Os equipos de fútbol base do Armenteira C.F. iniciaron esta fin de semana a liga. O primeiro en facelo foi o equipo alevín, que recibiu na mañá do sábado ao Céltiga. A inexperiencia, a falta de rodaxe e de efectivos deste grupo de xogador@s púxose en evidencia ante un rival moi superior, que acabou derrotando ao equipo verdinegro por cero goles a dezaséis. Ante todo o conxunto que dirixe Valentín Estévez mantén as gañas e a ilusión e agardan que en non moito tempo os resultados do seu traballo comecen a chegar.
O segundo equipo do Armenteira C.F. en porse en marcha na liga foi o conxunto infantil, dirixido por Martín Casais, que visitou o campo de Monte Redondo, en Corón, onde acabou sendo derrotado por cinco goles a un polo conxunto local do S.D. Chispa. Trátase dun conxunto aínda en formación, pero que no que comezan a observar progresos en canto a acoplamento e ritmo do grupo de xogadores, polo que o corpo técnico se mantén esperanzado de cara respecto do futuro desta escadra. A reseñar o bonito gol obra de Santi.
O domingo pola mañá deu comezo a liga para o conxunto alevín do Armenteira C.F. O equipo que dirixe Jonathan Crespo visitou o campo de A Rapeira, en Portas, onde foi recibido polo C.D. Portas, e alí deu mostras de solvencia e solidez, acadando unha vitoria por un gol a cinco, con tantos obra de Rubén, Mosteiro e Zubo. O corpo técnico e a Xunta Directiva teñen postas moitas esperanzas neste grupo de xogador@s, e confían en que a continuidade do bo traballo que está a facer con este colectivo depare unha temporada exitosa.
Finalmente, o último equipo do Armenteira C.F. en saír a competir foi o conxunto cadete, que visitaba o campo de O Buelo, en Moraña, nun encontro no que chegou a ir vencendo por cero goles a dous, con goles obra de Villa e Mathias, pero no que acabou cedendo os tres puntos cun gol do equipo morañés no último minuto. As moitas adversidades ás que se enfrontou o grupo que dirixe Marcial Prado durante a pretemporada parecen empezar a superarse e, a pesares de tratarse dunha plantilla curta, a calidade dos xogadores e a forza do grupo debe ser garantía dunha boa temporada.
Buscar neste blog
domingo, 27 de setembro de 2015
sábado, 26 de setembro de 2015
Primeira vitoria da temporada para o Armenteira Veteranos
O Armenteira Veteranos logrou na tarde do pasado sábado a súa primeira vitoria da temporada, na que debuta no grupo 4A da liga de veteranos da zona de Pontevedra. Foi no Campo Municipal de Monteporreiro ante o equipo local, o Monteporreiro C.F. Veteranos, nun partidos con moitas alternativas, no que ambos conxuntos puideron levarse o triunfo, pero no que a calidade de Jorge Castro, autor dos dous tantos visitantes, serviu para decantar a balanza a favor do equipo meisino. Con esta vitoria o equipo que capitanea José Luís Galiñanes sitúase no décimosegundo posto da clasificación e alónxase das prazas de descenso.
domingo, 20 de setembro de 2015
Exitoso paso da Volta Ciclista a Galicia pola parroquia de A Armenteira
A Armenteira volveu a ser este domingo escenario dunha competición ciclista. Nesta ocasión foi a edición do 2015 da Volta Ciclista a Galicia que, na súa última etapa, con principio e final na cidade de Pontevedra, trascurriu polas terras desta parroquia meisina. Os ciclistas tiveron que coroar o porto de montaña de O Busto, de segunda categoría, para dirixirse posteriormente a A Escusa, e descender de novo polo vial que conduce ao mosteiro. Esta etapa final finalizou coa victoria do corredor manchego do Supermercados Froiz Pedro Merino, mentras que o vasco Aitor González, do equipo Ampo Goierriko, se adxudicou unha vez máis a clasificación xeral final.
