FICHA TÉCNICA
ARMENTEIRA VETERANOS - GEDESEGU-A.C.D. MONTE XESTEIRAS - 1 - 0
ARMENTEIRA
VETERANOS: Sirra; Portas, Óscar Barreiro, Óscar Muñiz, Richi; Carlos, Marcos, Javi; Pellejo, Martín e Manueliño. Tamén xogaron Jose Outón e Galiñanes.
GOLES: 1-0. Minuto 13. Javi
ÁRBITRO: Cacabelos Iglesias. Mostrou cartóns amarelos a Martín, Manueliño, Portas e Óscar Muñiz por parte do Armenteira Veteranos e a Miguel Mosteiro e Juan Lamiño por parte do Gedesegu-A.C.D. Monte Xesteiras. Expulsou con cartón vermello directo a Galiñanes por parte do Armenteira Veteranos.
INCIDENCIAS:
Partido da cuarta xornada da Segunda Galicia de Veteranos. Grupo 1,
disputado no campo de O Leixo, ante uns quince espectadores, nunha tarde
soleada e calorosa, e sobre un terreo de xogo nunhas condicións
aceptables para a práctica do fútbol.
CRÓNICA
O Armenteira Veteranos logrou estrear o seu casilleiro de puntos na temporada 2018/2019. Foi tras lograr a primeira vitoria do que vai de campaña, nun partido frouxo e con escaso ritmo, no que se mostrou lixeiramente superior ao seu rival, o Gedesegu-A.C.D. Monte Xesteiras. Os minutos iniciais foron de tanteo, aínda que non tardou en adiantarse o cadro local. Unha excelente cabezada de Javi despois dun saque de córner serviu para poñer en vantaxe aos verdinegros. A tranquilidade e o reforzo moral que daba o marcador permitiron que o Armenteira Veteranos se sentise cada vez con maior comodidade sobre o terreo de xogo e incluso dispuxese dalgunha ocasión para ampliar a súa bagaxe. Pero os de O Leixo seguen botando en falta a Jorge Castro, o seu gran referente en ataque durante as últimas temporadas, que, por motivos laborais, estará uns meses alonxado do equipo. Apenas inquedaron os de Cuntis a meta defendida por Sirra na primeira metade e por Jose Outón na segunda. Nun encontro tranquilo e sen apenas sobresaltos a tensión e a emoción quedaron reservadas para o treito final. Un rife-rafe tras unha falta cometida sobre Galiñanes, acabaría coa expulsión do dianteiro de Valboa, despois de que este se revolvera e empurrara a un contricante. Cun futbolista sobre o campo os locais viron como se poñía en perigo o primeiro triunfo da temporada. No tempo engadido Óscar Muñiz derrubaba a un atacante rival na área e Cacabelos Iglesias decretaba penalti. Ante a expectación dos asistentes o potente lanzamento do xogador visitante foi enviado contra o pau longueiro tras rozar os dedos do gardamallas Jose Outón. Con esta vitoria o Armenteira Veteranos sitúase na décimo terceira posición, á espera de rendir visita o próximo sábado ao Sisán Veteranos, que ocupa o décimo segundo posto cos mesmos puntos que o conxunto verde e negro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario