Buscar neste blog

sábado, 3 de maio de 2025

A estelar actuación de Carlos Castro, coroada cun hat trick, guía o Armenteira Veteranos cara a un reconfortante triunfo en Cerponzóns

                                                        FICHA TÉCNICA

C. ATLÉTICO PEREGRINA 2021 - ARMENTEIRA VETERANOS - 0 - 3

ARMENTEIRA VETERANOS: Sirra; Jorge Dávila, Carlos Castro, Javi, Moncho; Galiñanes, Óscar Muñiz, Marcos Bouzas, Marcial; Bambán e Júnior. Tamén xogaron Carlos Muñiz e Rubén.

GOLES: 0-1. Minuto 56. Carlos Castro. 0-2. Minuto 63. Carlos Castro. 0-3. Minuto 78. Carlos Castro. 

ÁRBITRO: Álvarez Morais. Non mostrou cartóns a ningún xogador de ambos os dous equipos

INCIDENCIAS: Partido correspondente á vixésimo cuarta xornada do grupo 2 da Terceira Galicia de Veteranos da delegación de Pontevedra da Real Federación Galega de Fútbol, disputado no campo de Chan do Monte, en San Vicente de Cerponzóns, ante uns fresca, treboenta e chuviosa, e sobre un terreo de xogo nunhas condicións aceptables para a práctica do fúbol.

  CRÓNICA

ANÁLISE: O Armenteira Veteranos reencontrouse por fin coa vitoria. Desde o pasado 22 de febreiro, cando superara no campo de O Leixo ao Catoira Veteranos, naquel momento líder da categoría, o cadro verdinegro non lograra sumar os tres puntos. E foi nun encontro condicionado polas inclemencias meteorolóxicas, en plena treboada e con chuvascos intensos durante boa parte do partido, no que o Armenteira, malia contar con numerosas e importantes baixas, soubo facer fronte ás adversidades e obter un resultado positivo. A actuación estelar de Carlos Castro, coñecido popularmente como Parri, autor dos tres goles da escadra de A Armenteira, foi determinante para este cómodo triunfo.

PRIMEIRA METADE: Con once futbolistas xustos sobre o terreo de xogo no momento do asubío inicial, o Armenteira Veteranos non comezaba o partido nas mellores condicións. Nos primeiros minutos, a xuventude e o vigor físico do rival semellaban impoñerse. O dominio do balón era para os locais, que procuraban construír desde a defensa, aínda que sen conseguir xerar verdadeiro perigo nas inmediacións dunha portería que, tras varias xornadas, volvía estar defendida por Sirra. A baixa de Luis por lesión obrigou ao xogador de Couso a poñerse de novo as luvas e asumir o rol de gardamallas, función que desempeñou con éxito durante as últimas campañas. Foi o C. Atlético Peregrina 2021 quen gozou das primeiras ocasións de gol, pero, ou ben foron desbaratadas sen grandes dificultades por Sirra, pola parella de centrais formada por Carlos Castro e Javi, ou ben os remates saíron desviados da portería verdinegra. Co paso dos minutos, e reforzado coa entrada de Carlos Muñiz e Rubén, o Armenteira Veteranos comezou a sentirse máis cómodo, aínda que sen chegar a facerse co dominio do xogo. Raramente lograba encadear máis de tres pases seguidos. A falta de confianza e as présas por chegar á área rival levaban a erros constantes e a un recurso excesivo ao xogo directo. Con todo, o dominio do Peregrina ía diluíndose a medida que se achegaba o descanso, ao tempo que o ceo escurecía e unha intensa tromba de auga caía sobre as instalacións de Chan do Monte.

SEGUNDA METADE: Tras o reinicio, o escenario mudou para o Armenteira Veteranos. Carlos Castro, que xa no último treito da primeira metade deixara a zaga para situarse como interior dereito, decidiu asumir o protagonismo. Máis confiados co balón nos pés e co equipo mellor asentado, os verdinegros comezaron a mover o esférico con criterio e a levar perigo ao campo contrario. A firmeza defensiva de Carlos Muñiz e Javi, que non só se mostraban expeditivos nas tarefas defensivas, senón que iniciaban xogadas desde atrás, reforzaba a seguridade dun equipo que comezaba a crer na súa superioridade. Pero esa sensación había que plasmala no marcador. Sen Jorge Castro, ausente desde hai varias xornadas, e sen Víctor, lesionado no último partido, o Armenteira Veteranos presentábase sen os seus arietes habituais. Despois dalgúns intentos de Rubén, emerxeu a figura de Carlos Castro. Nunha xogada que el mesmo iniciou tras recuperar o balón ao bordo da área rival, o xogador de Vilar empalmou un disparo que sorprendeu ao porteiro Ezequiel Barragán e fixo o cero a un. Apenas uns minutos despois, nunha acción similar, tamén construída desde a recuperación, Carlos Castro avanzou cara ao interior da área e, cun remate certeiro, anotou o segundo tanto. Os xogadores do C. Atlético Peregrina 2021, resignados, vían como se esvaecían as súas opcións, mentres o Armenteira Veteranos se amosaba cada vez máis sólido e dominador, movendo o balón con soltura, algo pouco habitual nesta temporada. Nun envío longo cara ao costado dereito, Carlos Castro, pletórico tras os dous goles anteriores, superou en velocidade aos defensores pontevedreses e, ante a saída de Ezequiel Barragán, fixo o seu terceiro tanto da tarde. Os minutos finais tiveron pouca historia. O C. Atlético Peregrina 2021, afectado tamén por molestias físicas nalgúns xogadores, foi entregándose pouco a pouco e recoñecendo a superioridade do rival.

MVP: Cando un xogador asina un hat-trick tan decisivo como o deste sábado en Cerponzóns, poucas dúbidas pode haber sobre quen foi o futbolista máis valioso do encontro. Carlos Castro levaba tempo reclamando xogar en posicións máis adiantadas, para recuperar sensacións dos seus tempos no equipo sénior do Armenteira C.F. Pero, confinado durante anos no centro da defensa ou mesmo no lateral, rara vez vía cumprido ese desexo. Aceptando o seu papel de defensor contundente, insistía en ter unha oportunidade máis preto da área rival. Se ben nos últimos partidos xa fora probado como centrocampista de banda, foi nesta ocasión cando exhibiu todo o seu potencial ofensivo. Coa determinación e forza física que o caracteriza, o xogador de Vilar asinou tres goles e protagonizou múltiples incursións perigosas pola dereita, coroando unha actuación brillante en Chan do Monte. Xustificadas quedaron as efusivas celebracións que acompañaron cada un dos seus tantos.

ANÉCDOTA: Non é habitual que a Real Federación Galega de Fútbol acceda ás peticións dos clubs para modificar horarios máis aló das 18:00 horas da semana do partido. Porén, o deste sábado foi unha desas excepcións. A maior parte dos xogadores do Armenteira adaptaron a súa axenda ao horario das 17:30 horas, pero foi a curiosidade do delegado José Luis Galiñanes, ao consultar a aplicación da Federación, a que descubriu que o encontro fora adiantado unha hora. Ao mesmo tempo, desde a delegación da Federación en Pontevedra contactaban con outro membro do equipo para confirmar o cambio. A modificación provocou algún trastorno de última hora e algún xogador chegou co encontro xa iniciado e sen a equipación axeitada. Afortunadamente, non tivo maiores consecuencias para os de A Armenteira.

CLASIFICACIÓN E PRÓXIMA XORNADA: A pesar da vitoria, o Armenteira Veteranos continúa na undécima posición. Con vinte e nove puntos, o equipo verdinegro aspira a mellorar a súa clasificación nas dúas xornadas restantes. Para continuar escalando, a próxima fin de semana recibirá ao Castrelo C.F. Veteranos, sexto clasificado, con trinta e cinco puntos, nun novo derbi entre equipos veciños que se coñecen á perfección.


sábado, 5 de abril de 2025

Reparto de puntos entre Armenteira Veteranos e Noalla V. Portaredonda nun duelo cheo de alternativas

                                                  FICHA TÉCNICA

ARMENTEIRA VETERANOS - NOALLA V. PORTAREDONDA - 2 - 2

ARMENTEIRA VETERANOS: Luis; Moncho, Carlos Muñiz, Javi, Óscar Muñiz; Sirra, Víctor; Manuel, Marcos Bouzas, Rubén; e Bambán. Tamén xogaron Jorge Dávila, José e Galiñanes.

GOLES: 1-0. Minuto 16. Sirra. 1-1. Minuto 44. Iago Costa. 2-1. Minuto 48. Víctor, de penalti. 2-2. Minuto 51. Juan Luis Paz, de penalti. 

ÁRBITRO: Gago Alonso. Mostrou cartóns amarelos a Óscar Muñiz por parte do Armenteira Veteranos e a Juan Luis Paz e Victorino Martínez por parte do Noalla V. Portaredonda.

INCIDENCIAS: Partido correspondente á vixésimo primeira xornada do grupo 2 da Terceira Galicia de Veteranos da delegación de Pontevedra da Real Federación Galega de Fútbol, disputado no campo Municipal de Zacande, ante uns trinta espectadores, nunha tarde soleada e temperada, e sobre un terreo de xogo nunhas condicións aceptables para a práctica do fúbol.

  CRÓNICA

ANÁLISE: O Armenteira Veteranos logrou enlazar dous empates consecutivos. Se na pasada xornada, ante o CAB Enovin Veteranos, o cadro verdinegro logrou igualar nos últimos intres do encontro tras estar en desvantaxe no marcador, nesta ocasión os de A Armenteira colocáronse por diante no marcador ata en dúas ocasións, pero viron como o seu rival, o Noalla V. Portaredonda, reaccionaba a cada un dos tantos dos locais e lograba restablecer a igualada. Foi un partido intenso, con ritmo, e con numerosas alternativas por ambos os dous lados, onde o Armenteira Veteranos foi lixeiramente superior no primeiro período, mentres que no segundo foron os visitantes os que impuxeron o seu vigor físico e ritmo de xogo.

