Buscar neste blog

domingo, 30 de setembro de 2018

Escaso acerto do Armenteira C.F. na estrea na Liga Feminina de fútbol-7

FICHA TÉCNICA
E.D.V.M. PEREIRÓ C.F. - ARMENTEIRA C.F. - 3 - 0
ARMENTEIRA C.F.:Anabel; Rocío, Lara; Banesa, Sara Torres, Fátima; e Paula. Tamén xogaron Sara Rey, Bea, Vanessa e Nerea.
GOLES: 1-0. Minuto 15.Lucía Atanes. 2-0. Minuto 19. Tamara Aguirre. 3-0. Minuto 58. Noelia Álvarez.
ÁRBITRO: Mondragón Mouta. Mostrou cartón amarelo a Beatriz Calzón por parte da E.D.V.M. Pereiró C.F.
INCIDENCIAS: Partido da primeira xornada da Liga Femina de fútbol-7. Grupo único, disputado no campo de Monte da Mina, de Castrelos, en Vigo, ante uns cincuenta espectadores, nunha tarde soleada e calorosa, e sobre un terreo de xogo nunhas condicións idóneas para a práctica do fútbol.

CRÓNICA
O novo proxecto do Armenteira C.F. para o equipo sénior feminino tivo unha difícil estrea. Moitas son as novidades de cara a esta temporada: unha nova competición, a Liga Feminina de fútbol-7, un balón distinto, neste caso da talla 4, un conxunto tremendamente renovado, cun gran número de incorporacións e, en definitiva, unha serie de cambios aos que lles vai custar adaptarse ás mozas que dirixen Marcial Prado e Júnior Tirado. O rival, a E.D.V.M. Pereiró, ao que venceran nas dúas ocasións nas que se viran as caras na pasada campaña, pero que viu incrementado o seu potencial coas fichaxes realizadas este verán, mostrou un maior dominio desta modalidade e, sobre todo, unha maior efectividade nas súas aproximacións á meta defendida por Anabel. Con todo, nos primeiros minutos a autoridade no xogo correspondeu ás de A Armenteira. Motivadas e exhibindo un maior espíritu de loita nos balóns divididos as rapazas do cadro visitante cercaban a área da E.D.V.M. Pereiró C.F., aínda que non eran quen de atopar ocos nin opcións claras de disparo. Abusando en exceso das conducións e falto de fútbol combinativo o Armenteira C.F. viviu o primeiro susto cando unha cesión a Anabel acabou co coiro nos pés dunha atacante viguesa ao errar no pase a gardamallas de Cambados. Soubo reaccionar Anabel e cunha oportuna estirada evitou o tanto local. Pero pouco puido facer a continuación nunha xogada na que Lucía Atanes, tras levarse de forma involuntaria o balón coa man, se prantou ante a meta verdinegra e conectou un potente lanzamento cara o fondo das mallas. Outro zapatazo, neste caso de Tamara Aguirre, resultaba imposible de alcanzar para Anabel e colocaba o dous a cero. Desmoralizadas e cansas polo traballo de presión ante un rival que se pouco a pouco se ía facendo dono da posesión, as rapazas do Armenteira C.F. foron cedendo terreo na segunda metade. Un penalti sinalado polo colexiado Mondragón Mouta tras unha man dentro da área era transformado por Noelia Álvarez para situar o tres a cero co que se chegaría ao sesenta minutos. Queda tempo por diante e moitos aspectos nos que mellorar para este grupo de xogadoras que a próxima fin de semana recibirán no campo de O Leixo ao C.D. Arcade F.F., que tampouco tivo fortuna na primeira xornada e caiu derrotado no seu feudo de O Salgueirón fronte ao C.Mamis Arnelas-Ribadumia.







sábado, 29 de setembro de 2018

O Armenteira Veteranos logra a primeira vitoria da temporada fronte á A.C.D. Monte Xesteiras

