Buscar neste blog

sábado, 7 de outubro de 2017

Cinco goles de Jorge Castro dilapidan á S.C.D. Terras de Curro

O Armenteira Veteranos venceu por tres goles a cinco á S.C.D. Terras de Curro no partido que os enfrontou na tarde deste sábado no campo Municipal de Zacande. Unha vitoria que tivo un claro protagonista, e ese non é outro que o de Jorge Castro. O dianteiro de Vilar foi o autor dos cinco tantos que os verdinegros anotaron nas instalacións deportivas da parroquia de San Vicente de Meis. O conxunto de O Leixo presentou un once inicial con Jose Outón na portería, Moncho, Portas, Óscar e Richi en defensa, Pellejo, Carlos, Javi e Joseíño na liña de medios, e Galiñanes e Jorge Castro en ataque. Faltos de orde, de intensidade e con continuas imprecisións, ao Armenteira Veteranos custoulle entrar no encontro. Sacou proveito a S.C.D. Terras de Curro e Pablo Area recibía un balón no borde da área para empalmar un disparo que, tras impactar en Portas, bateu a Jose Outón. Era preciso que os visitantes se recompuxesen. E iso chegou polo aumento da tensión defensiva e polo achegamento das liñas. Do demais ía encargarse Jorge Castro. En apenas vintecinco minutos non só daría a volta ao resultado, senón que deixaría o partido practicamente sentenciado. Esta clara vantaxe a prol dos verdinegros fixo que o ritmo do xogo descendese no segundo período. O Armenteira trataba de elaborar un fútbol combinativo ao que está pouco afeito, pero para o que conta con suficientemente futbolistas capacitados. Con Javi como referencia a posesión do balón pasou a ser visitante fronte a un rival rendido e fisicamente cada vez máis esgotado. A expulsión do expeditivo David Palacios facilitaba aínda máis a situación para os de A Armenteira. Pero a relaxación na presión defensiva e un discutido penalti que sinalou o colexiado Santiago Iglesias deron certas esperanzas aos locais, que recurtaron distancias e a partires de entón trataron de adiantar liñas e colocar máis efectivos en ataque para lograr unha remontada que se antollaba case imposible. Defendeu con seriedade estas últimas intentonas o cadro verdinegro ata acadar a que é o primeiro triunfo da temporada. Este resultado deixa ao Armenteira Veteranos na oitava praza con cinco puntos e a Jorge Castro, o goleador e principal protagonista da xornada, autor ademais dos once goles que leva o seu equipo no que vai de liga, á cabeza da táboa de anotadores do grupo igualado con David García do Chispa Reale. O próximo sábado, os xogadores que preside José Luis Galiñanes non terán competición, debido á retirada do rival que lle correspondía, o Cornazo-Tapería La Ola, feito que lles servirá para repoñer forzas antes de afrontar o sábado 21 de outubro un duelo de rivalidade co Bar Santiaguiño.


Ningún comentario:

Publicar un comentario