Buscar neste blog
domingo, 29 de outubro de 2017
Plácida vitoria do Armenteira C.F. xuvenil que o aúpa ao segundo posto
O equipo xuvenil do Armenteira C.F. conseguiu este domingo unha cómoda e plácida vitoria por un gol a cinco no partido que disputou no campo de O Pombal ante o C. Juventud Cambados. Foi nun partido que axiña se lle puxo de cara aos pupilos de Valentín Estévez "Tilín", claramente superiores durante os noventa minutos, unha superioridade que se baseou máis na efectividade, no dominio da situación en ámbalas dúas áreas e na calidade individual dos seus xogadores ca no fútbol despregado sobre o desgastado céspede artificial do campo 2 das instalacións deportivas cambadesas. O técnico de San Tomé presentou un once inicial con Roberto Torres baixo paus, André, Diego Berreco, Fari e Rafa en defensa, Cris Cores, Hilias, Mathias e Cristian Abal na liña de medios, e Adrián Castro e Alberto en ataque. Sen tempo case a que a afección se acomodase nos seus asentos, Alberto, tras recibir unha gran asistencia, adiantaba aos verdinegros. Apenas un minuto despois era Adrián Castro o que lograba o segundo tanto nunha xogada similar. A comodidade do resultado con tan poucos minutos disputados fixo medrar en confianza ao Armenteira C.F. e exemplo diso foi unha excepcional acción individual de Mathias, na que sorteou a varios adversarios ata chegar á área e conectar un zapatazo que batiu ao meta Alejandro Álvarez. Con tan substanciosa renda con tanto partido por diante o Armenteira C.F. puido administrar as forzas, o fútbol e o desgaste de cara unha temporada que se presume esixente e con grandes ambicións. Os de Cambados trataron de facerse coa posesión do esférico, aínda que de forma infructuosa, dado apenas lograban inquedar a portería defendida por un cada vez máis seguro Roberto Torres. Unha aparatosa caída de Cristian Abal despois dun choque cun defensor rival estivo a piques de obrigalo a retirarse do terreo de xogo. Por fortuna o extremo de Vilariño puido continuar e contribuír ao cuarto tanto, un lanzamento de falta que Cris Cores colocaba no fondo das mallas cambadesas pouco antes de que o colexiado Fernández Aboal decretase a finalización do primeiro período. Na segunda metade a tónica seguiu sendo a mesma. Un equipo superior e outro que se sentía incapaz de trenzar xogadas de perigo e que parecía resignado ante unha situación tan desfavorable. Sucedíanse as aproximacións dos visitantes á area cambadesa, pero o exceso de individualismo e as ansias de recrearse malograban boa parte destas ocasións. Nunha delas Adrián Castro burlou aos defensas rivais e ,á reviravolta, acadaba o quinto gol. Pouco houbo que reseñar nos minutos finais en canto a fútbol se refire. Tiveron a súa oportunidade dende o banquillo Jona, Sergio García, Gabriel, Rubén e David Piñeiro, aínda que quizais o máis reseñable foi a expulsión do adestrador local Alberto Charlín tras protestar de forma reiteirada unha confusión do árbitro á hora de concederlle un cambio. O ex-adestrador das categorías de fútbol base do Armenteira C.F. segue co seu mal fario cando se enfronta ao clube de O Leixo, ao que fai tempo que non consigue vencer. O partido pecharíase co gol da honra para o C. Juventud Cambados no minuto 89, nun balón que non deu chapado o meta Roberto Vidal e que aproveitou Jose Vila. Con esta vitoria o cadro que dirixe Tilín ascende á segunda posición, con trece puntos, unha posición privilexiada que terá que defender a próxima fin de semana no campo de A Bouza, en Barrantes, ante a E.F.B. Vilanova, un conxunto que ocupa a oitava praza con nove puntos.
