A parroquia de A Armenteira vive o domingo, 17, e o luns, 18 de xaneiro, unha das celebracións máis tradicionais das que teñen lugar no seu territorio. Trátase do San Antón ou San Antonio Abad, unha festas de máis arraigo e polas que máis fervor se sente na parroquia. Na pequena capela situada no lugar de San Amedio, a pé de estrada que conduce desde Barrantes ao mosteiro cisterciense, do que dista aproximadamente un quilómetro, vén celebrándose ano tras ano, e desde fai décadas, unha celebración na que os veciños e veciñas, e xentes dos arredores, honran a un santo que, entre outras atribucións, ten a de ser patrón dos animais domésticos. No lugar de San Amedio, pero tamén en Castiñeira, Couso, Gondes, As Pereiras, As Congostras ou Cabeza de Boi, lugares todos eles nos que o San Antón é considerado o patrón, os días 17 e 18 de xaneiro sempre se viviron dunha forma especial. Pero este ano, as condicións cambiaron de forma substancial. As circusntancias derivadas da expansión da pandemia da COVID-19 obrigaron a cambiar algúns aspectos deste tradicional evento. O cambio máis significativo quizais sexa o espazo no que se desenvolverán os oficios relixiosos. En lugar da pequena capela ubicada en San Amedio, a misa terá por escenario a igrexa do mosteiro cisterciense, moito máis ampla e espaciosa, e máis adaptada ás medidas de prevención fronte ao coronavirus. Ademais, o feito de coincidir en domingo, no que se adoita concentrar un número importante de fregueses na misa das 12 do mediodía, fixo que se aproveitase para facer coincidir os actos relixiosos dominicais coa misa na honra de San Antonio Abad, evitando o desprazamento ata a capela para realizar unha segunda celebración. Tras a misa, que será oficiada polo cura párroco Don Ramón Fernández Ramos, non faltará a habitual procesión, así como as poxas de diversos produtos agrarios, que os devotos acostuman ofrecer ao santo, e que por enésima ocasión, correrán a cargo de Argimiro Torres. Agárdase tamén a presenza de músicas e foguetes, antes de que os festeiros e festeiras regresen aos seus fogares, onde continuarán cos festexos. Seguindo tamén a tradición, o día 17 volverá a ser un ano máis o "día do cocido", mentres que o 18 será o "día dos callos" por ser estes manxares tan típicos da gastronomía galega os protagonistas principais nas mesas dos veciños e veciñas de A Armenteira durante estas festas. A pesar das dificultades que impoñen estas circunstancias tan excepcionais, cun índice de contaxios á alza en toda a área circundante, e coa entrada en vigor desde o pasado venres dunhas limitacións máis restritivas, o San Antonio Abad poderá ser honrado, agardando que para 2022 os actos xa poidan desenvolverse nunhas condicións de relativa normalidade.
Ningún comentario:
Publicar un comentario