Buscar neste blog

domingo, 29 de outubro de 2017

Plácida vitoria do Armenteira C.F. xuvenil que o aúpa ao segundo posto

O equipo xuvenil do Armenteira C.F. conseguiu este domingo unha cómoda e plácida vitoria por un gol a cinco no partido que disputou no campo de O Pombal ante o C. Juventud Cambados. Foi nun partido que axiña se lle puxo de cara aos pupilos de Valentín Estévez "Tilín", claramente superiores durante os noventa minutos, unha superioridade que se baseou máis na efectividade, no dominio da situación en ámbalas dúas áreas e na calidade individual dos seus xogadores ca no fútbol despregado sobre o desgastado céspede artificial do campo 2 das instalacións deportivas cambadesas. O técnico de San Tomé presentou un once inicial con Roberto Torres baixo paus, André, Diego Berreco, Fari e Rafa en defensa, Cris Cores, Hilias, Mathias e Cristian Abal na liña de medios, e Adrián Castro e Alberto en ataque. Sen tempo case a que a afección se acomodase nos seus asentos, Alberto, tras recibir unha gran asistencia, adiantaba aos verdinegros. Apenas un minuto despois era Adrián Castro o que lograba o segundo tanto nunha xogada similar. A comodidade do resultado con tan poucos minutos disputados fixo medrar en confianza ao Armenteira C.F. e exemplo diso foi unha excepcional acción individual de Mathias, na que sorteou a varios adversarios ata chegar á área e conectar un zapatazo que batiu ao meta Alejandro Álvarez. Con tan substanciosa renda con tanto partido por diante o Armenteira C.F. puido administrar as forzas, o fútbol e o desgaste de cara unha temporada que se presume esixente e con grandes ambicións. Os de Cambados trataron de facerse coa posesión do esférico, aínda que de forma infructuosa, dado apenas lograban inquedar a portería defendida por un cada vez máis seguro Roberto Torres. Unha aparatosa caída de Cristian Abal despois dun choque cun defensor rival estivo a piques de obrigalo a retirarse do terreo de xogo. Por fortuna o extremo de Vilariño puido continuar e contribuír ao cuarto tanto, un lanzamento de falta que Cris Cores colocaba no fondo das mallas cambadesas pouco antes de que o colexiado Fernández Aboal decretase a finalización do primeiro período. Na segunda metade a tónica seguiu sendo a mesma. Un equipo superior e outro que se sentía incapaz de trenzar xogadas de perigo e que parecía resignado ante unha situación tan desfavorable. Sucedíanse as aproximacións dos visitantes á area cambadesa, pero o exceso de individualismo e as ansias de recrearse malograban boa parte destas ocasións. Nunha delas Adrián Castro burlou aos defensas rivais e ,á reviravolta, acadaba o quinto gol. Pouco houbo que reseñar nos minutos finais en canto a fútbol se refire. Tiveron a súa oportunidade dende o banquillo Jona, Sergio García, Gabriel, Rubén e David Piñeiro, aínda que quizais o máis reseñable foi a expulsión do adestrador local Alberto Charlín tras protestar de forma reiteirada unha confusión do árbitro á hora de concederlle un cambio. O ex-adestrador das categorías de fútbol base do Armenteira C.F. segue co seu mal fario cando se enfronta ao clube de O Leixo, ao que fai tempo que non consigue vencer. O partido pecharíase co gol da honra para o C. Juventud Cambados no minuto 89, nun balón que non deu chapado o meta Roberto Vidal e que aproveitou Jose Vila. Con esta vitoria o cadro que dirixe Tilín ascende á segunda posición, con trece puntos, unha posición privilexiada que terá que defender a próxima fin de semana no campo de A Bouza, en Barrantes, ante a E.F.B. Vilanova, un conxunto que ocupa a oitava praza con nove puntos.







Ningún comentario:

Publicar un comentario