Buscar neste blog

martes, 28 de maio de 2019

Armenteira prepárase para unha nova edición do seu San Xoán

En menos dun mes a parroquia de A Armenteira volverá vestirse de festa. A tradicional celebración do San Xoán, que dende fai tres anos a Asociación de Veciños e Veciñas de A Armenteira quixo converter nun evento común a toda a veciñanza da parroquia e dos arredores, repetirase en 2019. Segundo indican dende a sociedade veciñal os primeiros pasos para a organización deste festexo xa están dados. Na noite do domingo 23 ao luns 24 de xuño o lume da fogueira alumeará de novo o campo da festa. O programa non variará en exceso respecto doutras edicións. O churrasco, as sardiñas, a empanada, o viño, os refrescos ou os postres, acompañados de música e dunha barra para copas, todo elo a prezos asequibles, non faltarán á cita nun acto festivo que agarda congregar a centos de persoas que disfrutarán arredor da fogueira e de forma conxunta da noite máis curta, pero máis máxica e feiticeira do ano.

venres, 24 de maio de 2019

A Copa do campionato de liga infantil lista para entregar ao Armenteira C.F.

A delegación de Pontevedra da Real Federación Galega de Fútbol vén de confirmar que o campionato de liga do grupo 62 da Segunda autonómica infantil que acadou a pasada fin de semana o equipo desa categoría do Armenteira C.F. terá o seu merecido agasallo en forma dunha Copa que será entregada nos próximos días. Só falta que a Xunta Directiva do clube verdinegro acorde fixar unha data para que unha representación da máxima institución do fútbol local se desprace ata A Armenteira para entregar un trofeo que servirá de recompensa ao enorme esforzo deste grupo de rapaces e rapazas e do corpo técnico que forman Fran Filgueira "Pacheco" e Jorge Gómez. Tratarase dun acto de homenaxe ao plantel que este ano representou a longa traxectoria do fútbol base do Armenteira C.F., que se iniciou aló por 1995 baixo a batuta de Julio Serén e José Gómez "Barreiras", e que este verán viviu uns momentos tremendamente difíciles, pero que grazas ao apoio e á implicación de pais, nais e toda a gran familia que compón a familia verdinegra logrou saír adiante con éxito. Agora queda planificar a próxima temporada, tarefa que na que xa está traballando a Xunta Directiva, coa idea de repetir o proxecto de colaboración a nivel municipal que tan bos resultados deu esta campaña.


+

sábado, 11 de maio de 2019

Remontada do Armenteira C.F. infantil en Barro para situarse a un paso do título

BARRO C.F. - ARMENTEIRA C.F. - 2 - 2
ARMENTEIRA C.F. Sergio; Víctor, Álex, Fran, Carlos; Andrés, Javi; Mateo, Íñigo, Júnior; e Manu Meixús. Tamén xogaron Irene Pesqueira, Villar, David, Ramón e Irene Varela.
GOLES:1-0. Minuto 7. Hugo Alfonso. 2-0. Minuto 45. Nazaret Díaz. 2-1. Minuto 46. Manu Meixús. 2-2. Minuto 53. Manu Meixús.
ÁRBITRO: Arosa Martínez. Mostrou cartón amarelo a Fran por parte do Armenteira C.F. e cartón vermello a Hugo Alfonso por parte do Barro C.F.
INCIDENCIAS: Partido da décimo cuarta xornada da Segunda autonómica infantil. Grupo 62, disputado no campo de Outeiro-Perdecanai, en Barro, ante uns douscentos espectadores, nunha tarde soleada e calorosa, e sobre un terreo de xogo nunhas condicións moi aceptables para a práctica do fútbol.

