FICHA TÉCNICA
O Armenteira Veteranos non inicio con bo pé a súa aventura na promoción de ascenso á Segunda Galicia de Veteranos. Encadrado no grupo D1, xunto á E.F.B. Vilanova-Caleiro, ao Club Lamense-Serra do Suído e ao A.Cinania-Idago Cal Barral, o conxunto verdinegra parte coa máxima ilusión por desempeñar un papel digno nunha competición para non parte entre os favoritos a dar o salto de categoría. O partido deste sábado non se presentaba na mellor situación para os de O Leixo. Cun elevado número de baixas, o Armenteira Veteranos compareceu no campo das Pistas de Atletismo de Cangas do Morrazo con tan só once efectivos, o que sumado ás altas temperaturas que se rexistraban a esas horas, dificultaba a posibilidade de competir en igualdade de condicións fronte a un rival que finalizara na segunda posición do seu grupo da Terceira de Veteranos, e que si puido realizar cambios e repartir os esforzos dos seus futbolistas ao longo dos noventa minutos.
En canto ao encontro foi un partido equilibrado, con alternativas por ambos bandos, pero no que acabou decidindo a maior pegada e a maior adaptación á peculiar superficie do terreo de xogo por parte dos locais. Sen un dominador claro desde o inicio, o Armenteira Veteranos non parecía sentirse incómodo nos primeiros minutos. Cunha liña de medio campo bastante poboada, na que Júnior, José Pérez e Javi González ocupaban a zona de creación, o cadro verdinegro trataba de asumir o control do xogo, aínda que con demasiadas precipitacións. Cústaballe conectar cun Jorge Castro que, moi só na liña de ataque, e sempre rodeado de varios defensores, conseguía avanzar con moitas dificultades cara a meta adversaria. Non tardou en poñerse por diante o A. Cinania-Idago Cal Barral. Unha acción de contraataque, na que un futbolista local foi derrubado no borde dereito da área visitante daría lugar a unha falta que Javier Rico, o dianteiro máis incisivo dos cangueses, colocou na escadra esquerda da meta de Sirra. A desvantaxe no marcador non acabou coas ansias dos de A Armenteira, que insistían no seu fútbol directo na procura de Jorge Castro. Tras varios avisos, á media hora de xogo, Jorge Castro era derrubado na área cando se plantaba diante do gardamallas local. O escaso público que se desprazou a animar ao Armenteira Veteranos reclamaba que a pena máxima fose executada por Júnior, que contou cunha pequena lexión de fans este sábado no campo das Pistas de Atletismo, pero sería o propio Jorge Castro o encargado de realizar o lanzamento do penalti. Logrou anotar o dianteiro de Vilar, aínda que non duraría demasiado á alegría para a parroquia visitante, pois nunha xogada na que os futbolistas verdinegros reclamaban que o adversario se axudou da man para levarse o balón, e na que, ao xeito dos xogadores do Real Madrid no recente enfrontamento co Manchester City esqueceron a intensidade defensiva para centrarse nas protestas ao colexiado, Paulo Pedrosa conectaba un disparo con exterior da súa bota dereita que ía de novo cara o fondo das mallas pola escadra da meta que defendía Sirra. Unha tangana despois dun choque entre Carlos Castro e un futbolista cangués, na que os graves insultos dun xogador local ao defensor do Armenteira Veteranos fixo elevar a tensión, con ameazas, agarróns e empurróns, apurou ao colexiado García Luis a sinalar a fin do primeiro período.
Tras a reanudación a situación non variou moito. Mentres o A. Cinania- Idago Cal Barral intentaba armar un fútbol combinativo desde a zona defensiva, o Armenteira Veteranos apoiábase no seu fútbol máis físico e dinámico para buscar o empate. Jorge Castro, Martín ou Suso tiveron nos seus pés a oportunidade de lograr a igualada, pero tamén puideron ampliar vantaxe os locais, principalmente cando un centro á área verdinegra impactou no cóbado de Marcos. Aínda que o central de Castrelo se atopaba sobre a liña da área, o colexiado García Luis decidiu decretar penalti. Ao lanzamento desde os once metros reaccionou Sirra cunha excepcional parada. No último tramo do encontro o Armenteira Veteranos tratou de buscar a meta local, pero o cansanzo provocaba que cada vez houbese máis espazos, o que provocaba que os de O Morrazo, guiados por David Vizoso desde a liña medular, atopasen máis vías para levar o perigo á meta de Sirra. Nunha desas accións, unha internada do lateral polo costado esquerdo, na que apenas se lle presentaron obstáculos, rematou cunha asistencia a Javier Rico que, cara a cara ante Sirra, acabaría enviando o coiro ao fondo das mallas. Era a sentenza definitiva a un partido que xa non tería máis historia e que complica enormemente as escasas aspiracións de ascenso do Armenteira Veteranos, que con este resultado finalizan a primeira xornada na cuarta posición, con cero puntos. A próxima fin de semana, a formación verde e negra deberá visitar o campo de O Terrón para medirse á potente escadra da E.F.B. Vilanova-Caleiro. O conxunto de Vilanova de Arousa liderou con absoluta autoridade a liga do grupo A, contando por vitorias todos os partidos menos un, o que o enfrontou ao Salud S.D. O enorme potencial do rival do próximo sábado e as numerosas baixas que vén arrastrando o Armenteira Veteranos converten á cita desta segunda xornada da promoción de ascenso nun reto tremendamente difícil para os de O Leixo, que buscaran exprimir ao máximo as mínimas opcións de puntuar no feudo vilanovés.
Ningún comentario:
Publicar un comentario