Buscar neste blog

xoves, 31 de decembro de 2020

Un ano marcado pola pandemia, tamén en A Armenteira

 O ano 2020 foi un ano no que en practicamente todos os recunchos do planeta se deixaron sentir os efectos da expansión da pandemia do coronavirus COVID-19. A parroquia de A Armenteira non foi allea tampouco a tan detestable fenómeno e no resumo que realizamos ao longo das seguintes liñas observamos como este feito condiciona boa parte dos acontecementos que tiveron lugar neste territorio durante 2020.

O mes de xaneiro comezaba coa presenza, como soe ser habitual en períodos vacacionais, do ex-presidente do goberno de España e ex-secretario xeral do Partido Popular Mariano Rajoy pola Ruta da Pedra e da Auga e polas inmediacións do mosteiro cisterciense. Días máis tarde eran noticia os problemas co alumeado público no lugar de Valboa, que tardaron uns días en solventarse. Tamén se incorporoban ao traballo os equipos de fútbol de A Armenteira, o Armenteira C.F. e o Armenteira Veteranos, tras o parón das vacacións de Nadal, inconscientes nese momento de que ese retorno ao traballo e á competición se vería interrompido de forma abrupta no mes de marzo. Por esa época tamén era noticia o comezo da campaña de adopcións de cans por parte do centro de acollida CAAN, o refuxio que a Deputación Provincial de Pontevedra xestiona en terreos da nosa parroquia. O 17 e 18 de xaneiro celebrábanse as festas na honra de San Antonio Abad. Nelas actuou a Banda de Vilanova de Arousa, dirixida por Jesús Nogueira, un personaxe de longa traxectoria no eido musical, que aparecería morto días despois no peirao da vila arousana. Finalizaba o mes coa apertura dunha exposición sobre o artista Leopoldo Nóvoa no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra. O autor, que acabou convertendo  A Armenteira e o seu estudo situado no lugar de Vilar no seu núcleo de inspiración e creación, sería un dos grandes protagonistas do ano a nivel cultural, ao conmemorarse con diversos actos o ano do centenario do seu nacemento. A presentación duns plans de mellora e de novos proxectos por parte da Fundación Monte Castrove, a entidade que xestiona o campo de golf ubicado no lugar de Silván, daba por rematado o mes de xaneiro en canto a noticias de relevancia.

No mes de febreiro o avistamento de lobos nalgúns puntos de A Armenteira era recollido nas páxinas dos medios de comunicación. Pero o evento do mes na parroquia foi a xornada de competición da Liga Nacional de Billarda, que tiña previsto celebrarse no campo de O Leixo, pero que as condicións meteorolóxicas adversas obrigaron a trasladar ao Pavillón Municipal de Meis, na parroquia de Santo Tomé. Chamaba a atención por esa época, como por desgracia ocorre case ao longo de todo o ano, o abandono de cans nalgunhas zonas de A Armenteira.

O mes de marzo comezaba coa presentación dun torneo de golf feminino, organizado pola Fundación Monte Castrove. Unha charla sobre trampeo da vespa velutina, celebrada no Local Social de Vilar, a coñecida como Casa de Cultura, volvía a poñer de manifesto a necesidade de loitar contra un problema ecolóxico de primeira índole, como é o caso da expansión desta especie invasora. Convertíase tamén en noticia, unha das máis relevantes dos últimos anos, a decisión do grupo de goberno do Concello de Meis de rescindir o contrato de xestión do albergue de peregrinos que posuía a Fundación Amigos do Camiño Portugués. Mentres o Armenteira C.F. feminino disputaba a segunda fase da Liga Feminina de Fútbol-7, e Sara Rey nos agasallaba cun festival goleador fronte ao Colegio Apóstol, e o Armenteira Veteranos coñecía o calendario da segunda fase, os acontecementos precitábanse, e a extensión da pandemia da COVID-19 provocaba que a Real Federación Galega de Fútbol decidise suspender as actividades deportivas. A declaración do estado de emerxencia sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia e do estado de alarma en toda o estado español obrigou a ir cancelando en cadea todos os eventos programados. As actividades do campo de golf ou os actos festivos que ían ter lugar durante a Semana Santa sumábanse aos eventos cancelados. O mes de marzo remataba cun suceso desgraciado, o incendio dunha nave avícola no lugar de As Pereiras, no que perdían a vida máis de 10.000 polos.