FICHA TÉCNICA
ARMENTEIRA VETERANOS - GEDESEGU-A.C.D. MONTE XESTEIRAS - 1 - 0
ARMENTEIRA VETERANOS: Sirra; Portas, Óscar Barreiro, Óscar Muñiz, Richi; Carlos, Marcos, Javi; Pellejo, Martín e Manueliño. Tamén xogaron Jose Outón e Galiñanes.
GOLES: 1-0. Minuto 13. Javi
ÁRBITRO: Cacabelos Iglesias. Mostrou cartóns amarelos a Martín, Manueliño, Portas e Óscar Muñiz por parte do Armenteira Veteranos e a  Miguel Mosteiro e Juan Lamiño por parte do Gedesegu-A.C.D. Monte Xesteiras. Expulsou con cartón vermello directo a Galiñanes por parte do Armenteira Veteranos.
INCIDENCIAS: Partido da cuarta xornada da Segunda Galicia de Veteranos. Grupo 1, disputado no campo de O Leixo, ante uns quince espectadores, nunha tarde soleada e calorosa, e sobre un terreo de xogo nunhas condicións aceptables para a práctica do fútbol.

CRÓNICA
O Armenteira Veteranos logrou estrear o seu casilleiro de puntos na temporada 2018/2019. Foi tras lograr a primeira vitoria do que vai de campaña, nun partido frouxo e con escaso ritmo, no que se mostrou lixeiramente superior ao seu rival, o Gedesegu-A.C.D. Monte Xesteiras. Os minutos iniciais foron de tanteo, aínda que non tardou en adiantarse o cadro local. Unha excelente cabezada de Javi despois dun saque de córner serviu para poñer en vantaxe aos verdinegros. A tranquilidade e o reforzo moral que daba o marcador permitiron que o Armenteira Veteranos se sentise cada vez con maior comodidade sobre o terreo de xogo e incluso dispuxese dalgunha ocasión para ampliar a súa bagaxe. Pero os de O Leixo seguen botando en falta a Jorge Castro, o seu gran referente en ataque durante as últimas temporadas, que, por motivos laborais, estará uns meses alonxado do equipo. Apenas inquedaron os de Cuntis a meta defendida por Sirra na primeira metade e por Jose Outón na segunda. Nun encontro tranquilo e sen apenas sobresaltos a tensión e a emoción quedaron reservadas para o treito final. Un rife-rafe tras unha falta cometida sobre Galiñanes, acabaría coa expulsión do dianteiro de Valboa, despois de que este se revolvera e empurrara a un contricante. Cun futbolista sobre o campo os locais viron como se poñía en perigo o primeiro triunfo da temporada. No tempo engadido Óscar Muñiz derrubaba a un atacante rival na área e Cacabelos Iglesias decretaba penalti. Ante a expectación dos asistentes o potente lanzamento do xogador visitante foi enviado contra o pau longueiro tras rozar os dedos do gardamallas Jose Outón. Con esta vitoria o Armenteira Veteranos sitúase na décimo terceira posición, á espera de rendir visita o próximo sábado ao Sisán Veteranos, que ocupa o décimo segundo posto cos mesmos puntos que o conxunto verde e negro.



