Buscar neste blog

mércores, 20 de maio de 2020

A xestión da biomasa no monte veciñal será de novo motivo de reunión este venres en Couso


No ámbito rural é frecuente atoparse con propiedades de tipo veciñal, especialmente cando se trata de superficies forestais. A titularidade destes montes ten un carácter especial. Considéranse montes de man común a aqueles que viñeron sendo aproveitados ao longo dos tempos e de forma tradicional polo grupo de veciños e veciñas dunha determinada demarcación territorial, que ben pode ser pode ser unha parroquia ou un núcleo de poboación de menor extensión, como podería ser unha aldea. Xeralmente, o inicio da explotación destes monte por parte da comunidade veciñal adoita remontarse a varios séculos atrás e se preguntamos á xente do lugar a resposta é inequívoca; "o monte é veciñal, o monte é comunal, o monte é dos veciños e veciñas". Efectivamente, a historia e o dominio útil destes terreos outorgan a titularidade destas propiedades á comunidade de veciños e veciñas desa demarmación territorial concreta,  os cales, como indica a tradición deben "casa aberta e con fume" no lugar. Na práctica isto supón que a comunidade veciñal titular do monte pode variar se se incrementa o número de fogares ou se algunhas casas se pechan ou quedan abandonadas. Polo tanto, a titularidade desas propiedades tal e como se sinala, é colectiva, non particular, e vai ligada á condición de veciño ou veciña dese territorio concreto. Estes montes foron fundamentais para a subsistencia das xentes das aldeas. Neles recollían leña, cortaban toxo e estrume, pastoreaban o gando ou incluso sementaban centeo, trigo ou outros produtos. En épocas nas que a miseria era a nota dominante, o monte, en especial o monte veciñal, impediu que as xentes das aldeas pasasen fame ou, en calquera caso, que esta fose menor. Segundo lles conviña e segundo precisasen acudían ao monte veciñal a traballar e a recoller e buscar os recursos básicos para unhas economías familiares que tiñan como principal sustento unha agricultura e unha gandaría de subsistencia. Obviamente, a sociedade e as necesidades da xente do mundo rural cambiaron moito ao longo dos tempos e, na actualidade, a realidade é moi distinta.

Na parroquia de A Armenteira existe unha importante superficie forestal de man común. Boa parte da mesma está xestionada e explotada por entidades comunais, como ocorre no caso do lugar de Silván, coa Comunidade de Montes Veciñais de Man Común Chan do Fento, ou no caso dos lugares de Vilar, Caroi, Valboa ou Busto, coa Comunidade de Montes de Man Común Chan da Fonte. Con todo, noutras zonas da parroquia, como as que ocupan a zona norte, é dicir, Couso, Cabeza de Boi, As Pereiras ou Gondes, os montes veciñais son explotados en parcelas que no seu día foron repartidas entre os veciños e veciñas con domicilio nesas aldeas. No caso do lugar de Couso esta división en "sortes" ou "quiñóns" remóntase aos anos vinte do pasado século, cando en boa parte grazas ás presións do movemento agrarista, moi arraigado nestas terras, se logrou aprobar a Lei de Redención Foral, que permitiu a liberación dunha gran cantidade de propiedades das que os veciños e veciñas viñan exercendo o dominio útil durante varias centurias, pero nas que o dominio directo correspondía a unha familia nobre ou a unha institución eclesiástica, como podería ser un mosteiro. Nun documento que custodian en varios domicilios de Couso e do que consta unha copia das oficinas do Concello de Meis figura unha cesión a un grupo de persoas, cabezas de familia, por parte dunha veciña da parroquia de Bordóns, no Concello de Sanxenxo, a cambio do pago dunha contraprestación económica. Polos apelidos e polas lembranzas das xentes de maior idade, as persoas que aparecen no documento son facilmente identificables. Ademais deste documento, os testemuños veciñais afirman que no Arquivo Histórico Provincial, situado na cidade de Pontevedra, consérvase documentación relativa a esta cesión e a estas propiedades. Contaban en Couso que, no momento da cesión existira unha controversia entre a veciñanza respecto da forma de aproveitamento dos terreos incorporados. Había quen propoñía crear unha entidade mancomunada para xestionar o uso e había quen defendía idea duna aproveitamento  común á marxe da creación dunha sociedade. Ao parecer, un veciño propuxo pechar esa pequena porción de terreo e criar gando nela, aínda que finalmente a opción que se impuxo foi a de dividir a superficie en parcelas ou "quiñóns". Curiosamente, o encargado de establecer a división foi unha persoa que realizaba as funcións de périto e que a maior parte da xente coñece hoxe en día pola historia que figura a carón dun muíño da denominada Ruta da Pedra e da Auga, na que se refiren a el como "o reo de amor", en referencia a un suposto suicidio por motivos sentimentais.

