Buscar neste blog
martes, 7 de setembro de 2021
Na Casiña da Moura
luns, 30 de agosto de 2021
O Armenteira C.F. formaliza a volta á competición para a temporada 2021-2022
"La solicitud de incrición del equipo ARMENTEIRA C.F. ha sido ACEPTADA". Así reza o comunicado que a Real Federación Galega de Fútbol remitiu ao Armenteira C.F. na mañá do pasado venres, 27 de agosto. Con este xesto culminaban uns meses de traballo e reflexión por parte dos responsables da entidade de O Leixo, que se viron complementados nos últimos días coa rolda de contactos e reunións co plantel de xogadoras e co corpo técnico do equipo verdinegro. Ao longo de todo este tempo a supervivencia do Armenteira C.F. estivo en perigo e incluso había quen cría que os efectos da pandemia global da COVID-19 suporían a estocada final a un proxecto que con tanto esforzo e ilusión se mantiña en pé desde 1995. Pero, cunha fe inquebrantable e cunha capacidade de resistencia verdadeiramente abrumadora, e dando mostra dun auténtico amor por unhas cores, os dirixentes, as xogadoras e o corpo técnico decidiron non rendirse e continuar paseando o nome da parroquia polos campos de balompé de Galicia. Desde o 7 de marzo de 2020, cando o equipo sénior feminino do Armenteira C.F. vencía ao Colegio Apóstol vigués por catro goles a un, cun recital goleador de Sara Rey, autora dos catro tantos, a entidade de O Leixo permaneceu inactiva en canto a competición se refire. Un ano e medio despois, o conxunto verde e negro retornará á competición oficial, participando na liga feminina de fútbol-7 que organiza a delegación de Vigo da Real Federación Galega de Fútbol, coa intención de defender con dignidade a bandeira do clube e de contribuír a promoción do deporte feminino. Pioneira no fútbol feminino a nivel comarcal, o Armenteira C.F. foi o primeiro clube do municipio de Meis en contar con equipo de fútbol feminino, no que se iniciou na modalidade de fútbol-11 na temporada 2016-2017. A partir da temporada 2018-2019 o clube pasou a competir na liga feminina de fútbol-7, nunha experiencia que se viu truncada cando en marzo de 2020 esta competición se viu paralizada a causa dos efectos da pandemia. Asegurada a continuidade da práctica totalidade do plantel, os esforzos da dirección deportiva céntrase en completar e incrementar o número de xogadoras coa vista posta no 24 de outubro, data fixada para o inicio da competición. Ao mesmo tempo, xa se levaron a cabo contactos co Concello de Meis para adecuar as instalacións do campo de O Leixo ás duras esixencias que a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia e a Real Federación Galega de Fútbol estableceron nos protocolos que elaboraron fronte á COVID. O primeiro paso xa se deu a semana pasada, cando a maquinaria municipal estivo adecentando a superficie do terreo de xogo do campo de O Leixo, no que se agarda que, aparte do equipo sénior feminino do Armenteira C.F. dispute tamén os seus encontros o Armenteira Veteranos, que debe formalizar a súa inscrición durante o próximo mes de setembro.
venres, 4 de xuño de 2021
A Armenteira acolle este sábado un roteiro mediombiental
O Concello de Meis estase implicando de forma moi activa na celebración do Día Internacional do Medio Ambiente. Actividades formativas, obradoiros, charlas, concursos, certames artísticos e, loxicamente tamén, tendo en conta as características e a rico patrimonio natural do termo municipal, roteiros mediombientais. Será precisamente o sábado, 5 xuño, data na que se conmemora o Día Internacional do Medio Ambiente, cando teñan lugar unha serie de roteiiros. Como antesala destas saídas, o xoves, 3 de xuño, tivo lugar un obradoiro no que se abordou a problema das plantas invasoras e no que se organizaron os últimos detalles dos percorridos que se levarán a cabo ao longo da mañá do sábado. O acto correu a cargo de Camilo Ojea, profesor de Bioloxía no CEIP de Mosteiro-Meis, gran coñecedor do entorno natural do Concello, e que deu a coñecer ás persoas asistentes as características das plantas invasoras e as principais especies deste tipo que podemos atopar na nosa área. A tradescantia fluminensis, máis coñecida como tradescantia ou enredadera, o arundo donax, coñecida como cana ou canela, a cortaderia selloana, coñecida como herba da pampa ou plumacho, a phyllostachys aurea ou phyllostachys nigra, comunmente coñecida como bambú, a robinia pseudoacacia, coñecida como robinia ou falsa acacia, a crocosmia, a phytolacca americana, coñecida como tintoreira ou mexacán ou a zantesdeschia aethiopica, coñecida como cala ou cartucho, son algunhas das especies invasoras que máis abundan por este territorio. Cabe lembrar que denominamos plantas invasoras ou especies exóticas invasoras a aquelas especies que se establecen en ecosistemas nos que causan cambios e ameazas para a diversidade biolóxica autóctona e propia do lugar. Son especies vexetais que carecen de inimigos naturais, xa que estos só existen nos seus ecosistemas de orixe, teñen ademais un rápido crecemento e unhas altas taxas de reprodución. A súa capacidade de adaptación é moi elevada, as súas sementes adoitan ser moi lonxevas e poden xerminar incluso despois de varios anos e nalgún caso incluso poden producir substancias que inhiben o crecemento doutras especies, principalmente das de carácter autóctono. En xeral, moitas das denominadas popularmente como malas herbas son consideradas plantas invasoras, e a súa proliferación constitúe unha grave ameaza para o equilibrio natural, ademais de para os cultivos e a fauna dos lugares nos que se asentan.