No mes de abril era noticia o desenvolvemento das actividades educativas nunha situación de confinamento. Os rapaces e rapazas que cursaban estudos no CEIP de Armenteira e os e as escolares da parroquia matriculados noutros centros educativos tiñan que adaptarse a unhas novas circunstancias protagonizadas pola teledocencia. O Concello de Meis puxo á súa disposición un servizo de reparto de fotocopias para axudar a quen tiña máis dificultades para desenvolverse nunhas circunstancias que eran novidosas para boa parte deles. Chegaba a Semana Santa, unha Semana Santa especial, no que as lembranzas en forma de publicacións e reportaxes televisivos nos levaban a anos anteriores ante a suspensión dos actos previstos para a edición de 2020.  Unha nova situación, particularmente desfavorable para certos grupos de poboación, na que o Concello de Meis iniciaba a distribución a domicilio dun elemento que a partir de entón se facía imprescindible nas nosas vidas: as máscaras. As adversidades derivadas da pandemia tamén facían xurdir a solidariedade, coa creación do Banco Municipal de Alimentos, do que se vían beneficiadas algunhas familias de A  Armenteira.

O mes de maio comezaba co regreso da actividade ao campo de golf. Ao tempo, o Concello anunciaba a suspensión de todas as festas que ían celebrarse ata o 30 de xuño, incluíndo a tradicional fogueira do San Xoán, que nos últimos tempos se convertera nun evento multitudinario en A Armenteira. A parroquia preparábase para entrar na primeira fase da etapa de desconfinamento, ao tempo que Don Ramón Fernández Ramos, o cura párroco, celebraba o 10 de maio o seu 90 aniversario. O mes remataba coa reanudación da exposición sobre a obra de Leopoldo Nóvoa no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra ou cunha nova reunición cos veciños e veciñas de Couso para tratar de dar solución aos problemas relacionados coa biomasa próxima a algúns domicilios deste lugar.

No mes de xullo o campo de golf de Meis iniciaba os actos de conmemoración do 20 aniversario. Tamén remataban por eses días as tarefas de desbrozado das marxes das rutas e viais que transcorren pola parroquia. Estouraba por esa época unha agria polémica a causa dunhas declaracións de Gonzalo Durán, alcalde de Vilanova de Arousa e predecesor de Marta Giráldez na presidencia da Mancomunidade de O Salnés, nas que afirmaba que o albergue de peregrinos de A Armenteira ía permanecer pechado durante o verán. A reacción do grupo de goberno do Concello de Meis non se fixo agardar e axiña desmentiron as declaracións do rexedor vilanovés. Un anuncio de Turismo de Galicia, organismo dependente da Xunta de Galicia, no que aparecía unha imaxe do arco de entrada ao arco do mosteiro cisterciense, poñía de manifesto o valor patrimonial e turístico de A Armenteira. A finais de mes o Concello de Meis daba a coñecer o Programa Cultural de Verán, no que a nosa parroquia tiña reservado un lugar destacado.

