Que o Armenteira C.F. poida lograr un título non é unha noticia que se repita cada ano. Cunha enorme escaseza de recursos, cunha instalacións deportivas máis propias do século pasado e con innumerables dificultades para saír adiante temporada tras temporada o clube de O Leixo confórmase con seguir competindo con dignidade, algo que vén repetindo dende que en 1995 Julio Serén e Manuel Gómez "Barreiras" se puxeron á fronte dun grupo de rapaces para facer realidade un soño que hai quen consideraba imposible. Lonxe queda xa aquela época gloriosa, na que as vitrinas daquela entidade que apenas botara a andar ían acumulando trofeos. O campionato de liga na categoría infantil na temporada 1995/1996, na categoría cadete na temporada 1998/1999 ou na categoría xuvenil na temporada 1999/2000, ao que se uniría o subcampionato da Copa Deputación de Pontevedra tamén na temporada 1999/2000, supoñen os éxitos máis notables da época máis insigne da historia do clube. Houbo que agardar á primavera de 2018 para emular aquelas glorias do pasado. Un Armenteira C.F. aínda cun campo de superficie de terra, pero con moitas gañas e ilusión por medrar e cun proxecto baseado nun enorme esforzo colectivo, con cinco equipos en competición e máis de cen licenzas federativas, acadaba o subcampionato na Copa Copa Deputación nas categorías alevín e xuvenil. Tras un verán convulso, no que a continuidade do clube estivo en serio perigo, de novo o sabor do éxito volve asomarse por A Armenteira. Unha estupenda xeración de futbolistas, que comezou a súa andaina no mundo do balompé na idade prebenxamín, con Íñigo, Manu Meixús, Javi, Fran, Júnior, Andrés, Álex ou o gardamallas Sergio como principais baluartes, que fai dous anos a piques estivo de facerse cun campionato de liga, ten agora a oportunidade de recompensar en forma de título tantos momentos de penurias e desencantos. Representando unha iniciativa pioneira de colaboración entre dúas entidades deportivas do Concello de Meis, o C.D. Mosteiro e o Armenteira C.F., e en base ao sacrificio constante e á entrega de pais, nais, dunha Xunta Directiva cunha fe inquebrantable e ao excelente traballo do corpo técnico que forman Fran Filgueira "Pacheco" e Jorge Gómez, o Armenteira C.F. terá na súa man, este sábado, 11 de maio, a partires das 18:00 horas, no campo de Outeiro-Perdecanai, en Barro, a posibilidade de reverdecer honras pasadas e de aumentar o palmarés dun clube que nunca renunciou á modestia e á humildade, valores que sempre leva e levará no seu ADN, pero que quere incrementar máis se cabe a grandeza e a historia dunha parroquia e dunha xente acostumada a padecer e a resignarse, e á que o fútbol e o Armenteira C.F. poden traer de novo unha gloria da que só as separa un paso, un paso aparentemente curto ao tempo que tremendamente compricado ante un rival tan digno e esixente como o é o Barro C.F.
Ningún comentario:
Publicar un comentario