen que os defensores do Armenteira Veteranos puidesen interceptar o balón que, tras varios remates, acabou no fondo das mallas de Joserra ante a desesperación dos xogadores e da escasa afección que acudiu a animar ao equipo verdinegro. Este empate deixa ao conxunto de O Leixo na sétima posicion con dez puntos, unha posición que porá en xogo o próximo sábado no partido que vai disputar o próximo sábado no campo Municipal de Zacande ante o Cafetería Impacto Mosteiro, no que será un atractivo derbi entre os dúas únicas escadras que representan ao concello de Meis nas categorías de fútbol veterano.


A lenta progresión do equipo benxamín do Armenteira C.F. deixouse ver en As Cachizas

O equipo benxamín do Armenteira C.F. segue dando do seu lento pero continuo avance. No partido disputado na mañá deste sábado ante o Unión Dena C.F. en As Cachizas os rapaces e rapazas que dirixen Luis e Alba Barral volver dar mostras de progresión no toque, nas combinacións e na colocación no campo. Con todo isto non foi suficiente para prantar cara a un rival superior en experiencia e recursos, que se acabou impoñendo por once goles a un. A boa actuación da meta Sara, ou de xogadores aínda en idade prebenxamín como Óscar Lois e Lucas Otero, así como o liderazgo ofensivo que unha vez máis exerceu Brais Charlín, son algúns aspectos a salientar dun conxunto no que os resultados son un aspecto secundario fronte a outros que cobran máis relevancia nestas etapas do fútbol formativo. A destacar o bonito gol anotado por Brais Charlín, despois dunha xogada iniciada por el mesmo, na que, tras unha parede con Ainoha, se presentou diante do meta local e situou o balón no lado dereito da rede local. Na próxima xornada o equipo benxamín do Armenteira C.F. debe recibir a visita doutro esixente rival, o Barro C.F.


domingo, 9 de outubro de 2016

Os minutos finais volven ser crueis co equipo infantil do Armenteira C.F.

O equipo infantil do Armenteira C.F. sufriu este domingo unha cruel e inxusta derrota ante a C.D. Portas por dous goles a un. A escadra que dirixe Valentín Estévez "Tilín" realizou un partido serio no que se tomou vantaxe no minuto 35, grazas a un gol de chilena de Mosteiro. Co resultado a favor e cunha disposición táctica aceptable todo facía prever que o conxunto de A Armenteira acadaría por fin a primeira vitoria da temporada. Pero foi aí cando xurdiu de novo a mala fortuna que os soe acompañar neste inicio de temporada nos minutos finais e que xa lle impediu facerse cos tres puntos ante o Céltiga F.C. e o Umia C.F. Un gol do talentoso Fran Vega no minuto 70 e outro de Iván Bures a falta de tan só tres minutos para o final supuxeron un duro mazazo para os rapaces e rapazas que adestra "Tilín", que sen dúbida mereceron traerse mellor recompensa do campo de A Rapeira. Este resultado deixa ao cadro verdinegro na undécima posición, con dous puntos, posición que agarda mellorar a próxima fin de semana tras o partido que o medirá no campo de O Leixo ao Vilalonga F.C., un conxunto que se sitúa na sétima praza con seis puntos.


O C.D. Ribadumia pon de manifesto a súa superioridade ante o equipo alevín do Armenteira C.F.

