Buscar neste blog

domingo, 3 de xullo de 2022

San Lourenzo revalida o título de campión no II Campionato Interparroquial do Concello de Meis

 O equipo que representou á parroquia de San Lourenzo de Nogueira levouse este sábado o título de campión no II Campionato Interparroquial do Concello de Meis. No torneo, que organizou o C.D. Mosteiro e se celebrou  no campo Municipal de Meis, organizado polo C.D. Mosteiro, o equipo de San Lourenzo viuse as caras na final co de San Vicente. Os conxuntos das dúas "Nogueiras" finalizaron como líderes dos seus respectivos grupos na liguiña disputada á mañá. Xa pola tarde, nas eliminatorias, San Vicente foi deixando polo camiño a Santo Tomé en cuartos de final e a San Salvador en semifinais, mentres que San Lourenzo superou ao equipo de A Armenteira en cuartos de final e a Paradela en semifinais, na que era a reedición da final da primeira edición, que tivera lugar no verán de 2019. 

O partido que estaba en liza o título de campión foi bastante equilibrado. Fronte á xuventude e ao alto ritmo no xogo dos de San Lourenzo, San Vicente apostaba pola súa maior pegada e os detalles de calidade que marcan diferenzas dalgúns dos seus futbolistas. Foi precisamente un destes detalles o que colocou por diante a San Vicente. Nunha rápida transición entre a defensa e o ataque, Álex Fernández asistiu de cabeza ao seu pai Ricardo, e este superou ao meta rival cunha perfecta vaselina. Axiña reaccionou San Lourenzo, e tras unha serie de combinacións, David Outón, poñía a igualada. Co equilibrio no marcador foise ao descanso, e tras a reanudación, mantívose a igualdade no xogo. A carga de minutos nos xogadores máis destacados do equipo de San Lourenzo, unido a que este equipo se atopou cunhas eliminatorias a priori de maior desgaste, parecían notarse nos futbolistas que este ano vestían con camisola branca. Tampouco andaban sobrados de forzas os xogadores de San Vicente e tanto un como outro conxunto dispuxeron de ocasións para desequilibrar, aínda que isto non se produciría ata os últimos suspiros do encontro, cando de novo David Outón aproveitaba un desequilibrio defensivo do adversario para situar o dous a un no marcador. Non deu tempo a reaccionar ao equipo de San Salvador e o equipo de San Lourenzo conseguiría así revalidar o título que conseguira na primeira edición aló por 2019. Co especial protagonismo de David Outón, un rapaz de 17 anos que milita actualmente nas categorías de fútbol-7 do Pontevedra C.F. e da saga dos irmáns Ares, unido á forza dun potente bloque no que se aúnan xuventude e calidade, o equipo de San Lourenzo foi o digno vencedor dun Campionato Interparroquial que parece que se está a consolidar entre o panorama de actos festivos e deportivos que teñen lugar no territorio do municipio de Meis.

En canto á participación do equipo que representou á parroquia de A Armenteira, este ano realizou un papel meritorio. Con dezaoito futbolistas dos vintedous incritos inicialmente, o cadro que este ano acabou lucindo unha camisola azul mariño logrou competir e pór en apuros a todos os rivais cos que se foi atopando no torneo. Nos partidos da liguiña caeu por un tanto a cero fronte ao equipo de San Vicente no primeiro dos encontros. No segundo, tras facer variacións no sistema e tratar de reforzas a liña defensiva e o medio campo, fixeron o que foi quizais o mellor partido. Dous a un perderon ante Paradela, cun gol de tacón dun dianteiro adversario nos minutos finais. O tanto dos de A Armenteira, o primeiro neste torneo, foi logrado por Dani Dadín. Menos sorte correu o equipo de A Armenteira no partido fronte a San Martiño. No que era a cita máis decisiva da mañá, os xogadores da parroquia veciña estiveron máis atinados e, con dous tantos case seguidos, desequilibraron un partido, no que de nada valeu no tanto nos intres finais de José Pérez remachando sobre a liña de gol un pase de Jorge Castro. Xa á tarde, nas eliminatorias, as opcións dos de A Armenteira reducíanse, pois, ao rematar na cuarta posición na liguiña, tiñan que medirse ao campión do outro grupo, San Lourenzo. O bo inicio dos azul mariños, que dispuxeron de algunhas ocasións para adiantarse, non tardou en ser contarrestado polos de San Lourenzo, que acabarían vencendo por tres tantos a cero, cun gol no minuto final de David Outón. Pese a non lograr o triunfo en ningún dos encontros, o equipo representativo de A Armenteira tivo un papel aceptable nun torneo no que se enfrontou a rivais dun potencial notable. A amplitude do plantel, que non impediu que se puidesen repartir de forma bastante equitativa os minutos, e as achegas da nova xeración de futbolistas de A Armenteira, representada nesta ocasión por Dani Dadín, Manu Meixús, Íñigo, Javi Abal e Fran, foron das notas máis destacadas dun conxunto que xa pensa en preparar, se as circunstancias o permiten, a edición de 2023, na que agarda continuar coa progresión mostrada este ano e na tratará de continuar coa incorporación de mozos da parroquia a un equipo no que se combinarán de de novo o brío e a axilidade da xuventude e a experiencia e serenidade dos futbolistas máis veteranos.