PRIMEIRA METADE: Tras uns minutos iniciais de tanteo, nos que ningún dos dous conxuntos lograba controlar o dominio do xogo, o Armenteira Veteranos comezou a atoparse no campo e a descubrir o camiño cara á portaría rival. Con Víctor incrustado na liña de mediocentros, acompañando a un Sirra imponente na tarde deste sábado, e con Marcos Bouzas transitando pola zona da media punta, o cadro verde e negro víase superior nas disputas polo balón e lograba presentarse con máis frecuencia nas inmediacións da área adversaria. E foi nun deses achegamentos, no que Sirra, tras recuperar un balón no borde da área, conecta un zapatazo coa perna esquerda que coloca no fondo da rede do Noalla V. Portaredonda. O tanto do futbolista de Couso parecía reflectir o observado sobre o Municipal de Zacande, e os de A Armenteira tiveron a oportunidade de ampliar a vantaxe. As conducións sempre desbordantes de Víctor ou a profundidade de Rubén polo costado esquerdo ben puideron servir para lograr o segundo tanto local. Con todo, un erro na saída do balón desde a portería permitiu que Iago Costa recibise o balón en tres cuartos de campo e, ante a posición adiantada do gardamallas Luis, o mediapunta dos de Noalla enviou o balón por alto ata o fondo das mallas verdinegras. O gol visitante supuxo un mazazo para o Armenteira Veteranos, que apenas puido reaccionar antes de que o colexiado Gago Alonso decretase o final da primeira metade.

SEGUNDA METADE: Tras a reanudación, os de A Armenteira partiron coa intención de retomar a iniciativa. Nunha das primeiras aproximacións, José recibe un balón en profundidade e plántase ante o meta Brais Queiruga, pero a enérxica saída do cancerbeiro visitante arrolla ao centrocampista verde e negro cando trataba de rematar a portería. Despois duns intres de dúbida para escoller o lanzador, Víctor asumiría a responsabilidade e convertiría a pena máxima, situando de novo por diante ao Armenteira Veteranos. Non se fixo agardar a reacción dos de Noalla, e tras unha acción embarullada na área verdinegra, Marcos Bouzas impactaba nun pé dun atacante adversario, provocando que o colexiado volvese sinalar a pena máxima. Juan Luis Paz non fallaría desde os once metros para o Noalla V. Portaredonda, restablecendo novamente a igualada. A partir de entón continuaron as alternativas dun e outro bando, aínda que co paso dos minutos o conxunto visitante íase atopando máis cómodo sobre o terreo de xogo e impoñendo o seu ritmo. A lesión de Carlos Muñiz, que deixou desguarnecido o centro da zaga verdinegra, e o cansanzo que se acumulaba nas pernas dos futbolistas locais, facilitaron o maior dominio dos de Noalla no último terzo do encontro. A pesar diso, o Armenteira Veteranos gozou dalgunha ocasión para volverse poñer por diante, mediante algunha acción de Víctor, José ou un testarazo de Sirra, pero a máis clara estivo xa no tempo engadido, cando Galiñanes, man a man ante o meta rival, non acertou a colocar a vaselina entre os tres paus da portería do Noalla V. Portaredonda.

MVP: Nun partido intenso e marcado polas condicións físicas, no Armenteira Veteranos destacou un futbolista que non só reúne eses valores, senón que ademais conta con calidade, colocación e templanza para moverse e desprazar o balón. Se nas temporadas anteriores Sirra exercía principalmente como porteiro, con notable éxito, na presente campaña o futbolista de Couso é, sen lugar a dúbidas, unha das maiores achegas como xogador de campo. No centro da defensa, e ultimamente na liña de mediocentros, o seu saber estar e a serenidade coa que actúa con e sen balón convérteno nun dos grandes baluartes do Armenteira Veteranos. E, ademais, a súa destacada actuación no partido deste sábado viuse coroada cun gol de bela factura tras un disparo desde o borde da área coa súa perna menos boa, a esquerda.

ANÉCDOTA: Non é habitual que nos encontros das ligas de veteranos o Comité de Arbitraxe da Real Federación Galega de Fútbol envíe colexiados novos. Son partidos que adoitan ser dirixidos por árbitros veteranos, cunha ampla rodaxe e experiencia, unhas ferramentas que lles permiten afrontar os desafíos que supoñen as protestas, as trifulcas e as discusións, que lamentablemente se observan frecuentemente nos partidos destes xogadores que consumen os seus últimos anos de fútbol, pero que, lamentablemente, non sempre teñen a actitude que deberían. No partido deste sábado, Gago Alonso, o árbitro encargado de dirixir o duelo, portaba un brazalete que o identificaba como menor de idade, unha distinción que a Federación establece para que tanto os futbolistas, como os corpos técnicos e o público se comporten coa debida corrección, principalmente nestes casos nos que se trata de colexiados novos que comezan a súa andaína nesta labor fundamental no mundo do balompé. E cabe dicir que, Gago Alonso, pese a que lle cuestionaron algunha das súas decisións, tivo unha actuación notable e demostrou habilidades para desenvolverse, nun partido no que, de todos xeitos, non presentou grandes complicacións.

CLASIFICACIÓN E PRÓXIMA XORNADA: Despois desta xornada, o Armenteira Veteranos sitúase na décima posición, con vinteséis puntos. Na próxima xornada, o conxunto verdinegro debe visitar o campo de As Corticeiras, en Caldas de Reis, para medirse ao sempre correoso e complicado Godos C.F. Veteranos, que ocupa a quinta praza na táboa, con trinta e cinco puntos. No duelo da primeira volta, os de A Armenteira lograron salvar un punto tras unha remontada nos últimos minutos, e o próximo sábado, 12 de abril, tratarán de sacar un resultado positivo ante un rival e nun campo que habitualmente non lles foi moi favorable.


sábado, 22 de febreiro de 2025

O Armenteira Veteranos vence a un Catoira Veteranos que se presentaba como líder en O Leixo

                                                              FICHA TÉCNICA

ARMENTEIRA VETERANOS - CATOIRA VETERANOS - 3 - 2

ARMENTEIRA VETERANOS: Luis; Jorge Dávila, Javi, Carlos Muñiz, Moncho; Óscar Muñiz, Sirra, Marcos Bouzas, Rubén; Bambán e Víctor. Tamén xogaron Marcial, Galiñanes e Manuel.

GOLES: 0-1. Minuto 13. Antonio Conde. 1-1. Minuto 25. Víctor. 2-1. Minuto 58. Víctor. 3-1. Minuto 60. Marcos Bouzas. 3-2. Minuto 71. Fernando Conde.

ÁRBITRO: Caeiro Abalo. Mostrou cartóns amarelos a Óscar Muñiz, Javi, Moncho e Marcial por parte do Armenteira Veteranos e Santiago Pérez por parte do Catoira Veteranos, e cartóns vermellos directos a Óscar Muñiz por parte do Armenteira Veteranos e a Ángel Isorna por parte do Catoira Veteranos.

INCIDENCIAS: Partido correspondente á décimosexta xornada do grupo 2 da Terceira Galicia de Veteranos da delegación de Pontevedra da Real Federación Galega de Fútbol, disputado no campo de O Leixo, ante uns vinte espectadores, nunha tarde soleada pero fresca, e sobre un terreo de xogo de superficie de terra, nunhas condicións aceptables para a práctica do fútbol.

  CRÓNICA

ANÁLISE: O Armenteira Veteranos logrou a "machada" desta xornada. O conxunto verde e negro venceu, nun novo regreso ao campo de O Leixo, ao equipo que ocupaba a posición de líder desde as primeiras xornadas, o Catoira Veteranos, e que, segundo os resultados da temporada, parecía o gran favorito para alzarse co título de campión do grupo. Foi un encontro no que o cadro de A Armenteira amosou seriedade táctica, intensidade no xogo e eficacia nos últimos metros, o que lles permitiu dar unha alegría á afección, que puido gozar dunha nova xornada de fútbol na parroquia de A Armenteira.

PRIMEIRA METADE: Desde o inicio, semellaba que o Catoira Veteranos quería asumir as rendas do xogo. Cun fútbol combinativo, que sempre pasaba pola zona de creación e que buscaba a profundidade polos costados, os da comarca do Ulla pretendían exhibir os argumentos futbolísticos que os levaron ao máis alto da táboa. Fronte a isto, o Armenteira Veteranos apostaba pola orde e a seriedade táctica, tratando de non arriscar nos pases e buscando a velocidade en ataque de Rubén e Víctor, que regresaba ao once verdinegro despois de varias semanas lesionado. Con todo, ningún dos dous equipos era quen de xerar ocasións de claro perigo nos primeiros minutos. Pero foi no minuto 13, tras un erro na saída de balón dos locais despois dun saque de banda, cando, tras saír favorecidos en varios rexeites, os atacantes do Catoira Veteranos conseguían adiantarse no marcador cun disparo cruzado de Antonio Conde desde a zona esquerda da área pequena que superaba a estirada de Luis. Resignado polo revés que supoñía o gol, o Armenteira Veteranos tratou de recompoñerse. Custáballe manter posesións longas ao conxunto local, pero a base de balóns en longo, que atopaban certa vulnerabilidade defensiva no adversario, foron quen de chegar á área visitante. Víctor, cun potente disparo desde máis de vinte metros, lograba un gol de excelente factura que situaba o 1-1 no marcador. A partir de aí mantívose a mesma tónica dos minutos anteriores. O Catoira Veteranos apostaba por un fútbol combinativo desde a liña defensiva para buscar a profundidade dos seus extremos en ataque, mentres que o Armenteira Veteranos, ordeado e contundente no corte, aproveitaba cada recuperación de balón para buscar rapidamente a velocidade en ataque de Víctor e Rubén e a creatividade de Bambán.

SEGUNDA METADE: Na segunda metade, o Armenteira Veteranos tratou de manter a compostura que amosara no período inicial. Pero nada máis reanudarse o encontro, nunha xogada de ataque do Catoira, produciuse unha trifulca que comezou cunha agresión dun futbolista visitante a Javi e na que se implicaron boa parte dos futbolistas. Ante isto, o colexiado Caeiro Abalo reaccionou expulsando con cartón vermello directo a Óscar Muñiz, polo Armenteira Veteranos, e a Ángel Isorna, polo Catoira Veteranos. Con dez futbolistas sobre o campo en cada un dos dous equipos, parecía que os locais se sentían máis cómodos. Os ocos na defensa catoirense eran cada vez maiores, e os dianteiros verdinegros chegaban con máis facilidade á meta adversaria. Sería de novo Víctor, nesta ocasión cun lanzamento de falta desde o borde dereito da área visitante, quen colocou o balón con precisión no fondo das redes, poñendo ao Armenteira por diante no marcador. Apenas dous minutos despois, ante o desconcerto defensivo do Catoira Veteranos, Marcos Bouzas, case sobre a liña de gol, posiciouse para cabecear un balón bombeado e enviárono á rede. O tres a un supoñía un colchón relativamente cómodo para afrontar a recta final do encontro. Pero aínda restaban trinta minutos que non estuveron exentos de sufrimento para os locais. As entradas por banda, que foron neutralizadas con éxito na maior parte dos casos por Manuel e Moncho nos laterais, e por Javi e Carlos Muñiz no centro da defensa, puxeron nalgún apuro á zaga verdinegra. A eficacia defensiva viuse complementada coa seguridade na portería dun Luis que, cada vez máis confiado, parece asentado baixo os paus do cadro verde e negro. Con todo, non puideron evitar que o Catoira, tras unha gran xogada individual pola banda esquerda, conseguise o segundo tanto visitante a través de Fernando Conde. Pero os locais lograron resistir, facendo fronte ás acometidas do Catoira e incluso puideron sentenciar nos últimos minutos. Un disparo de Marcos Bouzas que saiu desviado e, sobre todo, unha acción na que Víctor, exhausto polo enorme esforzo realizado durante o partido, se plantou diante do meta José Antonio Pichel, pero sen as forzas suficientes para definir con claridade, deu lugar a que o gardamallas visitante repelira o lanzamento de Víctor. A pesar de que, nos máis de cinco minutos de prolongación decretados por Caeiro Abalo, os visitantes buscaron, con maniobras á desesperada, como mínimo o empate, o Armenteira Veteranos resistiu e conseguiu conservar unha vitoria que ten verdadeiro mérito.