Partindo dunha forte concienciación respecto do coidado e conservación do medio ambiente, a organización dos roteiros procederá a identificar e clasificar as especies vexetais invasoras que se atopen durante o percorrido. Asimesmo, tamén se procederá á retirada do lixo que apareza nos treitos a percorrer. O lixo que se recolla será trasladado aos almacéns municipais, para despois seres utilizado como material para a elaboración dunha peza artística. No caso do roteiro que se desenvolvera pola parroquia de A Armenteira, este partirá do entorno do mosteiro cisterciense ás 10.30 horas do sábado e será coordinado por Martín Casais, concelleiro responsable da área de Medio Ambiente no Consistorio Municipal e natural da parroquia. Como lembran desde a institución municipal as persoas interesadas en participar nesta interesante iniciativa aínda poden anotarse, e para elo só teñen que poñerse en contacto coas oficinas do Concello, ou co propio Martín Casais.
mércores, 2 de xuño de 2021
A presenza dun niño de vespa velutina pon en alerta ás xentes do lugar de Caroi
A vespa velutina é actualmente un das especies que máis problemas está causando a nivel ecolóxico en Galicia. Esta especie invasora, que chegou a Europa procedente de Asia, é considerado un insecto violento e voraz, e destaca polo seu considerable tamaño. A súa fama débese principalmente áo perigo das súas picadas, que poden chegar a provocar a morte das persoas que as sofren, especialmente se se trata de poboación enferma ou alérxica. A un ritmo de 50 quilómetros ao ano, a vespa velutina foi invadindo non só Galicia, senón boa parte do territorio no norte da Península Ibérica. As terras da comarca de O Salnés, e concretamente a parroquia de A Armenteira, non son unha excepción. Ao longo dos últimos anos tense denunciado a presenza de numerosos niños deste insecto, e algúns veciños e veciñas foron vítimas das súas picadas. É precisamente a partir da primavera cando as vespas velutinas comezan a ser máis visibles. Ao chegar o mes de marzo, as avespas fundadoras emerxen e fundan o niño primario, para o cal adoitan escoller lugares protexidos. Nas semanas posteriores é cando se constrúen os niños secundarios, acadándose a poboación máxima desta especie nos meses de verán.
En épocas do ano como a que nos atopamos, coa primavera chegando á súa fin, resulta común xa atoparse con especies de velutina nas proximidades dos núcleos de poboación. Foi o que ocorreu este martes, 1 de xuño, cando un veciño da parroquia de A Armenteira, que realizaba tarefas de desbroce no lugar do Caroi foi atacado por un grupo de avespas velutinas. No denominado Camiño Real, que parte desde o lugar de Caroi cara o recinto no que se ubica o Café Bar A'Fonte, preto da zona onde se atopaba traballando este veciño, detectouse a presenza do niño do que procedían as avespas agresoras. Curiosamente non se trataba nun niño elevado, senón que se situaba á altura do chan, agochado entre a maleza, co cal era máis dificil de divisar. Alarmadas pola noticia, as xentes do vecindario puxéronse axiña en contacto co Concello de Meis e procederon a sinalizar a zona na que se sitúa o niño, rodeándoa cunha cinta. Agardando que os operarios da Mancomunidade de O Salnés, encargados de loitar contra esta praga, se despracen ata Caroi para retirar o niño, a veciñanza xa se encargou de colocar tamén uns carteis informando do perigo. Trátase dun lugar especialmente concorrido, xa que ademais estar nas proximidades do mosteiro cisterciense de A Armenteira, e de dous locais de hostalaría que adoitan ter moito ambiente, atópase a escasos metros dunha ruta da Variante Espitirual do Camiño Portugués a Santiago de Compostela. Por este motivo, a presenza deste niño de velutina, e a posibilidade de que existan ou poidan formarse algúns máis, constitúe un serio perigo, non só para o ecosistema do entorno, senón para a sáude das numerosas persoas que, principalmente a partir desta época, e aproveitando a redución das medidas de restrición fronte á pandemia da COVID-19, se congregan neste enclave para disfrutar da natureza, da paisaxe ou do rico patrimonio histórico-artístico deste monumento de orixe medieval.
