FICHA TÉCNICA
O Armenteira Veteranos segue en crise de fútbol e resultados. Cun conxunto bastante mermado e ante un rival reforzado, bastante superior ao que se enfrontara na primeira volta ao cadro verdinegro, os de A Armenteira volveron deixar escapar os tres puntos de O Leixo. Son varias as xornadas que o Armenteira Veteranos leva sen coñecer a vitoria e custa lembrar cal foi o último partido no que lograron a vitoria. No partido deste sábado foi o Newport Cats F.C. o que derrotou aos verde e negros, nun partido no que os visitantes foron superiores, pero no a diferenza de goles foi excesiva a tenor do observado sobre do terreo de xogo do campo situado no lugar de O Busto.
Desde o inicio parecía clara cal ía a ser a tónica do partido. Os visitantes, apostando por un fútbol combinativo, tomaban o control da posesión, mentres o Armenteira Veteranos, cunha formación de evidente carácter defensivo, dado o perfil maioritario da maioría dos futbolistas dos que dispoñía este sábado, agardaba no seu campo para organizar algunha acción de contraataque. Liderados por Suso Bea, os visitantes querían impoñer a súa lei. O xogador portonovés, recentemente incorporado á disciplina do Newport Cats F.C., conta cunha dilatada experiencia nas categorías da Terceira División e da Preferente Galicia, en clubes como o Portonovo S.D. ou o Vilalonga F.C. no que militou ata a pasada temporada, antes de unirse ao Unión Dena C.F., clube que abandonou ao longo desta campaña para pasar a formar parte do equipo de veteranos da súa vila. Desde a zona de mediocentros, Suso Bea repartía xogo e facía xogar a un equipo que, como xa demostrara no partido da primeira volta, ten unha filosofía de fútbol que se artella en torno ao toque. Os erros que se producían na saída do balón eran aproveitados polo Armenteira Veteranos, que trataba de explotar a calidade de Martín e a velocidade de Rubén para dar algún susto en forma de contragolpe. Pero o plans do Armenteira Veteranos axiña se viñeron abaixo cando, tras un saque de curruncho, José Antonio Martínez cabecea no segundo pau, libre de marca, e envía o coiro cara ao fondo da meta defendida por Sirra. Cunha alineación de corte defensivo, os locais tiñan entón que reaccionar. Moveron o banco e buscar con algo máis de ahinco a portería contrario, aínda que a posesión e o dominio seguiron sendo de forma maioritaria dos dos Portonovo. Algún disparo de Javi ou de Rubén foron as principais ameazas para o gardamallas do Newport Cats F.C., que apenas tivo a oportunidade de lucirse durante o primeiro período.
Tras a reanudación, a situación non variou en exceso. Sen excesivo ritmo, o conxunto visitante combinaba unha e outra vez, pero apenas creaba ocasións de perigo. Pola contra, o Armenteira Veteranos trataba de tapar os ocos polos que o adversario podía facer dano ao tempo que aumentaba a intensidade na presión. Pero, Borja López, recibindo de costas unha asistencia nun saque de banda, xirouse e adentrouse na área para empalmar un disparo co que colocar´o cero a dous. O encontro parecía sentenciado e ao Armenteira Veteranos só lle quedaba tirar de garra. Foi a partir dese momento cando os verdinegros dispuxeron das mellores ocasións do partido. Con todo as circunstancias complicáronse aínda máis cando, Santiago Moldes, un hábil e veloz extremo, culminaba unha acción individual pola banda dereita cun lanzamento que se colocaba no fondo das mallas de Sirra. Foi nese momento cando Sirra decidiu cambiar o rol con Óscar Muñiz e pasou a desempeñar o papel de xogador de campo nos minutos restantes. Con Sirra na zona de mediocentros e con Óscar Barreiro no costado esquerdo do ataque, os verdinegros deixáronse ver con máis frecuencia polas proximidades da área rival nesta parte do partido. Javi, Rubén, Fernando tiveron nos seus pés algunha ocasión de perigo, aínda que quen dispuxo da máis clara foi Óscar Barreiro, pero o de Valboa non foi capaz de imprimirlle a potencia suficiente ao disparo e este foi repelido pola defensa visitante. A recompensa para os locais chegaría no minuto 85, tras recibir Rubén un envío en longo de Carlos Castro e plantarse só ante o meta Iván Giráldez. O futbolista de Caroi, máximo artilleiro do Armenteira Veteranos no que vai de temporada, non perdoaba e lograba o tanto da honra para os de O Leixo, que xa non terían tempo para lograr como mínimo a igualada.
Con esta derrota, o Armenteira Veteranos sitúase na décimo terceira posición na táboa. Na próxima fin de semana non haberá partidos na Terceira Galicia de Veteranos, a causa das celebracións de Entroido, e non será ata o sábado, 25 de febreiro, cando se retome a competición. Nesa xornada o Armenteira Veteranos deberá visitar o campo de A Lanzada para medirse ao Noalla V. Portaredonda, curiosamente o equipo ante o que os de A Armenteira lograran a vitoria na presente campaña. O cadro da parroquia de Sanxenxo transita agora comodamente polo zona media da clasificación, na sexta posición, con dezanove puntos, mentres o Armenteira Veteranos se afunde na táboa. Un triunfo ante os de Noalla podería supoñer un impulso para a decaída moral dun conxunto que non acaba de recuperar a confianza nas súas posibilidades, e que asume con resignación as numerosas adversidades ás que ten que enfrontar esta temporada e que o condenan a unha sucesión de partidos nos que o triunfo, ou polo menos as opcións de puntuar, se manteñen lonxe do seu alcance.