sábado, 28 de outubro de 2017
Triunfo do equipo infantil do Armenteira C.F. en Pontearnelas para encadear a segunda vitoria consecutiva
O equipo infantil do Armenteira logrou vencer por un gol a tres no partido que disputou na tarde deste sábado no campo de As Chans ante o conxunto local da S.D. Pontearnelas. Foi tras un encontro no que o cadro que dirixen Luis e Alba Barral soubo ser máis decisivo nos momentos clave e no que foi quen de ir impoñendo a súa superioridade co paso dos minutos. O once inicial dos de O Leixo estivo composto por Fran en portería, Migui, Xoán, Adri e Javi en defensa, Íñigo e Carlos como mediocentros, Mosteiro polo costado dereito, Manu Meixús polo esquerdo, Hugo na mediapunta e Sergio Casal en ataque. Ao partido faltoulle ritmo xa dende os primeiro minutos. A S.D. Pontearnelas trataba de apropiarse da posesión do balón sacando a pelota xogada dende atrás e intentando fiar combinacións, Pero apenas conseguían de inquedar a portería dun Fran que, por segunda xornada consecutiva, volveu ocupar de maneira circunstancial a portería verdinegra. Pouco a pouco foi o Armenteira C.F. sacudíndose o dominio rival e comezou a rondar a área dos de Vilanova. Unha xogada desgraciada poñería por diante á S.D. Pontearnelas. Foi nunha cesión de Xoán ao meta Fran que, no despexe, impactou o coiro contra o dianteiro rival, rematando no fondo das súas propias mallas. A reacción non se fixo agardar e Adri, a través dun lanzamento de falta dende uns vinte metros, igualaba o marcador. A piques de chegar ao descanso, unha pugna entre Sergio Casal e un defensor rival, interceptada polo meta Alejandro Márquez, deu co balón ao borde da área nos pés de Meixús, que empalmaría unha volea que o gardamallas vermello intentou palmear sen éxito. Con vantaxe ao descanso o Armenteira C.F. foi armándose de confianza e viviría con relativa placidez o segundo período. Mosteiro, o futbolista máis incisivo en ataque dos visitantes, aproveitándose dun rexeitamento, acadaría o terceiro tanto. Aínda dispoñerían os visitantes de varias ocasións máis para deixar definitivamente sentenciado o encontro. Non lograron materializala, pero a seguridade defensiva, na que sobresaíron de novo as figuras de Migui e Xoán, e a falta de acerto dos locais mantiveron este resultado intacto ao final dos noventa minutos. Con esta vitoria o equipo que dirixe Luis Barral suma xa nove puntos e consolídase na zona media da táboa. A próxima fin de semana a escadra verde e negra recibirá a visita no campo de O Leixo da E.F.B. Vilanova, no que se prevé que será un enfrontamento igualado entre dous rivais con similares aspiracións na clasificación.