MVP: Tras varias semanas afastado dos terreos de xogo debido á lesión sufrida nunha das súas mans no partido ante o C. Atlético Peregrina, Víctor regresaba á formación do Armenteira Veteranos. E non defraudou á que quizais sexa a incorporación estrela dos verdinegros para esta tempada. A súa mobilidade, o seu desborde e a súa pegada convérteno nun futbolista diferencial, como volveu demostrar este sábado, no que non só logrou dous goles de bela factura, senón que deu un exemplo de entrega e sacrificio ata o límite das súas forzas.

ANÉCDOTA: Volver a O Leixo supón un reencontro co pasado e coas orixes do Armenteira Veteranos e do fútbol en A Armenteira. Para algúns afeccionados, este feito supón unha alegría especial. A decisión de disputar encontros como locais no Municipal de Zacande, para beneficiarse das mellores condicións que ofrece a superficie de céspede artificial, regresando á terra de O Leixo en determinadas ocasións, parece que fai que a afección valore especialmente cada vez que o fútbol retorna á parroquia de A Armenteira. Se en tempadas anteriores os partidos en O Leixo pouco a pouco se foron despoboando de afeccionados, semella que agora a tendencia comeza a variar. Nas citas nas que o balón volve rodar nas instalacións deportivas situadas no lugar de O Busto, hai un grupo de afeccionados e afeccionadas que non se queren perder o acontecemento. Entre eles, destaca un afeccionado que vive con particular fervor estes retornos: Abel, un antigo hostaleiro que rexentou un bar a escasos metros do campo de O Leixo, e que sempre apoiou e manifestou o seu compromiso cos equipos de fútbol de A Armenteira, e que agora non dubida en expresar a sensación de xúbilo que sente cada vez que O Leixo volve acoller unha xornada do calificado como "deporte rei".

CLASIFICACIÓN E PRÓXIMA XORNADA: Con este triunfo, o Armenteira Veteranos ascende á sexta posición, con vinte e catro puntos. Na próxima xornada, o cadro verde e negro deberá rendir visita ao campo de Baltar de Arriba, na localidade de Portonovo, para medirse ao Newport Cats F.C., que ocupa o terceiro posto na táboa, con trinta e un puntos. Este encontro, a falta de confirmación oficial, parece que se disputará o próximo sábado, 1 de marzo.




sábado, 18 de xaneiro de 2025

Vitoria axustada do Armenteira Veteranos ante o C. Atlético Peregrina 2021 nun partido pleno de intensidade

                                                             FICHA TÉCNICA

ARMENTEIRA VETERANOS - C. ATLÉTICO PEREGRINA 2021 - 2 - 1

ARMENTEIRA VETERANOS: Luis; Marcos Bouzas, Carlos Muñiz, Martín; Marcial, Bambán, Javi, José, Rubén; Suso e Víctor. Tamén xogaron Moncho, Óscar Muñiz, Fernando, Galiñanes e Jorge Dávila.

GOLES: 1-0. Minuto 10. Víctor. 2-0. Minuto 41. José. 2-1. Minuto 60. Eduardo Caramés. 

ÁRBITRO: Doval Taín. Mostrou cartón amarelo a Víctor por parte do Armenteira Veteranos e a Esteban Costa por parte do C. Atlético Peregrina 2021.

INCIDENCIAS: Partido da undécima xornada do grupo 2 da Terceira Galicia de Veteranos da delegación de Pontevedra da Real Federación Galega de Fútbol, disputado no campo Municipal de Zacande, en Meis, ante uns quince espectadores, nunha tarde fresca e seca, e sobre un terreo de xogo nunhas condicións aceptables para a práctica do fútbol.

  CRÓNICA

ANÁLISE: O Armenteira Veteranos logrou tres novos puntos claves para seguir na loita por acceder aos postos de privilexio na táboa. Foi nun partido intenso, bronco por momentos, ante o C. Atlético Peregrina 2021, un rival que aposta por levar ao seu principal valor, a condición física dos seus futbolistas. Non fixo un partido brillante do Armenteira Veteranos, que soubo encauzar o resultado no primeiro período, pero que sufriu certos apuros para conservar os tres puntos durante a segunda metade, sobre todo na recta final do encontro.

PRIMEIRA METADE: Apostou o Armenteira por saír cun plantexamento arriscado. A defensa de tres coa que experimentara nos últimos partidos convertiuse neste caso na formación de inicio. Con Marcos Bouzas, Carlos Muñiz e Martín na liña defensiva e Marcial e Rubén ocupando os carrís, o cadro verdinegro fiaba a súa estratexia a xogar coas liñas avanzadas e cunha aliñación inicial plagada de peloteiros. Pero esa proposta non parecía funcionar nos primeiros minutos. A presión alta e intensa do C. Atlético Peregrina 2021 estrangulaba a sáida de balón desde a zona defensiva dos locais e forzaba numerosas imprecisións. Xa é o Armenteira Veteranos un conxunto ao que lle custa habitualmente facerse co tacto do balón, e máis aínda ante un rival que ten a súa principal virtude na presión, na intensidade e no vigor físico. Con todo, a falta de pegada dos visitantes non poñía en demasiados apretos a meta defendida por Luis Martínez, e, na primeira ocasión na que os verdinegros se presentaron na área rival, Víctor, tras recibir un envío longo ás costas da defensa, controlaba o coiro, e acomodábase para superar co seu disparo a estirada do gardamallas Borja Cádiz e situar o un a cero. Limitados os labores de creación de xogo desde a liña do mediocampo, o Armenteira Veteranos parecía atopar a vía de perigo cara a portería adversaria, os balón longos buscando a velocidade e a capacidade de desborde de Víctor. Sen controlar demasiado a situación, os de A Armenteira ían sentíndose máis cómodos a medida que avanzaba a primeira metade e eran quen de enxendran máis accións de perigo. Nunha xogada similar ao do primeiro tanto, nun envío en longo que recibe Víctor, este asiste a José, que, na área pequena, e ante a saída do porteiro, coloca coa seu pé menos bo, o esquerdo, coiro no fondo da rede. Apenas tivo tempo para reaccionar o C. Atlético Peregrina mediante algunha leve acometida, antes de que o colexiado Doval Taín asubiase a fin da primeira metade.

SEGUNDA METADE: Tras a reanudación, o cadro visitante volveu con aínda máis intensidade. A enerxía e a viveza que exhibían algúns dos seus xogadores fíxose máis explícita neste segundo período. Non era quen o Armenteira Veteranos de igualar ese fútbol intenso, e apostaba pola orde, polo control e pola cordura. A pesar de todo, os arrebatos ofensivos do C. Atlético Peregrina non xeraban excesivo perigo, e agás algún saque de curruncho, e unha ocasión na que o esférico esvarou das luvas do meta Luis e que logro chapar sobre a liña de gol, as maniobras de ataque dos pontevedreses non alertaban en exceso aos locais. Pero esta aparente calma mudou por completo cando, nunha xogada iniciada tras un saque de banda no costado esquerdo do C. Atlético Peregrina, o coiro chegou a pés de Eduardo Caramés que, desde a frontal da área, empalmou un zapatazo que se colocou pegado ao pau esquerdo meta verdinegra. A incursión no terreo de xogo dun afeccionado do conxunto pontevedrés que desde facía uns minutos se asentara tras a portería do Armenteira Veteranos para tratar de arrebatarlle o coiro ao cancerbeiro Luis Martínez cando este trataba de recollelo do fondo da rede, orixinou unha tangana, á que se uniron varios membros do banco de suplentes do equipo visitante. A postura pusilánime do colexiado e a actitude agresiva dos futbolistas do C. Atlético Peregrina, que xa se puxeran de manifesto ao longo do encontro alongou durante uns minutos a liorta. Na recta final do encontro o Armenteira Veteranos seguiu sen facerse co control do xogo, e aínda que logrou aproximarse nalgunha oportunidade á área rival, sobre todo a través de Víctor ou de José, e dispuxo da ocasión máis clara nunha recuperación de Martín en tres cuartos de campo na que, tras adentrarse na área, e asistir a Bambán, este non puido definir ante a interposición dos defensores rivais. As arrancadas, repletas de puxanxa, coas que os futbolistas do C. Atlético Peregrina buscaban a meta verdinegra puxeron a proba ao resistencia defensiva dos de A Armenteira, e desta volta si conseguiron aguantar e conseguir que os tres puntos se quedaran na casa

MVP: A que foi a incorporación estrella do Armenteira Veteranos para a temporada 2024/2025 comeza a asentarse no equipo e a dar os seus réditos. Tras un fulgurante inicio no primeiro partido de liga no campo de O Cruceiro, en Dorrón, Víctor non puido gozar da continuidade nin da regularidade que todos desexaban. A súa potencia, velocidade, capacidade para conducir e desbordar fan do futbolista de San Martiño un dos activos máis valiosos do cadro verde e negro. E esas virtudes expresáronse con claridade no partido deste sábado. Logrou abrir o marcador e asistiu a José, co que forma unha produtiva sociedade no segundo tanto, e foi, ao longo dos noventa minutos un verdadeiro quebradeiro de cabeza para a defensa rival. Acabou co corpo magullado e cunha man mancada, feridas de guerra dun auténtico batallador no ataque do Armenteira Veteranos, que de seguro terá moito que dicir no que queda de temporada.