xoves, 30 de xuño de 2022

O equipo de A Armenteira xa coñece o horario dos partidos do II Campionato Interparroquial

Na tarde-noite deste mércores, 29 de xullo, o C.D. Mosteiro deu a coñecer a composición dos grupos e o horario dos partidos do II Torneo Interparroquial do Concello de Meis. No campo Municipal de Meis, en horario de mañá e tarde, o sábado, 2 de xullo, competirán oito equipos, sete representando ás parroquias do municipio meisino, xunto con un combinado formado por ex-xogadores do C.D. Mosteiro. Non resultou agraciado a priori o equipo representativo da parroquia de A Armenteira, xa que, no grupo B, no acabou encadrado, tamén figuran os conxuntos das parroquias de San Martiño, San Vicente e Paradela, equipos que debido á súa estrutura demográfica, cunha poboación relativamente nova, adoitan presentar equipos de gran potencial, e que están entre os principais aspirantes a alcanzar o título de campión, que ostenta o equipo de San Lourenzo, vencedor en 2019. O cadro de A Armenteira, que nesta edición lucirá unha vistosa camisola negra, comezará a súa participación ás 10.35 horas fronte ao equipo de San Vicente. A continuación, ás 12:00 horas medirase a Paradela e, para finalizar, ás 13:10 horas verase as caras coa formación da parroquia colindante de San Martiño, no que será un interesante duelo de rivalidade. Tras o descanso para a comida do mediodía, terán lugar as eliminatorias, que se iniciarán cos cuartos de final, e que rematarán coa gran final, prevista para as 19:00 horas. 

Máis aló do ámbito competitivo, no que o equipo de A Armenteira agarda desempeñar un digno papel, será unha xornada de convivencia, na que o deporte e a amizade entre xogadores de parroquias veciñas se combinarán e no que haberá tempo para a charla, as anécdotas e para comentar o acontecido ao longo do día. De feito, a entidade organizadora, o C.D. Mosteiro, ten instalada unha carpa no recinto do campo Municipal de Meis, na que se servirán comidas, e que fará que, previsiblemente, boa parte dos participantes decidan xantar xa no escenario dos partidos. No caso do combinado de A Armenteira, son 22 os futbolistas inscritos, aínda que compromisos laborais de última hora fan que non sexa segura a presenza de todos os efectivos e que, algún deles, unicamente poida disputar unha parte do torneo. Quen si confirmou a súa asistencia é unha parte da afección que acudirá ao Mosteiro para animar á escadra que nesta ocasión vestirá de negro.



venres, 17 de xuño de 2022

A parroquia de A Armenteira volverá contar cun equipo representativo no II Torneo Interparroquial do Concello de Meis