domingo, 22 de outubro de 2017
Emocionate partido pero sen fortuna para o equipo alevín do Armenteira C.F. en San Adrián de Cobres
O equipo alevín do Armenteira C.F. sufriu unha cruel derrota no partido disputado na mañá deste sábado no campo de San Adrián de Cobres, no concello de Vilaboa. Foi no encontro no que se mediu ao conxunto local da E.F. Cobres, que se acabaría quedando cos tres puntos tras vencer por cinco tantos a catro. O equipo que dirixen Luis e Alba Barral presentou un once inicial con Sergio Matilde en portería, Álex Grigorio, Andrés e Sara Otero en defensa, Ainoha como mediocentro, Brais Santamaría e Mateo polos costados, e Aldara en ataque. O primeiro período caracterizouse polo equilibrio e ningún dos equipos era quen de impoñer o seu xogo. Un disparo dende o borde da área de Isaac Álvarez sorprendería a Sergio Matilde e adiantaría aos locais. A resposta polo Armenteira C.F. daríaa Mateo tras unha gran xogada, cano incluído, na que colocaría o balón no fondo das mallas defendidas por Jose Aspera. Pero antes do descanso de novo Isaac Álvarez deixaría con vantaxe aos de Vilaboa. No segundo período os dous conxunto abriron liñas e os espacios fixéronse máis abundantes. Nesta situación as oportunidades sucedíanse nunha e noutra portería. Parecía máis cómodo o cadro verdinegro, que amosaba maior vigor físico na pugna polos balóns divididos. Entón deuse unha tolemia de goles que case chegaba a provocar taquicardias nas bancadas. Pablo Costoya poría o tres a un e Mario Gómez o catro a un. Pero non se renderon os futbolistas visitantes e, a base de pundonor, conseguiron poñer as táboas no marcador. Tres goles de Brais Santamaría daban esperanzas de vitoria ao seu conxunto de O Leixo a falta de tres minutos para o final. Houbo oportunidades para que os verdinegros puidesen sentenciar. Mateo, Brais Santamaría ou Aldara tiveron nos seus pés a posibilidade de manter o liderato. A emoción mantívose e a recta final foi de infarto. E o infortunio para o Armenteira C.F. chegou nun saque directo de curruncho que superou a Andrés no primeiro pau e a Sergio Matilde no centro da portería para conceder o triunfo á E.F. Cobres. Con este resultado a escadra que adestran Luis e Alba Barral pasa a ocupar a sexta posición con tres puntos, da cal tratará de ascender a próxima fin de semana tras o encontro que a medirá ao Portonovo S.D. "B" no campo de O Leixo.
sábado, 21 de outubro de 2017
Un mal segundo tempo derrota ao Armenteira Veteranos en A Senra
O Armenteira Veteranos caiu derrotado por dous goles a un no partido disputado na tarde deste sábado no campo de A Senra-2, en Ribadumia, ante o Bar Santiaguiño. Foi nun encontro no que foi determinante o segundo período, no que os erros cometidos polos verdinegros acabaron entregando os tres puntos aos locais. Pero máis aló da derrota a noticia deste partido foi que Jorge Castro, o máximo artilleiro do Armenteira Veteranos, e un dos máximos do grupo 1 da Segunda Galicia de Veteranos, non conseguiu anotar. O dianteiro de Vilar viña acadando goles en todos os partidos, sendo o autor da totalidade dos tantos logrados polo seu equipo no que se levaba de liga. O cadro de O Leixo presentou un once inicial con Joserra en portería, Jorge Dávila, Carlos, Óscar Barreiro e Portas en defensa, Marcial, Martín, Javi e Richi na liña de medios, e Galiñanes e Jorge Castro en ataque. O primeiro tempo foi equilibrado. O Bar Santiaguiño, liderado dende a zona de creación por Jorge Padín, trataba de levar a iniciativa, pero os visitantes, serios e ordenados en defensa, e intensos na presión e na recuperación, apenas concedían opcións. A entrada de José Manuel Padín e sobre todo de Rafa Núñez, deu algo máis de profundidade aos azuis polo lado esquerdo do ataque. Con todo, non sería ata o segundo período cando a balanza se inclinaría do lado do Bar Santiaguiño. Un disparo de Rafa Núñez dende a frontal batería a Jose Outón para pór en vantaxe aos seus. Rápida sería a reacción do cadro verdinegro, e tras un balón gañado por Jorge Castro a varios defensores rivais, Pellejo lanzaríase ao chan para, cun leve toque, lograr a igualada. A falta de contundencia no despexe e o efecto do sol sobre a vista dos defensores visitantes, deixaría a Adrián Fernández nunha situación máis ca favorable para situar outra vez por diante aos locais. E xa na recta final do encontro, Martín Guerra sacaría partido da indolencia defensiva do Armenteira Veteranos para aumentar a vantaxe local. A sentencia viría da man de Jorge Padín, ao transformar un penalti cometido sobre o seu compañeiro Adrián Fernández. Encargaríase de maquillar o resultado Marcial despois dunha gran asistencia de Jorge Castro que o extremo de O Pazo non desperdiciaría. Con este resultado queda na décima posición con cinco puntos. O próximo sábado o conxunto verde e negro afrontará outra difícil cita coa visita ao campo de O Leixo do Multitiendas S.D., que ocupa a sétima praza con dez puntos.
