Buscar neste blog

sábado, 1 de xullo de 2023

San Martiño logra dar a sorpresa e asalta o título do III Campionato Interparroquial do Concello de Meis

O equipo da parroquia de San Martiño logrou alzarse do título do III Campionato Interparroquial do Concello de Meis que se disputou este sábado, 1 de xullo, no campo Municipal José Betanzos "Pepe" de O Mosteiro. Aínda que a vitoria de San Martiño podería considerarse unha sorpresa, dado que se trata dunha das parroquias con menor número de habitantes e con menor extensión do municipio, o conxunto que nesta edición vestiu con camisola laranxa conta cunha xeración de futbolistas de notable calidade, que o situaban como un claro aspirante a facerse cun título que nas edicións anteriores se levara o conxunto da parroquia de San Lourenzo de Nogueira. Os outros equipos que a priori partían como favoritos, como é o caso de San Vicente, Paradela ou San Lourenzo, dispoñían dun plantel máis amplo en comparación co de San Martiño, pero este tiña un vigor xuvenil e un talento, propios dunha parroquia emerxente a nivel demográfico, que lle permitiron avanzar sen apenas dificultades na primeira fase. Tras superar ao equipo de A Armenteira no cruce de cuartos de final, San Martiño superou ao combinado de San Lourenzo na quenda de penalties, despois de que o encontro finalizase cun cero a cero, e plantouse na final, na que se mediu a un conxunto de Paradela que para as citas da tarde perdeu a un dos seus principais efectivos, Marcos Blanco, futbolista do Villalonga F.C., que só puido participar no torneo na xornada da mañá. Na final o vento axiña se puxo de cara para os de San Martiño, pois lograba colocarse por diante por primeiros minutos, e pouco despois, Raúl Abal, ampliaba vantaxe para os laranxa co dous a cero. O partido semellaba encarrilado, pero Paradela soubo reaccionar, e antes de chegar ao descanso, conseguía igualar o encontro a dous tantos. Na segunda metade, os dous equipos contemporizaron, xa que, no medio da calor e do intenso cansanzo nas pernas dos futbolistas, un tanto do adversario podería supoñer a condena definitiva. No caso de San Martiño, futbolistas como o gardamallas Fernando, ou os xogadores de campo Raúl Abal ou Lucas, disputaran practicamente todos os minutos do campionato, poñendo ao límite as súas condicións físicas. A quenda de penaltis encargouse de decidir o campión do Interparroquial¨2023, e tras errar tres lanzamentos o conxunto de Paradela, Bruno, o futbolista de menor idade dos de San Martiño, un rapaz con raíces na parroquia de A Armenteira, da que é natural a súa familia por vía paterna, e que xa demostrara as súas dotes e a seu atrevemento ao longo do torneo, no que conseguira un precioso gol de chilena, convertiu a pena máxima que outorgaba o título ao equipo da súa parroquia. O capitán do cadro laranxa, Zoqueiro, que exerceu de adestrador na xornada deste sábado, recibiu de mans da alcaldesa Marta Giráldez o trofeo que acreditaba a San Martiño como o meritorio campión do Campionato Interparroquial do Concello de Meis.


Digna participación do equipo de A Armenteira no III Campionato Interparroquial do Concello de Meis

Finalmente foron vinte dos vintecatro xogadores inscritos, os futbolistas que representaron á parroquia de A Armenteira no III Campionato Interparroquial do Concello de Meis que se disputou este sábado, 1 de xullo, no campo Municipal José Betanzos "Pepe" de O Mosteiro. As ausencias de última hora e por diversos motivos de Junior, José Pérez, Pacheco e Iván Borrageiros non impediron que a parroquia cisterciense presentase un plantel extenso, completo e variado. Sirra, Varela, Javi González, Dani, Adrián Fernández, Manu Meixús, Chiscas, Carlos Castro, Íñigo, Carlos Muñiz, Rubén, Jorge Castro, Borja, Pellejo, Álex Rodiño, Javi Abal, Rubén, Fran Charlín, Martín, Jorge Dávila e Adrián Graña. Estes son os nomes dos vinte protagonistas dun equipo que en principio ía lucir unha camisola negra, pero ao cal a organización acabou outorgando unha elástica rosa, curiosamente a cor coa que se estreou neste torneo aló pòlo ano 2019.