O mes de xullo, normalmente un dos meses máis festivos do ano, transcurriu durante 2020 con relativa tranquilidade. Si tiveron lugar algúns eventos, como o Tapacallo, unha iniciativa do Concello, na que participaron catro establecementos de hostalaría de A Armenteira: o Bar Restaurante A´Fonte, o Café Bar O´Comercio, a Taberna Carballo de Prado 1900 e Chan do Fento, o bar, restaurante e cafetaría ubicado nas instalacións do campo de golf. O 17, 18 e 19 de xullo celebrábase unha nova edición do Armenteira Jazz, que de novo trouxo a A Armenteira os ritmos e as melodías deste xénero musical, aínda que adaptándose ás medidas de seguridade e hixiene para frear a pandemia da COVID-19. O Armenteira C.F. celebraba por esas datas unha reunión trascendental para planificar o seu futuro inmediato e a longo prazo. O mes remataba cun atentado contra un dos principais referentes patrimoniais da nosa parroquia: os petróglifos do Outeiro do Cribo. O conxunto rupestre aparecía cunhas pintadas que supostamente pretendían resaltar os debuxos que describen os seus surcos, un acto que pode preduxicar gravemente a súa conservación. 

En agosto a actualidade estivo copada polos frecuentes accidentes de sendeiristas que percorrían a Ruta da Pedra e da Auga. Tamén foron noticia as bodas que se celebraban na igrexa do mosteiro cirtenciense, das que se facían eco algunhas revistas, dado o glamour e os círculos sociais elevados aos que adoitaban pertencer as persoas que contraían matrimonio. Por esa época presentábase o programa TIC Emprendes, un programa formativo deseñado pola Deputación de Pontevedra que pretendía fomentar a inserción laboral da mocidade e o desenvolvemento dos recursos propios da nosa terra. Nese mes dábase por finalizada a limpeza da parcela 219 do monte veciñal de Couso, a zona que o grupo de goberno do Concello e a veciñanza deste lugar acordaron limpar por considerala a de maior risco en caso de incendio pola proximidade desta aos núcleos de poboación. O aumento dos gromos da pandemia provocaban que a institución municipal tivese que cancelar os actos que quedaban por desenvolverse do Programa Cultural de Verán.

A segunda onda da pandemia fíxose máis evidente no mes de setembro. Nesas datas no Café Bar O´Comercio tiña lugar un concerto dos artistas Doro e Bruno Canario que viña a substituír as habituais festas de verán que neste ano non puideron celebrarse. Ao tempo iniciábase un novo curso escolar. As medidas fronte á pandemia, coa máscara, o xel hidroalcohólico ou o distanciamento, marcaban á volta ás aulas no CEIP de Armenteira e nos centros educativos nos que cursa estudos o alumnado de A Armenteira. Xa no mes de outubro os contaxios por coronavirus comezaban a producirse no colexio da parroquia, obrigando a confinar a algún neno e nena. No mes de novembro era noticia o aumento das adopcións de cans no centro de acollida CAAN, e xa no mes de decembro, o optimismo parecía renovarse co acendido das luces de Nadal, que este ano trataron de mimar especialmente a A Armenteira, destacando o colorido do arco de entrada ao adro do mosteiro cisterciense e o decorado luminoso deste enclave. Na prensa recollíanse noticias relacionadas con operacións contra o tráfico de drogas. As noticias publicacadas sobre a Operación Mito, un proceso xudicial contra a rede dirixida polo capo cambadés José Ramón Prado Bugallo "Sito Miñanco", facían referencia a A Armenteira, en concreto a unha nave ubicada no lugar de Couso, de propiedade atribuída a David Pérez Lago, fillastro de Laureano Oubiña, e que foi incendiada en abril de 2019. Remataba o ano coas celebracións propias de Nadal. O tren de Papá Noel co que a ANPA "O Loureiro" quixo extender a maxia e a ilusión entre a rapazada e que percorreu as aldeas da parroquia o 22 de decembro e o Buzón Real que os días 28 e 29 de decembro nos que a xente máis nova puido depositar as cartas ás Súas Maxestades os Reis Magos de Oriente pecharon un ano non demasiado afortunado para as xentes de A Armenteira, de Galicia, de España e do mundo en xeral, que agardan que o 2021 poida devolverlles a esperanza e a alegría que o coronavirus COVID-19 lles arrebatou.





Ningún comentario:

Publicar un comentario