xoves, 19 de outubro de 2017
O mérito dun líder
Por moito que sexa despois da primeira xornada de liga e por moito que poida ser anecdótico cando un equipo acada a posición de líder é cando menos meritorio. E máis se falamos dunha xeración de rapaces para os que a prioridade é a formación, que basean o seu traballo semana a semana nos adestramentos e nos partidos en aprender os conceptos básicos do fútbol, en ser cada vez mellores compañeiros e compañeiras e en asimilar os valores que agocha este deporte e que van moito máis aló que un simple resultado. Pouco acostumada á vitoria a xeración de futbolistas que compón o equipo alevín do Armenteira C.F. logrou auparse ao liderato tras o contundente triunfo sobre o Atlético Arousana. Nunha categoría nova e coa bagaxe da aprendizaxe adquirida durante os últimos anos da man Víctor Saborido, Valentín Estévez "Tilín", Luis Barral ou Alba Barral, adestradores que coa súa aportación foron contribuíndo a este logro, estes nenos e nenas teñen este ano unha excelente oportunidade para demostrar a súa valía. Álex Grigorio é o máis veterano do grupo, catro temporadas leva xa o peloteiro de Zacande vestindo a camisola verdinegra. Tres temporadas leva Andrés Fernández e dúas a maior parte do grupo, agás Aldara, incorporada este verán e que, sen dúbida foi unha das fichaxes estrela dun clube que aposta polo fútbol base e polo fútbol feminino de presente e de futuro. A satisfacción do acadado, que de seguro virá acompañado de moitos máis éxitos, failles entender a estes rapaces e rapazas que a gloria do triunfo non vén soa, que hai moito que traballar, que loitar e que sufrir para chegar a ela. E que para Sergio Matilde, Andrés Fernández, Ramón, Álex Grigorio, Sara Otero, Ainhoa, Mateo, Brais Santamaría e Aldara, os nove futbolistas que forman o curto plantel deste equipo de categoría alevín cada adestramento e cada partido son un momento para aprender, para mellorar, para disfrutar en común dun deporte e para defender unhas cores dunha entidade á que un día decidiron unirse e da que a partires de agora xa forman parte da súa modesta aínda que gloriosa historia.
sábado, 14 de outubro de 2017
Claro triunfo do equipo xuvenil do Armenteira C.F. en Vilaxoán
O equipo xuvenil do Armenteira C.F. venceu con claridade ao San Martín C.F. no partido disputado na tarde deste sábado no campo Municipal de Vilaxoán. Foi unha vitoria contundente por cero goles a catro nun encontro no que o conxunto que dirixe Valentín Estévez "Tilín" foi superior en todas as facetas durante os noventa minutos. O técnico cambadés presentou un once inicial con Roberto Torres en portería, Sergio García, Jona, Diego Berreco e André en defensa, Cris Cores, Hilias, Mathias e Cristian Abal na liña de medios, Adrián Castro na mediapunta e Alberto como futbolista máis avanzado. As principais novidades estiveron na parella de centrais. Jona, habitualmente mediocentro defensivo, tivo que retrasar a súa posición ao centro da zaga, mentres que Diego Berreco, que normalmente ocupa un posto nun lateral da defensa, retornou á posición que durante tantos anos ocupou nos seus inicios nas categorías de fútbol base do Armenteira C.F. Nos primeiros minutos xa se fixo evidente a superioridade dos verdinegros. O San Martín C.F., cun futbolistas de maior envergadura física, non era quen de neutralizar o dominio do esférico do que se apropiaron os visitantes. A creatividade na zona de elaboración de Hilias e Mathias e a asociación polo costado esquerdo de dous xogadores tan electricizantes e hábiles como Cristian Abal e Adrián Castro desarbolaba en todo momento aos vilagarciáns. Sería Cristian Abal o encargado de adiantar aos seus ao culminar na área pequena unha