CRÓNICA
O equipo infantil do Armenteira C.F. sitúase a un paso do título do grupo 62 da Segunda autonómica infantil tras o empate a dous tantos acadado na tarde deste sábado no campo de Outeiro-Perdecanai ante o conxunto local do Barro C.F. Foi nun tenso e emocionante encontro, que congregou a unha numerosa afección, tanto dun como do outro bando. Ocupando o primeiro posto o Armenteira C.F. e o segundo o Barro C.F., con dous puntos menos, e sendo actualmente os dous únicos aspirantes ao campionato, era moito o que se xogaban esta xornada. De resultar gañador o cadro local contaría con moitas posibilidades de facerse co campionato de liga, mentres que de vencer o Armenteira C.F. resultaría campión xa de forma matemática. A tensión e o nerviosismo eran evidentes dende o primeiro minuto. Atenazado e preso da presión do partido o Armenteira C.F. comezou moi impreciso. Con maior corpulencia na maior parte dos xogadores e con maior poderío físico, o Barro C.F. asumiu o dominio nos primeiros intres do encontro. Recurría á súa arma máis poderosa, a gran velocidade en ataque de Nazaret Díaz. De pouco parecía servir a especial vixianza a este futbolista que deseñaran o cadro  técnico que compoñen Fran Filgueira "Pacheco" e Jorge Gómez. Tras un primeiro aviso do atacante de Barro, que enviou o coiro ao lateral da rede da portería defendida por Sergio, un erro no despexe dos centrais verdinegro deu co balón nos pés de Nazaret, que tivo que ser derrubado por Fran no borde da área cando enfilaba o camiño para a portería dos de A Armenteira. Unha falta necesaria pola que recibiu cartón amarelo o central de Silván, e que sería executada de forma acertada por Hugo Alfonso, colocando por diante aos locais. Co marcador a favor, o Barro C.F. baixou o ritmo ao tempo que os visitantes foron adiantando liñas e ían achegándose á portería contraria. De novo era Manu Meixús a principal referencia do ataque verdinegro, e non tardaría moito o dianteiro de Couso en deixar mostras da súa gran calidade, dando o primeiro susto á afección de Barro nunha ocasión na que logrou desfacerse de varios rivais. Só as luvas do orondo gardamallas local Damián evitaron o empate. Pouco a pouco ía collendo confianza o Armenteira C.F., que agora, con Íñigo na posición de central, sufría menos en defensa. Pero nada máis iniciarse o segundo período, unha serie de erros á hora de despexar por parte dos defensores verdinegros permitiu que Nazaret se fose en velocidade e batese novamente a Sergio. Non tardou en reaccionar o cadro visitante, e Manu Meixús, culminando unha xogada individual, recurtaba distancias. Alentado polos berros de ánimo da afección, que entonando o "sí se puede" trataba de empurralos cara adiante, os rapaces e rapazas do Armenteira C.F. comezaron a crer na remontada. E sería outra vez Manu Meixús o encargado de superar a Damián para situar a igualada. Transcurriron a partires de entón uns minutos de relativa tranquilidade para os visitantes, que incluso gozaron dalgunha ocasión para colocarse por diante no marcador. As esperanzas verdinegras pareceron esvaecerse nunha acción na que a afección do Barro C.F. chegou a celebrar fervorosamente o gol, liberando o estrés acumulado ao longo do partido. Pero o tanto foi anulado polo colexiado Arosa Martínez, decretando fóra de xogo. Os últimos minutos foron de tremendo suspense, con ataques constantes do Barro C.F., algúns sacados baixo paus pola defensa visitante, aínda que con gran tesón, e cun sacrificio e cun  esforzo colectivo admirable, ante un rival de enorme esixencia, os rapaces e rapazas do equipo infantil do Armenteira C.F. lograron arrincar un empate que os deixa nunha situación inmellorable de cara a alzarse co campionato de liga. Resta unicamente unha xornada, na que o Armenteira C.F. debe recibir ao Caldas C.F., cuarto clasificado con vintesete puntos, mentres que o Barro C.F. deberá desprazarste ata o campo do Casal para medirse a outro compricado rival, o C.D. Moaña "B". A escadra verdinegra precisa acadar o mesmo resultado que logre o equipo de Barro para conseguir o título de liga. Tratarase, sen lugar a dúbidas, e independentemente de cal sexa a resolución final, dun máis que meritorio colofón a unha traxectoria ligueira que poucas persoas podían imaxinarse que remataría de maneira tan exitosa.








venres, 10 de maio de 2019

A un triunfo da gloria

Que o Armenteira C.F. poida lograr un título non é unha noticia que se repita cada ano. Cunha enorme escaseza de recursos, cunha instalacións deportivas máis propias do século pasado e con innumerables dificultades para saír adiante temporada tras temporada o clube de O Leixo confórmase con seguir competindo con dignidade, algo que vén repetindo dende que en 1995 Julio Serén e Manuel Gómez "Barreiras" se puxeron á fronte dun grupo de rapaces para facer realidade un soño que hai quen consideraba imposible. Lonxe queda xa aquela época gloriosa, na que as vitrinas daquela entidade que apenas botara a andar ían acumulando trofeos. O campionato de liga na categoría infantil na temporada 1995/1996, na categoría cadete na temporada 1998/1999 ou na categoría xuvenil na temporada 1999/2000, ao que se uniría o subcampionato da Copa Deputación de Pontevedra tamén na temporada 1999/2000, supoñen os éxitos máis notables da época máis insigne da historia do clube. Houbo que agardar á primavera de 2018 para emular aquelas glorias do pasado. Un Armenteira C.F. aínda cun campo de superficie de terra, pero con moitas gañas e ilusión por medrar e cun proxecto baseado nun enorme esforzo colectivo, con cinco equipos en competición e máis de cen licenzas federativas, acadaba o subcampionato na Copa Copa Deputación nas categorías alevín e xuvenil. Tras un verán convulso, no que a continuidade do clube estivo en serio perigo, de novo o sabor do éxito volve asomarse por A Armenteira. Unha estupenda xeración de futbolistas, que comezou a súa andaina no mundo do balompé na idade prebenxamín, con Íñigo, Manu Meixús, Javi, Fran, Júnior, Andrés, Álex ou o gardamallas Sergio como principais baluartes, que fai dous anos a piques estivo de facerse cun campionato de liga, ten agora a oportunidade de recompensar en forma de título tantos momentos de penurias e desencantos. Representando unha iniciativa pioneira de colaboración entre dúas entidades deportivas do Concello de Meis, o C.D. Mosteiro e o Armenteira C.F., e en base ao sacrificio constante e á entrega de pais, nais, dunha Xunta Directiva cunha fe inquebrantable e ao excelente traballo do corpo técnico que forman Fran Filgueira "Pacheco" e Jorge Gómez, o Armenteira C.F. terá na súa man, este sábado, 11 de maio, a partires das 18:00 horas, no campo de Outeiro-Perdecanai, en Barro, a posibilidade de reverdecer honras pasadas e de aumentar o palmarés dun clube que nunca renunciou á modestia e á humildade, valores que sempre leva e levará no seu ADN, pero que quere incrementar máis se cabe a grandeza e a historia dunha parroquia e dunha xente acostumada a padecer e a resignarse, e á que o fútbol e o Armenteira C.F. poden traer de novo unha gloria da que só as separa un paso, un paso aparentemente curto ao tempo que tremendamente compricado ante un rival tan digno e esixente como o é o Barro C.F.

