FICHA TÉCNICA
CASTRELO C.F. VETERANOS - ARMENTEIRA VETERANOS - 2 - 3
O Armenteira Veteranos por fin parece entrar nunha boa xeira de resultados. Tras o triunfo da pasada fin de semana ante o Dorrón C.F. Veteranos, no partido que fora aprazado a principios do mes de decembro, o cadro verdinegro logrou este sábado unha nova vitoria. Foi en Castrelo ante o conxunto local do Castrelo C.F. Veteranos, nun duelo que medía aos dous clubes veciños que temporada tras temporada se ven as caras na liga local de veteranos. Ambos os dous equipos atópanse loitando por escapar dos postos baixos da táboa, aos que parecen condenados esta temporada e, na cita deste sábado, as expectivas do Armenteira Veteranos non eran demasiado elevadas, dadas as numerosas e importantes ausencias que padecía, o que fixo que acudise a Castrelo literalmente "en cadro". Con todo, a seriedade, o compromiso e o sacrificio dos futbolistas verdinegros, unidos á inspiración en ataque de Rubén, que supliu con éxito ao gran goleador e principal referencia ofensiva dos de A Armenteira Jorge Castro, permitiu superar con notoriedade este trance.
En mellores condicións de partida para levarse o triunfo, o Castrelo C.F. Veteranos asumiu desde o inicio o dominio do xogo. Mentres, o Armenteira Veteranos, agardaba no seu campo, en base á orde táctica e a unha presión selectiva, a súa oportunidade para armar algunha transición rápida en ataque. Os locais combinaban, pero unicamente conseguían profundidade con algún envío ás costas dos laterais do equipo verdinegro. Sen sufrir excesivamente en defensa, o Armenteira Veteranos foi incluso quen de sorprender á zaga adversaria, e Rubén, tras recibir un envío longo, presentábase ante o meta local Juan Carlos Insua e non perdoaba, para situar o cero a un no marcador. Tardaron pouco en reaccionar os de Castrelo e nunha acción no borde esquerdo da defensa verde e negra, un forcexeo entre Jose Pérez e o futbolista máis determinante dos locais, Juan Carlos Domínguez, finalizaba co xogador local no chan, decretando o colexiado Otero Otero a pena máxima. Juanfran Somoza sería o encargado de transformar o lanzamento desde os once metros para colocar a igualada no casilleiro. O tanto deu impulso ao Castrelo Veteranos, que tratou de aumentar o ritmo do xogo, pero, a partir de entón, o principal perigo chegaba a través das accións a balón parado. Para o Armenteira Veteranos quedaba o recurso das xogadas de contragolpe, nas que José Pérez ou Rubén conseguiron poñer en apuros á zaga local.
No segundo período, a historia parecía repetirse, pero o Armenteira Veteranos resistíase a caer derretado en Castrelo, como viña ocorrendo ao longo das últimas temporadas. O dominio dos locais foi pouco a pouco decaendo, e os de A Armenteira sentíanse máis cómodos sobre o terreo de xogo. Defendendo uns metros máis adiante da portería defendida por Marcos ca na primeira parte, e cunha maior posesión do balón, os verdinegros víanse con posibilidades de traer un resultado positivo de terras cambadesas. A profundidade por banda de Martín, a potencia na zona medular de José Pérez e o desborde e velocidade de Rubén na zona de ataque comezaban a poñer en evidencia as fisuras da defensa dos de Castrelo. De novo un balón en profundidade cara a Rubén, deixaba só ante o gardamallas adversario ao atacante de Caroi, que facendo gala da súa particular eficacia, non fallaba e colocaba o un a dous no marcador. O tanto serviu para reforzar a moral do Armenteira Veteranos, aínda que os problemas físicos dalgúns dos seus xogadores parecían indicar que o camiño da vitoria non sería fácil. Primeiro Carlos Muñiz, que tivo que abandonar o encontro durante uns minutos, regresando despois, pero á zona central do mediocampo, xa que as molestias lle impedían dar as suas mellores prestacións no centro da zaga, e logo, Martín, que sufriu un tirón nun muslo, semellaban poñer en dúbida as opcións de vitoria dos visitantes. Pese a todo, o Armenteira Veteranos, soubo aguantar, liderado desde o centro da liña defensiva por Javi e un novamente impoñente Sirra, e practicamente certificou o triunfo cando, Rubén, tras recibir un pase de espuela de Rubén, se presentaba ante Juan Carlos Domínguez para colocar o coiro no fondo da rede. Cunha vantaxe de un a tres, os locais comezaban a resignarse, mentres que os de A Armenteira administraban con intelixencia e aplomo esta cómoda bagaxe. Unicamente nos intres finais, despois dun saque de curruncho, Emilio Barrio, que xa dera un susto nunha acción similar minutos antes, cabeceaba ao fondo das mallas defendidas por Marcos. Nada máis efectuar o saque de centro, Otero Otero asubiaba a fin do encontro, co que os tres puntos voaban de Castrelo cara a A Armenteira.
Con esta vitoria, o Armenteira Veteranos mantense na undécima posición, aínda que empatado a puntos con outros tres equipos, a S.D. Puentearnelas, o Newport Cats F.C. e o Noalla V. Portaredonda, que tamén suman dezaséis puntos, co cal os verdinegros teñen ao seu alcance avanzar ata a oitava praza de conseguir un resultado positivo na próxima xornada. Para elo deberán superar ao Atlético Combarro, terceiro clasificado, e un dos rivais máis potentes do grupo, que debe visitar O Leixo dentro de sete días para medirse a un Armenteira Veteranos que por enésima ocasión parece que vai comparecer nun encontro afectado por un notable número de ausencias.