domingo, 23 de setembro de 2018

Os sete magníficos

Os sete magníficos é o título dunha película estreada 1960, pertencente ao xénero western, da que recentemente se ten feito un remake, e que conta a historia dos habitantes dun pobo mexicano que, ante os constantes ataques dos bandidos, deciden contratar os servizos de sete hábiles pistoleiros. Sen pistolas, sen colleitas que defender e sen extorsións contra as que loitar sete foron tamén os magníficos que este sábado, 22 de setembro, defenderon as cores e o orgullo do Armenteira Veteranos. Nun momento no que o fútbol en A Armenteira vive unha profunda crise, no que os caprichos e os intereses particulares de determinada xente e as estratexias de captación de futbolistas das categorías de base absolutamente depredadoras por parte de representantes de clubes veciños afectaron gravemente a entidades como o Armenteira C.F., a osadía e o mérito da actuación dalgunhas personas é digna de recoñecemento. Joserra, Portas, Javi, Martín, Pellejo, Galiñanes e Manueliño son os nomes destes singulares heroes. Cuestións laborais, problemas de saúde e ocupacións diversas deixaron seriamente mermado ao Armenteira Veteranos para esta temporada, situación que se viu empeorada polo desenvolvemento nestas datas das tarefas de vendima. Trátase dunha época na que, ano tras ano, o conxunto verdinegro afronta a difícil misión de reunir os xogadores suficientes para disputar os partidos. Pero nesta ocasión eran sete os que se presentaron no campo de A Reiboa, en Poio. Non acudían a practicar fútbol-sala, futbito ou un partido dunha liga de fútbol-7. O que se xogada era o encontro da terceira xornada do grupo 1 da Segunda Galicia de Veteranos, unha competición na que o número de participantes é loxicamente de once. Cunha cifra tan reducida de homes, no límite do permitido polo regulamento, e fronte a un adversario, o Poio-Bar Monterrei, cun notable potencial e cun banco de suplentes completo, estes modestos e entregados futbolistas correron, presionaron, pelexaron ao máximo e incluso conseguiron trenzar algunha xogada que inquedase ao meta rival. O resultado, como era de agardar, non foi favorable, aínda que, por enriba de todo, o máis importante e o que quedará para a lembranza será a valía e o acto heroico destes sete magníficos que o sábado, 22 de setembro de 2018, se vestiron co uniforme verde e negro.



sábado, 22 de setembro de 2018

O fútbol volve á casa

Football´s coming home é o título dunha famosa canción do grupo Three Lions creada para a Eurocopa que en 1996 se celebrou en Inglaterra. O tema, contrariamente ao que poderiamos pensar, non é un himno de apoio, senón que fai referencia, de forma satírica, á traxectoria durante as décadas anteriores á celebración desa competición da selección representativa do país no que se inventou o fútbol . Tras o triunfo no mundial de 1966, que precisamente tivo lugar en Inglaterra, a historia desta selección nos campionatos internacionais foi unha historia de constantes fracasos e decepcións, un rumbo que tampouco cambiou na Eurocopa de 1996, na que, tras eliminar a España no cruce de cuartos de final, sucumbiu ante Alemaña nas semifinais, curiosamente tras un penalti errado por Gareth Southgate, actual seleccionador do combinado dos tres leóns. "It`s coming home. It`s coming home. It`s coming home. Football´s coming home" non parou dende entón de soar nos estadios de todo o mundo. Fiel ao seu compromiso coa cultura do fútbol máis tradicional e auténtica, este tema tamén se deixará oír en O Leixo. Tras máis de tres meses sen partidos de competición oficial, o Armenteira C.F. volverá disputar como local un encontro esta fin de semana. O encargado de abrir o telón da nova temporada para o clube será o equipo infantil que, este domingo, a partires das 11:30 horas, recibe á E.D. Poio. Foi un verán tremendamente duro e difícil para a entidade que preside Martín Casais, no que unha serie de turbulencias provocaron unha significativa redución no número de licenzas e equipos. En tales circunstancias o obxectivo principal non podería ser outro que sobrevivir, e isto foi posible grazas á resistencia, á fe e ao amor polas cores da Xunta Directiva e dalgúns pais, nais e xogadores e xogadoras, que decidiron permanecer na casa que un día os acolleu cos brazos abertos e que sempre procurou, na medida das súas escasas posibilidades, proporcionarlles os medios máis axeitados para a práctica e o disfrute deste deporte e, sobre todo, intentou darlles un tratamento cercano e familiar e un cariño que resulta moi compricado atopar noutros lares. A fidelidade e o esforzo de toda esa xente permitirán que este domingo o Armenteira C.F. volva en competición oficial á que é e nunca deixará de ser a súa casa.