Transcorridos case cen anos daquel reparto a situación do monte veciñal de Couso variou notablemente. A construción da estrada que conduce dende Barrantes cara ao mosteiro cisterciense de A Armenteira partiu en dous este terreo, pero as transformacións neste período tan prolongado van moito máis aló. Os antigos aproveitamentos, para estrume, para pasto, para piñas ou incluso para leña foron abandonándose co paso dos anos, ao tempo que o eucalipto se apropiou de gran parte destas terras. A maleza e, en xeral, a biomasa, acadou un crecemento desmesurado en determinadas zonas, polo que, en caso de incendio, constitúe un serio perigo. A proximidade a algunhas vivendas levou a que algúns veciños e veciñas alertasen ao Concello de Meis do risco que supón a presenza desta profusa biomasa a escasos metros dos núcleos de poboación. En base á normativa que establece a Lei de Montes de Galicia, en torno a estes núcleos de poboación debe existir unha faixa de protección de 50 metros a contar dende o límite do chan urbano, do núcleo rural ou ben dos paramentos exteriores das edificacións. Esa faixa debe estar libre de maleza nos primeiros 15 metros, e ata os 50 metros poderá conter árbores caducifolias como carballos ou castiñeiros, pero non especies como eucaliptos, piñeiros, acacias ou toxos, especies denominadas pirófitas, pola facilidade que ofrecen para a propagación do lume. Asimesmo, a Lei de Montes regula as distancias nas que non deben existir árbores xunto a infraestruturas como estradas, vías do tren ou tendidos eléctricos, ao lado das que non pode haber árbores frondosas a menos de cinco metros nin árbores de combustión rápida a dez, unha distancia que tamén se establece para áreas de pasto e cultivo.

O incumprimento desta lei obriga aos Concellos e á Consellería de Medio Rural a remitir unha notificación aos propietarios e propietarias cun requerimento no que se lle dá un prazo para levar a cabo estas tarefas. Se o dono ou dono é descoñecido ou resulta imposible enviarlle a notificación por correo, o anuncio será publicado no DOG e no BOE coa identificación do polígono e da parcela. De non haber unha resposta positiva por parte das persoas propietarias a administración competente procederá a executar as tarefas de limpeza da parcela, imputándolle os gastos ás persoa interesada. Con todo, hai lugares nos que a identificación das parcelas non resulta nada doada. É o que sucede con este monte veciñal do lugar de Couso, que a pesar dos documentos forais e das referencias aportadas polos veciños e veciñas, na Dirección Xeral do Catastro esta área figura como de propiedade descoñecida. Ante esta situación, a administración municipal atópase con serias dificultades para enviar as notificacións ou para instar a unha axeitada xestión da biomasa nas parcelas. En tales circunstancias as autoridades do Concello de Meis comezaron a deseñar unha estratexia de actuación dende o pasado verán. Tras varios contactos coas xentes do lugar, a comezos de novembro de outubro de 2019 celebrouse unha reunión á que acudiron representantes de practicamente todos os domicilios que existen na aldea. Na mesma acordouse que os particulares acometeran as labores de limpeza dos quiñóns do monte comunal que lle corresponden a cada quen, e agardar uns meses para volver reunirse coa intención de avaliar a situación e definir novas estratexias a seguir. No entanto, o compromiso de limpeza das parcelas non se cumpriu en boa parte dos casos e, pasados os meses, ante a proximidade do verán, a administración municipal decidiu tomar cartas no asunto e convocou unha nova xuntanza, que quedou fixada para o venres, 22 de maio, a partir das 20:30 horas, no lugar de O Souto, espazo que xa acolleu a celebrada no mes de outubro. Nesta ocasión, a premura coa que se deben a cabo estas tarefas obriga ao Concello ter unha postura menos flexible, polo que, segundo afirman, se nun breve prazo non se acomete a limpeza das parcelas conforme indica a lei, será a propia institución municipal a que se encargue desta función, sufragando os gastos destas actividades coa venda da madeira que se corte nestas áreas do monte veciñal. Dada a inportancia do tema a tratar, na reunión estará presente a propia alcaldesa, Marta Giráldez, ademais doutros concelleiros e concelleiras do grupo de goberno. Na xuntanza de O Souto volverase poñer de manifesto a necesidade dunha axeitada xestión da biomasa no entorno dos núcleos de poboación que, en situacións nas que a titularidade ten un carácter tan peculiar como a destes terreos forestais de Couso, urxe explorar fórmulas que conduzan á modificación duns documentos con case un século de vida para que deste xeito tanto os veciños e veciñas que os explotan como a administración municipal poidan actuar en base a unha maior responsabilidade e seguridade xurídica.






