Buscar neste blog

mércores, 20 de maio de 2020

A xestión da biomasa no monte veciñal será de novo motivo de reunión este venres en Couso


No ámbito rural é frecuente atoparse con propiedades de tipo veciñal, especialmente cando se trata de superficies forestais. A titularidade destes montes ten un carácter especial. Considéranse montes de man común a aqueles que viñeron sendo aproveitados ao longo dos tempos e de forma tradicional polo grupo de veciños e veciñas dunha determinada demarcación territorial, que ben pode ser pode ser unha parroquia ou un núcleo de poboación de menor extensión, como podería ser unha aldea. Xeralmente, o inicio da explotación destes monte por parte da comunidade veciñal adoita remontarse a varios séculos atrás e se preguntamos á xente do lugar a resposta é inequívoca; "o monte é veciñal, o monte é comunal, o monte é dos veciños e veciñas". Efectivamente, a historia e o dominio útil destes terreos outorgan a titularidade destas propiedades á comunidade de veciños e veciñas desa demarmación territorial concreta,  os cales, como indica a tradición deben "casa aberta e con fume" no lugar. Na práctica isto supón que a comunidade veciñal titular do monte pode variar se se incrementa o número de fogares ou se algunhas casas se pechan ou quedan abandonadas. Polo tanto, a titularidade desas propiedades tal e como se sinala, é colectiva, non particular, e vai ligada á condición de veciño ou veciña dese territorio concreto. Estes montes foron fundamentais para a subsistencia das xentes das aldeas. Neles recollían leña, cortaban toxo e estrume, pastoreaban o gando ou incluso sementaban centeo, trigo ou outros produtos. En épocas nas que a miseria era a nota dominante, o monte, en especial o monte veciñal, impediu que as xentes das aldeas pasasen fame ou, en calquera caso, que esta fose menor. Segundo lles conviña e segundo precisasen acudían ao monte veciñal a traballar e a recoller e buscar os recursos básicos para unhas economías familiares que tiñan como principal sustento unha agricultura e unha gandaría de subsistencia. Obviamente, a sociedade e as necesidades da xente do mundo rural cambiaron moito ao longo dos tempos e, na actualidade, a realidade é moi distinta.

Na parroquia de A Armenteira existe unha importante superficie forestal de man común. Boa parte da mesma está xestionada e explotada por entidades comunais, como ocorre no caso do lugar de Silván, coa Comunidade de Montes Veciñais de Man Común Chan do Fento, ou no caso dos lugares de Vilar, Caroi, Valboa ou Busto, coa Comunidade de Montes de Man Común Chan da Fonte. Con todo, noutras zonas da parroquia, como as que ocupan a zona norte, é dicir, Couso, Cabeza de Boi, As Pereiras ou Gondes, os montes veciñais son explotados en parcelas que no seu día foron repartidas entre os veciños e veciñas con domicilio nesas aldeas. No caso do lugar de Couso esta división en "sortes" ou "quiñóns" remóntase aos anos vinte do pasado século, cando en boa parte grazas ás presións do movemento agrarista, moi arraigado nestas terras, se logrou aprobar a Lei de Redención Foral, que permitiu a liberación dunha gran cantidade de propiedades das que os veciños e veciñas viñan exercendo o dominio útil durante varias centurias, pero nas que o dominio directo correspondía a unha familia nobre ou a unha institución eclesiástica, como podería ser un mosteiro. Nun documento que custodian en varios domicilios de Couso e do que consta unha copia das oficinas do Concello de Meis figura unha cesión a un grupo de persoas, cabezas de familia, por parte dunha veciña da parroquia de Bordóns, no Concello de Sanxenxo, a cambio do pago dunha contraprestación económica. Polos apelidos e polas lembranzas das xentes de maior idade, as persoas que aparecen no documento son facilmente identificables. Ademais deste documento, os testemuños veciñais afirman que no Arquivo Histórico Provincial, situado na cidade de Pontevedra, consérvase documentación relativa a esta cesión e a estas propiedades. Contaban en Couso que, no momento da cesión existira unha controversia entre a veciñanza respecto da forma de aproveitamento dos terreos incorporados. Había quen propoñía crear unha entidade mancomunada para xestionar o uso e había quen defendía idea duna aproveitamento  común á marxe da creación dunha sociedade. Ao parecer, un veciño propuxo pechar esa pequena porción de terreo e criar gando nela, aínda que finalmente a opción que se impuxo foi a de dividir a superficie en parcelas ou "quiñóns". Curiosamente, o encargado de establecer a división foi unha persoa que realizaba as funcións de périto e que a maior parte da xente coñece hoxe en día pola historia que figura a carón dun muíño da denominada Ruta da Pedra e da Auga, na que se refiren a el como "o reo de amor", en referencia a un suposto suicidio por motivos sentimentais.