sábado, 15 de setembro de 2018

A falta de gol condena ao Armenteira Veteranos fronte á S.C.D. Terras de Curro

FICHA TÉCNICA
ARMENTEIRA VETERANOS - S.C.D. TERRAS DE CURRO - 0 - 1
ARMENTEIRA VETERANOS: Óscar Portas; Moncho, Óscar Muniz, Óscar Barreiro, Richi; Marcos, Carlos, Javi: Marcial, Joseíño e Manueliño. Tamén xogaron Galiñanes e Manolo.
GOLES: 0-1. Minuto 16. Julio
ÁRBITRO: Abalde Pereira. Mostrou cartóns amarelo a Manueliño por parte do Armenteira Veteranos e a Jesús Moreira por parte da S.C.D. Terras de Curro.
INCIDENCIAS: Partido da segunda xornada da Segunda Galicia de Veteranos. Grupo 1, disputado no campo de O Leixo, ante uns quince espectadores, nunha tarde soleada e calorosa, sobre un terreo de xogo nunhas condicións aceptables para a práctica do fútbol.

CRÓNICA
O Armenteira Veteranos sacou escaso rédito do partido que disputou na tarde deste sábado. Pouco resultado lle deu o dominio exercido durante boa parte dos minutos. A falta de gol, unida á extraordinaria eficacia que mostrou a S.C.D. Terras de Curro, que conseguiu marcar nunha das escasas ocasións nas que se achegou ás inmediacións da meta defendida por Portas, acabaron desencadeando unha cruel derrota para o conxunto local. Asumindo dende o inicio o control do xogo, o Armenteira Veteranos, estivo falto de claridade. As dificultades para trenzar xogadas en ataque, a relativa tranquilidade coa que viviu Fernando Gómez, un ex-árbitro metido agora a futbolista da liga de veteranos, e a ineficacia nos contados remates á portería rival, foron unha constante durante os noventa minutos. Pola súa contra, Portas, gardamallas accidental, debido á ausencia de varios compoñentes do plantel verdinegro, apenas tivo que intervir. Unha das primeiras oportunidades na que que tivo que facelo foi nunha acción polémica, na que os corpos do atacante de Curro e do xogador de Paradela impactaron na área local. As reclamacións dos visitantes non foron tidas en conta por Abalde Pereira. Pouco despois, Julio, enganchando unha media chilena colocaba por diante aos seus. De nada serviron os intentos por lograr a igualada do Armenteira Veteranos. A escaseza de ideas e de resolución nos metros finais impediron que puidesen acadar o que sería o primeiro tanto da temporada. Moito están botando en falta os de O Leixo a Jorge Castro, a gran referencia en ataque da escadra verdinegra nas últimas temporadas e un dos futbolistas que máis marcaba a diferencia nesta competición. Co cero a un final o clube de A Armenteira pecha a clasificación tras dúas xornadas disputadas. A próxima cita para o conxunto verde e negro será o sábado, 22 de setembro, no campo de A Reiboa, ante o Poio-Bar Monterrei, un equipo que ocupa a terceira posición con catro puntos.





