Buscar neste blog

venres, 30 de decembro de 2016

Un ano cheo de contrastes

O ano que agora remata foi un ano cheo de contrastes para A Armenteira. Como en todos os anos houbo bos e malos momentos, noticias tristes e outras máis agradables, pero haberá algún acontemecemento dos ocorridos no 2016 que quedará para sempre na memoria das xentes da parroquia.

A nivel político será un ano marcado pola presenza habitual de Mariano Rajoy, que desta vez se deixou ver tanto como presidente en funcións como logo xa investido como xefe do Goberno. O político pontevedrés non perdeu a ocasión, en canto a súa axenda llo permitiu, de desprazarse ata estas terras para percorrer a Ruta da Auga e da Pedra e almorzar ou xantar nos locais de hostalería dos arredores do mosteiro cisterciense. Foi ademais un ano moi intenso en canto a eleccións, xa que os veciños e veciñas foron convocados ata en dúas ocasións para depositar o seu voto, nas eleccións xerais de xuño e nas autonómicas de setembro. As reformas dos teitos da capela de San Antonio e do C.E.I.P. de Armenteira, que os colectivos veciñais califican como insuficientes e que neceitan ser prolongadas, foron dúas das principais actuacións emprendidas polas administracións públicas no noso territorio. Pero se algo mobilizou á veciñanza este ano foi a cuestión da Casa de Cultura. A ocupación das instalación por parte do albergue de peregrinos e a privación da súa utilización para usos veciñais provocou unha enérxica protesta por parte das xentes e unha unidade como fai anos que non se recordaba.

A nivel económico foi un ano de cambios e continuidades. A Comunidade de Montes Veciñais de Man Común Chan da Fonte pasou por un turbulento proceso electoral que levou a un cambio da xunta rectora, presidida a partires de abril por Serafín Melón. Este mesmo personaxe tamén foi protagonista ao asumir a xerencia do Café Bar O´Comercio, un dos locais máis emblemáticos da parroquia. Tamén foi un ano no que A Armenteira se consolidou coma un dos principais referentes turísticos na comarca e no que se afianzaron novas iniciativas empresariais que tratan de aproveitar os recursos propios, como é o caso de proxectos tan interesantes como A Horta de San Ero.

A nivel social foi un ano no que as asociacións veciñais cobraron especial protagonismo. Por un lado os problemas internos da A.V.R.C. Valdedeus que a sumiron nunha profunda crise e división interna e por outro o nacemento dun proxecto de creación dunha nova asociación que aínda segue agardando pola finalización dos trámites administrativos.

A nivel cultural e festivo foi un ano no que a profusión e a variedade das actividades levaron a que algún xornal definise a A Armenteira como o "rincón de moda". O mal tempo obrigou a suspender a Festa da Xuventude que dende fai uns anos se viña celebrando o domingo de Pascua, mentres que o resto das actividades do panorama festivo puideron desenvolverse con relativa normalidade. Xurdiron novidades no elenco festivo, entre as que cabe resaltar a multitudinaria celebración do San Xoán, que congregou a centos de persoas en torno á fogueira alumeou o campo da festa. Éxitosa tamén foi a primeira edición do Armenteira Jazz, que encheu de música e bo ambiente o entorno do mosteiro. A I Marathon de Xogos Populares uniuse asimesmo este ano ao cartel festivo da parroquia e serviu de divertimento para os nenos e nenas da parroquia durante as festas de San Ero e a Divina Pastora.

A nivel relixioso foi un ano no que os oficios se desenvolveron con normalidade. A eleveda asistencia aos actos litúrxicos, que concitan xentes de diversos lugares da contorna, e a demanda de celebración de vodas no mosteiro apretaron a axenda do párroco Don Ramón Fernández e do seu equipo de colaboradores, especialmente na temporada de verán, na que seguiron batendo récords na realización de eventos nupciais.