O C.D. Ribadumia puxo de manifesto o seu potencial no partido que na mañá deste domingo disputou ante o equipo alevín do Armenteira C.F. O cadro aurinegro, que esta temporada incorporou a varios xogadores procedentes da E.D. Arousa, ao igual que o adestrador, figura entre os máis claros favoritos a ocupar o posto da clasificación do grupo. Dende o primeiro momento os locais tomaron o control do balón, que o movían con fluidez ante un Armenteira C.F. que se mantiña agazapado no seu campo e trataba de armar algún contragolpe buscando sobre todo a banda dereita na que a velocidade e o desborde de Manu Meixús eran o principal argumento dos visitantes. Unha xogada individual deste último e un disparo ao longueiro de Íñigo foron as únicas aproximacións da escadra verdinegra nunha primeira metade na que se viu desarbolada e se foi ao descanso cunha desvantaxe de catro goles a cero. Na segunda metade Luis Barral buscou a reacción dos seus xogadores e cambiou a Junior da portería ao interior esquerdo. Dende esa posición o xogador de San Salvador consegui levar algo máis de perigo á área do C.D. Ribadumia. Nunha desas aproximacións cruzou con acerto o balón ante a saída do meta Damián. Xa co partido a piques de finalizar Adri, executando de forma perfecta un lanzamento directo dende o mediocampo, lograría o segundo e definitivo gol do equipo verdinegro en A Senra. A vitoria final por nove goles a dous sitúa ao C.D. Ribadumia no liderato, mentres que o Armenteira C.F., que pecha momentaneamente a clasificación, agarda conseguir o primeiro triunfo no partido que a próxima fin de semana o medirá en O Leixo á E.F. Sport 2017, un proxecto deportivo e formativo impulsado polo ex-xogador e adestrador José Luis Uhía "Piscis" e que trata de facerse un oco dentro do concorrido panorama do fútbol base da comarca de O Salnés


Segunda derrota en liga do Armenteira Veteranos ante o Romai-Viveiros Outón

A quinta xornada de liga da Segunda Galicia de Veteranos na que compite o Armenteira Veteranos deparou para o equipo verdinegro a segunda derrota, que se produce ademais de forma consecutiva. O rival, o Romai-Viveiros Outón é un conxunto que leva anos militando en categorías superiores ás dos de O Leixo, e que sempre se caracterizou por ser unha escadra rocosa e de gran potencial físico. No encontro deste sábado os balóns longos buscando a velocidade en ataque dos seus puntas foron unha das principais armas dos de Romai e causaron moitos problemas defensivos a un Armenteira Veteranos que tampouco estivo demasiado acertado en ataque. Mikel Baños, un xogador vinculado familiarmente cos equipos de fútbol de A Armenteira, xa que a súa irmá forma parte do equipo feminino que esta temporada puxo en marcha a entidade verdinegra, foi xogador máis incisivo dos locais. Pero co resultado de dous goles a cero para os albicelestes houbo un feito que foi determinante: a expulsión de Cacabelos no minuto 41 despois de discutir unha decisión arbitral. Con esta desvantaxe a situación resultou máis ca compricada para a formación visitante que, aínda que chegou a dispoñer dalgunha ocasión para darlle emoción ao partido, viu como o Romai-Outón ía ampliando o marcador ata colocalo no cinco a cero final. Esta derrota deixa ao Armenteira Veteranos na cuarta posición, con nove puntos, á espera de recibir a visita o próximo sábado do Sisán Veteranos, sétimo clasificado con sete puntos.


sábado, 8 de outubro de 2016

Clara vitoria do Umia C.F. no estreno ligueiro do equipo benxamín do Armenteira C.F.

O primeiro partido de liga do grupo 64 da Segunda Autonómica Benxamín que disputaron este sábado o Umia C.F. e o Armenteira C.F. deparou unha clara vitoria do cadro vermello. A superioridade dos de Barrantes, cun conxunto moito máis experimentado e máis compensado en canto á idade e a capacidade física dos seus xogadores, púxose en evidencia dende o primeiro minuto de xogo. Cando se levaban tan só cinco minutos de partido o Umia C.F. xa sentenciara o encontro ante un cadro local que se resignaba a ver como os de A Bouza introducían o balón unha e outra vez no fondo das mallas defendidas por Sara Otero na primeira metade e por Isma na segunda, ata chegar ao resultado final de cero goles a dezasete. A presenza nas filas visitantes dalgúns xogadores naturais ou con orixe na parroquia de A Armenteira deulle a este partido un aliciente máis de rivalidade do que non foron alleos os nenos e nenas que saltaron á area de O Leixo coa intención de aprender e formarse a nivel deportivo. A próxima fin de semana o equipo benxamín do Armenteira C.F. deberá desprazarse ata o campo de As Cachizas para medirse a outro difícil rival, o Unión Dena C.F.