venres, 14 de setembro de 2018

Penúltimo paso cara un novo reto

Poucas persoas crían que o equipo sénior feminino do Armenteira C.F. sairía a competir esta temporada. Fugas, marchas masivas, desercións, abandonos... todo un cúmulo de circunstancias, totalmente desfavorables, facían case imposible pensar que o terceiro proxecto para esta categoría do clube de O Leixo tivese algo de viabilidade. Entre as dificultades, as penas e a angustia que esta situación provocou a Xunta Directiva afrontou o que quizais foi o verán máis compricado da súa historia. A deslealdade dalgunhas persoas e doutros clubes poñían en perigo a continuidade dunha entidade á que a escaseza de recursos e de apoios fan que a supervivencia sexa o principal obxectivo que co parte cada temporada. Acostumados a resistir en condicións adversas, os dirixentes verdinegros non desistiron. Co respaldo da xente máis fiel, afección e futbolistas, que non se deixou engatusar polas tentadoras ofertas que chegaban dende outros lares, a familia do Armenteira C.F. logrou sobrevivir. Transcurrido máis dun mes dende a presentación e a volta ao traballo, unha longa pretemporada con adestramentos, pachangas e partidos amigables, a fin de semana do 22 de setembro será a gran cita. Pero antes, este domingo, 16 de setembro, a partires das 18:00 horas, no campo de A Senra, en Ribadumia, e fronte ao C. Mamis Arnelas, terá lugar a estrea nun encontro amigable desta nova andaina. Tras o ensaio ante o C.D. Mosteiro do mércores, 7 de setembro, o conxunto que dirixen Marcial Prado e Júnior Tirado aborda o penúltimo paso cara unha nova campaña. Será o penúltimo, porque o último darase durante a próxima semana, cando se den a coñecer os últimos detalles da liga feminina de fútbol-7 na que participará esta temporada o Armenteira C.F. e se afine a preparación para un reto que resultará aínda máis esixente e motivador.


Con respecto gañamos tod@s

"Con respecto gañamos tod@s". Ese é o lema no que se fundamenta o partido amigable que disputarán este domingo, 16 de setembro, a partires das 11:30 horas, os equipos de categoría infantil do Barro C.F. e do Armenteira C.F. O campo Municipal de Meis, a medio camiño entre as localidades de referencia de ámbolos dous clubes, é o escenario elixido para este partido polo respecto, a irmandade e a tolerancia. As excelentes relacións entre as Xuntas Directivas facilitou a organización dun evento que veñen preparando dende fai unhas semanas e que pretende reforzar os lazos entre dúas entidades veciñas, caracterizadas pola modestia e a humildade, e que tratan de centrar na transmisión de valores as tarefas de educación e formación a través do deporte que desenvolven. Nunha época na que o fútbol se está convertendo cada vez máis nun espectáculo, nun suculento negocio e nun campo de ambicións desmedidas das que tampouco son alleas as categorías de base, con clubes que acrecentan os equipos, as licenzas e os resultados dos seus conxuntos de iniciación deixando de lado os valores e os vínculos de respecto e irmandade, Barro C.F. e Armenteira C.F., coa colaboración do C.D. Mosteiro, deciden aliarse, confraternizar e disfrutar en común mediante un acto co que pretenden deixar claro que o fútbol nunca debe ser motivo de enfrontamento e de discordia. Unidade, amizade, respecto e tolerancia entre os nenos e nenas, e entre todas as persoas que orbitan arredor deste deporte, serán os eixes da xornada que se vivirá este domingo en O Mosteiro.


mércores, 12 de setembro de 2018

Segue a busca de Fito

Está sendo unha semana desgraciada en A Armenteira en canto a desaparición de mascotas, máis concretamente de cans. Se o sábado era Gastón, un bulldog americano, o que fuxía do seu domicilio no lugar de Valboa, asustado polo ruído dos foguetes, e o luns era Nacho, outro can da raza bulldog, o que se perdía nas proximidades do seu fogar no lugar de Vilar, agora é Fito, un can da raza pinscher, o que se atopa desaparecido. Alarmada pola falta da súa mascota, a súa propietaria, Marina, unha veciña de Castiñeira, comezou a difundir a noticia polas redes sociais. Fito é un can de pequeno tamaño, de oito anos de idade e que pesa 1,2 quilogramos. Ademais, está provisto de microchip e padece un problema nas cadeiras. Tras o feliz regreso de Nacho á súa casa e mentres continúa a busca de Gastón, ao que din ter visto pola Ruta da Pedra e da Auga, o chamamento á colaboración veciñal céntrase tamén a partires deste mércores no rastrexo da parroquia para tratar de localizar a Fito.



