O equipo da parroquia de San Martiño logrou alzarse do título do III Campionato Interparroquial do Concello de Meis que se disputou este sábado, 1 de xullo, no campo Municipal José Betanzos "Pepe" de O Mosteiro. Aínda que a vitoria de San Martiño podería considerarse unha sorpresa, dado que se trata dunha das parroquias con menor número de habitantes e con menor extensión do municipio, o conxunto que nesta edición vestiu con camisola laranxa conta cunha xeración de futbolistas de notable calidade, que o situaban como un claro aspirante a facerse cun título que nas edicións anteriores se levara o conxunto da parroquia de San Lourenzo de Nogueira. Os outros equipos que a priori partían como favoritos, como é o caso de San Vicente, Paradela ou San Lourenzo, dispoñían dun plantel máis amplo en comparación co de San Martiño, pero este tiña un vigor xuvenil e un talento, propios dunha parroquia emerxente a nivel demográfico, que lle permitiron avanzar sen apenas dificultades na primeira fase. Tras superar ao equipo de A Armenteira no cruce de cuartos de final, San Martiño superou ao combinado de San Lourenzo na quenda de penalties, despois de que o encontro finalizase cun cero a cero, e plantouse na final, na que se mediu a un conxunto de Paradela que para as citas da tarde perdeu a un dos seus principais efectivos, Marcos Blanco, futbolista do Villalonga F.C., que só puido participar no torneo na xornada da mañá. Na final o vento axiña se puxo de cara para os de San Martiño, pois lograba colocarse por diante por primeiros minutos, e pouco despois, Raúl Abal, ampliaba vantaxe para os laranxa co dous a cero. O partido semellaba encarrilado, pero Paradela soubo reaccionar, e antes de chegar ao descanso, conseguía igualar o encontro a dous tantos. Na segunda metade, os dous equipos contemporizaron, xa que, no medio da calor e do intenso cansanzo nas pernas dos futbolistas, un tanto do adversario podería supoñer a condena definitiva. No caso de San Martiño, futbolistas como o gardamallas Fernando, ou os xogadores de campo Raúl Abal ou Lucas, disputaran practicamente todos os minutos do campionato, poñendo ao límite as súas condicións físicas. A quenda de penaltis encargouse de decidir o campión do Interparroquial¨2023, e tras errar tres lanzamentos o conxunto de Paradela, Bruno, o futbolista de menor idade dos de San Martiño, un rapaz con raíces na parroquia de A Armenteira, da que é natural a súa familia por vía paterna, e que xa demostrara as súas dotes e a seu atrevemento ao longo do torneo, no que conseguira un precioso gol de chilena, convertiu a pena máxima que outorgaba o título ao equipo da súa parroquia. O capitán do cadro laranxa, Zoqueiro, que exerceu de adestrador na xornada deste sábado, recibiu de mans da alcaldesa Marta Giráldez o trofeo que acreditaba a San Martiño como o meritorio campión do Campionato Interparroquial do Concello de Meis.
Ningún comentario:
Publicar un comentario