Transcorridos case cen anos daquel reparto a situación do monte veciñal de Couso variou notablemente. A construción da estrada que conduce dende Barrantes cara ao mosteiro cisterciense de A Armenteira partiu en dous este terreo, pero as transformacións neste período tan prolongado van moito máis aló. Os antigos aproveitamentos, para estrume, para pasto, para piñas ou incluso para leña foron abandonándose co paso dos anos, ao tempo que o eucalipto se apropiou de gran parte destas terras. A maleza e, en xeral, a biomasa, acadou un crecemento desmesurado en determinadas zonas, polo que, en caso de incendio, constitúe un serio perigo. A proximidade a algunhas vivendas levou a que algúns veciños e veciñas alertasen ao Concello de Meis do risco que supón a presenza desta profusa biomasa a escasos metros dos núcleos de poboación. En base á normativa que establece a Lei de Montes de Galicia, en torno a estes núcleos de poboación debe existir unha faixa de protección de 50 metros a contar dende o límite do chan urbano, do núcleo rural ou ben dos paramentos exteriores das edificacións. Esa faixa debe estar libre de maleza nos primeiros 15 metros, e ata os 50 metros poderá conter árbores caducifolias como carballos ou castiñeiros, pero non especies como eucaliptos, piñeiros, acacias ou toxos, especies denominadas pirófitas, pola facilidade que ofrecen para a propagación do lume. Asimesmo, a Lei de Montes regula as distancias nas que non deben existir árbores xunto a infraestruturas como estradas, vías do tren ou tendidos eléctricos, ao lado das que non pode haber árbores frondosas a menos de cinco metros nin árbores de combustión rápida a dez, unha distancia que tamén se establece para áreas de pasto e cultivo.

O incumprimento desta lei obriga aos Concellos e á Consellería de Medio Rural a remitir unha notificación aos propietarios e propietarias cun requerimento no que se lle dá un prazo para levar a cabo estas tarefas. Se o dono ou dono é descoñecido ou resulta imposible enviarlle a notificación por correo, o anuncio será publicado no DOG e no BOE coa identificación do polígono e da parcela. De non haber unha resposta positiva por parte das persoas propietarias a administración competente procederá a executar as tarefas de limpeza da parcela, imputándolle os gastos ás persoa interesada. Con todo, hai lugares nos que a identificación das parcelas non resulta nada doada. É o que sucede con este monte veciñal do lugar de Couso, que a pesar dos documentos forais e das referencias aportadas polos veciños e veciñas, na Dirección Xeral do Catastro esta área figura como de propiedade descoñecida. Ante esta situación, a administración municipal atópase con serias dificultades para enviar as notificacións ou para instar a unha axeitada xestión da biomasa nas parcelas. En tales circunstancias as autoridades do Concello de Meis comezaron a deseñar unha estratexia de actuación dende o pasado verán. Tras varios contactos coas xentes do lugar, a comezos de novembro de outubro de 2019 celebrouse unha reunión á que acudiron representantes de practicamente todos os domicilios que existen na aldea. Na mesma acordouse que os particulares acometeran as labores de limpeza dos quiñóns do monte comunal que lle corresponden a cada quen, e agardar uns meses para volver reunirse coa intención de avaliar a situación e definir novas estratexias a seguir. No entanto, o compromiso de limpeza das parcelas non se cumpriu en boa parte dos casos e, pasados os meses, ante a proximidade do verán, a administración municipal decidiu tomar cartas no asunto e convocou unha nova xuntanza, que quedou fixada para o venres, 22 de maio, a partir das 20:30 horas, no lugar de O Souto, espazo que xa acolleu a celebrada no mes de outubro. Nesta ocasión, a premura coa que se deben a cabo estas tarefas obriga ao Concello ter unha postura menos flexible, polo que, segundo afirman, se nun breve prazo non se acomete a limpeza das parcelas conforme indica a lei, será a propia institución municipal a que se encargue desta función, sufragando os gastos destas actividades coa venda da madeira que se corte nestas áreas do monte veciñal. Dada a inportancia do tema a tratar, na reunión estará presente a propia alcaldesa, Marta Giráldez, ademais doutros concelleiros e concelleiras do grupo de goberno. Na xuntanza de O Souto volverase poñer de manifesto a necesidade dunha axeitada xestión da biomasa no entorno dos núcleos de poboación que, en situacións nas que a titularidade ten un carácter tan peculiar como a destes terreos forestais de Couso, urxe explorar fórmulas que conduzan á modificación duns documentos con case un século de vida para que deste xeito tanto os veciños e veciñas que os explotan como a administración municipal poidan actuar en base a unha maior responsabilidade e seguridade xurídica.






Ningún comentario:

Publicar un comentario