domingo, 4 de abril de 2021
A Romaría das Cabezas resiste sen oficios litúrxicos nin actos festivos
mércores, 20 de xaneiro de 2021
Unha avaría na rede de subministro eléctrico volve deixar sen luz a varios lugares de A Armenteira
O paso da cicloxénese explosiva Gaetan deixou pegada no territorio de A Armenteira. O forte temporal de chuvia e vento que azotou Galicia na noite e na mañá do mércores, 20 de xaneiro, causou, entre outros efectos, unha avaría na rede de subministro eléctrico que surte a varios lugares da parroquia, e que procede da central eléctrica situada na parroquia sanxenxina de Vilalonga. Fofán, Castiñeira, Couso, Silván ou O Batán, lugares pertencentes a A Armenteira ou á veciña parroquia de San Salvador de Meis sufriron desde a madrugada do mércores un corte de luz que, segundo os responsables, da empresa Naturgy, tivo a súa orixe na caída dunha árbore sobre o tendido do cableado de media tensión. De feito, xa de madrugada, segundo testemuñas dalgúns veciños e veciñas, os operarios da compañía desprazáronse á zona afectada para tratar de poñer solución ao problema. En torno ás dez da mañá restableceuse o subministro pero, pouco despois das tres da tarde, outra árbore volveu danar o tendido eléctrico, e non sería ata as cinco e media cando o subministro se restableceu de forma definitiva. Segundo indicou Javier González Neira, responsable da empresa Naturgy na zona, estas caídas de árbores próximos á liña de media tensión débense a unha enfermidade que afecta ás especies de eucaliptos, que as debilita ante a forza do vento, provocando unha fractura sobre a metade do talo. Por este motivo, ao longo do día deste xoves, operarios da compañía procederán a unha nova corta dos eucaliptos que poidan supoñer un perigo para a liña de corrente, co cal se tratará de evitar interrupcións do subministro eléctrico a uns veciños e veciñas que, por outra parte, están acostumados a esta situación. Sen ir máis lonxe, en decembro de 2019, unha avaría similar mantivo durante quince horas sen luz ás xentes destes mesmos lugares. Nunha sociedade na que a electricidade constitúe un ben básico e imprescindible na vida cotiá e na actividade económica, incidencias deste tipo provocan graves prexuízos nas familias e nas empresas, unhas familias e unhas empresas que axiña viran os seus ollos cara ás autoridades e ás compañías subministradoras dun ben cun prezo cada vez máis á alza e cun servizo, especialmente en determinadas zonas de A Armenteira, aínda moi deficiente para as esixencias do século XXI.
sábado, 16 de xaneiro de 2021
A Armenteira celebra un San Antonio Abad condicionado polas restricións provocadas pola COVID-19
A parroquia de A Armenteira vive o domingo, 17, e o luns, 18 de xaneiro, unha das celebracións máis tradicionais das que teñen lugar no seu territorio. Trátase do San Antón ou San Antonio Abad, unha festas de máis arraigo e polas que máis fervor se sente na parroquia. Na pequena capela situada no lugar de San Amedio, a pé de estrada que conduce desde Barrantes ao mosteiro cisterciense, do que dista aproximadamente un quilómetro, vén celebrándose ano tras ano, e desde fai décadas, unha celebración na que os veciños e veciñas, e xentes dos arredores, honran a un santo que, entre outras atribucións, ten a de ser patrón dos animais domésticos. No lugar de San Amedio, pero tamén en Castiñeira, Couso, Gondes, As Pereiras, As Congostras ou Cabeza de Boi, lugares todos eles nos que o San Antón é considerado o patrón, os días 17 e 18 de xaneiro sempre se viviron dunha forma especial. Pero este ano, as condicións cambiaron de forma substancial. As circusntancias derivadas da expansión da pandemia da COVID-19 obrigaron a cambiar algúns aspectos deste tradicional evento. O cambio máis significativo quizais sexa o espazo no que se desenvolverán os oficios relixiosos. En lugar da pequena capela ubicada en San Amedio, a misa terá por escenario a igrexa do mosteiro cisterciense, moito máis ampla e espaciosa, e máis adaptada ás medidas de prevención fronte ao coronavirus. Ademais, o feito de coincidir en domingo, no que se adoita concentrar un número importante de fregueses na misa das 12 do mediodía, fixo que se aproveitase para facer coincidir os actos relixiosos dominicais coa misa na honra de San Antonio Abad, evitando o desprazamento ata a capela para realizar unha segunda celebración. Tras a misa, que será oficiada polo cura párroco Don Ramón Fernández Ramos, non faltará a habitual procesión, así como as poxas de diversos produtos agrarios, que os devotos acostuman ofrecer ao santo, e que por enésima ocasión, correrán a cargo de Argimiro Torres. Agárdase tamén a presenza de músicas e foguetes, antes de que os festeiros e festeiras regresen aos seus fogares, onde continuarán cos festexos. Seguindo tamén a tradición, o día 17 volverá a ser un ano máis o "día do cocido", mentres que o 18 será o "día dos callos" por ser estes manxares tan típicos da gastronomía galega os protagonistas principais nas mesas dos veciños e veciñas de A Armenteira durante estas festas. A pesar das dificultades que impoñen estas circunstancias tan excepcionais, cun índice de contaxios á alza en toda a área circundante, e coa entrada en vigor desde o pasado venres dunhas limitacións máis restritivas, o San Antonio Abad poderá ser honrado, agardando que para 2022 os actos xa poidan desenvolverse nunhas condicións de relativa normalidade.












