Buscar neste blog

sábado, 9 de setembro de 2023

O Armenteira C.F. feminino volve ao traballo celebrando os éxitos da temporada pasada

 O proxecto do Armenteira C.F. feminino para a temporada 2023/2024 comezou a rodar este venres, 8 de setembro. Nas instalacións do campo de O Leixo congregáronse boa parte das futbolistas do cadro verdinegro, xunto co corpo técnico e representantes da Xunta Directiva, para planificar o traballo dunha temporada que se presenta de novo esixente e na que o conxunto de A Armenteira aspira, como mínimo, a repetir os éxitos da pasada campaña, no que se alzou co campionado da Copa Rías Baixas, unha competición na que tivo unha traxectoria impecable, vencendo en todos os encontros da liguiña. A clara vitoria fronte ao C.D. Mosteiro, o 21 de maio, outorgáballe matematicamente un título que engrosaba as vitrinas dun Armenteira C.F. catro anos despois do último gran éxito, o campionato de liga acadado polo equipo infantil na temporada 2018/2019. Co impulso que supón o logro da pasada campaña, o proxecto da entidade verdinegra para a nova campaña atópase plenamente consolidado, asegurando a continuidade de boa parte das compoñentes do plantel nas últimas temporadas, e coa posible incorporación dunha serie de reforzos que axuden a incrementar os recursos do equipo. Nos próximos días darase a coñecer a composición do grupo e o calendario da liga feminina de fútbol-7 que organizan as delegacións de Pontevedra e Vigo da Real Federación Galega de Fútbol, que está previsto que se inicie a comezos do mes de outubro e na que a escadra verdinegra se medirá a outros clubes da comarca como o C. Juventud Cambados ou o C.D. Mosteiro.


Ningún comentario:

Publicar un comentario