ANÉCDOTA: Para moitos é o mellor adestrador que pasou polo campo de O Leixo nos tempos nos que o Armenteira C.F. dispoñía dun equipo na Terceira Autonómica. Chegado desde o veciño Umia C.F. Suso Conles deixou a súa impronta na entidade verdinegra en base á entrega, seriedade e  profesionalide coa que exerceu o seu cargo na dirección técnica. Amante dos datos, das estatísticas e da análise pormenorizada e individualizada do rendemento do equipo e de cada xogador en particular, Suso Conles é aínda obxecto de admiración por parte de moitos dos futbolistas que pasaron polas súas mans. E, como xa ocorrera fai unhas temporadas, cando se mediu ao Armenteira Veteranos formando parte do plantel do C.D. Portas Veteranos, Suso volveu verse as caras con algúns dos que foran os seus pupilos e que agora consumen as súas ansias de fútbol na equipo veterano verdinegro. Con seis décadas ás súas costas, segue destilando doses do calidade, como demostrou este sábado no Municipal de Zacande, na que exerceu, como director do xogo do seu equipo desde a zona do mediocampo, unha labor de dirección que, neste caso desde o banco, como fixera fai máis de dez anos no Armenteira C.F., desempeña actualmente no C.D. Portas da Terceira Futgal.

CLASIFICACIÓN E PRÓXIMA XORNADA: Con este triunfo, o Armenteira Veteranos conserva a sexta posición na táboa, con dezasete puntos. Na próxima xornada, o conxunto verdinegro deberá visitar o campo Municipal de Castrelo, no municipio de Cambados, para enfrontarse ao Castrelo C.F. Veteranos, que ocupa o décimo posto, con trece puntos. Será a reedición doutro duelo clásico da liga local de veteranos, que se vén repetindo temporada tras temporada, entre dous equipos veciños que se coñecen sobradamente e que medirán de novo as súas forzas sobre a superficie de terra do campo da parroquia cambadesa.

sábado, 21 de decembro de 2024

Remontada con tintes épicos do Armenteira Veteranos para salvar un punto no seu regreso a O Leixo

                                                                  FICHA TÉCNICA

ARMENTEIRA VETERANOS - GODOS C.F. VETERANOS - 4 - 4

ARMENTEIRA VETERANOS: Luis; Jorge Dávila, Carlos Muñiz, Sirra, Moncho; Javi, Marcos Bouzas; Manuel, Bambán, Rubén; e Marcial. Tamén xogaron Carlos Castro, Fernando, Júnior, José, Suso, Óscar Muñiz e Galiñanes.

GOLES: 1-0. Minuto 16. Rubén. 1-1. Minuto 17. José Abuín. 1-2. Minuto 29. Álvaro Abalo. 1-3. Minuto 40. Álvaro Abalo. 1-4. Minuto 42. Manuel Pereira. 2-4. Minuto 63. Rubén. 3-4. Minuto 88. Bambán. 4-4. Minuto 90. Bambán.

ÁRBITRO: Cacabelos Iglesias. Mostrou cartón amarelo a Manuel Rodríguez por parte do Godos C.F. Veteranos.

INCIDENCIAS: Partido da novena xornada do grupo 2 da Terceira Galicia de Veteranos da delegación de Pontevedra da Real Federación Galega de Fútbol, disputado no campo de O Leixo, en A Armenteira, ante uns quince espectadores, nunha tarde fresca e lixeiramente bretemosa, e sobre un terreo de xogo con superficie de terra, algo duro, pero nunhas condicións aceptables para a práctica do fútbol.

  CRÓNICA

ANÁLISE: O Armenteira Veteranos conseguiu salvar un punto in extremis no seu regreso ao campo de O Leixo. Sete meses despois, as instalacións deportivas situadas no lugar de O Busto acollían un partido de competición oficial, no que conxunto local do Armenteira Veteranos recibía ao Godos C.F. Veteranos. Era unha nova edición dun duelo clásico das ligas locais de veteranos e no que temporada tras temporada o equipo do municipio de Caldas de Reis, acostuma e poñer en moitos apretos aos verde e negros. Nesta ocasión non foi unha excepción, xa que, nun duelo bastante equilibrio, no que, se ben se adiantaron no marcador os locais, catro goles seguidos dos de Godos antes do descanso, obrigaron ao Armenteira Veteranos a realizar unha remontada épica que lle serviu para salvar canto menos un punto.

PRIMEIRA METADE: Tras comezar a liga disputando como local os seus partidos, o Armenteira Veteranos, abandonaba temporalmente o campo municipal de Zacande, con superficie de céspede artificial, para regresar á superficie de terra do campo de O Leixo. Pero nos inicios do encontro, parecía que os verdinegros perderan a costume e non demostraban demasiada soltura sobre a terra de O Leixo. A escasa anchura do campo obrigaba a recurrir con frecuencia aos balóns altos en profundidade, renunciando a combinar e abrir o xogo polos costados. Fronte a isto, o Godos C.F. Veteranos xa presentaba a que sería a súa principal ameaza na tarde deste sábado, o dinamismo e a velocidade dos seus homes de ataque. Pero os minutos iniciais de tanteo, sería o Armenteira Veteranos quen tomaría vantaxe. Rubén, nunha acción ofensiva pola banda esquerda, adentrouse na área e recurtou cara a súa perna dominante, a dereita, e empalmou un disparo que se colou no fondo das mallas defendidas Luis Manuel Fernández. Con todo, non tivo tempo a asimilar a nova situación o cadro local, xa que, nun envío longo cara o ataque, o Godos C.F. Veteranos superaba en velocidade á defensa local e, tras unha rápida combinación que non logran interceptar os zagueiros verdinegros, o mediocampista José Abuín presentábase na área para bater a Luis Martínez. Non logrou recuperarse totalmente deste impacto o Armenteira Veteranos, que non daba atopado un patrón de xogo a seguir e, en cambio, sufría ante a mobilidadade en ataque dun rival, que non apostaba por abrir os extremos, e que sustentaba os seus movementos de ataque nos rápidos movementos dos seus dianteiros e nas incorporacións de futbolistas desde a segunda liña. Unha perda de balón no costado dereito do mediocampo dos de Armenteira, permitiu ao adversario armar un contraataque que fixo chegar o coiro a Álvaro Abalo, que cara a cara con Luis Martínez, non fallou para situar o un a dous no marcador. Seguiu tratando de recompoñer a defensa a escadra local, aínda que os cambios non semellaban dar moito resultado, posto que os caldenses ían pouco a pouco facéndose máis donos do xogo. Controlaban o mediocampo e movían con fluidez o coiro ante un Armenteira Veteranos que non daba síntomas de reacción. Noutra acción polo costado esquerdo dos visitantes, un envío por alto era finalizado de novo por Álvaro Abalo cun certeiro testarazo que superaba de novo a Luis Martínez. E xa cando a primeira parte estaba chegando á súa fin, un centro o lado esquerdo do ataque dos de Godos, case sobre a liña de fondo, caía con precisión nos pés de Manuel Pereira, que colocaba o un a catro. Marchaban os xogadores do Armenteira Veteranos con caras de abatemento ao descanso, reflexionando e tratando de analizar os numerosos erros que conduciran a un resultado tan abultado e, certamente, con non demasiadas esperanzas de darlle á volta á situación.

SEGUNDA METADE: Na segunda metade, co ingreso no campo de José, a quen motivos laborais o levaron a entrar tardiamente nun encontro, tiña o Armenteira Veteranos máis argumentos para borrar a mala imaxe do primeiro período. Cunha liña defensiva con só tres futbolistas, os verdinegros apostaron neste segundo período por acumular máis xogadores na zona ofensiva, tratando de atopalos mediante envíos máis directos. Aínda que os locais conseguían agora ter maior dominio do xogo, non eran quen de presentarse con asiduidade nas inmediacións da meta visitante nin de inquedar ao gardamallas Luis Manuel Fernández. Acomodados, os de Caldas, parecían crer que tiñan o partido sentenzado, e a actitude dos locais incluso daba a entender que lles daban a razón. Ao que non renunciaba o Armenteira Veteranos era a poder disputar o encontro, quería polo menos vender cara a derrota. E así, tirando de orgullo, foi como comezou a atopar fisuras no sistema defensivo do rival. Nunha acción polo costado dereito, Rubén recibe e penetra polo centro da defensa e envía o coiro ao fondo das mallas para recurtar distancias co dous a catro. Pero o frenesí chegaría na recta final. Con Carlos Castro revolucionando a liña de ataque, e cun Rubén especialmente activo, e sobre todo, a través da inspiración de Bambán, o camiño cara a heroicidade era posible. Noutra acción iniciada polo costado dereito, Bambán recibiu na área pequena e, coa pausa que o caracteriza, definía con precisión ante Luis Manuel Fernández. O tando do habilidoso mediapunta de Xil fixo crer que na esperanza, ao tempo que afundía o ánimo dos visitantes. E, xa no tempo engadido, outra asistencia cara a Bambán, permitiu que o mediapunta se presentase ante o gardamallas caldense e o superase cunha precisa vaselina que desatou a euforia entre as filas verdinegras. A celebración deste cuarto tanto, con todos os futbolistas do Armenteira Veteranos, incluídos os que se ocupaban o banco de suplentes, amoreados sobre o autor do gol, é o claro reflexo do xúbilo que provocou esta remontada con tintes épicos. Non houbo tempo para moito máis, e cando o colexiado grovense Cacabelos Iglesias asubiaba o final, o reparto de puntos resultaba máis satisfactorio para o conxunto local que para os visitantes que, a tenor de como se desenvolveu o encontro, non agardaban un final tan cruel para os seus intereses.

MVP: Aínda que houbo algúns futbolistas do cadro local que estiveron especialmente activos ao longo dos noventa minutos, como foi o caso de Rubén, o privilexio de xogador máis valioso do encontro debe corresponder, por lóxica, a Bambán. O mediapunta de Xil, que non estivo tan participativo como noutras ocasións durante o partido, pero a súa intervención resultou decisiva para lograr a remontada. O talento, a inspiración, e sobre todo a pausa e a tranquilidade que exhibe cada vez que recibe o coiro e, sobre todo, cando encara aos gardamallas rivais, son unhas virtudes que o fan sobresaír entre os demais futbolistas desta categoría. De feito, suma xa cinco tantos no que vai de campaña, e ao igual que os da tarde deste sábado, foron sempre determinantes para que o seu equipo lograse ampliar o número de puntos.

ANÉCDOTA: O que noutras temporadas era algo habitual, nesta ocasión volveuse anecdótico. O Armenteira Veteranos, que naceu e medrou disputando os seus partidos como local no campo de O Leixo, e que esta temporada está actuando como local no campo Municipal de Zacande, regresaba ao escenario das súas orixes. Nin o terreo de xogo, lixeiramente duro pola falta de uso, e sobre o que comezar a agromar algunhas herbas, nin os vestiarios, nos que os xogadores visitantes tiveron que compartir espazo co material de obra que se está utilizando nas tarefas de reforma deste espazo, para facilitar o uso por parte do Clube Ciclista Armenteira e Punto e, nin tampouco, a cantina, carente de subministros, estaban acostumadas ao boureo da sucesión continua de partidos. Pero, pese a todo, as instalacións de O Leixo superaron a proba con éxito e demostraron que, no momento que requira, están aptas para acoller unha cita coa práctica do deporte para o que foron concebidas.

