Buscar neste blog

domingo, 18 de outubro de 2015

O Castrelo C.F. lévase os tres puntos na súa visita ao campo de O Leixo

O Castrelo C.F. conseguiu vencer na xornada do pasado sábado ao Armenteira Veteranos no partido da séptima tirada de liga no grupo 4A da liga de veteranos da zona de Pontevedra. O equipo cambadés mostrouse máis efectivo e acabou superando aos locais por dous goles a tres, nun mal encontro por parte do conxunto verdinegro, que se mostrou impreciso nos pases, pouco incisivo en ataque e que pagou caros os despistes en defensa. O bonito gol de Javi, de volea tras un sombreiro a un rival, e o de Martín dende o punto de penalti, na recta final do partido, foron insuficientes para os xogadores locais, que agora descenden ao undécimo posto na táboa. Na vindeira xornada o equipo do Armenteira Veteranos agarda dar unha mellor imaxe na súa visita a Vilaboa para enfrontarse ao Cobres- Carpintería Boubeta.

venres, 16 de outubro de 2015

Alevíns e infantís, protagonistas da xornada de liga desta fin de semana dos equipos de fútbol base do Armenteira C.F.

O descanso obrigado do equipo de categoría cadete, por mor da retirada do equipo da S.D. Amanecer, rival que lle correspondía nesta xornada, e o aprazamento para o vindeiro xoves do partido do equipo benxamín fronte á S.D. Noalla, fará que unicamente dous dos conxuntos de fútbol base do Armenteira C.F. comparezan nesta fin de semana.

O primeiro en facelo será a formación de dirixe Jonathan Crespo. O equipo alevín visita o campo de O Terrón, onde o sábado a partires das 10 horas se enfronta á E.F.B. Vilanova. O enfrontamento entre estas dúas escadras estase a convertir nun clásico das categorías de fútbol base da comarca, e estes encontros soen estar caracterizados polo equilibrio e a emoción. Nesta ocasión o cadro verdinegro acude a terras arousanas situado na clasificación por enriba do seu contricante, ocupando a quinta posición fronte á duodécima que ocupan os vilanoveses, pero dende o cadro técnico insisten en que vai ser un encontro difícil no que non cabe ningún tipo de confianza.

O domingo será a quenda do equipo infantil. Os rapaces que comanda Martín Casais reciben a partires das 11.30 no campo de O Pombal, en Cambados, a un rival esixente, o Atlético Cuntis. O clube termal ocupa a quinta praza na táboa, pero, a pesares do favoritismo co que aparentemente parten os visitantes, os rapaces do clube verdinegro agardan poder prantar cara e seguir progresando na súa labor de adaptación e compenetración. O adestrador local mantense esperanzando en poder contar con todos os seus efectivos, xa que as molestias de última hora dalgúns dos seus efectivos fan perigar a súa participación no encontro.

O Castrelo C.F., díficil reto para o Armenteira Veteranos na séptima xornada de liga

O Armenteira Veteranos recibe na xornada deste sábado a partires das 17 horas ao Castrelo C.F., un equipo que ocupa a séptima posición na táboa, dous puntos por enriba do conxunto verdinegro, e que acude ao campo de O Leixo pletórico despois de ter vencido por un gol a cero na anterior xornada ao ata entón líder, o Peña Rácing. O bloque capitaneado por José Luís Galiñanes quere seguir mantendo a liña ascendente das últimas xornadas, aínda que para elo deberá superar a un rival ao que xa venceu na pretemporada, pero que de seguro poñerá en moitos apuros aos xogadores verdinegros.

domingo, 11 de outubro de 2015

Resultados desfavorables para os equipos de fútbol base do Armenteira C.F. na terceira xornada de liga

A terceira xornada de liga da temporada 2015/2016 non trouxo demasiada fortuna en canto a resultados para os equipos de fútbol base do Armenteira C.F., dándose ademais a circunstancia de que non consiguiron anotar ningún tanto.

O equipo alevín, que partía con moitas esperanzas nesta xornada, acabou sendo derrotado na mañá do sábado ante o Meaño F.C., nun encontro marcado pola chuvia e o mal estado do terreo de xogo do campo de O Leixo e no que os pupilos de Jonathan Pérez dispuxeron de ocasións para levarse o triunfo, pero o desacerto ante a portaría rival e os despistes defensivos condenaron a este equipo a sufrir a primeira derrota da temporada. De todos xeitos, seguen manténdose na quinta praza da clasificación e a próxima xornada agardan esquecer esta derrota cunha vitoria na súa visita ao feudo do E.F.B. Vilanova.

O equipo infantil tampouco conseguiu puntuar nesta xornada. Visita o campo de Berdón, en Vilagarcía de Arousa, onde o recibía o A.D. Arousa Fútbol-7. O equipo vilagarciano conseguiu impoñer a súa experiencia e o seu maior acoplamento e mostrouse contundente nos últimos metros, infrinxindo unha derrota por nove goles a cero ao conxunto de Martín Casais. A pesares de que os resultados non están a acompañar a este grupo de xogadores no que levamos de temporada o corpo técnico destaca os avances que se lograron a nivel táctico tendo en conta que se trata dun conxunto en proceso de formación e que leva pouco tempo traballando en conxunto.