sábado, 4 de maio de 2019

Nova vitoria dun sólido Armenteira C.F. infantil que exerce de líder ante a C.E.D. Cotobade

ARMENTEIRA C.F. - C.E.D. COTOBADE - 7 - 1
ARMENTEIRA C.F. Sergio; Carlos, Álex, Fran, Mateo; Andrés, Íñigo; Javi, Júnior, Irene Pesqueira; e Manu Meixús. Tamén xogaron Víctor, Villar, David, Ramón e Irene Varela.
GOLES:1-0. Minuto 1. Manu Meixús. 2-0. Minuto 5. Íñigo. 3-0. Minuto 25. Carlos. 3-1. Minuto 34. Pedro Solla. 4-1. Minuto 36. Manu Meixús. 5-1. Minuto 48. Irene Pesqueira. 6-1. Minuto 50. Manu Meixús. 7-1. Minuto 62. Manu Meixús.
ÁRBITRO: Carballal Pérez. Non mostrou cartóns a ningún dos dous equipos.
INCIDENCIAS: Partido da décimo terceira xornada da Segunda autonómica infantil. Grupo 62, disputado no campo de O Leixo, en A Armenteira, ante uns setenta espectadores, nunha mañá soleada e calorosa, e sobre un terreo de xogo nunhas condicións aceptables para a práctica do fútbol.

CRÓNICA
O equipo infantil do Armenteira C.F. defendeu con autoridade a condición de líder da Segunda autonómica infantil e venceu con claridade á C.E.D. Cotobade no partido disputado na mañá deste sábado no campo de O Leixo. Foi un encontro cómodo para o conxunto que dirixen Fran Filgueira "Pacheco" e Jorge Gómez, que axiña se adiantaron e que foron marcando as pautas do xogo ao longo dos 80 minutos. Nada máis comezar Manu Meixús recibía en profundidade e aproveitaba a súa velocidade e a súa capacidade de definición para colocar o un a cero. Pouco despois sería Íñigo o que culminaba na área pequena unha bonita acción colectiva. Un disparo de Carlos dende o borde da área, recollendo un rexeitamento tras un saque de curruncho, era enviado polo lateral de Lois ao fondo da rede dos de Cotobade para situar o terceiro tanto local. Unha volea de Pedro Solla dende fóra da área sorprendía por alto a Sergio, pero non foi suficiente para dar opcións á escadra visitante. Non tardou Manu Meixús en lograr a cuarta diana para o Armenteira C.F., finalizando unha das súas habituais internadas polo costado dereito. No segundo período o cadro local continou vivindo con placidez, fronte a un rival que apenas era quen de inquedalo en defensa. Irene Pesqueira, recibindo unha asistencia de Íñigo, despois de realizar un magnífico recorte, e Manu Meixús en dúas ocasións máis, a última delas mediante un excepcional disparo dende o borde da área, acabarían poñendo o sete a un co que se deu por finalizado o encontro. Non defraudou o equipo que adestran Fran Filgueira "Pacheco" e Jorge Gómez á súa fiel afección, que tampouco faltou á súa cita para animar a un grupo de rapaces e rapazas que están a só dous pasos de acadar a gloria en forma de campionato de liga. O momento clave para acceder a ese gran éxito será a próxima fin de semana, cando se midan no campo de Outeiro-Perdecanai ao Barro C.F., segundo clasificado a dous puntos do cadro de A Armenteira. Un empate bastaría para que o Armenteira C.F. volva erguer o copa de campión de liga, algo que non ocorre dende que na temporada 1999/2000 o conxunto de categoría xuvenil que por aquel entón dirixía Julio Serén, e que tiña por capitán ao actual presidente Martín Casais e no que xa participaba o actual adestrador Fran Filgueira "Pacheco", aínda en idade cadete, se alzase co título da Segunda autonómica xuvenil.