O sábado, 2 de xullo, no campo Municipal de Meis, en O Mosteiro, desenvolverase a segunda edición do Torneo Interparroquial do Concello de Meis. O evento, organizado polo C.D. Mosteiro, iniciouse no verán do ano 2019, pero a extensión da pandemia do COVID-19, impediu que puidese celebrarse nos anos seguintes. Superados os efectos máis graves da pandemia, o C.D. Mosteiro, coa colaboración de varias casas comerciais e, principalmente, do Concello de Meis, retoma unha competición na que estarán representados equipos das sete parroquias que conforman o termo municipal, ademais dun equipo feminino, que substitúe ao equipo convidado en representación doutro Concello, como fora o caso do conxunto da parroquia de Barro no ano 2019. Naquela ocasión o equipo de A Armenteira acudira moi mermado a causa das numerosas baixas que o afectaban. Lesións, ocupacións profesionais ou compromisos de diverso tipo impediran configurar un plantel amplo que garantise competir en igualdade de condicións cos equipos doutras parroquias, que si acudiron con representacións máis amplas. Baixo a dirección de Martín Casais e Jorge Dávila, a representación de A Armenteira no Torneo Interparroquial de 2022 agárdase que sexa bastante máis extensa. Ata 21 futbolistas inscribiu a parroquia na competición, aínda que compromisos de última hora poden reducir esta cifra. Trátase dun plantel variado, que ten como base o equipo do Armenteira Veteranos, pero que tamén contará con xogadores que compiten con outros equipos, e tamén cunha nova formada de mozos formados nas categorías de fútbol base do Armenteira C.F.,  e que, unha vez que o proxecto de canteira da entidade verdinegra deixou de existir, continúan a súa aventura noutros clubes da contorna. C.D. Mosteiro, S.D. Noalla, Sisán Veteranos, C. Juventud Cambados, S.D. Puentearnelas, ademais do Armenteira Veteranos, son as entidades que conforman a representación dunha parroquia que nesta ocasión cambiará a camisola rosa da edición de 2019 por unha camisola negra, máis a tono coas cores que locen tanto o Armenteira C.F. como o Armenteira Veteranos, que en ambos os casos combinan os tonos verdes e os negros nos seus uniformes. 

Coa intención de defender con dignidade o nome da parroquia, sen renunciar ás máis altas cotas, o equipo de A Armenteira prepárase para que un torneo que o sábado, 2 de xullo, en horario de mañá e tarde, no campo Municipal de Meis, reunirá a veciños e veciñas de Meis e da contorna para disfrutar, convivir e competir arredor dun balón. Os 21 futbolistas que, en principio, defenderán a camisola da parroquia, parten coas máximas expectativas e, sobre todo, coa ilusión de pasar un día de fútbol entre amigos, compañeiros e veciños.



A Armenteira acapara este sábado as actividades do mes do medio ambiente que organiza o Concello de Meis

 O territorio da parroquia de A Armenteira será o protagonista das actividades que este sábado organiza o Concello de Meis co motivo do mes do medio ambiente. Ao longo deste mes de xuño veñen desenvolvéndose unha serie de actividades, como as relacionadas co proceso de compostaxe, obradoiros de limpeza ecolóxica e de elaboración de xabón ou contacontos. Case todas estas actividades están centradas no CPI de Mosteiro-Meis, ao que acude o alumnado de A Armenteira para cursar os estudos de ensino secundario, pero no caso deste sábado, será o propio territorio da parroquia o escenario principal das actividades. A partir das 10:15 horas realizarase un roteiro interpretativo coa intención de pór en valor o patrimonio cultural, histórico, artístico e natural do entorno do complexo rupestre do Outeiro do Cribo. Ao tempo que disfrutarán e coñecerán máis respecto dos segredos que garda este enclave, as persoas participantes irán identificando as plantas invasoras e realizarán unha recollida do lixo que vaian atopando ao longo do camiño. Será un percorrido didáctico, guiado por persoas expertas nestes campos, e que partirá da denominada Praza de Vilar, na entrada ao adro do mosteiro cisterciense, e discorrerá pola aldea de Valdedeus, onde a tradición popular sitúa o episodio da lenda de San Ero e a paxariña, para despois desprazarse ata o complexo rupestre do Outeiro do Cribo e, desde alí, se o tempo o permite ata os petróglifos de Outeiro do Tronco e a necrópole de Pedra do Lagarto, onde se atopan varios sepulcros da etapa do Neolítico, entre os que destaca a mámoa coñecida como a Casiña da Moura