CLASIFICACIÓN E PRÓXIMA XORNADA: Co punto sumado este sábado, o Armenteira Veteranos ascende á quinta posición, con catorce puntos. Na próxima xornada, xa no ano 2025, o sábado, 11 de xaneiro, o cadro verde e negro deberá visitar o campo de Berdón, en Vilagarcía de Arousa, para medirse ao Xocas S.D., un dos equipos tradicionalmente máis potentes do grupo, pero que esta temporada tivo un inicio pouco exitoso en canto a resultados, pero que, nesta xornada logrou dar a gran sorpresa e venceu a domicilio por un gol a tres ao líder, o Catoira Veteranos. No duodécimo posto, con oito puntos, os vilagarciáns agardan ao Armenteira Veteranos tras o parón polas festas de Nadal, na que será un dura dura e esixente proba para reafirmar as aspiracións dos verdinegros na liga.

sábado, 14 de decembro de 2024

O Armenteira Veteranos logra tumbar ao Noalla Veteranos en Dorrón con tantos de Suso e Rubén

                                                                 FICHA TÉCNICA

NOALLA VETERANOS PORTAREDONDA - ARMENTEIRA VETERANOS - 1 - 2

ARMENTEIRA VETERANOS: Luis; Jorge Dávila, Carlos Muñiz, Sirra, Martín; Javi, Marcos Bouzas; Marcial, Bambán, Rubén; e Suso. Tamén xogaron Óscar Muñiz, Galiñanes e José.

GOLES: 0-1. Minuto 30. Suso. 1-1. Minuto 70. Rafa Muñiz. 1-2. Minuto 75. Rubén.

ÁRBITRO: Doval Taín. Non mostrou cartóns aos xogadores de ningún dos dous conxuntos.

INCIDENCIAS: Partido da oitava xornada do grupo 2 da Terceira Galicia de Veteranos da delegación de Pontevedra da Real Federación Galega de Fútbol, disputado no campo de O Cruceiro, en Dorrón, ante uns quince espectadores, nunha tarde seca e fría, e sobre un terreo de xogo nunhas condicións idóneas para a práctica do fútbol.

  CRÓNICA

ANÁLISE: O Armenteira Veteranos por fin logrou encadear dúas vitorias consecutivas. Tras a vitoria da pasada fin de semana no partido ante o Carballo da Portela A.C.D. correspondente á segunda xornada e que fóra aprazado no seu día, este sábado o conxunto verde e negro logrou un triunfo de mérito, ante un rival, o Noalla Veteranos que esta temporada se estaba mostrando como un dos equipos punteiros nos primeiros partidos de liga. A escadra do municipio de Sanxenxo perdeu esta temporada ao seu principal artilleiro, Lino Lima, que tanto dano causou ao Armenteira Veteranos nas últimas citas nas que se enfrontaron, e que este verán cambiou a camisola do Noalla Veteranos pola do equipo veciño de Os Raposos, veu compensada a marcha do ariete cunha serie de incorcoracións, varias delas procedentes da disciplina do fútbol gaélico, e que rexuveneceron e reforzaron as filas do conxunto noallés. O triunfo do Armenteira Veteranos baseouse sobre todo no oficio e na orde e seriedade táctica, fronte a un rival que destaca fundamentalmente polo seu vigor físico, nun partido intenso e con elevado ritmo de xogo durante os noventa minutos.

PRIMEIRA METADE: Partiu o Armenteira Veteranos cun esquema de 4-4-1-1, con Carlos Muñiz e Sirra como centrais, unha parella sempre solvente tanto á hora de interceptar as acometidas rivais, como cando se trata de inciar a construción das xogadas desde a liña defensiva. Por diante, na liña de mediocentros, outro tándem que está adquirindo solidez co paso dos partidos, e que forman Javi e Marcos Bouzas, con Bambán na media punta e Suso como home máis adiantado. Desde os primeiros minutos, o duelo parecía caracterizarse polo equilibrio. Fronte á vehemencia coa que disputaban cada balón os futbolistas do equipo de Noalla, o Armenteira Veteranos recurría á orde, á serenidade e ao oficio que, aínda que non se manifestaban no control do xogo, si permitían que se sentise con relativa comodidade sobre o terreo de xogo. Sen grandes ocasións, o primeiro treito do partido foi de tanteo, ata que, nunha acción de balón parado efectuada por Rubén, Javi, no segundo pau, asistiu a Suso, o cal irrumpeu na área pequena para enviar o coiro a gol ante a saída do porteiro. O tanto dos verdinegros fixo reaccionar aos locais, que incrementaron a intensidade, pero sen o éxito desexado, pois nas escasas aproximacións que realizaron, aproveitando algún desaxuste defensivo do Armenteira Veteranos ou en lanzamentos de córner, atopáronse coa solidez da liña defensiva visitante e coas acertadas intervencións dos gardamallas Luis.

SEGUNDA METADE: Temía o Armenteira Veteranos unha avalancha dos locais nos minutos iniciais do segundo período. Certo que comezaron con intensidade, pero os verde e negros, xa con José, robustecendo a liña medular tras a súa incorporación ao partido despois de cumprir coas súas obrigas laborais, souberon resistir. Incluso parecían aumentar a sensación de dominio, e eran quen de achegarse con maior frecuencia ás inmediacións da área adversaria. A inspiración de Bambán e o dinamismo de Marcial e Rubén nos costados, sacaba proveito dos ocos que se ían abrindo entre as liñas rivais. Con todo, esas sensacións viñéronse abaixo cando, nunha acción de contraataque, na que Javi non puido gañar un dos moitos choques nos que se impuxo no partido, o Noalla Veteranos armou unha rápida transición desde a defensa cara ao ataque pola banda esquerda que acabou finalizando na área un dos clásicos do cadro sanxenxino, Rafa Muñiz. Non se quería conformar co empate o Armenteira Veteranos e seguiu insistindo na procura da portería contraria. Rubén, Suso e, sobre todo, José, nunha clara ocasión que culminou en semichilena e que se foi por enriba do arco contrario, puideron adiantar de novo aos de A Armenteira, pero houbo que agardar a que Rubén, despois de recibir en velocidade, colocase o un a dous definindo con precisión ante o meta Borja Montenegro. Nos minutos finais, a intensidade dos de Noalla permitiulles poñer en algún apuro aos verdinegros, pero a seriedade defensiva e as atinadas intervencións de novo de Luis acabaron asegurando o triunfo para o Armenteira Veteranos.

MVP: Dentro da notable actual coral do Armenteira Veteranos, cabería destacar a figura de Javi. O mediocampista de Couso, foi o claro dominador da zona medular. O dominio nos balóns divividos, nos envíos por alto, as conducións superando liñas adversarias, foron, sen dúbida, unha mostra do repertorio que Javi exhibiu este sábado no campo de Dorrón. Ademais, a súa participación nas accións de estratexia volveu ser clave, como se evidenciou na asistencia a Suso no primeiro tanto. E aínda tivo a oportunidade de expoñer unha da máis recoñecidas sinais de identidade do seu fútbol, o golpeo de rabona.

ANÉCDOTA: Considerar como anécdota que un dianteiro marque goles semella algo contraditorio, pero o certo é que o gol inicial do Armenteira Veteranos, obra de Suso, foi tremendamente determinante para o curso do encontro, pero tamén ten algo de anecdótico, posto que, o dianteiro de Couso, que non sempre dispón dos minutos que desexa e reclama, asumiu con éxito a responsabilidade de suplir a Jorge Castro, o cal estará ausente dos terreos de xogo durante varios meses, e fíxoo co acerto que debe acompañar aos futbolistas que ocupan as demarcacións máis avanzadas dos seus equipos.

CLASIFICACIÓN E PRÓXIMA XORNADA: Con esta vitoria o Armenteira Veteranos sitúase na quinta posición, con trece puntos. Na próxima xornada, o sábado, 21 de decembro, o conxunto verdinegro recibirá a visita do Godos C.F., un rival que adoita poñer moitas dificultades aos de Armenteira nas numerosas ocasións nas que se viron as caras ao longo das últimas campañas, e que actualmente ocupa a sétima posición, con once puntos.



sábado, 7 de decembro de 2024

Rotunda vitoria do Armenteira Veteranos ante o Carballo da Portela A.C.D. nun partido que encarrilou na primeira metade

                                                      FICHA TÉCNICA

ARMENTEIRA VETERANOS - CARBALLO DA PORTELA A.C.D. - 6 - 2

ARMENTEIRA VETERANOS: Luis; Jorge Dávila, Carlos Muñiz, Sirra, Moncho; Javi, Marcos Bouzas; Manuel, Bambán, Martín; e Jorge Castro. Tamén xogaron Marcial, Suso, José, Junior e Galiñanes.

GOLES: 1-0. Minuto 2. Marcos Bouzas. 2-0. Minuto 16. Martín, de penalti. 3-0. Minuto 19. Jorge Castro. 4-0. Minuto 43. Marcos Bouzas. 4-1. Minuto 45. Pablo Castro. 4-2. Minuto 74. José Pose. 5-2. Minuto 76. Jorge Castro. 6-2. Minuto 85. Bambán.

ÁRBITRO: Fernández Treviño. Non mostrou cartóns aos xogadores de ningún dos dous conxuntos.

INCIDENCIAS: Partido da segunda xornada do grupo 2 da Terceira Galicia de Veteranos da delegación de Pontevedra da Real Federación Galega de Fútbol, que fora aprazado no seu día a petición do equipo visitante, e que se disputou no campo Municipal de Zacande, en Meis, ante uns dez espectadores, nunha tarde seca e fresca, e sobre un terreo de xogo nunhas condicións aceptables para a práctica do fútbol.

  CRÓNICA

Por fin o Armenteira Veteranos volveu saborear as meles do triunfo. E fíxoo baséandose nunha ferramenta que viña botando en falta nos últimos encontros, a efectividade ofensiva, que ademais, nesta ocasión, veu acompañada dunha relativa seriedade e seguridade ofensiva que, de todos xeitos, non foi total, xa que o cadro verde e negro finalizou de novo o encontro sen portería a cero. Pero unha notable pirmeira metade dos de A Armenteira, na que xa marcaron no segundo minuto de xogo, e na que chegaron a ter unha vantaxe de catro tantos, foron suficientes para transitar con certa tranquilidade durante o resto do partido.