sábado, 19 de setembro de 2015
Un Armenteira Veteranos moi mermado cae derrotado ante o Pescados Nieves
As numerosas baixas que sufriu o Armenteira Veteranos a causa das tarefas da vendima, que mantiveron ocupados a varios membros do seu plantel, lastraron a este equipo no seu terceiro partido de liga ante o conxunto sanxenxino do Pescados Nieves. O equipo celeste viuse obrigado a comezar o encontro con dez xogadores e, a pesares de que dous efectivos máis se foron incorporando co transcurso do partido, a superioridade numérica do rival e o cansanzo fixeron que, o gol de Jorge Castro que permitiu que fosen con ventaxa ao descanso, fose insuficiente e provocase a segunda derrota da temporada para a escuadra celeste. A próxima fin de semana desprázanse a terras pontevedresas para rendir visita ao Monteporreiro C.F. Veteranos, agardando poder contar xa con maior número de efectivos.
O equipo infantil do Armenteira C.F. sofre unha severa derrota no súa primeira proba de pretemporada
O equipo infantil do Armenteira sufriu unha estrepitosa derrota na súa visita ao campo de As Cachizas, en Dena, onde foi derrotado por once goles a cero polo conxunto da vila meañesa, A falta de rodaxe, xa que a falta de efectivos impediulle ao corpo técnico traballar con normalidade, e a falta de acoplamento, xa que a maior parte dos xogadores era a primeira ocasión na disputaban un partido xuntos, fixo que o equipo dirixido por Martín Casais dese unha imaxe endeble. A pesares diso o técnico amosouse satisfeito sobre todo pola imaxe dada no primeiro período e polas conclusións que lle permitiu sacar o encontro. A próxima fin de semana o equipo desprazase a Corón para disputar o seu primeiro partido de liga ante o S.D. Chispa.
O bo tempo acelera as tarefas da vendima na parroquia de A Armenteira
O bo tempo que tixo esta fin de semana na comarca de O Salnés, permitiu que os viticultores puidesen avanzar coas tarefas da vendima. Na parroquia de A Armenteira, onde os viñedos de castes coma a folla redonda, a catalán ou a albariña abundan sobre todo en lugares coma Castiñeiras, Fofán, Gondes, Pereiras, Cabeza de Boi, As Congostras, Couso ou Silván, lugares que reciben unha maior insolación e se atopan a menor altitude, as xentes dirixíronse estes días ás leiras para acelerar a recollida das uvas, despois de que o paso da cicloxénese a principios da semana, retardase esta actividade. A maior parte dos agricultores da parroquia agarda dar por rematado este traballo a principios da vindeira semana.
venres, 18 de setembro de 2015
O Armenteira Veteranos recibe a visita do Pescados Nieves na terceira xornada de liga
Despois do punto sumado a pasada fin de semana en Cangas ante o Montecarrasco, o Armenteira Veteranos recibe este sábado a partires das 18 horas, no campo de O Leixo, a visita do Pescados Nieves, un equipo que tamén suma un punto no que levamos de temporada, polo que, a priori, o encontro se presenta igualada. A pesares de que o equipo celeste terá previsiblemente numerosas baixas a causa das tarefas da vendima na que se atopan inmersos moitos dos seus xogadores agardan conseguir a primeira vitoria da temporada ante o conxunto de Sanxenxo.