Á fronte da expedición estará Martín Casais, veciño de A Armenteira e concelleiro responsable da área de Medio Ambiente no consistorio meisino, as persoas participantes percorrerán un traxecto no que a riqueza natural se mestura coa arte, coa historia e coa lenda, que nos traslada a épocas que van desde a Prehistoria, na que se elaboraron as mámoas ou os petróglifos, ata a época actual, pasando pola Idade Media, coa figura de San Ero e co inicio da construción do mosteiro cisterciense, que continuaría ao longo da Idade Moderna. Desde a organización recoméndase levar roupa cómoda, dada a esixencia do treito a percorrer, e ir provistos de luvas, coas que recoller o lixo e retirar as plantas invasoras. Na pasada edición, no ano 2021, leváronse a cabo roteiros independentes por cada parroquia, pero neste caso decidiuse concentrar os esforzos en A Armenteira, para deste xeito promocionar o valioso patrimonio co que conta o entorno do mosteiro cisterciense, en especial o complexo rupestre do Outeiro do Cribo, no cal o Concello, co apoio da Deputación de Pontevedra, está desenvolvendo un proxecto de recuperación e posta en valor do entorno dos gravados rupestres, un feito que se veu impulsado principalmente tras a incorporación ao patrimonio municipal dos terreos nos que se asentan os petróglifos, tras a doazón realizado polo propietario, o veciño do lugar de San Amedio Antonio Cores.


sábado, 28 de maio de 2022

Dúas accións a balón parado do A. Cinania-Idago Cal Barral acaban coas opcións de ascenso do Armenteira Veteranos

 FICHA TÉCNICA

ARMENTEIRA C.F. - A.CINANIA-IDAGO CAL BARRAL - 1 - 2

ARMENTEIRA VETERANOS: Sirra; Jorge Dávila, Carlos Castro, Javi, Moncho; Marcial, Martín, Júnior, Víctor; Rubén e Jorge Castro. Tamén xogaron Suso e Galiñanes.

GOLES: 1-0. Minuto 5. Jorge Castro. 1-1. Minuto 33. Félix Santos.  1-2. Minuto 62. Javier Rico.

ÁRBITRO: García Pérez. Mostrou cartóns amarelos a Galiñanes, Moncho e Carlos Castro por parte do Armenteira Veteranos, e a Hugo Vázquez, Félix Santos, Jacobo Campo e a Fernando Carhuachín, neste caso por partida dobre.

INCIDENCIAS: Partido da cuarta xornada do grupo D1 da liga de promoción de ascenso á Segunda Galicia de Veteranos, da zona de Pontevedra, disputado no campo de O Leixo, en A Armenteira, ante uns dez espectadores, nunha moi soleada e calurosa, e sobre un terreo de xogo nunhas condicións aceptables para a práctica do fútbol.

  CRÓNICA

O Armenteira Veteranos perdeu toda opción de ascender á Segunda Galicia de Veteranos tras o partido da tarde deste sábado no campo de O Leixo. A derrota ante o A. Cinania-Idago Cal Barral puxo fin ao soño de dar o salto de categoría, unha aventura que foi posible tras finalizar a primeira fase do campionato entre os catro mellores do seu grupo. 

Foi tras un partido que se iniciou ás catro e media da tarde, no medio dun  intenso calor, e no cal a fortuna non estivo do lado do conxunto local. Sen realizar un partido brillante, o Armenteira Veteranos non foi inferior ao seu rival no plano futbolístico, pero si no acerto de cara á portería contraria. Se na pasada fin de semana a inspiración a nivel ofensivo de Rubén, autor de dous tantos, permitira desequilibrar un partido que parecía que ía rematar en táboas, nesta ocasión non tiveron demasiada puntería os atacantes verdinegros. De novo lastrado polas numerosas baixas, o Armenteira Veteranos trataba de facer fronte a esta eiva coa confianza que outorgaba a vitoria da última xornada. E nada máis comezar o encontro, unha combinación en ataque dos verdinegros deixaba a Jorge Castro ante o meta Antonio Martínez, e o dianteiro de Vilar non perdoaba. O gol fixo incrementar a confianza dos locais, que se vían dominadores do xogo e non pasaban apenas apuros en defensa. Máis contundentes na disputa do balón e buscando transicións rápidas cara a portería dos de Cangas o Armenteira Veteranos dispuxo incluso dalgunha ocasión máis para ampliar o seu rédito. Pero, tras unha serie de desaxustes defensivos, que deron lugar a unha falta ao borde da área, o A. Cinania-Idago Cal Barral acabaría logrando a igualada en torno á media hora de xogo. Javier Rico, un auténtico especialista no lanzamento de golpes francos, que xa anotaba no partido de volta, conseguiu colar o balón por entre a barreira verde e negra e, pese a estirada de Sirra logrou  deter o coiro, un atento Félix Santos recollía o rexeitamento e mandaba o esférico ao fondo das mallas. O gol, xunto coas altas temperaturas, foron mermando as ansias do Armenteira Veteranos, que pouco a pouco foi cedendo terreo. 