As dúbidas no xogo dos últimos encontros, que parecían minar a confianza dos verdinegros, un conxunto que ao que os resultados negativos adoitan sumir na inestabilidade, axiña parecían disiparse cando Marcos Bouzas culminaba unha bonita acción colectiva iniciada desde o costado dereito cun disparo en vaselina co pé esquerdo que superaba por alto ao meta José Luis Pérez. O tanto supuxo un reforzo na confianza dos locais, aínda que, tendo en conta a experiencia dos últimos partidos, os futbolistas verdinegros mostrábanse temerosos de que calquera acometida do rival puidese estragar o mérito conseguido nestes intres iniciais. Pero o Armenteira Veteranos soubo manter a compostura ante a tímida reacción dun conxunto adversario que tampouco era quen de imprimir unha forte intensidade ao xogo, ao tempo que a endebleza defensiva dos de Barro permitían que os verde e negros foran atopando vías de acceso á área rival. A capacidade de creación da parella de mediocentros, Javi e Marcos Bouzas, que se asociaban coa calidade de Bambán na media punta e as caídas de Jorge Castro a banda, convertíanse na principal arma ofensiva dun Armenteira Veteranos que no minuto 16 se atopou coa oportunidade de ampliar vantaxe. Nunha acción no que o defensor do Carballo da Portela A.C.D. golpeou o coiro coa man dentro da área, curiosamente moi similar á que se produciu no día anterior no partido entre o R.C. Celta e o R.C.D. Mallorca no Estadio de Balaídos e que rematara coa expulsión do mallorquinista Antonio Raíllo, o colexiado Fernández Treviño non o dubidou e decretou a pena máxina. Con firmeza e decisión, Martín asumiu a responsabilidade de lanzar o penalti e desde os once metros colocou o dous a cero. Aínda que a comodidade da bagaxe infundía a suficiente confianza para que o Armenteira Veteranos medrase tamén no xogo, a escadra verde e negro sentíase e mostrábase superior, pero non era quen de controlar  o xogo desde a zona do medio campo. Quizás sexa unha das grandes eivas dos verdinegros, aos que lles custa manter a posesión, rasear o coiro e movelo con fluidez, que os leva a abusar en exceso das transicións rápidas e dos envíos por alto. Con todo, a superioridade e a efectividade ofensiva volveron poñerse de manifesto no terceiro tanto, no que un preciso lanzamento desde o saque de curruncho de Martín era cabeceado contra o fondo das mallas por Jorge Castro no segundo pau. A relaxación que podería transmitir a vantaxe, permitiu que o rival reaccionase, e desde entón producíronse uns minutos nos que o Carballo da Portela A.C.D. buscou con bastante insistencia a meta defendida por Luis. Unha serie de córners puxeron a proba a eficacia defensiva dos verdinegros, que saíron airosos desta situación. Incluso foron capaces de librarse da presión rival e, nunha xogada de contragolpe, Marcos Bouzas, recibibindo en velocidade, esprintou e plantouse diante do gardamallas José Luis Pérez para batilo por segunda vez na tarde deste sábado. Pero unha concesión defensiva dos locais, deron a oportunidade aos de Barro de poder anotar o primeiro gol antes do descanso, e Pablo Castro, tras realizar unha parede cun compañeiro, superaba a Luis no man a man.

Para a segunda metade, aínda que o resultado era claramente favorable, as circunstancias non eran tan propicias para o Armenteira Veteranos, xa que perdía a Sirra, que tiña que abandonar o encontro a causa das obrigas laborais. A ausencia do futbolista de Couso, convertido nun auténtico baluarte cando se sitúa no centro da zaga, era compensada coa incorporación de José, que entrou no encontro nada máis iniciarse o segundo período. Desde o extremo esquerdo, José foi un verdadeiro quebradeiro de cabeza para o rival. Aínda así, os verdinegros baixaron o ritmo nesta parte do partido, e os de Barro, reforzados pola entrada de Adrián Outón polo costado esquerdo, presentábase agora con máis frecuencia nas inmediacións da área verdinegra. Con Martín reconvertido á posición de central, acompañando ao sempre solvente Carlos Muñiz, a defensa verdinegra soubo resistir, ao tempo que, de cando en vez, sobre todo a través de accións que partían da asociación entre José e Jorge Castro, conseguían achegarse á área rival. Unha bonita combinación do Carballo da Portela A.C.D. fixo chegar o coiro a José Pose no costado dereito, e este non perdoou e logrou recurtar distancias. Necesitaba o Armenteira Veteranos un quinto tanto para respirar con tranquilidade no que restaba de encontro, e ese tanto acabouno atopando tras unha rápida acción de contraataque, na que Bambán, internándose polo extremo dereito, asistou cun preciso envío a Jorge Castro na área pequena, para que o atacante de Vilar puxese o cinco a dous no marcador. E, finalmente, xa nos estestores do encontro, un pase filtrado a Bambán habilitou ao talentoso media punta de Xil para encarar ao cancerbeiro adversario e, coa pausa que o caracteriza, colocar suavemente o coiro do fondo da rede do Carballo da Portela A.C.D. para establecer o definitivo seis a dous.

Con este resultado, o conxunto verde e negro sitúase na sétima posición, con dez puntos. Na próxima fin de semana, o Armenteira Veteranos deberá rendir visita ao Noalla Veteranos Portaredonda, un equipo que esta temporada fortaleceu o seu plantel e que actualmente ocupa o cuarto posto, con doce puntos.


sábado, 16 de novembro de 2024

O Armenteira Veteranos reencóntrase co triunfo e lévase o derbi municipal ante o C.D. Mosteiro

                                                          FICHA TÉCNICA

ARMENTEIRA VETERANOS - C.D. MOSTEIRO-A BARBERÍA DE DIEGO - 3 - 1

ARMENTEIRA VETERANOS: Sirra; Jorge Dávila, Carlos Muñiz, Carlos Castro, Moncho; Manuel, José, Javi, Bambán, Rubén; e Jorge Castro. Tamén xogaron Martín, Marcial, Suso e Galiñanes.

GOLES: 1-0. Minuto 24. José. 2-0. Minuto 59. Martín. 2-1. Minuto 60. Daniel Ospina. 3-1. Minuto 90. Marcial.

ÁRBITRO: Pousada Martínez. Mostrou cartóns amarelos a Jorge Castro e Carlos Muñiz por parte do Armenteira Veteranos e a Miguel Costa por parte do C.D. Mosteiro-A Barbería de Diego

INCIDENCIAS: Partido da quinta xornada do grupo 2 da Terceira Galicia de Veteranos da delegación de Pontevedra da Real Federación Galega de Fútbol disputado no campo Municipal de Zacande, en Meis, ante uns vinte espectadores, nunha tarde seca e temperada, e sobre un terreo de xogo nunhas condicións aceptables para a práctica do fútbol.

  CRÓNICA

O Armenteira Veteranos volveu atoparse co triunfo despois de varias xornadas con resultados desfavorables. Desde a primeira xornada, na que lograra unha contundente vitoria en Dorrón, levaba o cadro verdinegro sen levarse os tres puntos. E nesta ocasión foi tras un partido loitado, disputado, no que o Armenteira Veteranos sufriu e deu un exemplo de esforzo colectivo para levarse un derbi municipal ante o C.D. Mosteiro-A Barbería de Diego que lle se viña resistindo ao longo das últimas temporadas, nas que o mellor resultado fora o empate alcanzado a pasada campaña no duelo que tivera lugar no campo de O Leixo. As ausencias, os problemas físicos dalgúns dos futbolistas determinantes, que a duras penas deron rematado o encontro, non impediron que a vitoria se quedara no feudo local, neste caso o campo Municipal de Zacande, escenario ao o Armenteira Veteranos decidiu trasladar esta temporada os seus partidos como locatario.

Desde o inicio, o encontro presumíase que ía ser equilibrado. Ningún dos dos conxuntos era quen de facerse co controlo do xogo. O C.D. Mosteiro-A Barbería de Diego trataba de asumir a posesión do esférico, combinando principalmente na zona defensiva e no medio campo, pero non conseguía avanzar con éxito cara os dominios de Sirra, que nesta xornada púxose de novo a cargo da portería verdinegra. Entre as continuas imprecisións por un e outro bando, os achegamentos á área contraria eran tímidos. O Armenteira Veteranos trataba de apoiarse na capacidade de desborde dalgúns dos seus futbolistas, pero atopaba a inspiración suficiente para inquedar ao gardamallas rival. Pero sería no minuto 24 cando José, tras unha excelente acción individual na que avanzou ata a área adversaria desfacéndose de varios defensores dos de O Mosteiro, empalmou un preciso disparo ante o que nada puido facer o meta contrario. Coa vantaxe no marcador, o Armenteira Veteranos foi collendo confianza, aínda que non foi suficiente para facerse co goberno do xogo. As imprecisións e as dificultades para combinar impedían que o control fose do cadro que aparentemente mostraba superioridade sobre o terreo de xogo. Mentres, o C.D. Mosteiro-A Barbería de Diego tratou de reaccionar abrindo o campo de xogo, colocando aos seus futbolistas máis desequilibrantes no un contra un nos extremos coa intención de abrir fisuras na zaga verdinegra.

Despois da reanudación, a tónica continuou sendo a mesma. Os de O Mosteiro baleiraban de efectivos a parcela central do mediocampo a costa de optimizar os seus esforzos polos costados. Fronte a isto o Armenteira Veteranos mantivo a compostura, con seriedade en defensa, sen complicarse, e con intensidade nas marcas e na presión. A marcha do terreo de xogo de Bambán e a lesión, primeiro de Carlos Castro, e logo de Moncho, despois de sufrir un forte balonazo no peito, obrigaron aos locais a recompoñer a liña defensiva. Jorge Castro, moi afectado por unhas molestias físicas, tivo que colocarse como improvisado central, mentres que Manuel se sitou no lateral esquerdo, posición desde a cal completou unha soberbia segunda metade. Aproveitando os cada vez maiores ocos que deixaba o adversario na zona central, o Armenteira Veteranos comezaba a trazar accións de contragolpe. Nunha delas, Martín, ocupando o posto de interior esquerdo, recibiu en profundidade, adentrouse na área e, case sen ángulo, colocou o coiro no fondo das mallas que nese momento defendía José Luis Piñeiro. O dous a cero parecía dar unha relativa tranquilidade á escadra verdinegro, pero, nada máis sacar de centro, nunha xogada na que o Armenteira Veteranos reclamou falta por empurrón a Jorge Castro cando protexía o esférico, un atacante visitante fíxose co balón sobre a liña de fondo e, despois de superar a Sirra, serviu a Daniel Ospira para que rematase, libre de marca, a pracer. Intentou aumentar a intensidade o conxunto de O Mosteiro, impulsado polo tanto que recurtaba distancias, pero os de A Armenteira souberon resistir e incluso comezaron a chegar con maior perigo á área contraria. Un pletórico José, que rompía liñas unha e outra vez, dispuxo dunha clara ocasión, pero só fronte á portería, enviou o esférico por enriba do pau longueiro. Tamén Martín, Rubén ou Marcial puideron poñer a sentenza, pero a puntería non semellaba estar de lado dos verdinegros. E cando o encontro chegaba á súa fin, e o  C.D. Mosteiro gastaba as súas últimas municións na procura do empate, e cando Javi acabada de retirarse do campo a causa dos problemas físicos, Marcial, culminando unha acción de contraataque, coa súa perna menos boa, a esquerda, trazaba un disparo que superou por alto ao meta José Luis Piñeiro, que tocou o balón coas punta dos dedos, pero non logrou interceptalo para impedir o terceiro tanto local. Non había tempo para máis, e o colexiado Pousada Martínez decretaba o final do encontro.

