Buscar neste blog

sábado, 14 de decembro de 2024

O Armenteira Veteranos logra tumbar ao Noalla Veteranos en Dorrón con tantos de Suso e Rubén

                                                                 FICHA TÉCNICA

NOALLA VETERANOS PORTAREDONDA - ARMENTEIRA VETERANOS - 1 - 2

ARMENTEIRA VETERANOS: Luis; Jorge Dávila, Carlos Muñiz, Sirra, Martín; Javi, Marcos Bouzas; Marcial, Bambán, Rubén; e Suso. Tamén xogaron Óscar Muñiz, Galiñanes e José.

GOLES: 0-1. Minuto 30. Suso. 1-1. Minuto 70. Rafa Muñiz. 1-2. Minuto 75. Rubén.

ÁRBITRO: Doval Taín. Non mostrou cartóns aos xogadores de ningún dos dous conxuntos.

INCIDENCIAS: Partido da oitava xornada do grupo 2 da Terceira Galicia de Veteranos da delegación de Pontevedra da Real Federación Galega de Fútbol, disputado no campo de O Cruceiro, en Dorrón, ante uns quince espectadores, nunha tarde seca e fría, e sobre un terreo de xogo nunhas condicións idóneas para a práctica do fútbol.

  CRÓNICA

ANÁLISE: O Armenteira Veteranos por fin logrou encadear dúas vitorias consecutivas. Tras a vitoria da pasada fin de semana no partido ante o Carballo da Portela A.C.D. correspondente á segunda xornada e que fóra aprazado no seu día, este sábado o conxunto verde e negro logrou un triunfo de mérito, ante un rival, o Noalla Veteranos que esta temporada se estaba mostrando como un dos equipos punteiros nos primeiros partidos de liga. A escadra do municipio de Sanxenxo perdeu esta temporada ao seu principal artilleiro, Lino Lima, que tanto dano causou ao Armenteira Veteranos nas últimas citas nas que se enfrontaron, e que este verán cambiou a camisola do Noalla Veteranos pola do equipo veciño de Os Raposos, veu compensada a marcha do ariete cunha serie de incorcoracións, varias delas procedentes da disciplina do fútbol gaélico, e que rexuveneceron e reforzaron as filas do conxunto noallés. O triunfo do Armenteira Veteranos baseouse sobre todo no oficio e na orde e seriedade táctica, fronte a un rival que destaca fundamentalmente polo seu vigor físico, nun partido intenso e con elevado ritmo de xogo durante os noventa minutos.

PRIMEIRA METADE: Partiu o Armenteira Veteranos cun esquema de 4-4-1-1, con Carlos Muñiz e Sirra como centrais, unha parella sempre solvente tanto á hora de interceptar as acometidas rivais, como cando se trata de inciar a construción das xogadas desde a liña defensiva. Por diante, na liña de mediocentros, outro tándem que está adquirindo solidez co paso dos partidos, e que forman Javi e Marcos Bouzas, con Bambán na media punta e Suso como home máis adiantado. Desde os primeiros minutos, o duelo parecía caracterizarse polo equilibrio. Fronte á vehemencia coa que disputaban cada balón os futbolistas do equipo de Noalla, o Armenteira Veteranos recurría á orde, á serenidade e ao oficio que, aínda que non se manifestaban no control do xogo, si permitían que se sentise con relativa comodidade sobre o terreo de xogo. Sen grandes ocasións, o primeiro treito do partido foi de tanteo, ata que, nunha acción de balón parado efectuada por Rubén, Javi, no segundo pau, asistiu a Suso, o cal irrumpeu na área pequena para enviar o coiro a gol ante a saída do porteiro. O tanto dos verdinegros fixo reaccionar aos locais, que incrementaron a intensidade, pero sen o éxito desexado, pois nas escasas aproximacións que realizaron, aproveitando algún desaxuste defensivo do Armenteira Veteranos ou en lanzamentos de córner, atopáronse coa solidez da liña defensiva visitante e coas acertadas intervencións dos gardamallas Luis.

SEGUNDA METADE: Temía o Armenteira Veteranos unha avalancha dos locais nos minutos iniciais do segundo período. Certo que comezaron con intensidade, pero os verde e negros, xa con José, robustecendo a liña medular tras a súa incorporación ao partido despois de cumprir coas súas obrigas laborais, souberon resistir. Incluso parecían aumentar a sensación de dominio, e eran quen de achegarse con maior frecuencia ás inmediacións da área adversaria. A inspiración de Bambán e o dinamismo de Marcial e Rubén nos costados, sacaba proveito dos ocos que se ían abrindo entre as liñas rivais. Con todo, esas sensacións viñéronse abaixo cando, nunha acción de contraataque, na que Javi non puido gañar un dos moitos choques nos que se impuxo no partido, o Noalla Veteranos armou unha rápida transición desde a defensa cara ao ataque pola banda esquerda que acabou finalizando na área un dos clásicos do cadro sanxenxino, Rafa Muñiz. Non se quería conformar co empate o Armenteira Veteranos e seguiu insistindo na procura da portería contraria. Rubén, Suso e, sobre todo, José, nunha clara ocasión que culminou en semichilena e que se foi por enriba do arco contrario, puideron adiantar de novo aos de A Armenteira, pero houbo que agardar a que Rubén, despois de recibir en velocidade, colocase o un a dous definindo con precisión ante o meta Borja Montenegro. Nos minutos finais, a intensidade dos de Noalla permitiulles poñer en algún apuro aos verdinegros, pero a seriedade defensiva e as atinadas intervencións de novo de Luis acabaron asegurando o triunfo para o Armenteira Veteranos.

MVP: Dentro da notable actual coral do Armenteira Veteranos, cabería destacar a figura de Javi. O mediocampista de Couso, foi o claro dominador da zona medular. O dominio nos balóns divividos, nos envíos por alto, as conducións superando liñas adversarias, foron, sen dúbida, unha mostra do repertorio que Javi exhibiu este sábado no campo de Dorrón. Ademais, a súa participación nas accións de estratexia volveu ser clave, como se evidenciou na asistencia a Suso no primeiro tanto. E aínda tivo a oportunidade de expoñer unha da máis recoñecidas sinais de identidade do seu fútbol, o golpeo de rabona.

ANÉCDOTA: Considerar como anécdota que un dianteiro marque goles semella algo contraditorio, pero o certo é que o gol inicial do Armenteira Veteranos, obra de Suso, foi tremendamente determinante para o curso do encontro, pero tamén ten algo de anecdótico, posto que, o dianteiro de Couso, que non sempre dispón dos minutos que desexa e reclama, asumiu con éxito a responsabilidade de suplir a Jorge Castro, o cal estará ausente dos terreos de xogo durante varios meses, e fíxoo co acerto que debe acompañar aos futbolistas que ocupan as demarcacións máis avanzadas dos seus equipos.

CLASIFICACIÓN E PRÓXIMA XORNADA: Con esta vitoria o Armenteira Veteranos sitúase na quinta posición, con trece puntos. Na próxima xornada, o sábado, 21 de decembro, o conxunto verdinegro recibirá a visita do Godos C.F., un rival que adoita poñer moitas dificultades aos de Armenteira nas numerosas ocasións nas que se viron as caras ao longo das últimas campañas, e que actualmente ocupa a sétima posición, con once puntos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario