Os equipos de fútbol base do Armenteira C.F. tiveron unha xornada de liga, a última do ano 2016, pouco afortunada en canto a resultados. Os tres equipos que disputaron partidos, o benxamín, o infantil e o benxamín, xa que o cadete viuse obrigado a descansar, finalizaron con derrota os seus encontros.
O equipo benxamín desprazábase o sábado pola mañá ao campo de As Lampáns, en San Vicente de O Grove, onde tiña de novo unha dura proba. O conxunto que adestran Valentín Estévez e José Ramón Dacosta intentaron plantar cara a un rival moi superior, e volveron a mostrar algunhas notas positivas, aínda que finalmente o cadro meco acabou impoñéndose por trece goles a cero.
O equipo infantil recibía na mañá do domingo no seu feudo de O Pombal, en Cambados, a un duro contricante, o C.D. Ribadumia. O conxunto aurinegro ocupaba a terceira plaza na clasificación, polo que puxo a proba aos rapaces que dirixe Martín Casais. Nun partido aceptable por parte dos locais o C.D. Ribadumia acabou vencendo un gol a nove, con gol do dianteiro chinés de categoría alevín Zubo.
Finalmente, o equipo alevín visitaba na tarde do martes 22 o campo de A Lanzada, para medirse á S.D. Noalla. A formación dirixida por Jonathan Crespo está pasando por un bache de xogo, ao que se suma a imposibilidade de contar con algún xogadores que estaban resultando determinantes no que levamos de temporada. O cadro verdinegro non conseguiu dominar o xogo ofensivo nun partido con moitas alternativas, e pagou caros os seus erros nas tarefas defensivas, e acabou sendo derrotado pola escadra local por catro goles a dous, con goles de Adri e o zagueiro Fran polo Armenteira C.F.
Durante as datas de Nadal os compoñentes dos distintos equipos do Armenteira C.F. poderán disfrutar duns merecidos días de descanso, moi agardados tanto polos xogadores e xogadoras coma polos membros do corpo técnico, que aproveitarán para cargar as pilas e volver con máis gañas no ano que vai a comezar.
Ningún comentario:
Publicar un comentario