Buscar neste blog

domingo, 27 de setembro de 2015

Sorte dispar para os equipos de fútbol base do Armenteira C.F. na primeira xornada de liga

Os equipos de fútbol base do Armenteira C.F. iniciaron esta fin de semana a liga. O primeiro en facelo foi o equipo alevín, que recibiu na mañá do sábado ao Céltiga. A inexperiencia, a falta de rodaxe e de efectivos deste grupo de xogador@s púxose en evidencia ante un rival moi superior, que acabou derrotando ao equipo verdinegro por cero goles a dezaséis. Ante todo o conxunto que dirixe Valentín Estévez mantén as gañas e a ilusión e agardan que en non moito tempo os resultados do seu traballo comecen a chegar.

O segundo equipo do Armenteira C.F. en porse en marcha na liga foi o conxunto infantil, dirixido por Martín Casais, que visitou o campo de Monte Redondo, en Corón, onde acabou sendo derrotado por cinco goles a un polo conxunto local do S.D. Chispa. Trátase dun conxunto aínda en formación, pero que no que comezan a observar progresos en canto a acoplamento e ritmo do grupo de xogadores, polo que o corpo técnico se mantén esperanzado de cara respecto do futuro desta escadra. A reseñar o bonito gol obra de Santi.

O domingo pola mañá deu comezo a liga para o conxunto alevín do Armenteira C.F. O equipo que dirixe Jonathan Crespo visitou o campo de A Rapeira, en Portas, onde foi recibido polo C.D. Portas, e alí deu mostras de solvencia e solidez, acadando unha vitoria por un gol a cinco, con tantos obra de Rubén, Mosteiro e Zubo. O corpo técnico e a Xunta Directiva teñen postas moitas esperanzas neste grupo de xogador@s, e confían en que a continuidade do bo traballo que está a facer con este colectivo depare unha temporada exitosa.

Finalmente, o último equipo do Armenteira C.F. en saír a competir foi o conxunto cadete, que visitaba o campo de O Buelo, en Moraña, nun encontro no que chegou a ir vencendo por cero goles a dous, con goles obra de Villa e Mathias, pero no que acabou cedendo os tres puntos cun gol do equipo morañés no último minuto. As moitas adversidades ás que se enfrontou o grupo que dirixe Marcial Prado durante a pretemporada parecen empezar a superarse e, a pesares de tratarse dunha plantilla curta, a calidade dos xogadores e a forza do grupo debe ser garantía dunha boa temporada.

Ningún comentario:

Publicar un comentario