Buscar neste blog

domingo, 13 de decembro de 2015

Os equipos de fútbol base do Armenteira C.F. salvan con dignidade unha xornada compricada

Os equipos de fútbol base do Armenteira C.F. afrontaron os seus encontros desta fin de semana en circunstancias adversas, pero conseguiron saír con dignidade dos seus envites.

O primeiro en competir esta fin de semana foi o equipo benxamín, que recibiu no campo de O Leixo á U.S.D. de O Grove. O cadro meco, que se atopa na parte alta da clasificación, impuxo a súa superioridade e venceu por un gol a dezaséis, con gol de Brais Santamaría para os locais. O próximo rival do conxunto benxamín será outra escadra da península do O Grove, a S.D. Amanecer, que se emplaza na décima posición con dezanove puntos.

O equipo alevín recibía o sábado no campo de O Leixo ao Barro C.F., un rival sempre combativo,  que volveu a poñer en apuros ao cadro que dirixe Jonathan Crespo. O equipo visitante logrou ter unha vantaxe de cero goles a dous, pero dous goles de Adri conseguiron equilibrar o marcador ata o dous a dous final, no medio dunha actuación arbitral moi protestada polos locais. Na próxima xornada o equipo alevín visita o campo de A Lanzada para medirse á S.D. Noalla, que ocupa a duodécima plaza con catro puntos.

O equipo infantil acudía esta xornada moi debilitado ao campo de As Cachizas, onde o sábado se enfrontaba ao Unión Dena C.F., un conxunto que non tivo a piedade que se recomenda nestes casos e infrinxiu unha severa derrota aos rapaces do conxunto verdinegro por dezanove goles a cero. Na próxima fin de semana o equipo que dirixe Martín Casais recide no campo de O Pombal ao C.D. Ribadumia. O conxunto aurinegro ocupa a terceira posición con vinte puntos, polo que será outro duro escollo para o Armenteira C.F.

Finalmente, o equipo cadete viaxou ata o Campo Municipal de Vilaxoán, feudo ocasional do seu rival desta fin de semana, o C.D. Bamio. O conxunto que dirixe Marcial Prado logrou impoñerse por un gol a catro, con tantos de Villa en dúas ocasións, Carlos e Marcos Acha. Esta vitoria era moi ansiada despois dos resultados pouco favorables das últimas xornadas e, con ela, os rapaces do equipo verdinegro sitúanse na oitava plaza da clasificación con dez puntos. Na próxima fin de semana o equipo cadete non terá partido de liga ao corresponderlle a xornada de descanso, feito que lle servirá para repoñer forzas e disfrutar con máis tranquilidade das festas de Nadal.


Ningún comentario:

Publicar un comentario