Encadrado no grupo B, xunto cos equipos das parroquias de San Vicente de Nogueira, de San Lourenzo de Nogueira, e o combinado de Amigos do C.D. Mosteiro, o equipo rosa partía no grupo a priori máis complicado, xa que nel figuraban os finalistas da última edición, San Vicente e San Lourenzo, e un equipo convidado con futbolistas con longo percorrido no balompé comarcal e de contrastado nivel e experiencia neste tipo de campionatos. Pese a todo, a participación do conxunto de A Armenteira pode calificarse como digna. No primeiro dos encontros, tivo que adoptar un plantexamento máis defensivo, fronte a un equipo de San Vicente dominador da pelota e que trataba de imprimir un ritmo áxil ao xogo.Tras resistir nos primeiros minutos e gozar dalgunha ocasión de claridade, o partido rematou coa vitoria de San Vicente por dous tantos a cero. No segundo dos partidos, o máis brillante da formación de A Armenteira neste evento, no que disfrutou das mellores ocasións, e no que puido sentenciar, o gol inicial de Adrián Fernández para os de A Armenteira foi insuficiente para alcanzar o triunfo, pois o rival, San Lourenzo, lograba igualar a escasos minutos para o final. Xa no último partido da mañá, o cansanzo e a intensa calor fixeron mella no equipo rosa, que caeu con contundencia fronte ao combinado de Amigos do C.D. Mosteiro. A nota positiva deste encontro estivo no tanto conseguido por Chiscas, nun lanzamento de falta directo e por Álex Rodiño, o compoñente máis novo do conxunto de A Armenteira e que facía o seu debut no torneo, e que nos intres finais do partido cruzaba o coiro ante a saída do meta adversario para materializar o segundo dos goles do seu equipo neste encontro.

Máis difícil se presentaba a situación nas eliminatorias da tarde. O rival ao que tiña que medirse era o equipo de San Martiño, que culminara a liguiña da primeira fase como líder do grupo A. O conxunto da parroquia veciña, nesta ocasión presentábase como un dos máximos candidatos a alzarse co título. Aínda que se trata dunha das parroquias con menos poboación do municipio de Meis, con pouco máis de 500 habitantes, só por diante de San Salvador, San Martiño conta cunha xeración de futbolistas que destacan pola súa xuventude e por un nivel de calidade de fútbolística á altura de moi poucos equipos nun torneo desta categoría. Umia C.F., Sanmartín C.F. de Vilaxoán, ou Arosa SC. son algúns dos clubes nos que militan os representantes deste talentoso equipo. Fronte a ese potencial o Armenteira C.F. espuxo intensidade e motivación, e nun duelo equilibrado a balanza acabou decantándose polos de San Martiño en dous pequenos detalles. O conxunto de A Armenteira non foi quen de converter as ocasións das que gozou, mentres que San Martiño exhibiu unha maior pegada. Un lanzamento de falta de Lucas desde o borde da área adiantaba aos de laranxa e un gol pastasma, tras unha cabezada de Bruno, no que os de A Armenteira reclamaron que o esférico non traspasara a liña de gol, serviron para que a vitoria caese do lado do equipo da marxe norte do río Armenteira, o que deixaba ao conxunto rosa definitivamente fóra da competición.

Pero máis aló do eido deportivo, este sábado foi unha xornada de convivencia e de compañeirismo, que reuniu a xogadores das sete parroquias do municipio de Meis e doutros lugares da contorna, e que desde as dez da mañá ata pasadas as nove da tarde congregou a un importante número de persoas no Municipal José Betanzos "Pepe". Boa parte dos futbolistas xantaron no propio campo, co eses foron os momentos de maior distensión, no que os parladoiros, as anécdotas e os chistes fixeron esquecer, especialmente no caso dos compoñentes do equipo de A Armenteira, os resultados desfavorables. A experiencia serviu ademais para estreitar lazos entre os futbolistas e para achegar ideas e propostas de cara á participación na próxima edición, que agardan con impaciencia a maior parte dos futbolistas que representaron ás oito escadras que compareceron no III Campionato Interparroquial do Concello de Meis.