Tras un verán cheo de dúbidas, no que tivo que afrontar serias dificultades tanto de orixe externa como interna, o proxecto do Armenteira C.F. para a temporada 2018/2019 fará a súa estrea sobre un terreo de xogo este sábado, 1 de setembro. Será no Trofeo San Ero´2018, que se vai disputar no campo de O Leixo a partires das 11:00 horas, e no que o equipo encargado de abrir o telón da pretemporada 2018 para a entidade verdinegra, o equipo de categoría infantil, se medirá á C.D. Portas. Fiel á tradición, como cada ano, o clube que preside Martín Casais volve organizar un torneo co motivo da celebración das festas de verán na parroquia. Tratarase dun único encontro, pero repleto de emocións, e que significará o agardado regreso do fútbol ao Leixo. Entre os principais incentivos desta cita estará a presenza de Chiscas no banco visitante. O adestrador do conxunto infantil da C.D. Portas, estreitamente vencellado á parroquia de A Armenteira por razóns familiares e sentimentais, foi un dos grandes obxectivos do Armenteira C.F. durante a pretemporada, aínda que finalmente este mozo, que tamén defende como futbolista as cores do Zacande F.C., decidiu comprometerse para esta campaña co clube da súa terra de procedencia. O ambiente festivo que vive estes días a parroquia non faltará tampouco no campo situado no lugar de O Busto. Á música cos ritmos máis pegadizos do momento e aos abondosos pinchos, habituais nos eventos deportivos que organiza o Armenteira C.F., unirase a recepción que se fará á alborada que durante a mañá deste sábado percorrerá os distintos recunchos da parroquia. As melodías do grupo de gaitas e o estourido dos foguetes serán a mellor testemuña de que a festa non se esquecerá nin dun clube nin dunha xente que un ano máis, e nunhas circunstancias máis difíciles ca nunca, apostaron por renovar o seu compromiso cunha paixón e cun sentimento ao que chaman Armenteira C.F.
Buscar neste blog
mércores, 29 de agosto de 2018
sábado, 25 de agosto de 2018
A Comisión fai público o programa de festas de verán de A Armenteira
A Comisión de Festas O´Noso vén de facer público o programa para as celebracións de verán que tradicionalmente se celebran en A Armenteira. Cando resta apenas unha semana para o inicio destes festexos a sociedade que preside Marcos Serén deu a coñecer o amplo número de actividades que darán comezo o próximo sábado, 1 de setembro, coa festividade na honra de San Ero. Como se pode observar nos carteis que se están a colocar polos diversos lugares da parroquia a programación abrirase, como ven sendo habitual, nas primeiras horas da mañá cunha salva de bombas e un pasarrúas que percorrerá A Armenteira e que estará animado polo grupo de gaitas Os Carballeiras. Sobre as 13:00 horas ese mesmo grupo actuará na denominada Praza de Vilar, situada entre os dous emblemáticos locais de hostalaría da zona. A Comisión volverá instalar nese lugar unha barra na que se servirán distintos tipos de bebidas, e que ademais permitiralle recadar uns ingresos moi necesarios para levar a cabo toda a variedade de actos que compoñen este programa festivo. Xa pola noite o escenario dos festexos trasladarase ao campo da festa, a carón colexio, no que terá lugar a actuación dos grupos musicais Anduriña e M5. As festas continuarán o sábado, 8 de setembro, coa celebración na honra da Divina Pastora. Repetiranse as actividades festivas do sábado anterior, De novo haberá unha salva de bombas e un pasarrúas, neste caso a cargo do grupo de gaitas Os terribles de Arousa, que sobre as 13:00 horas amenizará cos seus ritmos musicais o entorno do mosteiro cisterciense, onde tamén se establecerá unha barra con bebidas. O peche do programa será ao anoitecer cunha verbena que terá como protagonistas aos grupos Arena e Camelot. Dase a curiosidade de que este ano as festas que realizarán na honra da Divina Pastora coinciden co día fixado no calendario litúrxico, polo que, o 8 de setembro os veciños e veciñas poderán asistir aos oficios relixiosos que haberá á tardiña e a continuación á velada musical que terá lugar no campo da festa. O traslado das verbenas das festas de verán de A Armenteira ás noites do sábado, unha práctica común en moitas outras localidades, provocou dende fai anos un conflito entre a Comisión e as autoridades eclesiásticas da parroquia, partidarias estas últimas de manter as celebracións relixiosas nos días propios que marca o calendario. Independentemente destas cuestións, as xentes de A Armenteira e dos arredores poderán despedir o verán da mellor maneira posible, e non só as persoas adultas, senón tamén os nenos e nenas, para os que un ano máis A Asociación de Veciños e Veciñas de A Armenteira vai organizar tanto para o 1 como para o 8 de setembro, sendas sesións de xogos populares infantís, nas que non faltarán nin a típica colchoneta nin as competicións de carreiras de sacos, de tiro da corda nin tampouco algunhas diversións que tanto agradan á rapazada.
