Buscar neste blog

sábado, 6 de maio de 2023

O Armenteira Veteranos non pode finalizar a liga cunha vitoria tras caer en Valga ante o Salud S.D. Veteranos

                                                                 FICHA TÉCNICA

SALUD S.D. VETERANOS - ARMENTEIRA VETERANOS - 2 - 1


ARMENTEIRA VETERANOS: Sirra; Jorge Dávila, Fernando, Óscar Barreiro, Moncho; Júnior, Javi, Carlos Muñiz, Víctor; e Galiñanes.

GOLES: 1-0. Minuto 54. Ricardo Cousiño. 2-0. Minuto 59. David Fragua. 

ÁRBITRO: Villalba Rodríguez-Hermida. Non mostrou cartóns amarelos aos xogadores de ambos os dous equipos.

INCIDENCIAS: Partido da vixésimo sexta e última xornada do grupo 2 da Terceira Galicia de Veteranos da delegación de Pontevedra disputado no campo Municipal de Campaña, en Valga, ante uns dez espectadores, nunha tarde con nubes e claros, e lixeiramente calorosa, e sobre un terreo de xogo de céspede artificial cunha superficie bastante desgastada e cunha concentración das partículas de caucho moi desigual.

  CRÓNICA

O Armenteira C.F. Veteranos non puido finalizar a liga 2022/2023 co mellor sabor de boca. Cun equipo moi mermado polas numerosas e importantes ausencias, o cadro verde e negro presentouse no campo Municipal de Campaña, en Valga, nunhas condicións nada favorables para afrontar o reto de lograr a terceira vitoria consecutiva. Con todo, e pese ás dificultades, o Armenteira Veteranos deu a cara e competiu dignamente, conseguindo manter a igualada ata o descanso. Pero, tras a reanudación, o cansanzo e a falta de efectivos de recambio, acabaron condenando aos verdinegros fronte a un rival que daba entrada a xogadores do banco unha e outra vez.

O encontro empezou con relativo equilibrio. En base a un ritmo de baixo pouco acelerado, o Salud S.D. Veteranos trataba de levar a iniciativa e combinaba desde a liña da defensa, aínda que sen demasiada profundidade. Agardaba no seu campo o Armenteira Veteranos, que xa nos primeiros minutos dispuxo dunha clara ocasión nos pés de Galiñanes, que recibiu en velocidade pero que, ante a saída do meta rival, enviou o coiro por enriba do pau longueiro. Pese á merma de efectivos, non sufriu en exceso o conxunto de O Leixo nestes primeiros corenta e cinco minutos, e incluso foi quen de tocar e construír xogadas, a través dun fútbol máis elaborada có que habitulamente practica. Un lanzamento de falta de Fernando e outra ocasión na que Galiñanes recibe na área, e na que, tras acomodarse o balón, ve como o seu disparo se foi por fóra, pegado ao pau esquerdo da meta dos de Valga.

No segundo período, xa se fixeron máis notables os desaxustes no equipo visitante. O cansanzo comezaba a facer mella nas pernas dos futbolistas verdinegros, que mostraban máis distancia entre liñas, unha maior lentitude nos repregues e menos intensidade na presión e na recuperación. Os ataques do Salud S.D. Veteranos empezaron a ser máis frecuentes e o Armenteira Veteranos confiaba as súas operacións ofensivas a algunha arrincada de Fernando desde a liña defensiva ou aos constantes movementos de Javi na zona de mediocampo que, acompañados dos seus destellos de calidade, permitían trenzar algunha acción de relativo perigo. Ricardo Cousiño, despois de recibir un envío raso en longo, que se colou polo medio da defensa verdinegra, emprendou carreira cara a meta de Sirra e bateu ao gardamallas de Couso cun disparo a media altura. Sen tempo case a recuperarse, unha saída de Sirra fóra da área para interceptar un ataque adversario, remata cunha perda de balón na zona do mediocentro, que permitiu que David Fragua, desde a media lúa da área, aproveitando que o cancerbeiro abandonara a portería, trazase unha volea directa ao fondo das mallas. Con dous tantos de desvantaxe, o partido parecía xa definitivamente sentenzado. Sen efectivos que desen aire ao equipo desde o banco, o Armenteira Veteranos resistía como podía e buscaba combinar, triangular e trazar algunha xogada que o achegase á área rival, pero a disposición do equipo no campo cada vez era máis desordeada e os problemas físicos nos xogadores comezaban a aflorar. Nun saque de curruncho do Salud S.D. Veteranos, no que os defensores verdinegros non deron despexado o esférico con contundencia, un atacante valgúes era derrubado na área. Nese momento volveu emerxer a figura de Sirra, que se lanzou ao chan para deter a pena máxima e, aínda que o balón saiu despedido desde as luvas do meta de Couso cara o longueiro, acabaría retornado cara as mans do gardamallas. A excelente intervención de Sirra, quizais o futbolista máis destacado dos verdinegros nesta xornada, impediu o tres a cero para un Armenteira Veteranos que dispoñería da ocasión máis clara neste segundo período nun lanzamento de falta executado por Junior, no que o coiro, dirixido con colocación, pero sen excesiva forza, ía directo ás mans do meta Jeremy Blessin. Non houbo moito máis que reseñar nesta parte final do encontro, agás un golpe á altura do pescozo de Moncho, que obrigou a deter o xogo durante uns intres, pero que finalmente non tivo maior consideración.

Con este resultado, o Armenteira Veteranos finaliza a liga na décima posición, con dezaoito puntos, unha clasificación que pode resultar decepcionante tendo en conta as expectativas coas que partía o equipo a inicios de temporada, pero que, tendo en conta as numerosas continxencias ás que tivo que enfrontarse o conxunto verde e negro, o posto logrado pode ser ata certo punto comprensible. Queda por disputar a Copa Rías Baixas á que, nesta ocasión, dadas as previsibles baixas, parece que vai renunciar o Armenteira Veteranos. Haberá que agardar entón á próxima temporada para ver vestidos de novo de curto aos futbolistas dun cadro verdinegro que buscará reforzar o plantel e iniciar un proceso de renovación ao longo do próximo verán.