Esta tendencia mantívose no segundo período, no que os visitantes ían facéndose coa posesión do xogo, apoiados sobre todo na calidade do tridente ofensivo que formaban David Vizoso na media punta e Paulo Pedrosa e Javier Rico na dianteira. Ao igual que ocorrera no partido da primeira volta, tras unha falta no ángulo dereito da área dos de Armenteira, Javier Rico conectaba un potente disparo que sorprendía a Sirra. Conscientes de que este resultado dilapitada toda opción de ascenso, os futbolistas do cadro local exprimiron as súas forzas na parte final do partido. Guiados desde a liña de creación por un moi activo Júnior, que sen dúbida foi un dos futbolistas máis destacados no partido, e apostando polos balóns aéreos e o fútbol directo, o Armenteira Veteranos foi quen de xerar varias ocasións de perigo. Jorge Castro, Javi González, Rubén, Suso ou Martín tiveron nos seus pés a posibilidade de conseguir a igualada, pero parece que a fortuna non estaba este sábado do lado local. Pero a ocasión máis clara tívoa Jorge Castro. A cinco minutos do final, o dianteiro de Vilar era derrubado dentro da área por un defensor cangués. O propio Jorge Castro encargaría de asumir a responsalidade de executar a pena máxima, atopábase coas luvas do meta Antonio Martínez. Un hábil Rubén chegaría a recoller o rexeitamento, pero axiña os defensores visitantes se interpuxeron no seu camiño para evitar o gol. Á desesperada, o Armenteira Veteranos buscou o empate nos minutos finais. A fortaleza física dos defensores rivais e a sorte esquiva en ataque para os locais fixeron que estes intentos fosen infrutuosos e que o triunfo final se acabase marchando para terras de O Morrazo. 

Con esta derrota o Armenteira Veteranos continúa na cuarta posición do grupo D1 da promoción de ascenso. A loita por subir de categoría estará agora entre a E.F.B. Vilanova-Caleiro, líder, con doce puntos, o A. Cinania-Idago Cal Barral, segundo, con oito puntos, e o Club Lamense-Serra do Suído, terceiro, con sete puntos, e que este sábado derrotou sorprendemente ao líder e gran favorito, a E.F.B. Vilanova, por un contundente catro a cero. Será curiosamente a formación de Vilanova de Arousa a que visite o campo de O Leixo a próxima fin de semana, nun partido no que os vilanoveses poderán certificar o seu pase á Segunda Galicia de Veteranos.


sábado, 7 de maio de 2022

O Armenteira Veteranos inicia a promoción de ascenso á Segunda de Veteranos cunha derrota en Cangas do Morrazo

  FICHA TÉCNICA

A. CINANIA-IDAGO CAL BARRAL-ARMENTEIRA C.F. - 3 - 1

ARMENTEIRA VETERANOS: Sirra; Jorge Dávila, Carlos Castro, Marcos, Moncho; Suso, José Pérez, Júnior, Javi González, Martín; e Jorge Castro.

ÁRBITRO: García Luis. Mostrou cartóns amarelos a Paulo Pedrosa e Arturo Cordeiro por parte do A. Cinania-Idago Cal Barral e a Javi González, Moncho, Carlos Castro e Jorge Dávila por parte do Armenteira Veteranos.

INCIDENCIAS: Partido da primeira xornada do grupo D1 da liga de promoción de ascenso á Segunda Galicia de Veteranos, da zona de Pontevedra, disputado no campo das Pistas de Atletismo, en Cangas do Morrazo, ante uns cinco espectadores, nunha tarde soleada e anubrada por momentos, e bastante calurosa, e sobre un terreo de xogo cunha superficie de herba natural, pero moi irregular, e polo tanto, nunhas condicións non demasiado favorables para a práctica do fútbol.