luns, 20 de agosto de 2018
O Leixo prepárase para a volta ao completo dos adestramentos dos equipos do Armenteira C.F.
O campo de O Leixo volverá estar a pleno rendemento este martes, 21 de agosto. Dúas semanas leva xa adestrando, baixo as ordes de Marcial Prado, o equipo sénior feminino. Pero non será ata este martes, a partires das 19:30 horas, cando se unan a elas os nenos e nenas da entidade verdinegra, dende a categoría prebenxamín á infantil, que deste xeito comezarán cos adestramentos de cara a unha temporada 2018/2019 que se iniciará en pouco máis dun mes. Sobre o terreo de xogo do campo situado no lugar de O Busto estarán presentes as novidades tanto no plantel de futbolistas como no corpo técnico, así como os xogadores e xogadoras que, ao igual que as súas familias, decidiron refrendar un ano máis o seu compromiso e a súa fidelidade cunhas cores e cun clube que nunca os defraudou. A intervención de persoas máis preocupadas polos seus intereses particulares que polo ben colectivo e as tentadoras ofertas de representantes doutros clubes, superiores en recursos e apoios institucionais, pero con escaso valor ético a tenor das estratexias utilizadas para a captación de futbolistas, provocaron a fuga este verán dun importante número de compoñentes do plantel verdinegro. Dando por descartada a continuidade dos equipos das categorías cadete e xuvenil, e unha vez garantido un destino para os membros destes equipos que desexan seguir disfrutando da práctica deste deporte, os esforzos da Xunta Directiva céntranse agora en completar os grupos de futbolistas para as restantes categorías. Para elo manteñen aberto o prazo de inscrición, que ten como un dos seus principais incentivos a exención do pagamento de cotas, algo único e que diferencia ao Armenteira C.F. doutras entidades deportivas dos arredores, onde as cantidades a pagar soen situarse, polo xeral, en torno aos 200 euros por temporada. O bo ambiente, o do fútbol modesto e máis auténtico volverá respirarse este martes, 21 de agosto, nun campo de O Leixo no que como reza un dos lemas do clube "sempre, pase o que pase, os corazóns verdinegros non deixarán de latexar".