A nivel deportivo foi un ano no que os clubes e as actividades por eles auspiciadas continuaron progresando. O Armenteira C.F., que sufriu unha remodelación da Xunta Directiva, coa asunción da presidencia por parte de Martín Casais, continuou consolidándose coma unha das entidades deportivas de referencia a nivel comarcal. A aposta pola continuidade de Marcial Prado e de Valentín Estévez " Tilín", a sonada fichaxe de Luis Barral, creación dun equipo feminino federado, o primeiro da historia do Concello de Meis, a organización de tres torneos de verán e a presenza nos distintos actos organizados pola Federación Galega de Fútbol e outras administración serven para reforzar a posición do clube de O Leixo. Pola súa banda o Armenteira Veteranos, despois dunha exitosa campaña no grupo 4A decidiu dar o paso e inscribirse na nova competición posta en marcha pola Federación, na que mantén unha máis que aceptable traxectoria. O clube ciclista Armenteira e Punto pola súa parte volveu ser un ano máis un dos emblemas desta modalidade deportiva na contorna, á que está contribuíndo a promocionar e fai que o número de adeptos se estea incrementando notablemente nos últimos tempos. No lado negativo cabe salientar os problemas económicos que afectan á Fundación Monte Castrove, xestora do campo de golf, que xerou unha polémica entre os comuneiros e traballadores e a xerencia das instalacións.

Finalmente, en canto a sucesos foi un ano marcado polos incendios forestais que volveron asolar os montes da parroquia, incidindo con máis frecuencia nos lugares de Cabeza de Boi e As Pereiras. O conflito entre as xentes do lugar de Valboa e os propietarios dos cabalos que pastan nos montes en estado semisalvaxe, causados polos ataques dos animais ás colleitas, mereceu incluso a atención dos medios televisivos a nivel autonómico. Pero se algo marcou neste ámbito a A Armenteira neste 2017 foron os actos luctuosos. De todos eles o que máis conmocionou á veciñanza foi o falecemento nun tráxico accidente de tráfico de Javier Martínez Ucha "Chicho", un mozo moi coñecido e implicado nas entidades e actividades sociais e deportivas.



















martes, 27 de decembro de 2016

O primeiro paso dun ambicioso proxecto

A saída ao mercado dos calendarios para o ano 2017 do Armenteira C.F. supoñe o primeiro paso dun ambicioso proxecto que a Xunta Directiva da entidade de O Leixo ten en mente. Como asegura o presidente do clube, Martín Casais: "Este proxecto ponnos á altura dos principais clubes da comarca. Os calendarios mostran ás claras o que realmente somos e o que a xente quere ver en nós. Entendo que pode haber a quen non lle poidan gustar ou quen se senta sorprendido con eles, pero cando un se lanza ao merchandising ten que facelo con todas as consecuencias". A base destes calendarios son as fotografías dos compoñentes do plantel de xogadores e xogadoras así como dos membros da Xunta Directiva e do corpo técnico, que mostran ante a cámara uns encantos que, como se pode observar, van moito máis aló do futbolístico. Ante ao éxito que auguran a esta publicación o Armenteira C.F. vai anunciar proximamente a comercialización doutros artigos que seguirán a mesma liña. "É o que a xente quere de nós, entón, por que non darllo? Creo sinceramente que valemos para estas cousas, e entón non debemos renunciar a elo", indicou o dirixente verdinegro.


Acto de reconciliación do presidente con A Armenteira

A decepción que supuxo  en A Armenteira o cambio de plans de Mariano Rajoy, que provocou o lóxico descontento e as queixas por parte de boa parte da veciñanza, fixo reaccionar ao equipo de asesores do presidente do Goberno, que decidiu dar un xiro aos plans previstos para despedir 2016 e dar a benvida ao novo ano. Tal e como sinalan fontes próximas ao líder conservador a súa presenza está confirmada a partires da xornada deste mércores, na que non só volverá deixarse ver xunto ao seu inseparable compañeiro José Benito Suárez Costa realizando a pé a Ruta da Auga e da Pedra, senón que, segundo aseguran, buscará reconciliarse coa parroquia cun pincho que terá lugar no Café Bar O´Comercio ao que convidan a todos os veciños e veciñas. O único requisito para acudir será acreditarse previamente ante o servizo de seguridade que acompaña ao presidente. Como non podería ser doutra maneira os gastos do convite correrán a cargo do xefe do Goberno, que desta forma tratará de agasallar a unhas xentes que o acolleron cos brazos abertos e ás que promete que non volverá decepcionar.


luns, 26 de decembro de 2016

A Gala do Fútbol Feminino contará coa presenza do Armenteira C.F.