  CRÓNICA

O Armenteira Veteranos non inicio con bo pé a súa aventura na promoción de ascenso á Segunda Galicia de Veteranos. Encadrado no grupo D1, xunto á E.F.B. Vilanova-Caleiro, ao Club Lamense-Serra do Suído e ao A.Cinania-Idago Cal Barral, o conxunto verdinegra parte coa máxima ilusión por desempeñar un papel digno nunha competición para non parte entre os favoritos a dar o salto de categoría. O partido deste sábado non se presentaba na mellor situación para os de O Leixo. Cun elevado número de baixas, o Armenteira Veteranos compareceu no campo das Pistas de Atletismo de Cangas do Morrazo con tan só once efectivos, o que sumado ás altas temperaturas que se rexistraban a esas horas, dificultaba a posibilidade de competir en igualdade de condicións fronte a un rival que finalizara na segunda posición do seu grupo da Terceira de Veteranos, e que si puido realizar cambios e repartir os esforzos dos seus futbolistas ao longo dos noventa minutos.

En canto ao encontro foi un partido equilibrado, con alternativas por ambos bandos, pero no que acabou decidindo a maior pegada e a maior adaptación á peculiar superficie do terreo de xogo por parte dos locais. Sen un dominador claro desde o inicio, o Armenteira Veteranos non parecía sentirse incómodo nos primeiros minutos. Cunha liña de medio campo bastante poboada, na que Júnior, José Pérez e Javi González ocupaban a zona de creación, o cadro verdinegro trataba de asumir o control do xogo, aínda que con demasiadas precipitacións. Cústaballe conectar cun Jorge Castro que, moi só na liña de ataque, e sempre rodeado de varios defensores, conseguía avanzar con moitas dificultades cara a meta adversaria. Non tardou en poñerse por diante o A. Cinania-Idago Cal Barral. Unha acción de contraataque, na que un futbolista local foi derrubado no borde dereito da área visitante daría lugar a unha falta que Javier Rico, o dianteiro máis incisivo dos cangueses, colocou na escadra esquerda da meta de Sirra. A desvantaxe no marcador non acabou coas ansias dos de  A Armenteira, que insistían no seu fútbol directo na procura de Jorge Castro. Tras varios avisos, á media hora de xogo, Jorge Castro era derrubado na área cando se plantaba diante do gardamallas local. O escaso público que se desprazou a animar ao Armenteira Veteranos reclamaba que a pena máxima fose executada por Júnior, que contou cunha pequena lexión de fans este sábado no campo das Pistas de Atletismo, pero sería o propio Jorge Castro o encargado de realizar o lanzamento do penalti. Logrou anotar o dianteiro de Vilar, aínda que non duraría demasiado á alegría para a parroquia visitante, pois nunha xogada na que os futbolistas verdinegros reclamaban que o adversario se axudou da man para levarse o balón, e na que, ao xeito dos xogadores do Real Madrid no recente enfrontamento co Manchester City esqueceron a intensidade defensiva para centrarse nas protestas ao colexiado, Paulo Pedrosa conectaba un disparo con exterior da súa bota dereita que ía de novo cara o fondo das mallas pola escadra da meta que defendía Sirra. Unha tangana despois dun choque entre Carlos Castro e un futbolista cangués, na que os graves insultos dun xogador local ao defensor do Armenteira Veteranos fixo elevar a tensión, con ameazas, agarróns e empurróns, apurou ao colexiado García Luis a sinalar a fin do primeiro período.

Tras a reanudación a situación non variou moito. Mentres o A. Cinania- Idago Cal Barral intentaba armar un fútbol combinativo desde a zona defensiva, o Armenteira Veteranos apoiábase no seu fútbol máis físico e dinámico para buscar o empate. Jorge Castro, Martín ou Suso tiveron nos seus pés a oportunidade de lograr a igualada, pero tamén puideron ampliar vantaxe os locais, principalmente cando un centro á área verdinegra impactou no cóbado de Marcos. Aínda que o central de Castrelo se atopaba sobre a liña da área, o colexiado García Luis decidiu decretar penalti. Ao lanzamento desde os once metros reaccionou Sirra cunha excepcional parada. No último tramo do encontro o Armenteira Veteranos tratou de buscar a meta local, pero o cansanzo provocaba que cada vez houbese máis espazos, o que provocaba que os de O Morrazo, guiados por David Vizoso desde a liña medular, atopasen máis vías para levar o perigo á meta de Sirra. Nunha desas accións, unha internada do lateral polo costado esquerdo, na que apenas se lle presentaron obstáculos, rematou cunha asistencia a Javier Rico que, cara a cara ante Sirra, acabaría enviando o coiro ao fondo das mallas. Era a sentenza definitiva a un partido que xa non tería máis historia e que complica enormemente as escasas aspiracións de ascenso do Armenteira Veteranos, que con este resultado finalizan a primeira xornada na cuarta posición, con cero puntos. A próxima fin de semana, a formación verde e negra deberá visitar o campo de O Terrón para medirse á potente escadra da E.F.B. Vilanova-Caleiro. O conxunto de Vilanova de Arousa liderou con absoluta autoridade a liga do grupo A, contando por vitorias todos os partidos menos un, o que o enfrontou ao Salud S.D. O enorme potencial do rival do próximo sábado e as numerosas baixas que vén arrastrando o Armenteira Veteranos converten á cita desta segunda xornada da promoción de ascenso nun reto tremendamente difícil para os de O Leixo, que buscaran exprimir ao máximo as mínimas opcións de puntuar no feudo vilanovés.