O equipo infantil do Armenteira C.F. acude a Portas na procura do primeiro triunfo en liga

O equipo infantil do Armenteira C.F. disputa este domingo a partires das 10 horas no campo de A Rapeira, en Portas, o terceiro partido da competición de liga da Segunda Autonómica Infantil, grupo 9. Os rapaces e rapazas que dirixe Valentín Estévez "Tilín", que tan boas sensacións están mostrando neste inicio de temporada, buscan conseguir unha vitoria que se lles está resistindo, pero que, a tenor do bo fútbol que están despregando nestes primeiros encontros, se antolla máis ca merecida. En fronte terán a unha C.D. Portas que conta cun tres puntos, un máis cá formación de O Leixo, e que vén de vencer por cero goles a dous ao Catoira S.D. na pasada xornada. A principal dúbida de "Tilín" céntrase no estado físico de Xoán, que volve á convocatoria despois dunha lesión, pero que volveu sufrir un golpe no adestramento do venres que pode impedir que estea en plenitude de condicións. A C.D. Portas e o Armenteira C.F. viviron un duelo particular a pasada temporada na parte máis baixa da Segunda Autonómica Infantil, pero parece que para esta campaña as súas aspiracións son de maior calado, feito que tratarán de demostrar este domingo sobre o céspede de A Rapeira.


A Senra acolle o debut ligueiro do equipo alevín do Armenteira C.F.

O agardado debut en liga do equipo alevín do Armenteira C.F. por fin terá lugar este domingo. Será no campo de A Senra ante o equipo local do C.D. Ribadumia a partires das 10 horas. O conxunto que adestran Luis e Alba Barral parte cunhas expectativas elevadas esta temporada, debido a que conserva algunha das pezas máis importantes do equipo desta mesma categoría que tan bos resultados obtivo a pasada temporada ás ordes de Jonathan Crespo. A elo súmase a incorporación de varios futbolistas procedentes do cadro de categoría benxamín da pasada campaña que axudarán a manter o nivel competitivo da escadra. O rival deste primeira xornada tamén parte entre os favoritos para finalizar nos postos altos da táboa. O C.D. Ribadumia está experimentando un notable crecemento nos últimos anos, cun equipo sénior consolidado na Terceira División e cuns equipos de fútbol base en continuo aumento, o que converte á entidade de A Senra nun dos principais referentes futbolísticos a nivel comarcal. Polo tanto, o duelo preséntase moi atractivo, cun ingrediente máis, a volta de Luis Barral á que foi a súa casa deportiva na última temporada. O adestrador de Barrantes que tanto como xogador como de adestrador defendeu a camisola aurinegra en varias etapas uniuse este verán ao proxecto dun Armenteira C.F. que reclama tamén o seu sitio dentro do panorama do balompé da comarca. A baixa de Álex Grigorio e os problemas físicos de Íñigo, en proceso de recuperación dunha lesión, son as principais preocupacións de Luis Barral de cara a este importante encontro.


venres, 7 de outubro de 2016

Romai Viveiros-Outón e Armenteira Veteranos protagonizarán un intenso duelo en A Rapeira

A quinta xornada de liga do grupo 2 da Segunda Galicia de veteranos depara un intenso duelo entre dous equipos situados na parte alta da táboa e que aspiran a consolidar a súa posición esta fin de semana. Romai-Viveiros Outón e Armenteira Veteranos mediranse este sábado, a partires das 19:00 horas, no campo de A Rapeira, en Portas, nun encontro que fai anos era un clásico do fútbol de categoría de veteranos pero que leva unhas temporadas sen disputarse. O cadro verdinegro perdeu a imbatibilidade a pasada fin de semana ante a potente escadra do Soho Cambados, pero segue manténdose en postos privilexiados, con nove puntos, fronte aos oito que suma o seu rival deste sábado. A intensidade e o poderío físico de ámbolos dous conxuntos, unido á efusividade que soe mostrar a afección do equipo de Romai, fan prever un duelo de gran disputa e intensidade.