martes, 11 de setembro de 2018

Nacho regresa ao seu fogar

Nacho, un can da raza bulldog que foi atopado na tarde deste luns por un grupo de rapaces na Ruta da Auga e da Pedra axiña regresou ao seu fogar. Manu, Javi e Íñigo volvían de pasar a tarde no entorno do mosteiro cisterciense e, a metade de camiño, uníuselle un acompañante. A presenza do bulldog chamou a atención destes nenos, que aínda se quedaron máis sorprendidos cando o animal os seguiu no seu percorrido ata o lugar de Couso. Ao chegar á casa as súas familias enseguida se mobilizaron para atopar o domicilio do can que, dado o aspecto que presentaba, aparentaba estar perdido. As mensaxes nos grupos de whatsapp e a difusión da noticia polas redes sociais fixeron que en menos dun día Nacho se reencontrase co seu propietario, unha persoa que reside nas proximidades do C.E.I.P. de Armenteira e que puido poñer fin a unhas horas de angustia e preocupación pola desaparición da súa mascota.


luns, 10 de setembro de 2018

Desaparecido un bulldog americano no lugar de Valboa

Cando A Armenteira comezaba a celebrar a festa da Pastora e o grupo de gaitas Os Terribles de Arousa  percorría os distintos recunchos da parroquia, na mañá do sábado, 8 de setembro, Gastón, un bulldog americano, asustado polo ruído que producía o estourido dos foguetes, decidiu fuxir do seu fogar na procura dun refuxio máis tranquilo. Nese momento, os seus propietarios, unha parella residente no lugar de Valboa, non foron conscientes da súa marcha, e, minutos despois, tras percatarse do sucedido, pensaron que non tardaría en regresar. Pero, pasaron xa tres días e seguen sen ter noticias de Gastón. Os anuncios nos grupos de whatsapp e nas redes sociais non deron resultado, e a ausencia deste fiel compañeiro está provocando que a preocupación de Ricardo e Eva vaia en aumento. Desesperados, decidiron facer un chamamento a todas aquelas persoas que puidesen ter visto a súa mascota, que, no caso de atopalo, deben poñerse en contacto con eles a través do número de teléfono 649452799.


Atopan perdido un can na Ruta da Pedra e da Auga

A Ruta da Pedra e da Auga é unha ruta na que adoitan atoparse numerosas mascotas, cans na súa maior parte. Normalmente soen ir acompañados dos seus donos, e, como marca a lei, provistos de correa. Pero, lamentablemente, noutras ocasións o que se atopan son animais abandonados. Cans e gatos son deixados á súa sorte nun entorno coma este, en zonas apartadas e lonxe das miradas doutras persoas, evitando que tales tropelías sean denunciadas. Con todo, o que ocorriu este luns, 10 de setembro, foi algo distinto. Tres rapaces, veciños de A Armenteira, que regresaban á súa casa tras unha visita aos arredores do mosteiro cisterciense, atoparon un extrano acompañante. Trátabase dun can, da raza bulldog, que vagaba solto e perdido por este popular sendeiro. Alarmados pola súa presenza e por dar co animal nesas circunstancias, non dubidaron en agarralo e levalo con eles de volta aos seus fogares. De forma provisional, se non da aparecido o propietario, o domicilio dun destes mozos será o lugar de acollida do bulldog, ata que, na mañá deste martes, persoal de CAAN, o Centro de Acollida de Animais de Armenteira, o traslade ás súas instalacións, situadas ao pasar a aldea de O Busto, na estrada que conduce a Dorrón e Samieira. No caso de que aparecese o dono, só ten que poñerse en contacto coa familia que o acolleu, a través do número de teléfono 617441465, o co centro CAAN, a través dos números de teléfono 986140360 ou 981953558.