domingo, 10 de maio de 2020

Os noventa anos de Don Ramón

Chegar a noventa anos é algo realmente meritorio, pero facelo cunha sáude envexable e nun estado de total lucidez mental é algo do que non todas as persoas poden presumir. Este domingo, 10 de maio, Don Ramón Fernández Ramos, cura párroco de A Armenteira, cumpre 90 anos. Natural dunha aldea do concello de Arzúa, na provincia de A Coruña, Don Ramón exerce como párroco de A Armenteira dende fai 40 anos. Curiosamente, sucedeu no cargo ao seu irmán Manuel, que se trasladou á parroquia de Palmeira, no concello de Ribeira, onde falecería fai xa case tres décadas. Dende entón, a figura de Don Ramón, sempre na compaña da súa irmá Estrella, converteuse nunha estampa habitual na paisaxe e nas vivencias das xentes da parroquia. Durante uns anos, tras a apertura do colexio, o actual CEIP de Armenteira, compartixou a súa faceta como párroco coa labor de profesor de Relixión nas aulas do centro educativo. A carencia de vocacións fixo que nos últimos anos tamén se tivese que facer cargo das parroquias de San Martiño de Meis, San Martiño de Padrenda e de Santa Cristina de Covas, ambas as dúas no concello de Meaño, conservando na actualidade unicamente esta última. Son moitas as lembranzas e as experiencias que os veciños e veciños viviron e seguen vivindo con Don Ramón. Nos oficios e cerimonias relixiosas, nas aulas, na cataquese, ou simplemente como un veciño máis co que coinciden na rúa, facendo a compra ou que os visita nos domicilios ou nos hospitais en caso de enfermidade, a súa presenza entre as xentes da parroquia vén sendo algo permanente. Independentemente das crenzas e das convicións relixiosas de cada quen, o que ninguén pode negar é a calidade humana e a talla intelectual dunha persoa sen a cal non se podería entender boa parte do acontecido en A Armenteira nas últimas catro décadas.