xoves, 16 de agosto de 2018
Co corazón preparado e a vista posta no día 21
Tras a presentación oficial dos equipos para a temporada 2018/2019, ao Armenteira C.F. só lle queda comezar a rodar de forma completa e efectiva. A vistosa fotografía en forma de corazón aderezado coas cores verdes e negras que mostraron no acto do 14 de agosto foi simplemente un anuncio do que serán algunhas das directrices do clube para esta nova campaña. A aposta pola formación e a educación a través do deporte, xunto coa reafirmación dos valores, os sentimentos e o compromiso co clube, máis que patente naquelas persoas que decidiron confiar unha temporada máis no Armenteira C.F., son as premisas coas que parte unha entidade que cumpre o seu vixésimoterceiro ano de historia. Tal e como se está revelando nos últimos días a combinación de renovación e continuidade e a colaboración con outros clubes da contorna permitirá que o clube de O Leixo volva repetir equipos nas distintas categorías. Pero haberá que agardar ao martes, 21 de agosto, a partires das 19:00 horas, para comprobar definitivamente a partida desta nova singladura. Cando vai xa máis dunha semana dende que o equipo sénior feminino comezou a adestrar, o próximo martes será o momento no que a maior parte dos compoñentes do plantel do Armenteira C.F. dea por iniciados os primeiros adestramentos da pretemporada. O campo de O Leixo será testemuña dun feito a través do cal a Xunta Directiva quere facer realidade un dos lemas máis famosos dos que utiliza a entidade e dos que máis paixóns desata, e é aquel que di que "sempre, pase o que pase, o corazón verdinegro non deixará de latexar". Cos seus ventrículos, coas súas aurículas, coas súas válvulas e coas súas veas e arterias, os latexos dos corazóns, dos verdadeiros corazóns verdinegros, deixaranse notar para poñer de manifesto que o Armenteira C.F. segue máis vivo ca nunca.
domingo, 12 de agosto de 2018
O renacer dun soño
Resulta difícil establecer as orixes concretas do fútbol en A Armenteira. Ou quizais non exista un momento determinado e máis ben foi froito dun proceso que veu evolucionando ao longo do tempo. As pachangas que fai décadas disputaban os mozos nun campo, nunha pradeira, do lugar de Valboa ao que denominaban O Molinón, ou en A Labradiña, ou nos distintos currunchos nos que se daban patadas a unha pelota nas distintas aldeas da parroquia están detrás dos inicios da paixón polo balompé que na actualidade se vive en A Armenteira. Así é como se foi materializando un soño que foi tomando forma nas pistas do patio do colexio, despois de que este abrise as súas portas, aló por 1986, e de que Julio Serén e o seu inseparable compañeiro Barreiras se puxesen á fronte dun grupo de rapaces para levalos a adestrar a unha explanada do lugar de O Busto que os madeireiros soían usar para depositar os troncos, na que se acabaría construíndo o que hoxe é o campo de O Leixo.
Pasaron xa vintetrés anos dende que en setembro de 1995 o Armenteira C.F. botase a andar. Foron anos de crecemento, de expansión, con momentos tamén de crise que puxeron en perigo a supervivencia do clube, altibaixos normais na historia de calquera entidade deportiva. Nos últimos anos pódese afirmar que este crecemento foi superlativo. Coa chegada á presidencia de Martín Casais no verán de 2016 o clube decidiu apostar por iniciativas novidosas e arriscadas, que contribuísen a impulsar a expansión do Armenteira C.F. e lle desen unha identidade propia, orixinal, distinta da que ofrecen os demais clubes da contorna.
Tres foron quizais as apostas máis ambiciosas e renomeadas que da entidade neste período. A primeira delas foi a contratación de Luis Barral para encargarse de dirixir algúns dos equipos da base. Coa chegada do técnico de Barrantes pretendíase reforzar o papel do clube como escola de fútbol así como tratar de atraer a rapaces e rapazas, que só unha figura tan recoñecida cunha traxectoria futbolística tan dilatada como Luis Barral podía conseguir. Dúas temporadas estivo Lucho no banco verdinegro, sempre apoiado pola súa filla Alba. Na primeira delas encargouse das categorías benxamín e alevín, ámbalas dúas na modalidade de futbol-8, e na segunda da categoría alevín, nesta última modalidade, e da categoría infantil, xa en fútbol-11. Os éxitos máis notables desta etapa foron para moitos o subcampionato na segunda fase da liga da categoría alevín na temporada 2016/2017, e o subcampionato na Copa Deputación de Pontevedra, nesta mesma categoría, na temporada 2017/2018. O peche deste ciclo produciuse cando, de forma unilateral, o adestrador tomou a decisión de desvincularse do Armenteira C.F. para incorporarse, na compaña dalgúns dos futbolistas do plantel verdinegro, ao Umia C.F., na que será a enésima etapa de Lucho no clube de Barrantes.