domingo, 9 de setembro de 2018

Aceptable actuación do equipo infantil do Armenteira C.F. en Baltar de Arriba

O equipo infantil do Armenteira C.F. tivo unha aceptable actuación no partido que o enfrontou ao C. Xuventú Sanxenxo na mañá deste sábado, 8 de setembro, no campo de Baltar de Arriba. Era unha cita compricada, dado o potencial do rival, un conxunto formado mediante a colaboración do A. X. Saraiba do Mar e o C. Xuventú Sanxenxo, o que lle permitiu configurar un grupo de futbolistas numeroso e con nivel máis ca considerable. O cadro verdinegro, dirixido nesta ocasión por Jorge G., presentou un once inicial con Sergio Matilde en portería, Sara Rey, Álex Grigorio, Víctor e Irene Pesqueira en defensa; Andrés como medio defensivo, Mateo e Íñigo como volantes, Manu Meixús e Júnior polos costados e Ramón como referencia en ataque. No banco de suplentes, agardando a súa oportunidade, estiveron Villar, David, Irene Varela, Javi e Carlos. Dende o inicio o C. Xuventú Sanxenxo fíxose dono da situación. En base a un fútbol combinativo, no que primaba o toque sobre a finalización, o cadro local movía o balón con soltura ao longo do extenso terreo de xogo do campo da parroquia de Adina. Ante isto, o Armenteira xogaba as súas cartas. Mantendo a orde e a colocación no campo, o conxunto que adestran Fran Filgueira "Pacheco" e Jorge G. repelía con relativo éxito as constantes acometidas dos de Sanxenxo. A agresividade e a contundencia da liña defensiva e a notable actuación, unha vez máis, de Sergio Matilde baixo paus, eran suficientes para manter a meta a cero nestes primeiros minutos. Manu Meixús, culminando un contraataque, adiantaría aos visitantes, aínda que non tardaría en reaccionar a escadra amarela e axiña lograba poñer a igualada no marcador. Íñigo tras unha dura pugna cun defensor local, volvería situar por diante ao Armenteira C.F. A partires de entón o C. Xuventú Sanxenxo foi impoñendo a súa superioridade para ir marcando pouco a pouco distancias. Con todo, non faltaron as ocasións para os de O Leixo, a máis clara delas nos pés de Mateo, que acabou impactando o balón contra o corpo dun adversario. O seis a dous co que remataron os oitenta minutos fixo xustiza ao visto sobre as instalacións deportivas dunha das principais vilas turísticas de Galicia, que ademais, ao igual que ocorría en A Armenteira, vivía unha das súas principais citas festivas do calendario anual, neste caso co motivo da celebración da tradicional XXXIV Concentración Mototurística Internacional de Sanxenxo. A próxima fin de semana, concretamente o domingo, 16 de setembro, a partires das 11:30 horas, no campo Municipal de Meis, o equipo infantil do Armenteira C.F. continuará coa súa preparación de cara a unha temporada que comezará en apenas dúas semanas, e farao no encontro que o medirá ao Barro C.F. As excelentes relacións que manteñen as dúas entidades convertirán o partido non só nunha oportunidade para disfrutar e seguir aprendendo os múltiples segredos que agocha este deporte, senón que tamén será unha xornada de convivencia e irmandade, para a cal as Xuntas Directivas de ámbolos dous clubes están preparando unha serie de actividades que darán a coñecer ao longo da semana.







venres, 7 de setembro de 2018

O Armenteira Veteranos vaise fóra do continente para iniciar oficialmente a temporada