A Gala do Fútbol Feminino, que se celebrará o venres 30 de decembro no Auditorio Municipal de Ribadumia, contará coa presenza dunha representación do Armenteira C.F. O clube verdinegro recibiu unha invitación a nome David Castro, alcalde do concello veciño, para asistir a un evento que organiza a Revista do Fútbol Feminino galego en colaboración coa institución municipal de Ribadumia. Na mesma procederase á entrega de galardóns ás xogadoras, adestradoras, adestradores e clubes que máis destacaron a nivel futbolístico en Galicia durante o ano 2016. A Xunta Directiva do clube de O Leixo acudirá co seu presidente Martín Casais á cabeza, acompañada de membros do corpo técnico e do plantel de futbolistas, en especial do equipo feminino posto en marcha na presente temporada e que compite no grupo 2 da Liga Galega-Segunda División Feminina.


Rajoy cambia de plans para despedir o ano

O presidente do Goberno Mariano Rajoy parece que finalmente non despedirá o ano nin dará a benvida ao 2017 en A Armenteira como lle viña rumoreando nos últimos días. O político pontevedrés é un habitual da nosa parroquia, á que acude cada vez que se despraza a Galicia para gozar duns días de descanso. Os paseos pola Ruta de Auga e da Pedra e os almorzos e os banquetes nos locais de hostalaría dos arredores do mosteiro cisterciense son xa unha rutina habitual para o xefe do Goberno de España. Aínda que desta vez parece que diversos motivos obrigaron a un cambio de plans. A idea inicial consistía no aloxamento do político pontevedrés na Pousada, que abriría as súas instalacións para albergar ao presidente e ás aproximadamente cincuenta persoas que ían asistir a unha cea que tamén contaría con importantes personalidades. Este acto serviría de apertura simbólica para un establecemento ao que os problemas legais e administrativos están impedindo que se poña en funcionamento de maneira definitiva. Pero, segundo fontes ben informadas, dende Moncloa decidiron dar un cambio de rumbo na axenda do presidente, descartando ademais outros destinos da comarca como Sanxenxo ou A Toxa, para decantarse finalmente por pasar este breve período de descanso en terras da provincia de Ourense.


luns, 19 de decembro de 2016

Un banquete cheo de impresións

O banquete que este domingo celebrou o Armenteira C.F. no salón de Café Bar O Comercio deixou unha variada gama de impresións entre o máis do centenar de persoas que asistiron ao evento. Un dos primeiros en valorar o acto foi o presidente da entidade, Martín Casais que salientou o éxito acadado: "Dende o meu punto de vista o banquete deste ano foi un éxito. Quizais haxa aspectos que puideron saír mellor, pero, en xeral, creo a xente marchou contenta". Ademais o dirixente verdinegro destacou a presenza na comida dalgúns dos representantes das principais asociacións locais: "Estamos esforzándonnos en implicar á parroquia e á contorna no noso proxecto. Poderiamos considerar o banquete como un modesto desfile de autoridades a nivel local. Por exemplo, puidemos contar coa presenza do presidente da Comisión de Festas O`Noso", en referencia a Marcos Serén, que tamén acudiu como pai dun dos xogadores. "Serafín Melón, presidente da Comunidade de Montes de Man Común Chan da Fonte, tampouco quixo perderse o acto e compartiu mesa con nós", resaltando o compromiso permanente do actual xerente do Café Bar O´Comercio e anterior presidente do clube. "Incluso Carlos estivo representando á A.N.P.A. do C.E.I.P. Enrique Barreiro Piñeiro, de Vilariño, no que cursan estudos varios dos compoñentes do noso plantel", mencionando a Carlos Piñeiro, un dos directivos do clube. "E para máis inri, tivemos o privilexio de contar con Don Ramón entre os comensais", suliñando a asistencia ao evento de Don Ramón Fernández, cura párroco de A Armenteira. Outro dos asistentes que quixo deixar constancia das súas impresións foi Alessandra Magariños, unha das capitanas do equipo feminino, que chegou a tomar o micrófono para dirixir unhas palabras ao público: "Somos coñecedoras do enorme esforzo que fai a Xunta Directiva con nós, e non quería perder a oportunidade de agradecerllo". "Ademais quixemos darlle unha sorpresa a Iván e varias das xogadoras acudimos á misa vestidas co uniforme do equipo", facendo referencia ao agasallo que estas rapazas lle fixeron a Iván Borragueiros, que comparte a súa faceta de directivo e membro do corpo técnico do equipo feminino coa de monaguillo da parroquia. Víctor Saborido foi outra das persoas que quixo deixar constancia das súas impresións: "Levo xa varios anos asistindo ás comidas do Armenteira C.F. e penso que ano a ano nos imos superando. Comecei vindo como pai e adestrador e co tempo funme implicando cada vez máis", afirmou o tamén directivo da entidade. "Un acto coma este conleva moito traballo, e hai que ter en conta que nós tampouco estamos acostumados a moitas destas tarefas, pero tratamos de facelo o mellor posible. De feito, ata chegamos a recibir felicitacións polo saboroso que estaba o menú. En concreto, houbo varias persoas que me pararon para loubar os mexillóns". Finalmente, Lino Domínguez, non quixo quedarse atrás e deu a súa opinión sobre o acto: "Eu fun dos que me apuntei a última hora. Atopeime con algúns dos directivos e cando me convidaron, nin o pensei. Sei do enorme traballo que levan e non dubidei en botarlle unha man cando se puxeron a recoller". Ensalzou asimesmo o bo ambiente que se viviu: "Pasámolo xenial. A comida estivo deliciosa, non faltou bebida e divertímonos ata cansarnos. Pero tampouco estivemos libres de sustos. Mesmo eu fun vítima dun percance que, afortunadamente, non tivo maiores consecuencias", indicou o afeccionado do clube e veciño de O Busto.