domingo, 1 de maio de 2022

Triunfo do Armenteira Veteranos ante o AF7 Bar Madia Leva para finalizar a liga e asegurar a cuarta posición e o pase á promoción de ascenso

 FICHA TÉCNICA

ARMENTEIRA VETERANOS-AF7 BAR MADIA LEVA - 2 - 1

ARMENTEIRA VETERANOS: Sirra; Jorge Dávila, Carlos Castro, Marcos, Richi; Rubén, José Pérez, Javi González, Martín, Suso; e Jorge Castro. Tamén xogaron Martín e Galiñanes.

ÁRBITRO: Cacabelos Iglesias. Mostrou cartóns amarelos a Pablo Nine e José Luis Piñeiro por parte da AF7 Bar Madia Leva.

INCIDENCIAS: Partido da vixésimo segunda xornada de liga do grupo A da Terceira Galicia de Veteranos, da zona de Pontevedra, disputado no campo de O Leixo, en A Armenteira, ante uns dez espectadores, nunha tarde soleada e bastante calurosa, e sobre un terreo de xogo nunhas condicións aceptables para a práctica do fútbol.

  CRÓNICA

O Armenteira Veteranos logrou acadar finalmente o obxectivo que perseguía fervorasemente durante as últimas semanas. Tras varias semanas ocupando a cuarta posición, que dá acceso a disputar a promoción de ascenso á Segunda Galicia de Veteranos, o cadro de O Leixo viu como ese posto de privilexio se perdía tras os resultados adversos das tres últimas xornadas. Para recuperar a cuarta praza debía vencer no compromiso desta fin de semana ante o AF7 Bar Madia Leva e agardar a que o Castrelo C.F. Veteranos non lograse a vitoria na súa visita ao campo Municipal de Zacande, onde os cambadeses se medían a un dos conxuntos máis potentes do grupo, o Zacande-Terras de Curro. E cumprísonse ambas condicións. Con todo, pese a lograr o triunfo, o Armenteira Veteranos mostrou unha versión mediocre, a tono coa das últimas xornadas. O partido non foi brillante por ningún dos dous equipos. O AF7 Bar Madia Leva, en caída libre nesta segunda metade da liga, que viu como as opcións de acabar entre nas catro primeiras posicións, para as que partía como un dos favoritos, se lle foron esfumando nas últimas semanas, mostrouse en O Leixo como un conxunto con calidade e con dotes para practicar un fútbol combinativo, pero excesivamente indolente e falto de pegada nos metros finais. Son precisamente este tipo de equipos, que se plantan no terreo de xogo cun bloque medio-alto, os que mellor se adaptan á forma de xogo do Armenteira Veteranos, pois facilitan ese fútbol directo e de transicións rápidas ao que tanto proveito lle sacan os verdinegros, que teñen en Jorge Castro a unha auténtica arma letal nas accións de contraataque. O dianteiro de Vilar foi quizais de novo o gran protagonista do encontro. Ademais das numerosas intervencións no xogo e das ocasións das que dispuxo, demostrou non só a valía que o converte nun dos futbolistas máis valiosos da ligas de veteranos, senón tamén un carácter e unha personalidade á altura dun futbolista do seu nivel. Ao máis puro estilo Benzema, Jorge Castro, tras errar un penalti a inicios do segundo período, asumiu novamente a responsibilidade de executar o lanzamento desde os once metros cando minutos despois Cacabelos Iglesias volveu decretar unha pena máxima a favor do cadro local. E, ao contrario ca na primeira ocasión, neste caso o killer o Armenteira Veteranos non perdoaría. En canto ao desenvolvemento do encontro a tónica do xogo non variou substancialmente ao longo dos noventa minutos. Desde o inicio, os locais, con maior tensión e máis motivados, tomaron o control do xogo. Nun partido dominado polas imprecisións, con contantes perdas de balón e controis defectuosos, a posesión correspondía aos locais, aínda que non eran quen de xerar