Buscar neste blog

sábado, 7 de setembro de 2024

Eva López debuta en liga con As Celtas cun triunfo en Balaídos

Non puido ser máis exitoso o debut ligueiro de Eva López coa camisola de As Celtas. A futbolista de A Armenteira, que este verán se incorporou ao proxecto co que o Real Club Celta de Vigo inicia a súa andaina no fútbol feminino, formou parte do once titular que adestradora Vicky Vázquez presentou na agardada estrea do equipo de féminas da entidade celeste. Nun escenario tan imponente como o Estadio Municipal de Balaídos, e ante máis de 6.000 asistentes, a xogadora de O Busto, co dorsal número 7 ás costas, o mesmo que lucía na súa etapa nas categorías de fútbol base do Armenteira C.F., disputou os noventa minutos do encontro. Desde a posición de media punta, caendo sobre os costados en determinados momentos do segundo período, dentro do esquema de catro dous tres un polo que apostou a preparadora viguesa, Eva foi unha das futbolistas máis activas do seu conxunto e, de feito, a súa contribución foi esencial para a vitoria do equipo, xa que participou nas principais accións de ataque e, de feito, das súas botas xurdiu a xogada que daría lugar ao córner tras o que As Celtas logrou o primeiro tanto e o pase filtrado que deu lugar ao segundo tanto. Incluso puido entrar nos anais da historia do club celeste de non serlle anulado un gol por fóra de xogo cando se levaban disputados pouco máis de vinte minutos de partido. Foi, en xeral, un encontro sen demasiadas ocasións de gol, no que o dominio correspondeu fundamentalmente ao cadro local. O rival, o Victoria F.C. de A Coruña, adoptou unha estratexia defensiva, con algún achegamento puntual á área local, no que a piques estivo dar un susto ás viguesas cando o marcador indicaba un cero a cero, e que, despois de que As Celtas tomase vantaxe, tratou de adiantar liñas e buscar con maior insistencia a portería das locais, aínda que sen demasiado éxito. Os tantos da venezolana Camila Pescatore e da ourensana Ana Toubes acabaron sendo defintivos para que os tres puntos se quedasen en Balaídos nesta cita que xa figurará na historia do fútbol feminino a nivel galego.

O debut de Eva López en Balaídos coa camisola de As Celtas supón o merecido premio a unha traxectoria exitosa que comezou aló pola temporada 2008/2009, cando a futbolista de O Busto se uniu ao equipo de categoría benxamín dun Armenteira C.F. que viña de refundar os equipos de fútbol base. A escasos metros do seu domicilio, e sobre a superficie de terra do campo de O Leixo, desenvolvéronse os primeiros pasos de Eva como futbolista, sempre baixo a atenta mirada do seu pai José López "Joseíño" e de Martín Casais, o seu adestrador durante toda a súa etapa como verdinegra. Tras pasar polas categorías benxamín, alevín e despois do primeiro ano como infantil, Eva decidiu continuar a súa carreira nun equipo formado unicamente por rapazas e incorporouse á disciplina do Atlético Arousana. Meses antes, na primavera de 2012, participa no campionato de España da categoría sub-12 como compoñente dun equipo da selección galega, no cal figuraba tamén Tere Abelleira, campioa do mundo coa selección española en 2023 e semifinalista nos Xogos Olímpicos de París en 2024, e que na actualidade milita no Real Madrid C.F. O percorrido da futbolista de A Armenteira no balompé feminino continuaría no Umia C.F., no que, desde 2016 viviu a época de maior esplendor en canto a rendemento deportivo. Destacando especialmente polas súas cifras goleadoras, Eva López recibiría en 2021 o galardón como mellor futbolista galega semiprofesional outorgado pola revista Galicia Sport. As súas actuacións axiña chamaron a atención doutros clubes e, no verán de 2022, decidiu probar fortuna máis aló das fronteiras de Galicia e ficharía polo C.D. Monte de Santander. Despois duns meses en terras cántabras, Eva regresaría ao Umia C.F. para proseguir coa carreira no clube de Barrantes ata que, na presente temporada, foi convidada a unirse ao proxecto co que o Real Club Celta de Vigo inaugura a súa presenza no emerxente fútbol feminino. É, sen dúbida, outro progreso máis nunha traxectoria deportiva da que quedan por escribir as que sexan quizais as páxinas máis gloriosas e que converten a Eva, indiscutiblemente, na futbolista máis destacada, tanto de xénero masculino como feminino, que viu nacer a parroquia de A Armenteira, desde a cal, como non podería ser doutro xeito, se desprazou un grupo de afeccionados e amigos de Eva para vivir en directo esta cita tan célebre e histórica para o fútbol galego e para unha das fillas máis ilustres desta parroquia meisina.