Umia C.F. e Armenteira C.F. volven verse as caras cos seus equipos de categoría benxamín

Unha semana despois do duelo que disputaron os equipos de categoría infantil e que rematou cun empate a dous goles o Umia C.F. e o Armenteira C.F. volven verse as caras sobre a area do campo de O Leixo. Nesta ocasión serán os seus equipos de categoría benxamín, que foron encadrados no grupo 64 correspondente á delegación da Pontevedra, e que esta fin de semana a partires das 11:30 horas inician a competición de liga. Os rapaces e rapazas que dirixen Luis e Alba Barral tratarán de continuar co seu proxecto de formación e iniciación no mundo do fútbol para a maior parte deles, aínda que terán en fronte a un duro rival, que figura entre os máximos favoritos para lograr finalizar no primeiro posto de entre os oito conxuntos que compoñen o grupo. A presenza no conxunto vermello de xogadores naturais ou con orixes na parroquia de A Armenteira daralle un aliciente especial a este encontro, que será especialmente emotivo para Uxía, xogadora incorporada esta temporada ás filas do Armenteira C.F. e que militou durante as últimas campañas na entidade de Barrantes. Tamén será emotivo para Alba Barral, que forma parte do equipo sénior feminino do Umia C.F., e que este sábado fará o seu debut como responsable do banquillo verdinegro precisamente fronte á escadra da que defende as cores coma xogadora.


mércores, 5 de outubro de 2016

Eliminado un niño de avespa asiática en Cabeza de Boi

A presenza da avespa asiática segue alarmando á poboación de O Salnés. Na tarde deste mércores foi detectada a presenza dun dos seus niños no lugar de Cabeza de Boi, nun hórreo pertencente a unha vivenda situada nas proximidades da capela de San Xosé Obreiro. Ante a alarma dos veciños fíxose necesaria a intervención dunha dotación de bombeiros, que se desprazou ata este núcleo de poboación da parroquia de A Armenteira para eliminar esta colonia de insectos. Ao parecer, segundo sinalan as xentes do lugar, os frecuentes incendios que asolaron o entorno durante o pasado verán provocaron a fuxida destas avellas dende as zonas de bosque dos arredores ata atopar refuxio no hórreo desta casa familiar. Esta especie, tamén chamada velutina, é orixinaria de Asia e dende fai anos instalouse en Galicia, aproveitando a similitude do clima galego co das súas zonas de orixe. Considerada unha especie invasora, chega a triplicar en tamaño á avella europea, e soe establecer os seus niños no alto das árbores, en colonias de máis de mil individuos. A súa chegada supuxo unha ameaza para a abella doméstica, da que se convertiu na principal depredadora. Aínda que a súa picadura non supón maior perigo para o ser humano cá das súas parentes europeas, sí pode causar graves problemas de saúde no caso de que as picadas sexan múltiples ou no caso de persoas alérxicas ao seu veleno.




luns, 3 de outubro de 2016

Os equipos de fútbol-8 do Armenteira C.F. xa coñecen os seus rivais na liga

Os equipos benxamín e alevín do Armenteira C.F. coñecen xa dende esta fin de semana en que grupos van participar, os equipos cos que van competir e o calendario dos partidos do campionato de liga que comezará a partires da próxima fin de semana. Os conxuntos que están baixo a dirección de Luis e Alba Barral estrearán este ano un novidoso sistema de competición que a Federación Galega de Fútbol decidiu poñer en práctica. Estarán encadrados en grupos pouco numerosos en canto a número de equipos, de oito equipos no caso do conxunto benxamín e de dez no caso do alevín, e xogarán unha primeira fase que constará unicamente dunha volta. A partires de entón iranse formando novos grupos en función da clasificación dos equipos nesta primeira fase que volverán a enfrontarse mediante o sistema de liguiña. Segundo indican dende a institución deportiva con este novo formato pretenden darlle maior dinamismo e aumentar os incentivos para os clubes, establecendo ademais unha cantidade similar de equipos en cada grupo, co que se asegura que todos os grupos da mesma categoría comecen e rematen a liga na mesma fin de semana, algo que non ocorría en temporadas anteriores. No caso dos equipos do Armenteira C.F. o inicio da liga preséntase xa con sendos duelos de rivalidade. O equipo benxamín recibirá este sábado ao Umia C.F. mentres que o alevín desprazarase ata o campo de A Senra para enfrontarse, previsiblemente o domingo, ao C.D. Ribadumia.



domingo, 2 de outubro de 2016

Os erros condenan ao equipo feminino do Armenteira C.F. ante a U.D. Santiso F.C.