internada pola banda esquerda. No minuto 40, de novo o extremo de Vilariño ampliaba vantaxe e poñía nunha situación máis ca favorable ao Armenteira C.F. para levarse os tres puntos. Trataron de reaccionar os locais, pero apenas puideron atopar fisuras na defensa dos de A Armenteira, onde sobresaiu a figura de Diego Berreco, colosal na tarde deste sábado en Vilaxoán. No segundo período a tónica continuou sendo a mesma. O Armenteira C.F. mantiña a posesión e trataba de administrar a cómoda vantaxe da que dispoñía. Tras unha xogada combinativa Mathias plantábase ante o meta Antón Soto e fixaba o cero tres no marcador, e xa nos minutos finais, o propio Mathias, colocaba na escadra esquerda dos vermellos un lanzamento dende uns vinte metros de distancia. Só a relaxación froito deste marcador tan claro permitiu algún achegamento dos locais na recta final, pero o desacerto dos seus dianteiros e a seguridade dun Roberto Torres cada vez máis sólido e asentado na portería verdinegra eliminaron calquera risco de que os tres puntos tornasen o rumbo que emprenderan cara as terras do Castrove. Nunha privilexiada terceira posición o Armenteira C.F. disfrutará a próxima fin de semana dunha xornada de descanso ao retirarse da competición o rival que lle correspondía, o Pontevedra C.F. "B". A seguinte cita ligueira será dentro de dúas semanas ante o C. Xuventude Cambados "B" no campo de O Pombal.
xoves, 12 de outubro de 2017
A Deputación acomete unha profunda reordenación do tráfico no entorno do mosteiro cisterciense
O entorno do mosteiro cisterciense de Armenteira ten dende esta semana unha nova reordenación do tráfico. Veciños e veciñas pero tamén os numerosos visitantes que recibe a zona viñan reclamando dende fai tempo cambios na circulación rodada nun entorno no que a convivencia entre vehículos e peóns é habitualmente difícil, en especial nas épocas de maior afluencia turística. Por elo, a Deputación Provincial de Pontevedra decidiu acometer unhas serie de cambios circulatorios. Entre os máis significativos están a obrigatoriedade de transitar nun só sentido dende a Ponte Xoán ata a rotonda que está a carón da Pousada, a prohibición de acceso a esta zona a aqueles vehículos con máis de 10 metros de longo e que non se permitirá nin a parada nin o estacionamento en todo este treito, incluíndo a praza que se sitúa entre os dous coñecidos locais de hostalería, autorizando unicamente esta maniobra para determinados servizos. Enseguida xurdiron as discrepancias respecto destas medidas. Entre a veciñanza hai quen considera que estes cambios eran necesarios, aínda que consideran que algunhas decisións son excesivas, principalmente a que se refire á prohibición de estacionamento na praza. Por outra banda, colectivos como a Asociación de Veciños e Veciñas de Armenteira botan en falta maior diálogo por parte das administracións encargadas do asunto. Indican que para realizar uns cambios de tal calado sería conveniente reunirse antes coas persoas e empresas máis directamente afectadas, sobre todo os locais de hostalería, que poderían ver reducidos os seus ingresos se se limitan as prazas de aparcadoiro e o acceso á zona. Ademais crían preciso que se realizase un estudo detallado do impacto e das repercusións que causarían estas medidas. Con todo, valoran positivamente o paso dado pola Deputación e esixen vixianza no cumprimento das normas, xa que, segundo afirman, ás poucas horas de comezar a ser aplicadas era posible observar a algún autobús estacionado indebidamente ou a vehículos particulares circulando en sentido contrario ao establecido ou parados ou estacionados en lugares nos que non está permitido.
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)