En tempos nos que se debate e se crea polémica polas pretensións da Liga de Fútbol Profesional e do seu presidente, Javier Tebas, de disputar partidos da Primeira División Española nos Estados Unidos o Armenteira Veteranos non quere ser menos e abrirá o telón da nova temporada máis aló do continente europeo. O escenario deste punto de partida non será tan lonxano como as terras de Norteamérica, senón un dos municipios máis fermosos dos que existen no litoral de Galicia, curiosamente o único insular na súa totalidade, como é o de A Illa de Arousa. En fronte terá a un dos rivais máis esixentes dos que compoñen o grupo 1 da Segunda Galicia de Veteranos, o Céltiga F.C., un conxunto que vén de ascender á categoría esta temporada tras unha traxectoria impecable, que lle valeu para acadar o título de campión do seu grupo da Terceira Galicia de Veteranos. Dado o seu enorme potencial os da Arousa tamén figuran para esta campaña entre os máximos candidatos a ocupar os postos altos da táboa. Pola súa contra, a escadra verdinegra, moi mermada de efectivos, e que probablemente non poderá contar co seu principal referente en ataque nos últimos anos, Jorge Castro, parte co obxectivo principal de manter a categoría. A primeira cita para ir sumando puntos que permitan lograr esta meta será este sábado, 8 de setembro, a partires das 17:00 horas, sobre o terreo de céspede artificial do campo de A Bouza. Cando restan apenas dúas semanas para que os equipos do Armenteira C.F. inicien a temporada o partido deste sábado significará a volta, tres meses despois, dun equipo da parroquia á competición oficial.





domingo, 2 de setembro de 2018

Estrea con triunfo do equipo infantil do Armenteira C.F. no Trofeo San Ero´2018

O equipo infantil do Armenteira C.F. logrou vencer por cinco goles a catro á C.D. Portas no Trofeo San Ero´2018, que se disputou na mañá deste sábado, 1 de setembro, no campo de O Leixo. Era a estrea do proxecto para esta categoría que esta temporada dirixirán Fran Filgueira "Pacheco" e o seu axudante Jorge, polo que a expectación era máxima. E non defraudou o conxunto verdinegro. Cun once inicial formado por Sergio Matilde en portería, Villar, Víctor, David e Javi en defensa, Andrés por diante da liña defensiva, Mateo e Íñigo como medios creativos, Manu Meixús e Irene nos costados e Carlos en ataque o conxunto de O Leixo presentou unha imaxe bastante renovada. No banco de suplentes, agardando a súa oportunidade, estaban Sara Rey, Júnior e Ramón. O encontro foi relativamente equilibrado, con alternativas por ámbolos dous bandos. A C.D. Portas, dirixida por Chiscas, trataba de practicar un maior fútbol-control, mentres que o Armenteira C.F. buscaba aproveitar a velocidade dos seus futbolistas de ataque e armaba contragolpes, que nalgún caso chegaron a ser mortais para a escada das terras do Umia. Nunha desas transicións rápidas Manu Meixús definía con mestría e adiantaba ao cadro local. Unha pena máxima permitiría que a C.D. Portas acadase a igualada. Pouco despois, Íñigo, mediante un sobervio lanzamento de falta, colacaba de novo en vantaxe aos seus. Júnior e Manu Meixús noutras xogadas de rápidos contraataques e Íñigo rompendo dende o mediocampo lograron os restantes tantos para o Armenteira C.F., unha bagaxe que aínda puido ser maior se Júnior convertese o penalti que sobre el cometeu un defensor visitante e que sinalou o colexiado circunstancial, Martín Casais. A endebleza e a falta de contundencia defensiva deu marxe a emoción e fixo que os de Portas recurtasen distancias na recta final. Foi sen dúbida, unha estrea esperanzadora para este novo proxecto, unha das principais apostas para esta campaña dun Armenteira C.F. que viviu un verán difícil, que chegou a poñer en perigo a súa continuidade. A fe, a firmeza e a forza de vontade da Xunta Directiva, e o apoio recibido por parte dalgúns futbolistas e dalgúns pais e nais, que mostraron o seu serio compromiso coas cores verdinegras, fixo posible superar un conflito xurdido duns intereses particulares, no que interviron diversos actores, que serviu de experiencia e da cal a entidade pretende aprender e saír fortalecida de cara o futuro. A próxima cita para o Armenteira C.F., e tamén para o seu conxunto de categoría infantil será no partido do próximo sábado, 8 de setembro, no campo de Baltar de Arriba, ante o C. Xuventú Sanxenxo.