oportunidades de verdadeiro perigo. Aínda así, non tardou en adiantarse o Armenteira Veteranos, nunha xogada iniciada en Sirra, que sacou o balón xogado pola zona do lateral dereito, ata que o coiro chegou a pés de Rubén, que mediante un envío en diagonal atopou a Jorge Castro, e o dianteiro de Vilar, gañándolle as costas e superando en velocidade á defensa visitante, superou a saída do meta José Luis Piñeiro cunha vaselina que, a pesar de que chegou a tocar coa punta dos dedos o meta do equipo vilagarciano, acabou bicando o fondo das redes do campo de O Leixo. En vantaxe no marcador o Armenteira Veteranos foi gañando en confianza. Os escasos apuros que pasou en defensa viñan da man do bullicioso dianteiro José Luis Iglesias, pero sen inquedar demasiado ao sempre tranquilo e pausado Sirra. Na segunda metade a situación non variou. O dominio dos verdinegros ía pouco a pouco facéndose máis intenso, pero a falta de puntería dos atacantes, impedía que a vantaxe aumentase. Jorge Castro tivo nos seus pés a posibilidade de anotar catro ou cinco goles, pero tamén dispuxeron de oportunidades Rubén, Galiñanes, José Pérez ou Martín. A opción para marcar distancias tería primeiro Jorge Castro, tras ser derrubado na área por un defensor vilagarcián. Erraría a pena máxima o dianteiro verdinegro, enviando o balón contra o pau esquerdo da meta visitante, pero, minutos despois, sería derrubado de novo polo meta José Luis Piñeiro. Cacabelos Iglesias volvía a sinalar a pena máxima, e Jorge Castro, querendo resarcirse do erro anterior, tomaba a decisión de executar o penalti, logrando anotar neste caso. O treito final do encontro foi de relativa comodidade para o conxunto local, que incluso puido marcar algún gol máis, pero, debido quizais a un certo relaxamento, que provocou desaxustes e un certo descontrol no xogo dos verdinegros, o AF7 Bar Madia Leva comezou a asomarse algo máis sobre as inmediacións da meta de Sirra e, nunha desas ocasións, tras unha perda de balón na zona do mediocampo, José Luis Iglesias recibía unha perfecta asistencia ás costas da defensa e lograba cruzar o esférico ante a saída do arqueiro local. Non houbo tempo para o suspense nin para o sufrimento para o Armenteira Veteranos, pois o colexiado Cacabelos Iglesias decretou o final do partido uns intres despois. Con esta vitoria a formación verde e negra remata a liga na cuarta posición, con trinta e tres puntos, e asegura a súa participación na promoción de ascenso á Segunda Galicia de Veteranos, na que, segundo o plan de competición enviado pola delegación de Pontevedra da Real Federación Galega de Fútbol, compartirá grupo con outros tres equipos nunha liguiña a dobre volta. Entre os rivais desta segunda fase da liga estará a E.F.B. Vilanova-Caleiro, o conxunto que dominou con absoluta solvencia este grupo A da Terceira Galicia de Veteranos, e que conta nun potencial moi superior ao da maioría dos grupos da categoría. Ao longo desta semana coñecerase a composición definitiva e o calendario deste grupo de catro equipos. Ademais do notable papel do Armenteira Veteranos na liga cabe salientar as cifras goleadoras de Jorge Castro, que finaliza a liga como terceiro máxima artilleiro do grupo, con vintedúas dianas. Para celebrar a fin da liga, os futbolistas da entidade verdinegra dirixíronse ao finalizar o encontro ao Café Bar O`Comercio, un dos establecementos que patrocina ao clube, onde tivo lugar unha cea que reuniu ao boa parte do plantel do Armenteira Veteranos, unha celebración que nalgún caso de prolongou ata altas horas da madrugada.