O que tampouco logrou a vitoria foi o equipo cadete. Os rapaces que comanda Marcial Prado caíron derrotados no Municipal de Vilaxoán ante o San Martín C.F. A falta de acerto en ataque e a calidade do xogador local Martín Pintos, autos dos dous goles, provocaron que o equipo verdinegro fose derrotado por dous goles a cero. A retirada da competición da S.D. Amanecer obrigará ao conxunto cadete na próxima xornada, polo que o cadro de adestradores aproveitará esta situación para facer os axustes necesarios nun bloque aínda falto de efectivos e cunha nivel de rodaxe inferior á maioría dos rivais.

Finalmente, o conxunto do Armenteira C.F. que acadou un resultado máis desafortunado foi o equipo benxamín. A debilidade deste grupos de nenos quedou en evidencia ante o Portonovo S.D., un rival moi superior, que non tivo piedade e venceu por cero goles a vintecinco á escadra que dirixe Valentín Estévez. A labor formativa que está levando a cabo este corpo técnico non se está traducindo nos resultados, pero, á espera de reforzos, o grupo continúa traballando e intentando manter a moral alta, valorando os pequenos progresos aos que, pouco a pouco, se vai chegando.


sábado, 10 de outubro de 2015

O Armenteira Veteranos consigue en Barro a súa terceira vitoria da temporada

O Armenteira Veteranos logrou na tarde deste sábado a súa terceira vitoria da temporada no grupo 4A da liga da zona de Pontevedra, na que milita. Foi unha traballada vitoria por cero goles a un ante un Carballo da Portela que se mostrou como un aguerrido rival e que puxo en moitos apuros ao conxunto visitante que, despois de varias temporadas, volvía a lucir a súas tradicionais cores verdes e negras. O gol de Marcial ao inicio do segundo período xunto coa gran actuación do meta Joserra serviron para que o equipo meisino sume xa dez puntos no seu casilleiro e se sitúe na zona media-alta da táboa.


venres, 9 de outubro de 2015

O Armenteira Veteranos visita ao Carballo da Portela, último clasificado da liga

O Armenteira Veteranos visita este sábado a partires das 16 horas o campo de Chan dos Santos, na localidade veciña de Barro, para enfrontarse ao Carballo da Portela, un conxunto que ocupa transitoriamente o último lugar na clasificación, pero que se presenta como un rival compricado para o grupo que capitanea José Luís Galiñanes, que agarda conseguir novos puntos no seu casilleiro para considarse na zona media. O equipo meisino estreará nesta xornada a súa nova equipación, que supón unha volta ás orixes, xa que o verde e o negro volven a ser as cores de referencia.


Nova oportunidade de puntuar para os equipos de fútbol base do Armenteira C.F. na terceira xornada de liga

Os equipos de fútbol base do Armenteira C.F. teñen esta fin de semana unha nova oportunidade de dar un paso adiante e puntuar nas súas respectivas ligas. O primeiro en disfrutar desta posibilidade é o equipo alevín, que se enfronta na mañá do sábado, a partires das 11:30 horas, ao Meaño F.C. O equipo que dirixe Jonathan Crespo está realizando un excelente comezo de campaña e ocupa o terceiro posto na clasificación, pero con quere confiarse ante un rival que ocupa o décimoterceiro posto e que aínda non puntuou. As boas relacións existentes entre ambos clubes non serán impedimento para o enfrontamento sexa intenso e cheo de rivalidade.

O domingo pola mañá disputa o seu encontro o equipo infantil, que se despraza ao campo de Berdón, en Vilagarcía de Arousa, para enfrontarse a partires das 10 horas ao A.D. Arousa Fútbol-7. Será un partido emotivo para Martín Casais, que na pasada temporada dirixiu á escadra amarela, e que confía en que nesta ocasión as boas sensacións que pouco a pouco están a dar os seus pupilos se confirmen e poidan por fin acadar os primeiros puntos da temporada.

O que tamén se despraza a terras vilagarcianas é o conxunto cadete. Os rapaces que adestra Marcial Prado enfróntase ao San Martín C.F. Será a partires das 10 horas no campo Municipal de Vilaxoán. O equipo vermello ocupa o sexto posto na táboa con tres puntos e presúmese como un duro rival para o equipo verdinegro, que ocupa o noveno lugar cun único punto.

O último en comparecer será o equipo benxamín. O grupo que dirixe Valentín Estévez tivo que trasladar o seu partido ao domingo, cando a partires das 13 horas recibe no seu campo ao Portonovo S.D. un esixente rival, que sempre destacou polo potencial dos seus equipos de fútbol base e que, de seguro plantexará moitos problemas ao equipo de O Leixo. Os rapaces do clube verdinegro mantéñense firmes na súa ilusión e agardan que o bo traballo de formación que se está a levar a cabo quede reflectido no terreo de xogo.