sábado, 17 de decembro de 2016

Luis Barral aniquila ao Armenteira Veteranos en A Senra

Luis Barral foi sen dúbida o gran protagonista do duelo de rivalidade que mediu na tarde deste sábado no campo de A Senra-2 ao Bar Santiaguiño e ao Armenteira Veteranos. A proximidade entre as localidades que representan cada un dos clubes, os lazos de amizade que unen aos moitos dos xogadores ou a condición de clientes do establecemento de hostalería que patrocina ao conxunto de Ribadumia dalgúns dos compoñentes do cadro verdinegro eran alicientes suficientes para convertir a esta cita nun partido especial. Pero quizais por enriba de todos eles estaba a presenza no conxunto local de Luis Barral, que esta temporada asumiu a responsabilidade de dirixir os equipos de fútbol-8 da entidade de O Leixo, que fixo que a expectación que levantou o encontro fose tal que un número imporante de seguidores do Armenteira C.F. se desprazase ata as modernas instalacións de A Senra para presenciar o encontro. A formación que capitanea José Luis Galiñanes formou cun once inicial con Joserra na portería, Moncho, Portas, Marcos e Richi na liña defensiva, Martín, Rafa e Cacabelos na zona de medios, e Galiñanes, Marcial e Manueliño en ataque. Dende o inicio o Bar Santiaguiño apropiouse do dominio do xogo e xa aos catro minutos tomaba vantaxe. Unha internada por banda dereita de Suso Álvarez facía chegar a pelota aos pés de Luis Barral que, favorecido por un extrano efecto na traxectoria da pelota, poñía o balón no fondo das redes defendidas por Joserra. Nunha xogada similar, de novo Suso Álvarez internábase pola banda dereita, para que, ante unha desaxustada defensa do Armenteira Veteranos, Santi Buceta lograse o segundo tanto. A partires de entón a escadra azulada admistrou con comodidade a súa renda baseándose na calidade individual de boa parte dos seus homes. Con todo o cadro visitante non perdeu a compostura e apoiados na garra e na motivación que supoñía un partido destas características dispuxo dalgunha ocasión que ben puido acabar en gol, pero nin Galiñanes, nin Manueliño, nin Marcial tiveron o acerto de anteriores citas. Xa na recta final unha combinación na que de novo participaba Luis Barral daría lugar ao terceiro gol. De todos xeitos, as noticias non serían do todo favorables para o dianteiro de Barrantes, posto que nesta xogada  resultaría lesionado no seu xeonllo dereito, o que o obrigaría a abandonar o terreo de xogo. O resultado final de tres goles a cero non muda a clasificación de ningún dos dous conxuntos. O Bar Santiaguiño mantense no liderato con trinta e catro puntos e Armenteira Veteranos na novena posición con vinte. O parón da competición permitirá que os xogadores teñan un breve e merecido descanso ata o 7 de xaneiro, cando o Armenteira Veteranos teña que recibir no seu feudo á S.C.D. Terras de Curro, que ocupa o décimo terceiro posto con nove puntos.