"Galicia volve" é o título da campaña coa que a Xunta de Galicia quere atraer o maior número de turistas posible e mostrar unha imaxe de Galicia como unha terra acolledora, na que ninguén se sente forasteiro. Presentada este sábado, 20 de xuño, coa presenza do propio presidente do goberno autonómico, Alberto Núñez Feijóo, a campaña ten como protagonista a unha das galegas máis coñecidas e recoñecidas do último ano, Benedicta Sánchez, gañadora do premio Goya á actriz revelación pola súa interpretación no filme "O que arde", pola que foi agasallada na gala que este ano celebrou a Academia das Artes e Ciencias Cinematográficas de España. Con 986 praias, dous millóns de hectáreas de bosques, unha oferta termal sen parangón e un patrimonio secular rico, diverso é accesible, Galicia pretende mostrarse como un destino de turismo seguro, en tempos nos que, por fortuna, os efectos da pandemia global do COVID-19 comezan a remitir, pero nos que a falta dunha vacina e dun tratamento efectivo, fan que a ameaza do virus permaneza activa. Cun crecemento constante ao longo dos últimos anos, o turismo converteuse nun dos principais baluartes da economía galega, representando o 10,5% do PIB autonómico e o 11% do emprego, e ocupando aproximadamente a unas 130.000 persoas. Axencias de viaxe, balnearios, hoteis, restaurantes, bares e outros moitos establecementos dependen directamente dunha actividade básica para o desenvolvemento económico dunha terra que ofrece atractivos tan interesantes para a xente que nos visita como a gastronomía, a paisaxe, a costa, o patrimonio cultural ou as rutas xacobeas.
Difundido a través da rede internet ou das cadeas de televisión, o vídeo promocional da campaña "Galicia volve" contén imaxes de diversas paraxes do territorio galego, cos que se expoñe a variada oferta que a nivel turístico posúe a Comunidade Autónoma. Entre elas aparece tamén unha imaxe relativa a A Armenteira, en concreto o arco que entrada ao adro do mosteiro cisterciense, unha xoia arquitéctonia construída entre a segunda metade do século XII e o século XVIII, e que aúna estilos que van desde o románico tardío ata o barroco. A presenza de A Armenteira no spot demostra a importancia que ten esta parroquia no conxunto global do turismo de Galicia, como o constata o alto número de visitas que ano tras ano vén rexistrando a oficina que o organismo Turismo Rías Baixas, dependente da Deputación de Pontevedra, ten no interior do mosteiro. A arquitectura, a historia, as lendas, a beleza da paisaxe, unidas ao paso da Variante Espiritual do Camiño Portugués a Santiago de Compostela ou á confluencia da Ruta da Pedra e da Auga, converten a A Armenteira nun centro turístico de primeira orde, e especialmente nun ano e nunhas circunstancias nas que se prevé un incremento do turismo entre os distintos lugares de España. Precisamente esta semana, a alcaldesa de Meis, Marta Giráldez, desprazouse ata A Armenteira, para dar unha rolda de prensa para anunciar a inminente reapertura do albergue de peregrinos que existe na parroquia que, xunto co resto de establecementos, prepáranse para un verán no que nin a pandemia nin o coronavirus van impedir que Galicia volva e que A Armenteira volva, nunhas condicións distintas, pero con máis forza, con máis servizos e con máis seguridade ca nunca.
Ningún comentario:
Publicar un comentario