Buscar neste blog

sábado, 9 de setembro de 2023

O Armenteira Veteranos xa coñece o calendario e a composición do grupo da liga 2023/2024

 


A delegación de Pontevedra da Real Federación Galega de Fútbol deu a coñecer nas últimas horas a composición dos grupos e o calendario da Terceira División da Liga Galega de Veteranos, na que competirá o Armenteira Veteranos, en concreto no seu grupo II. O grupo estará formado por 14 equipos, entre os cales estarán o conxunto vilagarciano do Xocas, descendido da Segunda División, e o Madia Leva, Rácing Cambados e o Atlético Combarro, tres conxuntos creados na presente temporada. Será unha competición a doble volta, con 26 de xornadas, nas que o Armenteira Veteranos repetirá interesantes duelos con clubes da contorna, como o C.D. Mosteiro, nun novo derbi municipal da liga de veteranos, ou co Castrelo C.F. Veteranos ou co Dorrón C.F. Veteranos. Cun plantel que mantén a maior parte dos efectivos da pasada campaña, con escasas e puntuais incorporación, á espera de que chegue algún reforzo máis, o cadro verde e negro quere esquecer o a experiencia da pasada temporada, na que, debido a diversas dificultades que mermaron o equipo, os resultados non cumpriron as expectativas. O retorno do goleador e futbolista referencia Jorge Castro, despois de superar unha grave lesión, será a base sobre a que se asentará unha formación que busca safisfacer o amor e a paixón polo fútbol dos seus integrantes, ao tempo que trata de competir e alcanzar os maiores éxitos posibles, representando e levando o nome da parroquia polo campos dos arredores, como o leva facendo desde fai case vinte anos.

ç



O Armenteira C.F. feminino volve ao traballo celebrando os éxitos da temporada pasada

 O proxecto do Armenteira C.F. feminino para a temporada 2023/2024 comezou a rodar este venres, 8 de setembro. Nas instalacións do campo de O Leixo congregáronse boa parte das futbolistas do cadro verdinegro, xunto co corpo técnico e representantes da Xunta Directiva, para planificar o traballo dunha temporada que se presenta de novo esixente e na que o conxunto de A Armenteira aspira, como mínimo, a repetir os éxitos da pasada campaña, no que se alzou co campionado da Copa Rías Baixas, unha competición na que tivo unha traxectoria impecable, vencendo en todos os encontros da liguiña. A clara vitoria fronte ao C.D. Mosteiro, o 21 de maio, outorgáballe matematicamente un título que engrosaba as vitrinas dun Armenteira C.F. catro anos despois do último gran éxito, o campionato de liga acadado polo equipo infantil na temporada 2018/2019. Co impulso que supón o logro da pasada campaña, o proxecto da entidade verdinegra para a nova campaña atópase plenamente consolidado, asegurando a continuidade de boa parte das compoñentes do plantel nas últimas temporadas, e coa posible incorporación dunha serie de reforzos que axuden a incrementar os recursos do equipo. Nos próximos días darase a coñecer a composición do grupo e o calendario da liga feminina de fútbol-7 que organizan as delegacións de Pontevedra e Vigo da Real Federación Galega de Fútbol, que está previsto que se inicie a comezos do mes de outubro e na que a escadra verdinegra se medirá a outros clubes da comarca como o C. Juventud Cambados ou o C.D. Mosteiro.