Outra destas iniciativas novidosas xurdiu tamén no verán de 2016. Dunha conversa na terraza dunha coñecida cafetería de Barrantes sairía a idea de crear un equipo sénior feminino. Os rápidos contactos con mozas da zona afeccionadas a este deporte e as aceleradas xestións ante a Federación Galega de Fútbol, permitiriron sacar a competición o que sería o primeiro conxunto de féminas na historia do Concello de Meis. Con Marcial Prado no banco estas rapazas experimentaron unha notable progresión durante as dúas últimas temporadas. A mellora na clasificación e o aumento no número de licenzas federativas constatan que o fervor polo fútbol feminino en A Armenteira se mantivo en continuo crecemento. Pero a marcha dun significativo número de xogadoras cara o Umia C.F., que posibilitará que a sociedade deportiva de Barrantes teña a próxima campaña un conxunto filial na Segunda División Feminina, a mesma na que veu militando o Armenteira C.F., obrigou a que o clube de O Leixo acometese unha profunda remodelación do equipo desta categoría de cara ao curso que se iniciará en menos dun mes.
A terceira destas iniciativas podería ser a creación dun equipo de categoría xuvenil. Dende a temporada 2011/2012 o Armenteira C.F. non contaba cunha formación nesta categoría. O intento fallido de construír un equipo no verán de 2016, rematou co envío por parte da Xunta Directiva dalgúns destes xogadores ao Umia C F., permitindo así que estes mozos puidesen seguir disfrutando deste deporte. Ao ano seguinte retomouse a empresa e foi posible grazas a un convenio de colaboración co clube de A Bouza que abranguía as categorías cadete e xuvenil. Segundo figuraba no tratado, o clube verdinegro cedía aos de Barrantes aos xogadores da etapa cadete que posuía, un número insuficiente para configurar un equipo que competise na liga, e conformábanse dous equipos na categoría xuvenil: o Armenteira C.F. na Segunda Autonómica Xuvenil, e o Umia C.F. na Primeira Autonómica Xuvenil. Os éxitos de maior renome deste proxecto común foron a disputa da fase de ascenso á Liga Gallega por parte do Umia C.F., na que finalmente non chegou a acadar os seus obxectivos, e o subcampionato na Copa Deputación de Pontevedra logrado polo Armenteira C.F. En tan curta etapa hai algúns feitos que destacaron pola súa repercusión e quedarán para a historia de ámbalas dúas entidades. Unha delas sería o gol en propia meta que o adestrador verdinegro Valentín Estévez "Tilín" ordenou encaixar aos seus xogadores despois de ter anotado un tanto a favor con dous rivais tirados sobre o terreo de xogo, e a outra sería a vitoria por catro goles a un, con só nove xogadores, fronte á S.D. Puentearnelas na primeira eliminatoria da Copa Deputación. A carencia de efectivos fixo que a Xunta Directiva descartase repetir proxecto nesta campaña. Foi, sen dúbida, unha experiencia enriquecedora, da que os dous clubes extraeron unha valiosa ensinanza, e que, de seguro marcará as vidas e a traxectoria deportiva de todos os que dalgunha maneira a viviron, moitos dos cales seguirán lucindo este curso a camisola vermella do Umia C.F.
