O paso da cicloxénese explosiva Gaetan deixou pegada no territorio de A Armenteira. O forte temporal de chuvia e vento que azotou Galicia na noite e na mañá do mércores, 20 de xaneiro, causou, entre outros efectos, unha avaría na rede de subministro eléctrico que surte a varios lugares da parroquia, e que procede da central eléctrica situada na parroquia sanxenxina de Vilalonga. Fofán, Castiñeira, Couso, Silván ou O Batán, lugares pertencentes a A Armenteira ou á veciña parroquia de San Salvador de Meis sufriron desde a madrugada do mércores un corte de luz que, segundo os responsables, da empresa Naturgy, tivo a súa orixe na caída dunha árbore sobre o tendido do cableado de media tensión. De feito, xa de madrugada, segundo testemuñas dalgúns veciños e veciñas, os operarios da compañía desprazáronse á zona afectada para tratar de poñer solución ao problema. En torno ás dez da mañá restableceuse o subministro pero, pouco despois das tres da tarde, outra árbore volveu danar o tendido eléctrico, e non sería ata as cinco e media cando o subministro se restableceu de forma definitiva. Segundo indicou Javier González Neira, responsable da empresa Naturgy na zona, estas caídas de árbores próximos á liña de media tensión débense a unha enfermidade que afecta ás especies de eucaliptos, que as debilita ante a forza do vento, provocando unha fractura sobre a metade do talo. Por este motivo, ao longo do día deste xoves, operarios da compañía procederán a unha nova corta dos eucaliptos que poidan supoñer un perigo para a liña de corrente, co cal se tratará de evitar interrupcións do subministro eléctrico a uns veciños e veciñas que, por outra parte, están acostumados a esta situación. Sen ir máis lonxe, en decembro de 2019, unha avaría similar mantivo durante quince horas sen luz ás xentes destes mesmos lugares. Nunha sociedade na que a electricidade constitúe un ben básico e imprescindible na vida cotiá e na actividade económica, incidencias deste tipo provocan graves prexuízos nas familias e nas empresas, unhas familias e unhas empresas que axiña viran os seus ollos cara ás autoridades e ás compañías subministradoras dun ben cun prezo cada vez máis á alza e cun servizo, especialmente en determinadas zonas de A Armenteira, aínda moi deficiente para as esixencias do século XXI.
Buscar neste blog
mércores, 20 de xaneiro de 2021
sábado, 16 de xaneiro de 2021
A Armenteira celebra un San Antonio Abad condicionado polas restricións provocadas pola COVID-19
A parroquia de A Armenteira vive o domingo, 17, e o luns, 18 de xaneiro, unha das celebracións máis tradicionais das que teñen lugar no seu territorio. Trátase do San Antón ou San Antonio Abad, unha festas de máis arraigo e polas que máis fervor se sente na parroquia. Na pequena capela situada no lugar de San Amedio, a pé de estrada que conduce desde Barrantes ao mosteiro cisterciense, do que dista aproximadamente un quilómetro, vén celebrándose ano tras ano, e desde fai décadas, unha celebración na que os veciños e veciñas, e xentes dos arredores, honran a un santo que, entre outras atribucións, ten a de ser patrón dos animais domésticos. No lugar de San Amedio, pero tamén en Castiñeira, Couso, Gondes, As Pereiras, As Congostras ou Cabeza de Boi, lugares todos eles nos que o San Antón é considerado o patrón, os días 17 e 18 de xaneiro sempre se viviron dunha forma especial. Pero este ano, as condicións cambiaron de forma substancial. As circusntancias derivadas da expansión da pandemia da COVID-19 obrigaron a cambiar algúns aspectos deste tradicional evento. O cambio máis significativo quizais sexa o espazo no que se desenvolverán os oficios relixiosos. En lugar da pequena capela ubicada en San Amedio, a misa terá por escenario a igrexa do mosteiro cisterciense, moito máis ampla e espaciosa, e máis adaptada ás medidas de prevención fronte ao coronavirus. Ademais, o feito de coincidir en domingo, no que se adoita concentrar un número importante de fregueses na misa das 12 do mediodía, fixo que se aproveitase para facer coincidir os actos relixiosos dominicais coa misa na honra de San Antonio Abad, evitando o desprazamento ata a capela para realizar unha segunda celebración. Tras a misa, que será oficiada polo cura párroco Don Ramón Fernández Ramos, non faltará a habitual procesión, así como as poxas de diversos produtos agrarios, que os devotos acostuman ofrecer ao santo, e que por enésima ocasión, correrán a cargo de Argimiro Torres. Agárdase tamén a presenza de músicas e foguetes, antes de que os festeiros e festeiras regresen aos seus fogares, onde continuarán cos festexos. Seguindo tamén a tradición, o día 17 volverá a ser un ano máis o "día do cocido", mentres que o 18 será o "día dos callos" por ser estes manxares tan típicos da gastronomía galega os protagonistas principais nas mesas dos veciños e veciñas de A Armenteira durante estas festas. A pesar das dificultades que impoñen estas circunstancias tan excepcionais, cun índice de contaxios á alza en toda a área circundante, e coa entrada en vigor desde o pasado venres dunhas limitacións máis restritivas, o San Antonio Abad poderá ser honrado, agardando que para 2022 os actos xa poidan desenvolverse nunhas condicións de relativa normalidade.
xoves, 7 de xaneiro de 2021
O Armenteira C.F. reparte case 8.000 euros en premios coa Lotería do Neno
O Sorteo Extraordinario de Neno de 2021 non pasou de longo por A Armenteira. No acto celebrado na mañá deste mércores, 6 de xaneiro, no Salón de Sorteos da Sociedad Estatal de Loterías y Apuestas del Estado (SELAE), en Madrid, e no que o primeiro premio correspondeu ao 19.570, o número que xogou o Armenteira C.F. levouse un pequeno petisco do reparto de premios. O 15.000 foi agasallado con 1.000 euros á serie, é dicir, 100 euros por cada décimo, ao que se unen os 20 euros do reintegro, por coincidir coa cifra na que rematou o premio gordo. Polo tanto, cada décimo deste número reportou ás persoas que o mercaron 120 euros, e que, sumando a cantidade total de décimos vendidos, o montante final de premios repartidos ascende a 7.920 euros, unha cifra nada desdeñable e que representa unha importante axuda para afrontar unha costa de xaneiro que este ano se presenta especialmente compricada, xa que aos gastos propios das datas de Nadal se engaden as consecuencias que a nivel económico e laboral está provocando a expansión da pandemia do COVID-19. Un ano máis, o clube verdinegro confiou a distribución dos boletos, tanto para a Sorteo de Extraordinario de Nadal como para o Sorteo Extraordinario do Neno, á Administración de Loterías nº 1 de Barrantes, O Conxuro de Meigha, que desde fai dous anos rexenta unha parella de A Illa de Arousa. Da venda ocupáronse os representantes do Armenteira C.F., aínda que, como ven sendo habitual nos últimos anos, foi o Café Bar O´Comercio o encargado de distribuír a maior parte dos números dos que posiblemente sexan os dous sorteos que con máis ilusión se viven por parte das persoas acostumadas a participar neste tipo de apostas e por parte da poboación en xeral.