O equipo infantil do Armenteira C.F. estréase ante o Unión Dena
O equipo de categoría infantil do Armenteira C.F. para a temporada 2015/2016 terá o seu estreo este sábado a partires das 10 horas nun partido amigable no campo de As Cachizas ante o Unión Dena C.F. Será un partido no que os espectadores poderán observar moitas novidades, xa que aos xogadores do Armenteira C.F. que para esta temporada pasan á categoría infantil se suman as cesións que, como froito do convenio co C. Xuventude Cambados, realizou este clube ao conxunto verdinero. Ademais o equipo meisino estreará unha nova equipación, patrocinada pola empresa Autoescuela Caldas. Esta proba serviralle ao técnico verdinegro Martín Casais para comprobar o estado dos seus xogadores a unha semana para o inicio da liga.
sábado, 12 de setembro de 2015
O Armenteira Veteranos trae un punto da súa visita a Cangas
O Armenteira Veteranos logrou na tarde do pasado sábado un empate a dous goles no partido que disputou no campo de Monte Carrasco, en Cangas do Morrazo. Foi un partido equilibrado no que o equipo celeste se adiantou por dúas veces, por mediación de Manueliño e Galiñanes, e no que, a pesares de dispoñer de ocasións para conseguir os tres puntos, tivo que conformarse cun empate que lle serve para inaugurar o marcador na presente temporada.
venres, 11 de setembro de 2015
O Armenteira Veteranos desprázase ata Cangas na segunda xornada de liga
Despois da dolorosa derrota da fin de semana pasada por un gol a cinco ante o Catoira-Restaurante Xiabre o Armenteira Veteranos desprázase na segunda xornada de liga ata a Península do Morrazo, onte se enfrontará ao Montecarrasco Veteranos o próximo sábado no campo de Monte Carrasco a partires das 17 horas. O equipo celestre agarda estrear o seu casilleiro de puntos fronte a un rival que se atopa na mesma situación, xa que caiu derrotado na primeira xornada ante o Peña Rácing por dous goles a un.
sábado, 5 de setembro de 2015
Comezo de liga con derrota do Armenteira Veteranos
O Armenteira Veteranos comezou con mal pé a liga, no que era o seu estreno no grupo 4B, ao que logrou ascender a temporada pasada. Foi cunha abultada derrota por un gol a cinco ante o Catoira-Restaurante Xiabre, nun partido no que o equipo local conseguiu adiantarse cun gol de Rafa nada máis comezar o encontro, pero que co avance dos minutos se viu claramente superado ante un rival que demostrou ter máis experiencia na categoría.
O equipo alevín do Armenteira C.F. deixa boas sensacións nos primeiros encontros de pretemporada
A participación do equipo alevín do Armenteira C.F. deixou ver algúns detalles do que será este conxunto na presente temporada. No III Torneo de Vilanova de Arousa, disputado a pasada tarde no campo de O Terrón, o Armenteira C.F. estaba encadrado no grupo D, e tivo que enfrontarse ao C.D. Arcade, o equipo máis potente do grupo, ante o que caiu derrotado por 5-0, posteriormente ao A.D. Arousa F-7, ao que derrotou por 3-0, con tantos de Íñigo, Zubo e o debutante Junior, e ao Céltiga F.C., xa pola tarde, ante o que caiu por 3-0. A pesares de contar con algunha baixa importante, a escadra verdinegra deixou boas sensacións e os membros da expedición do clube que se trasladaron a Vilanova de Arousa regresaron satisfeitos da imaxe dada polo equipo.
venres, 4 de setembro de 2015
O Armenteira Veteranos inicia a temporada ante o Catoira
Este sábado, a partires das 18:00 horas, o Armenteira Veteranos comeza a temporada co encontro que disputará no campo de O Leixo ante o Catoira-Restaurante Xiabre. Será o estreno do equipo celeste no grupo 4A, ao que logrou ascender tras a boa campaña realizada a temporada pasada.
O equipo alevín do Armenteira C.F. afronta os seus primeiros partidos de pretemporada
O equipo alevín do Armenteira C.F., que volve a dirixir por segunda temporada consecutiva Jonathan Crespo, afronta este sábado os seus primeiros partidos de pretemporada. Será no III Torneo de pretemporada de fútbol-8 de Vilanova de Arousa, no que quedou encadrado no grupo D xunto co Céltiga F.C., o A.D. Arousa F-7 e o C.D. Arcade, clube co que empezará a competición a partires das 11:30 horas.
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)