Con esta vitoria, o Armenteira Veteranos, que ademais conta cun partido disputado menos que os resto dos equipos do grupo, ascende ata a oitava posición, con seis puntos. Na próxima fin de semana, o combinado verde e negro deberá rendir visita ao campo de As Chans para medirse á S.D. Puentearnelas, que ocupa a sexta posición, con sete puntos.

sábado, 5 de outubro de 2024

O Armenteira Veteranos, alentado polas novas incorporacións, inicia a liga cun contundente triunfo en Dorrón nun encontro que tivo a Furco como protagonista

                                                             FICHA TÉCNICA

DORRÓN C.F. VETERANOS - ARMENTEIRA VETERANOS - 0 - 4


ARMENTEIRA VETERANOS: Luis; Jorge Dávila, Fernando, Sirra, Moncho; Marcial, Carlos Muñiz, Javi, Junior, Víctor; e Jorge Castro. Tamén xogaron Marcos Bouzas, Carlos Castro, Suso e José Pérez.

GOLES: 0-1. Minuto 22. Javi. 0-2. Minuto 30. Jorge Castro, de penalti. 0-3. Minuto 46. Víctor. 0-4. Minuto 71. Jorge Castro.

ÁRBITRO: Otero Otero. Mostrou cartóns amarelos a Marcial Besada por parte do Dorrón C.F. Veteranos e a Junior por parte do Armenteira Veteranos.

INCIDENCIAS: Partido da primeira xornada do grupo 2 da Terceira Galicia de Veteranos da delegación de Pontevedra da Real Federación Galega de Fútbol disputado no campo de O Cruceiro, en Dorrón, ante uns trinta espectadores, nunha húmida e temperada, e sobre un terreo de xogo nunhas condicións idóneas para a práctica do fútbol.

  CRÓNICA

O Armenteira Veteranos comezou a liga 2024/2025 da mellor maneira. Nun encontro, disputado nas renovadas instalacións no campo de O Cruceiro, que foron inauguradas fai menos dun mes, o cadro verde e negro logrou unha contundente vitoria no duelo de rivalidade ante o Dorrón C.F. Veteranos, nunha nova edición dun duelo de rivalidade entre dous equipos de parroquias veciñas que xa se convertiu nun clásico das ligas de veteranos na contorna. Pero o gran protagonista do partido foi Francisco González "Furco", un mozo do lugar de A Vacariza, en A Armenteira, que fai once anos sufriu un gravísimo accidente de tráfico, do que afortunadamente logrou recuperarse. "Furco", na súa prometedora carreira como futbolista vestira as camisolas, entre outros equipos, do Dorrón C.F. e do Armenteira C.F., e estas dúas entidades mobilizáronse e prestaron o seu apoio desde que se produciu aquel desgraciado suceso. Para lembrar ese apoio, e para homenaxear a figura de "Furco", que na actualidade forma parte da Xunta Directiva do clube de Dorrón, o mozo de A Vacariza realizou o saque de honra e fotografiouse cos futbolistas de ambos os dous conxuntos en común e cos do equipo da súa parroquia natal en particular, co obxectivo de inmortalizar tan memorable acto.

Aínda así, o inicio non foi nada fácil para o Armenteira Veteranos. Motivado polo debut no seu renovado feudo, o Dorrón C.F. Veteranos comezou o encontro tratando de imprimir un alto ritmo de xogo. A velocidade na circulación do balón e a intensidade na presión, parecían afogar a un Armenteira Veteranos que non lograba trenzar combinacións de máis de tres pases e que se vía obrigado a agaparse no seu terreo de xogo. Pero, fronte a estas acometidas, o cadro verde e negro respondeu con orde e seriedade. Intentando no complicarse e sen cometer graves erros defensivos a escadra de A Armenteira foi atopando o seu espazo, para desde aí artellar algunha acción de ataque. Cando empezou o equipo visitante a deixarse ver polas inmediacións da meta defendida por Jacobo Silva. E foi tras un saque de curruncho no que Javi, cun certeiro testarazo no segundo pau, enviaba o coiro contra o pau dereito da portería dos de Dorrón, e o esférico cruzaba a liña, adentrándose na zona de gol, ata impactar contra o pau do lado contrario. Cun gol de vantaxe, o Armenteira Veteranos medrou en confianza, ao tempo que os locais diminuían a intensidade do xogo. As internadas polo costado esquerdo do debutante Víctor e a sempre ameazante presenza de Jorge Castro en ataque, comezaban a abrir fisuras no bloque defensivo dos da parroquia sanxenxina. Unha internada na área de Jorge Castro era detida por un agarrón dun defensor rival, e o colexiado Otero Otero decretou a pena máxima. O encargado de materizala sería o propio Jorge Castro, colocando o cero a dous no marcador. A relativa relaxación e o desconcerto táctico dos últimos minutos no Armenteira Veteranos deron algo de aire aos de Dorrón, que buscaron con máis ímpetu a meta verdinegra e dispuxeron de dúas claras ocasións de gol, pero o desacerto dos seus atacante e unha espectacular parada en dous tempos do cancerbeiro Luis, tamén debutante este sábado, permitiron ir coa portería a cero ao descanso aos verde e negros.

Nada máis iniciarse o segundo período, o Armenteira Veteranos deu outro zarpazo. Un saque de curruncho efectuado por Víctor entraba directamente na meta defendida por Jacobo Silva. O de San Martiño, que se agarda que sexa un xogador diferencial na categoría na presente temporada, estreábase cun impresionante gol olímpico. Cunha bagaxe favorable e co soporte que supuxo a incorporación do mediocampista José Pérez nesta segunda metade, os de A Armenteira fixéronse claros donos do xogo. Apenas sufría en defensa e as ocasións caían case sempre do lado visitante. José Pérez, Víctor, Marcos Bouzas ou Jorge Castro dispuxeron dalgunha oportunidade para ampliar aínda máis a vantaxe para os visitantes. E, como non, sería Jorge Castro, tras recibir unha asistencia de Moncho, o que se adentraba na área e, coa pausa que o caracteriza, acomodou o seu corpo, mirou portería e introduciu o coiro no fondo das mallas locais. Era a sentenza a un encontro no que apenas acontecería nada reseñable. As últimas accións de ataque do Dorrón C.F. Veteranos que, a través dalgunha internada por banda e dalgún córner, tratou de maquillar o resultado. A imperial actuación de Sirra na liña defensiva e a seriedade e a compromiso de todo o equipo lograron finalizar o encontro coa portería a cero para o Armenteira Veteranos. Pese a que o tempo se detivera no minuto 15 do marcador electrónico de O Cruceiro, que funcionou irregularmente na tarde deste sábado, Otero Otero sinalou a fin dun encontro que acabou cunha clara vitoria dun Armenteira Veteranos que, por terceira temporada consecutiva, inicia a temporada no máis alto da táboa. O esperanzador debut das novas incorporacións, Víctor, Marcos Bouzas e o gardamallas Luis, fai albergar a ilusión de que o ilusionante debut e bo nivel de xogo se manteña ao longo dunha campaña, na que de novo terá que confrontar importantes e complicados desafíos.

Con este triunfo triunfo o Armenteira Veteranos colócase no primeiro posto da clasificación, unha posición que pode resultar anécdotica ao tratarse da primeira xornada de liga, pero que resulta tremendamente meritoria para un equipo máis acostumado ao sufrimento que aos éxitos, e que pode servir de motivación ante as numerosas dificultades que lle agardan nas trinta e cinco xornadas de liga restantes. Para continuar esta singladura, o conxunto verde e negro recibirá, o sábado, 19 de outubro, ao Carballo da Portela A.C.D., un equipo que non tivo a mesma fortuna que os de A Armenteira nesta primeira cita da liga e caiu derrotado no seu campo ante o Catoira Veteranos.










sábado, 7 de setembro de 2024

Eva López debuta en liga con As Celtas cun triunfo en Balaídos

Non puido ser máis exitoso o debut ligueiro de Eva López coa camisola de As Celtas. A futbolista de A Armenteira, que este verán se incorporou ao proxecto co que o Real Club Celta de Vigo inicia a súa andaina no fútbol feminino, formou parte do once titular que adestradora Vicky Vázquez presentou na agardada estrea do equipo de féminas da entidade celeste. Nun escenario tan imponente como o Estadio Municipal de Balaídos, e ante máis de 6.000 asistentes, a xogadora de O Busto, co dorsal número 7 ás costas, o mesmo que lucía na súa etapa nas categorías de fútbol base do Armenteira C.F., disputou os noventa minutos do encontro. Desde a posición de media punta, caendo sobre os costados en determinados momentos do segundo período, dentro do esquema de catro dous tres un polo que apostou a preparadora viguesa, Eva foi unha das futbolistas máis activas do seu conxunto e, de feito, a súa contribución foi esencial para a vitoria do equipo, xa que participou nas principais accións de ataque e, de feito, das súas botas xurdiu a xogada que daría lugar ao córner tras o que As Celtas logrou o primeiro tanto e o pase filtrado que deu lugar ao segundo tanto. Incluso puido entrar nos anais da historia do club celeste de non serlle anulado un gol por fóra de xogo cando se levaban disputados pouco máis de vinte minutos de partido. Foi, en xeral, un encontro sen demasiadas ocasións de gol, no que o dominio correspondeu fundamentalmente ao cadro local. O rival, o Victoria F.C. de A Coruña, adoptou unha estratexia defensiva, con algún achegamento puntual á área local, no que a piques estivo dar un susto ás viguesas cando o marcador indicaba un cero a cero, e que, despois de que As Celtas tomase vantaxe, tratou de adiantar liñas e buscar con maior insistencia a portería das locais, aínda que sen demasiado éxito. Os tantos da venezolana Camila Pescatore e da ourensana Ana Toubes acabaron sendo defintivos para que os tres puntos se quedasen en Balaídos nesta cita que xa figurará na historia do fútbol feminino a nivel galego.