sábado, 9 de maio de 2020

A Armenteira prepara o paso á fase 1 do desconfinamento


Segundo anunciaron o pasado venres, 9 de maio, o ministro de Sanidade, Salvador Illa, e o director do Centro de Alertas e Emerxencias Sanitarias, Fernando Simón, todo o territorio de Galicia entrará a partir deste luns, 11 de maio, na fase 1 do proceso de desconfinamento da crise sanitaria provocada polo coronavirus COVID-19. O paso cara esta fase signifacará que a poboación recuperará parte da súa mobilidade e que algúns establecementos comerciais e edificios públicos poderán retomar a súa actividade, aínda que con restricións. No caso de A Armenteira a poboación terá a posibilidade de desprazarse ao longo da provincia de Pontevedra, mentres que os desprazamentos que se realicen fóra dos límites provinciais terán que estar xustificados por motivos sanitarios, laborais, profesionais ou empresariais. Por exemplo, se alguén precisa acudir a unha provincia distinta por razóns de causa maior, como sería para coidar de persoas maiores, dependentes ou con algún grao de discapacidade, ou se é para cuestións relacionadas co seu traballo, estará autorizado a facelo. A partir deste luns tamén quedarán permitidas as visitas a domicilios de familiares cos que non se conviva, sempre e cando non se teñan patoloxías previas que supoñan un risco de contaxio de coronavirus. Ademais, permitiranse as reunión en grupos de ata dez persoas en espazos públicos respectando as medidas de seguridade e hixiene. Outra das novidades é que se autoriza o desprazamento nun vehículo familiar de todas as persoas que convivan no mesmo domicilio ata ocupar o número de prazas das que dispón o medio de transporte. Os lugares de culto, no caso de A Armenteira a igrexa do mosteiro cisterciense, que habitualmente permanecía aberta ao longo de todo o ano, poderá abrir, aínda que cunha restrición de aforo que non pode superar o terzo da súa capacidade e respectando as medidas de distanciamento social. No referente aos velorios e aos enterros o límite será de quince persoas en espazos abertos e de dez nos espazos pechados. En todo caso, a comitiva fúnebre quedará restrinxida a quince persoas. En relación cos locais comerciais, moi escasos na parroquia, estará permitida a apertura daqueles que menos de 400 m² de superficie, quedando reducido o seu aforo ao 30% e podendo acudir sen cita previa, pero cun horario prioritario para as persoas maiores de 65 anos. Os bares e os restaurantes, que en A Armenteira constitúen un referente a nivel comarcal, poderán abrir de novo, pero cunhas condicións que tamén aparecen detalladas no Boletín Oficial do Estado deste sábado, 9 de maio. Segundo se recolle neste documento poderá procederse á reapertura das terrazas ao aire libre dos establecementos de hostelería e restauración limitándose ao 50% das mesas permitidas no ano inmediatamente anterior en base á correspondente licenza municipal. Ordénase ademais que se debe manter unha distancia física de polo menos dous metros entre as mesas e que a ocupación máxima das mesas será de dez persoas en cada unha. Sempre que os Concellos o autoricen, será posible ampliar o espazo das terrazas, pero respectando a proporción do 50% entre mesas e superficie dispoñible. En relación cos hoteis, que teñen unha presenza notoria en A Armenteira, terán permitida a apertura, aínda que non poderán empregar as zonas comúns. En canto ás instalacións deportivas e aos centros de deporte terán permitido o seu uso para realizar actividades individuais que non impliquen contacto físico. Finalmente, tamén se indica no Boletín Oficial do Estado que será posible o desenvolvemento de actos culturais que non excedan as 200 persoas en espazos abertos e as 30 persoas en espazos pechados, respectamento tamén as medidas de distanciamento social.

Para dar maior seguridade ao incremento do tránsito de persoas que se agarda a partir do próximo luns, o Concello de Meis decidiu reforzar as tarefas de desinfección do entorno do mosteiro de A Armenteira. A apertura das terrazas dos locais de hostalaría, as visitas ao cemiterio e a previsible reanudación dos oficios relixiosos, xunto coa afluencia de camiñantes a través da Ruta da Pedra e da Auga, xa numerosa na fin de semana anterior, levou ao equipo de goberno que lidera Marta Giráldez a ampliar a cobertura da fumigación nunha das zonas de maior interese en canto a visitantes das que existen no municipio. O avance nas fases de desconfinamento permitirá que se axilice a contratación de seis novos operarios, financiada grazas a unha axuda da Deputación Provincial de Pontevedra, os cales se unirán aos catro cos que conta actualmente o cadro de persoal para traballos de mantemento e obras no exterior do Concello, e que nestes días se ocupan principalmente de actividades relacionadas coas limpeza e desinfección dos espazos e das vías públicas. Así, en canto sexa posible, emprenderase un acondicionamento do entorno do mosteiro cisterciense e da Ruta da Pedra e da Auga, moi afectada polas adversidades climatolóxicas dun inverno tan chuvioso como o pasado e polo crecemento da maleza en determinadas zonas. De momento, e mentras persistan os efectos da pandemia global provocada polo coronavirus SARS-CoV-2, as funcións das administracións, como neste caso o Concello, estarán centradas na desinfección, na difusión de información e recomendacións e en proporcionar tanto aos veciños e veciñas como ás empresas e locais comerciais o apoio e a asistencia necesaria para afrontar coa maior seguridade posible o difícil reto que supón evitar a expansión e limitar os efectos do COVID-19.