O equipo feminino do Armenteira C.F. segue coa súa lenta progresión na que é a súa primeira temporada da historia. No partido disputado na mañá deste domingo no campo de O Leixo as rapazas que dirixiron Marcial Prado e Junior Tirado víronse condenadas por erros, moitos deles de gran inocencia, que resultaron decisivos para o marcador final de cero goles a nove co que remataron os noventa minutos. A inexperiencia e o nerviosismo deste inicio de competición están causando mella nestas xogadoras que pouco a pouco van mellorando a súa disposición táctica e que son quen inquedar as metas contrarias. O gol inicial das da Terra de Melide nada máis comezar a rodar o balón supuxo unha dura lousa para as futbolistas verdinegras, que trataron de facer fronte a estes contratempos cunha actitude colectiva máis que aceptable. A agresividade defensiva de Fátima, a intensidade no mediocampo de Nerea e a calidade na liña de vangarda de Ana Martíneza foron algúns dos argumentos máis sólidos dunha escadra que a próxima fin de semana verase obrigada a descansar debido á retirada da competición do Beiramar C.F., o rival co que lle correspondía xogar. Con todo, é posible que se organice un partido amigable para non perder o ritmo que levan acadado nas últimas semanas.


Triunfo do equipo alevín do Armenteira C.F. no último partido de pretemporada

O equipo alevín do Armenteira C.F. logrou vencer por sete goles a catro ao C. Vilagarcía S.D. no seu último encontro da pretemporada. Os rapaces e rapazas que adestra Luis Barral axiña se adiantaron no marcador, e con dous goles de vantaxe puideron xestionar comodamente o marcador e utilizar a que foi a súa mellor arma sobre a area de O Leixo, o contragolpe. O dominio dos vilagarciáns resultaba pouco efectivo ante un Armenteira C.F. que agardaba no seu campo e aproveitaba as perdas de balón dos rivais para buscar a velocidade e a capacidade de desborde dos seus atacantes. Sara Rey, Íñigo e Manu Meixús, todos eles por partida dobre, e Adri foron os autores dos goles locais. Como curiosidade cabe destacar que C. Vilagarcía S.D. figuraba o ex-xogador verdinegro Ruibo Yang, incorporado este verán ás filas do cadro amarelo xunto ao seu irmán Zubo, que neste caso forma parte do conxunto de categoría infantil que compite na Primeira Autonómica. A próxima fin de semana a escadra de O Leixo debe desprazarse ao campo de A Senra, onde disputará o seu primeiro partido de liga ante o C.D. Ribadumia, no que suporá o regreso ás ribeiras do Umia de Luis Barral, que estivo ligado en varias etapas da súa carreira de xogador e adestrador ao clube aurinegro. Na última campaña o técnico de Barrantes foi o responsable do cadro alevín e do C.D. Ribadumia "B" de categoría sénior, polo que de seguro que será para el unha cita máis ca emotiva.


sábado, 1 de outubro de 2016

Clara superioridade dun Soho Cambados que vence e se fai co liderato en solitario en O Leixo