Foron tres iniciativas que poden servir de resumo ao percorrido do Armenteira C.F. nos dous últimos anos, con Martín Casais na presidencia, e que curiosamente teñen en común o protagonismo da localidade veciña de Barrantes, centro urbano de referencia para as xentes de A Armenteira, e a participación do Umia C.F., clube que sempre mantivo unha estreita vinculación co Armenteira C.F., unhas relacións na que a amizade e a rivalidade conviviron a partes iguais. Coa bagaxe desta experiencia en apenas uns días dará comezo o terceiro proxecto de Martín Casais como máximo dirixente da entidade verde e negra. Despois dunha difícil temporada, na que o clube acadou o cumio en canto ao número de licenzas e equipos, e tras uns últimos meses frenéticos en canto a movementos, o Armenteira C.F. afronta o reto de renovarse, de renacer e de reafirmar un proxecto acostumado a coexistir con situacións nada favorables. Os problemas, habituais e típicos en calquera sociedade deportiva, sobre todo cando se acada o nivel da entidade do O Leixo na pasada campaña, aínda que sobredimensionados e sacados fóra de contexto, inducidos por caprichos e intereses particulares, por parte de persoas que actuaron sen ningún tipo de escrúpulos, provocaron a saída de varios destes xogadores e xogadoras. En tales circunstancias díficil é a tarefa que vén ocupando á Xunta Directiva durante as últimas semanas. Reunións, negociacións, posta en común de ideas... todo para recompoñer e completar un plantel de futbolistas e relanzar un proxecto, no que os máis importantes son precisamente eses, os e as futbolistas. O obxectivo é que ningún rapaz ou rapaza que desexe xogar no Armenteira C.F. quede sen poder facelo. Independentemente das súas capacidades e do seu nivel de evolución no proceso de formación futbolístico, o que se defende é un modelo inclusivo, que non descarta a ninguén e que conta coa voz e coa opinión a todos e todas. Eses son os rasgos que definen ao Armenteira C.F. e constitúen as bases sobre as que asentará un novo proxecto que se iniciará oficialmente co acto de presentación dos equipos para a temporada 2018/2019 que terá lugar este martes, 14 de agosto, a partires das 20:00 horas, no campo de O Leixo. Tratarase, en definitiva, do renacer dun soño ao que un día decidiron chamar Armenteira C.F.
sábado, 4 de agosto de 2018
Pola recuperación da fonte de Caroi
Caroi é, sen dúbida, un dos lugares máis singulares dos que compoñen a parroquia de A Armenteira. A imprecisión da moderna sinalización viaria e a procura da practicidade dos rexistros administrativos trataron durante as últimas décadas de anexionalo ao veciño lugar de Vilar, pero hai aspectos que lle confiren unha identidade propia e o converten nun enclave especial. As casas antigas de pedra, as rúas estreitas e proximidade ao entorno do mosteiro cisterciense, co cal aparece relacionado en algunhas lendas, fan de Caroi un dos núcleos de maior valor patrimonial dunha parroquia tan rica neste ámbito como é A Armenteira. A posta en funcionamento dende fai uns anos da Variante Espiritual do Camiño Portugués a Santiago de Compostela e o seu paso por esta pequena aldea, contribuiu a incrementar esta valía e deu a coñecer este fermoso lugar a persoas procedentes de diversas zonas tanto de España como do estranxeiro. E entre os elementos máis significativos cos que conta Caroi está a súa fonte. Próximo tamén ao conxunto arqueolóxico do Outeiro do Cribo, cos seus famosos petróglifos, e ao lexendario lugar de Valdedeus, este manancial viu como a auga deixaba de emanar durante as últimas semanas. A seca do verán e a falta de limpeza son as principais causas que están detrás de que este feito se producise. Foi a alerta veciñal e a mediación da Asociación de Veciños e Veciñas de A Armenteira a que conseguiu trasladar axiña a noticia ás autoridades do Concello de Meis para que intervisen coa maior premura posible e permitir así que tanto os numerosos peregrinos que transitan por esta idílica paraxe como os veciños e veciñas poidan volver disfrutar do servizo dunha fonte pública que leva séculos funcionando e que, ao igual que moitas outras fontes da parroquia, clama por unha urxente recuperación que asegure que o son da auga siga perdurando entre as pedras da aldea de Caroi.
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)