venres, 1 de maio de 2020

Armenteira, no maio das xestas

Para a xente que habita no ámbito rural falar de xestas é falar dunha das prantas máis comúns e que máis abundan nos montes e nos matogais. Esta especie arbustiva, perenne, cunha altura que oscila entre un e catro metros, caracterízase por ter gran cantidade de ramas, e talos verdes e angulosos, dos que sobresaen unhas follas de pequeno tamaño. Fronte a tono verde escuro predominante ao longo do ano, aos chegar a primavera, as xestas transfórmanse e cúbrense dun manto de flores amarelas que, ao final do verán, darán lugar ao froito, unha forma de vaíña, que se torna negro e se endurece ata estoupar e espallar as sementes arredor da pranta nai. Aínda que comestible para o gando, para os animais a xesta non resulta un alimento especialmente apetecible, polo que se destinaba a usos como a fabricación de cordas, aproveitando a súa casca, de varas para arrear ao gando, aproveitando o seu talo e, sobre todo, para fabricar vasoiras, aproveitando a súa extensa ramificación. A abundancia destas prantas e o intenso contacto que os seres humanos tiñan coas xestas en territorios de forte peso da poboación e da economía rural como Galicia fixo que estivesen moi presentes na cultura popular. Por este motivo, especialmente coa chegada da primavera, a xesta aparece como parte integrante de moitas tradicións e rituais. É no mes de maio, o considerado como o mes das flores, no que a natureza se rexenera, no que a luz incrementa a súa presenza, no que chegan os primeiros froitos e no que labran as terras e se sementa a colleita, e é maio ademais o mes no que as xestas, coa súa enorme decoración florida, se incorporan a uns ritos cunhas orixes que remontan a épocas anteriores á implantación do cristianismo nestas terras. En boa parte de Galicia seguen celebrándose as festas dos Maios, nas que se elaboran unhas estruturas cunha armazón de paus e táboas, de forma cónica ou piramidal, e que se recobre de diversos elementos vexetais, cos que configuraban vistosos debuxos, para logo ser transportada polos camiños das aldeas ou polas rúas das vilas. En A Armenteira, máis aló do labor de recuperación da cultura tradicional que se leva a cabo a través das actividades educativas que se desenvolven no colexio, esta é unha costume que as xentes descoñecen e que, se se ten practicado, posiblemente se perdeu décadas atrás. No entanto, ao igual que en moitos outros lugares das Rías Baixas e do norte de Portugal, é moi común e está moi arraigada a tradición de colocar, na tarde do 30 de abril, xusto antes do anoitecer, pólas de xesta nas portas das casas e das cortes, nos vehículos agrícolas, nos coches, nas motos ou incluso na entrada das leiras. Con este ritual preténdese protexer do mal ás vivendas, ás persoas ou ás súas propiedades. As xestas, tamén chamadas maios, palabra que serve asimesmo para referirse ao mal ou meigallo que podería entrar nos fogares sen a súa protección, convértese nun amuleto a xeito de escudo defensivo que blinda os lares fronte á ameaza de perigos invisibles, pero que, a ollos das xentes, poden causar enormes prexuízos na economía ou na saúde das familias. Nun país de meigas, no que o mal de ollo constitúeu máis ca unha enfermidade, as xestas actúan como o mellor antídoto e no sistema de seguridade máis efectivo fronte aos espíritos maliciosos que roldan os fogares coa chegada do mes de maio, mes das flores e mes do amor.