O Soho Cambados logrou unha vitoria clara ante o Armenteira Veteranos no partido que disputaron na tarde deste sábado no campo de O Leixo. A disputa polo liderato do grupo 1 da Segunda Autonómica de Veteranos caiu do lado dos cambadeses, que puxeron de manifesto a calidadade que atesouran nas súas botas a maior parte dos seus xogadores. Nomes como o de Edu Charlín, Eulogio, Rodri ou Simón, futbolistas todos eles formados na canteira do C. Xuventude Cambados e que chegaron a militar nalgún dos casos durante varias temporadas na Terceira División son un exemplo do nivel deste conxunto, quizais o gran favorito para alzarse co campionato do grupo. Cando se levaban disputados apenas 20 minutos de partido o Soho Cambados xa controlaba placidamente o encontro. Con dous goles da vantaxe, aproveitando os desaxustes defensivos dos locais e valéndose da calidade dos seus homes, o cadro branco puido vivir con tranquilidade o resto do encontro. Os detalles de calidade de Javi na liña de creación e as acometidas de Jorge Castro en ataque resultaron infructuosas ante un rival que na segunda metade conseguiría dous tantos máis, o último deles de forma desafortunada, en propia meta. O cero a catro co que remataron os noventa minutos supón a primeira derrota da temporada dunha escadra verdinegra que se sitúa agora na terceira posición da táboa e que o próximo sábado terá unha difícil saída ao campo de A Rapeira, en Portas, para enfrontarse ao Romai-Viveros Outón, cuarto clasificado con oito puntos.




Empate que sabe a pouco do equipo infantil do Armenteira C.F. ante o Umia C.F.

O equipo infantil do Armenteira C.F. logrou este sábado un empate a dous goles no partido que o medía ante o Umia C.F. no campo de O Leixo. O encontro estivo marcado polo triste falecemento do avó do adestrador do cadro local, Valentín Estévez "Tilín", que por este motivo tivo que ausentarse da cita e polo cal se gardou un sentido minuto de silenzo. Jonathan Crespo, adestrador a pasada temporada da formación alevín do Armenteira C.F. fíxose cargo de forma accidental dun grupo de xogadores e xogadoras que coñece á perfección, xa que os adestrou con éxito durante as últimas campañas. O papel de favoritos co que partían os de Barrantes parecía mostrarse dende o inicio, cando Lucas García recollía un balón na área verdinegra e o colocaba cunha perfecta volea no fondo das mallas defendidas por Sergio. A partires de entón o dominio do esférico e as oportunidades pasaron a mans dos de O Leixo. Froito deste dominio foi o gol de Andrés Liu, ao recoller un rexeitamento nun lateral da área visitante. As aproximacións á área contraria e as ocasións das que dispuxeron os atacantes do Armenteira C.F. tiveron o seu premio no gol de Álex Ruel, ao culminar unha bonita xogada individual na que se desfixo de varios xogadores rivais. Con todo, a fortuna non estaría de lado dos verdinegros e, no minuto final, un disparo dende a frontal de David Rodríguez poñía no marcador a igualada final. A próxima fin de semana os nenos e nenas que dirixe Valentín Estévez deberán desprazarse ata o campo de A Rapeira para medirse á C.D. Portas na procura da primeira vitoria da temporada despois de sumar dous empates nos dous partidos disputados.


Vitoria contundente da U.D. San Miguel de Deiro ante o equipo benxamín do Armenteira C.F.

A U.D. San Miguel de Deiro puxo en evidencia a súa superioridade respecto do equipo benxamín do Armenteira C.F. no partido que ámbolos dous equipos disputaron na mañá deste sábado no campo de O Leixo. Os rapaces e rapazas que dirixen Luis e Alba Barral pouco puideron facer ante un conxunto rival que se apropiou do dominio do xogo e do balón dende o primeiro minuto, e que demostrou un nivel competitivo moi por enriba dos equipos aos que se vai enfrontar na temporada que dará comezo a próxima fin de semana. O excelente rendemento que a maior parte destes futbolistas deixaron ver nas pasadas campañas defendendo as cores da S.D. Pontearnelas parece que se vai volver a exhibir na presente temporada coa camisola laranxa do clube de Deiro. O gol de Brais Charlín, de novo o xogador máis incisivo en ataque dos verdinegros. serviu para animar a un grupo de nenos e nenas desexosos de seguir aprendendo e formándose no mundo do fútbol. O ambiente festivo co que se desenvolveu esta xornada de fútbol, que se viu acompañado da paella, as castañas e os doces que trouxeron os pais e nais do nenos e nenas do equipo infantil do Armenteira, e pola agradable música das gaitas que se desprazaron dende a parroquia vilanovesa contribuiron a agrandar aínda máis o disfrute do numeroso público que este sábado poboaba as bancadas de O Leixo.