Buscar neste blog

venres, 1 de maio de 2020

Armenteira, no maio das xestas

Para a xente que habita no ámbito rural falar de xestas é falar dunha das prantas máis comúns e que máis abundan nos montes e nos matogais. Esta especie arbustiva, perenne, cunha altura que oscila entre un e catro metros, caracterízase por ter gran cantidade de ramas, e talos verdes e angulosos, dos que sobresaen unhas follas de pequeno tamaño. Fronte a tono verde escuro predominante ao longo do ano, aos chegar a primavera, as xestas transfórmanse e cúbrense dun manto de flores amarelas que, ao final do verán, darán lugar ao froito, unha forma de vaíña, que se torna negro e se endurece ata estoupar e espallar as sementes arredor da pranta nai. Aínda que comestible para o gando, para os animais a xesta non resulta un alimento especialmente apetecible, polo que se destinaba a usos como a fabricación de cordas, aproveitando a súa casca, de varas para arrear ao gando, aproveitando o seu talo e, sobre todo, para fabricar vasoiras, aproveitando a súa extensa ramificación. A abundancia destas prantas e o intenso contacto que os seres humanos tiñan coas xestas en territorios de forte peso da poboación e da economía rural como Galicia fixo que estivesen moi presentes na cultura popular. Por este motivo, especialmente coa chegada da primavera, a xesta aparece como parte integrante de moitas tradicións e rituais. É no mes de maio, o considerado como o mes das flores, no que a natureza se rexenera, no que a luz incrementa a súa presenza, no que chegan os primeiros froitos e no que labran as terras e se sementa a colleita, e é maio ademais o mes no que as xestas, coa súa enorme decoración florida, se incorporan a uns ritos cunhas orixes que remontan a épocas anteriores á implantación do cristianismo nestas terras. En boa parte de Galicia seguen celebrándose as festas dos Maios, nas que se elaboran unhas estruturas cunha armazón de paus e táboas, de forma cónica ou piramidal, e que se recobre de diversos elementos vexetais, cos que configuraban vistosos debuxos, para logo ser transportada polos camiños das aldeas ou polas rúas das vilas. En A Armenteira, máis aló do labor de recuperación da cultura tradicional que se leva a cabo a través das actividades educativas que se desenvolven no colexio, esta é unha costume que as xentes descoñecen e que, se se ten practicado, posiblemente se perdeu décadas atrás. No entanto, ao igual que en moitos outros lugares das Rías Baixas e do norte de Portugal, é moi común e está moi arraigada a tradición de colocar, na tarde do 30 de abril, xusto antes do anoitecer, pólas de xesta nas portas das casas e das cortes, nos vehículos agrícolas, nos coches, nas motos ou incluso na entrada das leiras. Con este ritual preténdese protexer do mal ás vivendas, ás persoas ou ás súas propiedades. As xestas, tamén chamadas maios, palabra que serve asimesmo para referirse ao mal ou meigallo que podería entrar nos fogares sen a súa protección, convértese nun amuleto a xeito de escudo defensivo que blinda os lares fronte á ameaza de perigos invisibles, pero que, a ollos das xentes, poden causar enormes prexuízos na economía ou na saúde das familias. Nun país de meigas, no que o mal de ollo constitúeu máis ca unha enfermidade, as xestas actúan como o mellor antídoto e no sistema de seguridade máis efectivo fronte aos espíritos maliciosos que roldan os fogares coa chegada do mes de maio, mes das flores e mes do amor.






Ningún comentario:

Publicar un comentario