O debut de Eva López en Balaídos coa camisola de As Celtas supón o merecido premio a unha traxectoria exitosa que comezou aló pola temporada 2008/2009, cando a futbolista de O Busto se uniu ao equipo de categoría benxamín dun Armenteira C.F. que viña de refundar os equipos de fútbol base. A escasos metros do seu domicilio, e sobre a superficie de terra do campo de O Leixo, desenvolvéronse os primeiros pasos de Eva como futbolista, sempre baixo a atenta mirada do seu pai José López "Joseíño" e de Martín Casais, o seu adestrador durante toda a súa etapa como verdinegra. Tras pasar polas categorías benxamín, alevín e despois do primeiro ano como infantil, Eva decidiu continuar a súa carreira nun equipo formado unicamente por rapazas e incorporouse á disciplina do Atlético Arousana. Meses antes, na primavera de 2012, participa no campionato de España da categoría sub-12 como compoñente dun equipo da selección galega, no cal figuraba tamén Tere Abelleira, campioa do mundo coa selección española en 2023 e semifinalista nos Xogos Olímpicos de París en 2024, e que na actualidade milita no Real Madrid C.F. O percorrido da futbolista de A Armenteira no balompé feminino continuaría no Umia C.F., no que, desde 2016 viviu a época de maior esplendor en canto a rendemento deportivo. Destacando especialmente polas súas cifras goleadoras, Eva López recibiría en 2021 o galardón como mellor futbolista galega semiprofesional outorgado pola revista Galicia Sport. As súas actuacións axiña chamaron a atención doutros clubes e, no verán de 2022, decidiu probar fortuna máis aló das fronteiras de Galicia e ficharía polo C.D. Monte de Santander. Despois duns meses en terras cántabras, Eva regresaría ao Umia C.F. para proseguir coa carreira no clube de Barrantes ata que, na presente temporada, foi convidada a unirse ao proxecto co que o Real Club Celta de Vigo inaugura a súa presenza no emerxente fútbol feminino. É, sen dúbida, outro progreso máis nunha traxectoria deportiva da que quedan por escribir as que sexan quizais as páxinas máis gloriosas e que converten a Eva, indiscutiblemente, na futbolista máis destacada, tanto de xénero masculino como feminino, que viu nacer a parroquia de A Armenteira, desde a cal, como non podería ser doutro xeito, se desprazou un grupo de afeccionados e amigos de Eva para vivir en directo esta cita tan célebre e histórica para o fútbol galego e para unha das fillas máis ilustres desta parroquia meisina.









xoves, 29 de agosto de 2024

O Armenteira Veteranos xa coñece a composición do grupo e o calendario da competición da temporada 2024/2025

 A delegación de Pontevedra da Real Federación Galega de Fútbol deu a coñecer ao longo do día de onte, mércores, 28 de agosto, a composición do grupo da Terceira Veteranos, categoría na que competirá de novo o Armenteira Veteranos. O cadro verde e negro verase as caras con boa parte dos conxuntos aos que se enfrontou durante as últimas campañas, pertencentes na súa maioría as comarcas de Arousa-O Salnés. Os ascensos de categoría do Vilagarcía S.D., campión do grupo na pasada temporada, xunto co do Atlético Combarro e o producido nos últimos días do Rácing Cambados, os cambios na composición do elenco de equipos teñen que ver principalmente coa incorporación de dous novos equipos, o CAB Veteranos e o Catoira Veteranos. Asimesmo, neste grupo tamén competirá o Atlético Peregrina, que era habitual dos grupos da zona de Pontevedra. Dorrón C.F. Veteranos, Castrelo Veteranos, S.D. Puentearnelas ou C.D. Mosteiro, co que reeditará novos derbis municipais na categoría de veteranos, serán os desprazamentos máis cercanos e os duelos a priori de maior rivalidade para a escadra de A Armenteira. Os catorce conxuntos que forman parte do iniciarán a liga o sábado, 5 de outubro, e finalizarana o sábado, 24 de maio. No que respecta o Armenteira Veteranos, a dirección do conxunto, capitaneada por José Luis Galiñanes, está traballando nos últimos flecos para a configuración definitiva do plantel. Confirmada a continuidade de gran parte dos xogadores que vestiron a camisola verdinegra na campaña que rematou no pasado mes de xuño, os esforzos céntrase agora en apuntalar un equipo que leva varias temporadas sufrindo unha endémica escaseza de efectivos, aspecto que tratará de paliar no proxecto da campaña que se vai iniciar, para así poder entrar na loita por optar aos postos de privilexio da táboa clasificatoria.



sábado, 2 de marzo de 2024

Importante triunfo do Armenteira Veteranos en Pontearnelas pese á escaseza de efectivos

  FICHA TÉCNICA

S.D. PUENTEARNELAS - ARMENTEIRA VETERANOS - 0 - 2


ARMENTEIRA VETERANOS: Sirra: Jorge Dávila, Carlos Muñiz, Óscar Barreiro, Óscar Muñiz; Rubén, Javi, José, Manuel; Galiñanes e Jorge Castro.

GOLES: 0-1. Minuto 25. Jorge Castro. 0-2. Minuto 81. Rubén. 

ÁRBITRO: Sanín Taboada. Mostrou cartóns amarelos a Sergio Blanco por parte da S.D. Puentearnelas e a Carlos Muñiz e Rubén por parte do Armenteira Veteranos, e cartón vermello directo a Manuel Mouriño por parte da S.D. Puentearnelas.

INCIDENCIAS: Partido da décimo sétima xornada do grupo 2 da Terceira Galicia de Veteranos da delegación de Pontevedra disputado no campo de As Chans, en Pontearnelas, ante uns vinte espectadores, nunha fresca e nublada, e sobre un terreo de xogo cunha superficie de céspede artificial bastante desgastada.

  CRÓNICA

O Armenteira Veteranos enlaza dúas xornadas con dous triunfos consecutivos. Se ben é certo que na pasada xornada o cadro verde e negro non disputou o partido que lle correspondía, ao ter que ser este aprazado polo endémico problema de efectivos que afecta ao equipo ao longo desta temporada, o conxunto de A Armenteira parece estar nunha xeira positiva. Fai dúas semanas arrincaba os tres puntos en Castrelo, nun encontro no que tivo que competir en inferioridade numérica e este sábado a historia volveu repetirse. Con once futbolistas desde o inicio e con dez na segunda metade, tras a marcha de Sirra para cumprir coas súas obrigas laborais, o Armenteira Veteranos saíu vitorioso dunha situación que ao comezo, dadas as circunstancias, parecía unha misión tremendamente complicada. Foi tras noventa minutos de xogo no que os verde e negros non só plantaron cara ás adversidades, senón que demostraron ser superiores a un rival co que comparte loita por escapar dos postos baixos da táboa.

Parecía que ao inicio a S.D. Puentearnelas ía adoptar unha actitude dominante. Trataban de facer coa posición do esférico os futbolistas do clube da parroquia vilanovesa, mentres que, o Armenteira Veteranos, mantíñase contemplativo, pero con orde en defensa e agresividade na disputa dos balóns divididos. A humidade que enchoupaba algunha das zonas do terreo de xogo, a causa das numerosas choivas dos últimos días, unido ao nerviosismo e ás presas por avanzar liñas, facían que as imprecisións nos pases e nos controis fosen constantes en ambos os dous equipos. Sen pasar excesivos apuros en defensa, os de A Armenteira ían dando pasos para adiante e, cun fútbol máis dinámico e directo có do adversario, comezaban a deixarse ver polas inmediacións na portería defendida por Julio Cores. Rubén, José ou Jorge Castro eran un elementos máis activos en ataque dos verdinegros e, despois dalgún aviso, unha asistencia en profundidade cara a Jorge Castro era finalizada con éxito polo dianteiro de Vilar que, con pausa, adentrouse na área e soubo atopar o momento e oco para enviar o coiro ao fondo das mallas. Intentou reaccionar o conxunto local, pero o Armenteira Veteranos, ben plantado sobre o campo, respondía con solvencia. Unicamente algunha perda de balón na zona defensiva ou as accións a balón parado permitiron á S.D. Puentearnelas inquedar minimamente a Sirra.

No segundo período, o panorama non se presentaba moi esperanzador para os verdinegros. As obrigas laborais reclamaban a Sirra, e o gardamallas de Couso tivo que partir cara ao seu posto de traballo, tendo que deixar ao seu equipo con só dez efectivos. Conxuráronse os seus compañeiros en poñer achegar un esforzo extra para suplir a inferioridade númerica e, sen perder a orde e a seriedade táctica que mostraran nos primeiros corenta e cinco minutos, souberon resistir con relativa comodidade. A medida que as protestas dos futbolistas ían en aumento debido á actitude laxa na aplicación do regulamento do colexiado Sanín Taboada, a expectativas de lograr un resultado favorable para o Armenteira Veteranos parecían indo tendo máis visos de realidade. Jorge Castro tivo nos seus pés en máis dunha ocasión a posibilidade de aumentar a vantaxe para o seu equipo, pero a falta de acerto e a contundencia defensiva dos locais, impediron acadar o obxectivo. Nestas tarefas destacou especialmente o papel de Sergio Blanco, defensa central dos de Pontearnelas, pero que curiosamente desde fai uns anos reside no lugar de Silván, na parroquia de A Armenteira. A superioridade que amosaban os locais non acababa de ser refrendada, e a S.D. Puentearnelas a piques estivo de lograr a igualada, cando un disparo de Xepe pasou rozando o pau da meta defendida por Óscar Muñiz neste segundo período. O lanzamento do futbolista residente en O Batán foi a operación máis perigosa en ataque dos locais na recta final dun partido, que acabaría por deixar sentenciado Rubén tras unha xogada rápida de transición, que iniciou Óscar Muñiz desde a portería, continuou Javi na zona de creación e culminou Rubén cunha pelota picada que superou a saída de Julio Cores e bicou con suavidade o fondo a rede do cadro vermello. O encontro estaba visto para sentenza, e as escasas opcións locais esfumáronse cando Manuel Mouriño recibía o cartón vermello directo por protestar unha decisión dun Sanín Taboada moi dubidativo na tarde deste sábado.

Con esta vitoria, o Armenteira Veteranos ascende á novena posición, con dezanove puntos. Na próxima xornada a escadra verde e negra debe recibir ao Salud S.D. Veteranos, un duro e esixente rival que ocupa a cuarta praza con vintenove puntos. De novo a dispoñibilidade de efectivos dos de Armenteira Veteranos será determinante para as súas aspiracións. A máis que posible ausencia de Jorge Castro por cuestións laborais no que resta de temporada suporá un reto considerable ao que terá que plantar cara o conxunto de O Leixo.